border="0"

30.4.11

Carta sobre os cegos para uso dos que ven

“Isto é un chamamento. É dicir que se dirixe aos que o escoitan. Non faremos o esforzo de demostrar, de argumentar, de convencer. Iremos á evidencia

Chamamento e outros fogonazos.

Se a política é a guerra por outros medios, qué lugar queda entón para a economía. Sen dúbida o mellor de todos, o do noso desafecto. Con todo, non é suficiente. A medida que a dominación vai gañando terreo, a economía tende a se volver evidente e sutil por igual.

É por iso que en tempos de crise a atracción polo traballo é máis forte que a atracción por liberarse, solapando de paso un desexo por longo tempo aprazado. A causa da emancipación é a causa nunca resolta até o momento. E todo indica o seu estancamento definitivo de persistir o actual estado de cousas, alí onde reinen as condicións modernas de produción. Nomeadamente por todas partes.

De feito, esas mesmas condicións que fixeron posíbel o advento da ditadura do capital fixeron posíbel a derrota dos seus inimigos declarados. A saber, co triunfo da democracia e en consecuencia do mercado revelouse a súa verdadeira natureza totalitaria, en guerra aberta contra todo e contra todos. Desta maneira debutou a banda sonora da súa vitoria, por sempre repetida até a saciedade.

Así as políticas destinadas a menoscabar os últimos redutos do consenso obteñen como resposta unha vulgar representación estereotipada de nós propias. Un exercicio voluntarista que leva ao extremo as nosas máis íntimas contradicións. Os novos aires de malestar social semellan non traer unha modificación substancial nos nosos comportamentos, se non é favorecendo a súa parte negativa. O gusto por desertar das nosas obrigas no momento presente.

Se o final dunha época perfila no seu ocaso as liñas xerais da que está por chegar, nada habería que dicir dos tempos que se aveciñan que non sexa aterrador. Porque na actualidade estase a experimentar con réximes no ámbito da produción que en nada desmerecen ao universo concentracionario tantas veces recorrente na literatura de anticipación, coa salvedade de que xa non só se trata de palabras senón aínda mellor de feitos. Do perverso uso de sofisticados métodos de encadramento que faciliten prolongar a desolación no medio asalariado. Ese e non outro é o cometido dos últimos asaltos contra a lexislación laboral.

O paradoxo reside en que ninguén parece percibilo. Na súa completa normalidade fóra de toda lóxica. É entón que se fai urxente, por necesario, recapacitar sobre os fundamentos mesmos da ideoloxía do poder, en tanto que ideoloxía e en tanto que poder, para interromper a súa administración sobre a vida das persoas. O perigo de ser engulidos por un mundo que xa deu todo de si só é comparábel ao perigo de formar parte do mesmo no preciso instante do seu afundimento. Negar esta evidencia é negar a posibilidade de se armar sobre as ruínas. As nosas propias ruínas.

Grupo de Axitación Social

Vigo, maio 2011.

26.4.11

Acto de presentación da campaña contra o gasto militar e pola obxección fiscal [26.04.11]

O vindeiro martes 26 de abril dende o Espazo Aberto Antimilitar convídamos a asistir/participar no acto de presentación da campaña contra o gasto militar e pola obxección fiscal 2011.


Este ano a campaña leva por título: “Eles non o farán, fagámolo nós: Recortemos o Gasto Militar" na que animamos a obxectar aos gastos militares na declaración da renda.


A charla será o martes 26 de abril ás 20h30 na Escola Popular Galega (rúa Real, 12 baixo - Vigo). Nela presentaremos a campaña, os datos sobre gasto militar, os destinos propostos para este ano, ademais de ter espazo para resolver as vosas dúbidas sobre OF.

www.nonaogastomilitar.org

“Eles non o farán, fagámolo nós: Recortemos o Gasto Militar”

Un ano máis, dende o Espazo Aberto Antimilitar continuamos cuestionando a existencia do exercito como institución. Tentando manter o debate sobre a súa utilidade e conveniencia, os seus fins e a súa realidade, e denunciando a crecente militarización da sociedade, así como o desproporcionado gasto humano e económico que supón o seu mantemento.

Nun contexto como o actual, de recortes tanto de dereitos, coma de inversións en certos ámbitos (eliminación de subsidios, redución de pensións, perda de poder adquisitivo, etc.) o estado español gastará no ano 2011 uns 2.006 millóns de euros só en armamento; o equivalente a manter 421.910 pensións mínimas todo un ano. Pero en total, os orzamento militares para o ano 2011 no estado español ascenden a 17.244 millóns de euros. Unha inversión un 5% menor á do ano 2010, pero que ven a representar o 4.8% do orzamento total do estado. Un dato que, ademais, debemos confrontar co descenso noutros ministerios, onde se chega a un 15,6% de recortes. E sen esquecer que, un ano tras outro, no sector militar as inversións finais superan dun xeito significativo o orzamentado.

Pero o problema dos gastos militares non é unicamente o desvío cara esta finalidade de fondos (procedentes, non o esquecemos, do noso traballo) que poderían estar sendo invertidos en obxectivos socialmente desexables, senón tamén o emprego que en si mesmos van ter. O Exercito continua a ser, e así será porque está na súa esencia, unha ferramenta dos Estados para intervir noutros territorios, mediante a súa participación en guerras ou ocupacións, de cara a defender e fortalecer os intereses económicos da clase dominante. Aos pasados exemplos de Iraq ou Afganistán, sumamos na actualidade o caso de Libia. Ocupacións todas elas de territorios xeoestratéxica e enerxeticamente cobizados, disfrazadas de supostas intervencións “ humanitarias” que profundan o empeoramento das condicións de vida da poboación civil (cando non provocan directamente a súa morte).

Porén, a actuación do exército non se limita ao exterior das fronteiras legais do Estado, senón que, sumándose ás restantes forzas de represión, é empregado para controlar tamén á poboación propia. Unha realidade esta que, se ben xa a vivimos recentemente coa militarización do espazo aéreo tras a declaración do Estado de Alarma en decembro do ano pasado, farásenos cada vez máis presente nun contexto de crise permanente e degradación universal onde a dominación pretende saír reforzada a toda costa.

Deste xeito, a oposición á persistencia dos exércitos, e ao militarismo en xeral, faise especialmente urxente nestes momentos. E a obxección fiscal é unha das ferramentas para facelo. Porque nos negamos a que un euro máis vaia dirixido a alimentar esta maquinaria.

Espazo Aberto Antimilitar

Vigo, abril 2011

www.nonaogastomilitar.org

Charla: "Autoorganización e loita fronte á exclusión capitalista" [25.02.11]


Venres, 25 de febreiro, ás 20 h. no CS A Cova dos Ratos (r/Romil, 3 baixo) de Vigo:

Charla: "Autoorganización e loita fronte á exclusión capitalista: Cooperativas, Proxectos formativos, Iniciativas de Desenvolvemento Comunitario".

A cargo de:

- Toni e Amalia (Coordinadora de Colectivos Parke Alcosa de Valencia)

- Emiliano Tapia (Asociación Desenvolvemento Comunitario do barrio de Buenos Aires – Salamanca)

- Manolo e Mariajo de Zambra (Asociación de ámbito estatal para o apoio de iniciativas sociais e comunitarias).

Organizan: Grupo de Axitación Social, Oficina de Dereitos Sociais de Coia e Baladre.


Programa do resto do Encontro:

http://odscoia.arkipelagos.net/content/encontro-de-baladre-en-coia-vigo-252627-de-febreiro

Na defensa...das nosas vidas! [27-01-11]

Na defensa...das nosas vidas!

Porque iso é o que está en xogo.

Estásenos a presentar un futuro de afondamento na explotación xa presente.

Cun mercado de traballo onde os mínimos dereitos conseguidos ao longo da historia, serán iso, historia. Onde teremos que vender a nosa forza de traballo durante 40 anos para cobrar una pensión, que se poderá chamar digna, quizais, para quen fai da necesidade unha virtude. E deberemos ter cotizados como mínimo 15, quizais 20, ou xa veremos cantos anos, para ter dereito a unhas migallas.

Non sabemos cantos contratos teremos que acumular para acadar isto no mercado de traballo da precariedade e o libre despedimento. O que si sabemos, porque o estamos a vivir xa, é que será nun entorno de traballo cada vez máis hostil, máis explotador, peor pagado, e onde perderemos incluso a capacidade de decisión sobre a distribución do noso tempo, grazas á implantación de horarios e calendarios “flexíbeis”. Onde non teremos nin sequera xa, nin a posibilidade de conseguir pequenas melloras a través da incidencia nos convenios colectivos.

Neste contexto, apelar á negociación, ao “arrimar o ombreiro”, ou a loitar por ter dereito a facérmonos un oco na engrenaxe deste sistema, supón case ben, un chamamento ao suicidio colectivo.

Os dereitos polos que cabe loitar son, en todo caso, os de non ser explotadas/os. O dereito a ter cubertas as nosas necesidades. A que, entre outros, o acceso á vivenda, á cobertura sanitaria, e incluso a bens absolutamente esenciais como a auga, sexa un dereito, e non un gran negocio. A recuperar a capacidade de decisión e o control sobre as nosas vidas. E a que a propia loita por estes dereitos non sexa reprimida e criminalizada.

A nosa loita non pasa porque nos deixen seguir producindo unha riqueza que, a maiores dos prexuízos causados na súa creación, lonxe de beneficiar ao conxunto da sociedade, é apropiada e malversada por unhas poucas mans.

O noso obxectivo non pode ser convertérmonos nunha peza máis dunha engrenaxe que nos espremerá durante toda a vida.

Senón parala.

Xa.

Grupo de Axitación Social, xaneiro de 2011.

Texto repartido en Vigo durante as manifestacións sindicais do 27 de xaneiro.

Acción en Vigo de cara a Folga Xeral do 27 de xaneiro [01.11]


Nos últimos días varios milleiros de automóbiles, estacionados en diferentes rúas de Vigo, atopáronse cunha inusitada multa nos seus parabrisas. A sanción imposta supón traballar até os 67 anos, con contratos cada vez máis precarios, despedimento libre e barato. En tanto que desempregada aceptar un control exhaustivo ou someterse aínda máis á explotación das ETT´s. Para alén diso cumplir co requisito de ter máis de 15 anos cotizados de cara a cobrar unha mísera pensión computada sobre os últimos 20 ou 25 anos traballados, pagar máis impostos directos e indirectos, esquecerse de subsidios e prestacións ou a perda de cobertura de dereitos sociais como son a educación e a sanidade grazas a súa progresiva privatización. No reverso da multa ábreselle á infractora a posibilidade de recurso mediante a súa participación na folga xeral convocada para o 27 de xaneiro así como unha serie de propostas de accións para as que non poidan secundala.

Esta acción ten como obxectivo a activación social de cara a participación na xornada de loita e folga xeral do 27 de xaneiro. Para quen queira difundir ou facer a acción na súa rúa, barrio, etc. pódese descargar unha copia en A3 (8 multas) dun arquivo listo para imprimir desde a seguinte ligazón: http://www.megaupload.com/?d=JEYAQK0Z

De: http://prod.galiza.indymedia.org/gz/2011/01/25218.shtml




Mesa redonda informativa: Ante as últimas reformas, cales son os nosos dereitos laborais e a cobertura social actual? [20.01.11]

Cunha nova reforma laboral xa aprobada, unha reforma do sistema de pensións en proceso de negociación (con vistas a aprobarse o 28 de xaneiro) e un continúo recorte de prestacións e dereitos sociais, faise patente que se lexisla en contra dos nosos intereses. Por suposto, non somos informadas: Ante as últimas reformas, cales son os nosos dereitos laborais e a cobertura social actual?

Mesa redonda informativa:

- Reforma laboral e das pensións. Novidades introducidas polas reformas e marco de dereitos actual.

Ricardo Castro e Isidro Román, membros do espazo unitario de mobilización social e representantes sindicais.

- Prestacións sociais. Prestacións existentes, requisitios de acceso, e políticas de recorte.

Diego Lores, Oficina de Dereitos Sociais de Coia

Xoves 20 de xaneiro, ás 20:30 h. no Salón Parroquial do Cristo da Vitoria (r/ Baiona nº9, liñas C3,C4A,C4B...)

Organiza: Espazo unitario de mobilización social.

Presentación do libro "Aprendiendo a decir no. Conflictos y resistencias en torno a la actual forma de concebir la ciudad de Granada" [04.01.11]

Presentación do libro "Aprendiendo a decir no. Conflictos y resistencias en torno a la actual forma de concebir la ciudad de Granada"

A cargo de Juan Rodríguez Medela, membro do Grupo de Estudios Antropológicos "La Corrala" de Granada (http://gealacorrala.blogspot.com/) e co-autor do libro.

O martes 4 de xaneiro de 2011 ás 20:30 horas no CS "A Cova dos Ratos" de Vigo (r/Romil, 3 baixo)

Organiza: Grupo de Axitación Social


"Baixo o título Aprendiendo a decir No. Conflictos y resistencias en torno a la forma de concebir y proyectar la ciudad de Granada aglutínanse os aspectos fundamentais da investigación levada a cabo entre o outono de 2006 e a primavera de 2009 sobre os procesos de transformación que actualmente vive a metrópole de Granada e as confrontacións que estes causan.


Neste libro pretendemos analizar e interpretar a posta en práctica das diversas estratexias, tanto no ámbito económico coma no social, o político e o cultural, que entran en xogo nos procesos de concepción e transformación da cidade, sexa desde o punto de vista das que accionan –empresas, entidades públicas, propietarias, etc.- ou desde a perspectiva das que responden ante este tipo de intervencións –asociacións, colectivos, veciñas, inquilinas, etc.- Aínda que estes procesos non van necesariamente unidos a conflitos sociais, si é bastante factíbel que algunhas das persoas ou colectivos saian desfavorecidas neste tipo de transaccións, sen que iso signifique a activación necesaria dunha forza social. A pesar de que se trata dun procedemento que se dá en multitude de lugares do espazo xeográfico estatal –tamén na maior parte do mundo onde hai un choque de intereses entre as diferentes clases sociais–, este estudo centrouse na cidade de Granada, entre os anos 1990 e 2008, de aí o seu carácter diacrónico.

Os procesos de concepción e transformación da cidade de Granada repítense en moitas urbes do Estado español de características máis ou menos similares, como xa apuntamos. Isto débese a que se trata dun modelo xeneralizado asentado sobre idénticos piares: a habitación do espazo, vinculada á vivenda e aos servizos e a mobilidade, vinculada ás grandes infraestruturas do transporte.

Estes procesos, estruturalmente interrelacionados, son basicamente dous: a reforma urbana, coas conseguintes consecuencias de gentrificación en barrios coma en Albayzín, e o crecemento/expansión da cidade que se reflicte na implantación de grandes infraestruturas e conglomerados urbanísticos, coma o peche da primeira circunvalación ou a expansión polo este-norte, tras case finalizar a apropiación do solo en La Vega granadina.

As dinámicas derivadas deste modelo de cidade son a actual Área Metropolitana de Granada, a modo de aglomeración urbana (centro-periferia), composta por un cinto de máis de trinta municipios e a sectorización xeográfica.

Entre os impactos máis xerais desta ordenación territorial destacan a ruptura das redes sociais (desestruturación comunitaria e segregación social) e o deterioro/destrución do medio natural. Isto, no ámbito local de Granada, tradúcese, entre outras cousas, nunha revitalización económica sectorial da urbe; a orientación de cara ao turismo de determinados barrios coma os de Sacromonte e Albayzín (transformación de casas veciñais en hoteis, substitución de comercios, preponderancia da imaxe sobre a habitación do espazo); financiamento público de fins privados a través de certas axudas á rehabilitación; a desaparición da contorna natural periurbana coma o Monte del Loro; a motorización e a cementación de espazos coma o Paseo de la Fuente de la Bicha; etc.

Independentemente da diversidade de frontes relacionados con este tipo de procesos tomamos tres deles, principalmente, coma factores de análise do obxecto de estudo. En primeiro lugar, as estratexias dos axentes do solo, tanto os do sector privado coma os do sector público; en segundo lugar, a xestión por parte do goberno, local e/ou autonómico, das políticas públicas sobre a ordenación urbana do territorio á hora de favorecer ou dificultar este tipo de procesos; e por último, as diversas formas de resposta organizadas por parte de individuos e/ou grupos ante unha situación próxima de virar insostíbel.

Con todo isto, o resultado xeral foi unha cartografía da diversidade de conflitos urbanísticos e veciñais abertos en Granada e a súa área metropolitana, interrelacionándoos entre si e contextualizándoos nun conflito de maiores dimensións que pasou a denominarse “violencia urbanística”, xunto co de “forza social”. E máis especialmente, o resultado é unha análise detallada a través de estudos de caso dalgunhas das diversas formas de organización e prácticas dos movementos sociais autónomos, ou menos institucionais, que están activos en Granada.

RODRÍGUEZ MEDELA, Juan y SALGUERO MONTAÑO, Óscar. 2009. “Aprendiendo a decir NO. Conflictos y resistencias en torno a la formas de concebir y proyectar la ciudad de Granada”. Asociación de Estudios Antropológicos ‘La Corrala’, Granada. ISBN-13:978-84-613-5396-5"

Presentación de "Caminando hacia el abismo, historia de una generación" [16.12.10]

Presentación do libro "Caminando hacia el abismo, historia de una generación" a cargo do seu autor José M. Botana Cao "Boti" o xoves 16 de decembro ás 20.30 horas no CS "A Cova dos Ratos".

A obra foi editada polo Periódico Anticarcelario “Punto de Fuga” e a Biblioteca Antiautoritaria “Frakaso escolar” en setembro de 2010. Nas súas páxinas, baixo a forma dunha novela, atopamos unha meditación sobre a xeración rebelde da transición, cos seus sonos e as súas miserias, a súa brutalidade e a súa solidaridade profunda.

Organiza: Distribuidora Lapsus

Silencio! Recórtase [12.11]


A crise que sufrimos non é produto dun mal funcionamento ou dunha mala situación, é a consecuencia normal do seu bo funcionamento, canto máis rápido vai a locomotora máis xente sae despedida dos vagóns e máis veces descarrila.”

Precarias en loita

Vimos falando desde hai anos da desigualdade e pobreza á que nos condena o sistema capitalista. No mundo dos servizos sociais observamos que esa fenda cada día é máis grande condenando a malvivir a unha maioría, poñendo de manifesto que as reformas non serven para nada nunha estrutura perversa.

En Vigo os datos reflicten con crueza esta realidade:

- 70000 viguesas son pobres

- 28000 están no paro

- 9000 familias viven da caridade

- Máis de 300 persoas sen fogar

Se imos aos datos de Galiza a situación non mellora:

- 15% das galegas están no paro

- 25% das traballadoras cobran menos de 600 €

- 13% dos fogares son pobres

- 73% das persoas entre 18 e 29 anos viven cos pais

Este panorama só semella ir a peor, pero volvendo ao mundo do chamado Benestar os datos alarman:

- Anuncian recortes dun 12% no Plan Concertado co cal o goberno estatal destina cartos aos municipios para axudas sociais, contías que son moi importantes para desenvolver servizos básicos como a axuda no fogar ou para programas que loitan contra a exclusión social.

- Os orzamentos da Xunta para 2011 sofren un 5,5% de recorte en gasto social, o que implica, por exemplo, a que só cobrarán axudas 1600 das 20000 dependentes recoñecidas que terán que agardar.

- A reforma da RISGA non implicará maior gasto a pesar de que o número de solicitudes non para de medrar. Preocupa tamén que aos risgueiras lles queiran obrigar -coa nova reforma- a prestar servizos comunitarios sen máis compensación que o cobro da axuda.

Ante isto o único que queda é resistir e seguir na construción dunha sociedade baseada na xustiza, na igualdade e nunha relación de respecto e harmonía coa natureza.

Por iso apostamos por xuntarnos, organizarnos e reclamar o que é noso (que ben sendo de todas), un reparto xusto da riqueza en base ás necesidades da sociedade a través dunha Renda Básica no marco dos chamados Dereitos Sociais Fundamentais, como a vivenda, o transporte, a soberanía alimentar, o dereito a traballar na propia terra, e un longo etc.

Vigo, novembro 2010

ODS-Coia (Oficina Dereitos Sociais – Coia) e G.A.S. (Grupo Axitación Social)

Charla: "Afganistán, a súa realidade, vivida e contada polas mulleres" a cargo de Mitra (RAWA) [11.12.10]

O Espazo Aberto Antimilitar co fin de achegar a terrible situación na que se atopa a poboación afgana vítima de anos de guerra organiza unha charla que leva por título:

"Afganistán, a súa realidade, vivida e contada polas mulleres" a cargo de Mitra, activista de RAWA (Asociación Revolucionaria das Mulleres de Afganistán).

Será o sábado 11 de decembro

ás 19h30 no CSA "Cova dos Ratos"

(Romil 3, Vigo).

Máis información: www.nonaogastomilitar.org

Presentación de Mitra Shomal:

Nacida en Kabul en 1984, Mitra Shomal trasladouse xunto a súa familia ao exilio afgán para sobrevivir no Paquistán.

O goberno monicreque ruso remataba de caer e comezaba a guerra entre faccións do 1992. A súa nai uniuse a "Asociación Revolucionaria dás Mulleres de Afganistán (RAWA, www.rawa.org) e comezou a dar clases nas escolas da organización.

Mitra formouse naquelas escolas, onde aprendeu ás materias habituais, mentras tomaba conciencia sobre a traxedia das mulleres afgás e a necesidade de loitar contra as causas de tantas miserias. Con 16 anos, ingresou en RAWA e comenzou o activismo "para apoiar ao pobo descalzo e traballar pola construción dun Afganistán laico, democrático e libre".

En 2007 licenciuse en psicoloxía pola Universidade de Kabul e actualmente desempeña diversas responsabilidades no seo de RAWA, como impartir clases, recompilar datos sobre violacións dos Dereitos Humanos e distribuír publicacións clandestinas por todo Afganistán.

Mural en Vigo "Agora e sempre, OTAN NON" [11.10]



Esta semana celébrase en Lisboa unha reunión da OTAN e por iso diferentes grupos antimilitares de Portugal organizan un contracumio para amosar o seu rechazo a esta organización criminal.

A fin de semana apareceu nas paredes da Panificadora na rúa Falperra de Vigo, chegando ao Paseo de Alfonso un mural co lema: "Agora e sempre, OTAN NON" e no que animaba a sumarse ás mobilizacións que se van facer na capital portuguesa na fin de semana do 19 ao 21 de novembro.

http://www.nonaogastomilitar.org

Fotos do acto contra a OTAN en Vigo o [20.11.10]



Acto de rúa contra o OTAN [ 21.11.10]

Sábado 20 de novembro, ás 18:00 horas no cruce de Colón con Principe

Acto de rúa contra a OTAN

Convoca: Espazo Aberto Antimilitar

Máis info:

http://www.nonaogastomilitar.org/

http://antinatoportugal.wordpress.com/


Coincidindo coa celebración do cumio en Lisboa da organización militar que leva por nome OTAN queremos manifestar:

Desde a fin da chamada Guerra Fría, dito organismo reinventouse a si mesmo como unha ferramenta para a acción militar da intitulada “comunidade internacional”. Porén, trátase dun medio de natureza exclusivamente militar co obxecto de arbitrar medidas excepcionais en caso de conflito armado. A OTAN foi ideada polos Estados Unidos de Norteamérica para un fin moi concreto –a guerra- e conta con bases militares por todos os continentes, ninguneando o control da ONU e mesmo do dereito internacional, acelerando a militarización da sociedade e incrementando o gasto en armamento dos respectivos gobernos aliados. Aspecto a ser tido moi en conta xa que os países da OTAN representan o 75% dos gastos militares a escala planetaria.

En Europa a OTAN está agravando tensións que se crían superadas, alimentando a carreira armamentística con toda clase de útiles de combate, un enorme arsenal nuclear e unha industria militar en constante evolución. Non é un secreto para ninguén que as políticas da UE están cada vez máis vencelladas ás necesidades da propia OTAN. A potencial expansión da Alianza Atlántica a Europa oriental e incluso alén ou as coñecidas como operacións “fóra de área”, están a facer do mundo un lugar inhóspito. Cada avance da OTAN en materia de coalicións aumenta o risco de guerra, incluído o perigo dunha confrontación nuclear.

Máis o escenario bélico non se debuxa tan só fora das fronteiras da UE ou dos EEUU. No informe “Operacións urbanas no ano 2020” da OTAN simulase unha intervención da organización militar nun teatro de operacións no que as “cidades de interese estratéxico” non son nin Teheran nin Islamabad, se non cidades do Estado francés. Os resultados da inconsciencia desta sociedade están acumulándose ata chegar a por en perigo a súa propia seguridade material, a cal supuña a súa única xustificación, deixando un rastro de podremia e miseria no seu propio centro orgánico. O informe apunta que baixo a perspectiva do suposto desenvolvemento dunha guerra asimétrica o control preventivo e a represión dos conflitos sociais volveranse cada vez máis prerrogativas dos exércitos. A intervención militar do Estado francés perante as revoltas da periferia parisiense no ano 2005, a aprobación da intervención das forzas armadas mediante decreto lei no contexto da “crise do lixo” do Estado italiano no 2008 ou a actuación do exercito grego durante as folgas deste derradeiro ano demostran a seriedade dos pasos dados por a clase dominante neste camiño.

Polo que respecta ao Estado español, dende a súa incorporación á OTAN mediante a farsa dunha consulta popular no ano 1986, áchase supeditado aos intereses xeoestratéxicos da Alianza, eludindo calquera tipo de responsabilidade -individual ou colectiva-, ben sexa no despregue de tropas alí onde se precisen: Afganistán, Líbano, Somalia, Forzas de Resposta da OTAN, ben facilitando recursos loxísticos (espazo aéreo, subministros), ben coa venda de armas a países en conflito (Israel) ou opresores dos seus propios pobos (Marrocos, Arabia Saudí, Colombia, Turquía). Todo isto baixo o pretexto da seguridade internacional e o reforzamento dunha falsa idea de democracia.

No seu próximo cumio, en Portugal, a OTAN tomara decisións sobre unha nova estratexia. A nova táctica incluirá a continuación da guerra en Afganistán, as intervencións contra outros países, a expansión cara Oriente e o Norte e a continua instalación de armas nucleares. A ameaza mais considerable é que a utilización e modernización do armamento nuclear continuará a ser unha parte central da nova estratexia.

Para mellor acadar o noso obxectivo, en tanto que Espazo Aberto Antimilitar, rexeitamos as fórmulas militares á proliferación de crises territoriais, entendendo que estas son parte do problema non parte da solución. Negámonos a vivir baixo o terror permanente da ameaza nuclear e dunha outra carreira de armamento. Temos a obriga de eliminar os gastos militares, empregando tales recursos a satisfacer as necesidades humanas máis básicas. Pularemos por pechar todas as bases e estruturas militares que dan cobertura a intervencións de carácter bélico. Aliás, debemos desmilitarizar as relacións entre pobos para así establecer novas formas de convivenza baseadas na solidariedade e no apoio mutuo.

Espazo Aberto Antimilitar, 2010.

Palestra: "Contra a reforma laboral, autoorganización laboral e barrial." [26.1010]

Fronte á recén aprobada reforma laboral, en Barcelona organizouse un movemento social de base, no que podemos atopar comités de barrio e de fábricas, a chamada "assemblea de barcelona", ou o "moviment del 25" (motor da okupación do banco español de crédito), que continúan a súa actividade, máis aló do 29 de Setembro.

A presenza en Vigo dun integrante destes movementos, daranos a oportunidade de coñecer de primeira man a xénese dos mesmos, as súas formas de organización, as liñas de traballo actuais, e as súas perspectivas cara o futuro.

26 de Outubro ás 20:30h

Escola Popular Galega (rúa Real, nº12)

Organiza: GAS (Grupo de Axitación Social)

Máis información:


a assemblea de barcelona
http://assembleadebarcelona.wordpress.com/

moviment del 25 (da okupación do banco)
http://movimentdel25.org/

axencia de medios do 29S (diferentes colectivos de información (directa, radios libres) xuntáronse para facer un seguimento en vivo do 29)
http://29-s.net/

Palestra: Campaña e movilizacións contra o cumio da OTAN en Lisboa [23.10.03]

Palestra: "Presentación da campaña e mobilizacións contra o cumio da OTAN en Portugal en Lisboa 15-21 nov" na que contaremos coa presenza das compañeiras portuguesas de PAGAN (Plataforma Anti-guerra, Anti-nato) que presentaran as mobilizacións en contra do cumio da OTAN a celebrar en Lisboa entre o 15 e o 21 de novembro.

A presentación será o sábado 23 de outubro a partires das 20h30 na Cova dos Ratos (Romil 3 -Vigo).

Máis información:

http://antinatoportugal.wordpress.com/

Fronte aos recortes sociais, tomemos as rúas [09.10]

Desde o inicio da crise económica no ano 2008 a clase dominante a través dos seus medios de comunicación comezou unha campaña propagandística masiva acerca do significado, alcance, causas e consecuencias da mesma. O obxectivo é obvio: preparar un escenario propicio para executar unha serie de recortes sociais e laborais que fortaleza, aínda máis, a súa capacidade de acumulación de capital. Négase que o capitalismo, polas súas propias características intrínsecas, sexa un sistema económico en crise case permanente e preséntase a recesión como un acontecemento excepcional, cando á inversa, o verdadeiramente insólito foi o período de acumulación salvaxe que a precedeu.

O capitalismo sempre saíu fortalecido e reconstituído das crises e estas, no fondo, non son máis que unha oportunidade para afondar nas relacións de dominación social. Cando falan de procurar a estabilidade estanse a referir unicamente á salvagarda dos intereses de certos grupos da clase dirixente. A proba disto témola en que no ano 2009 o gasto militar continuou en ascenso, témola nas axudas estatais aos bancos e ao sector da automoción ou en que a construción de todas as infraestruturas estratéxicas (o AVE, a ampliación do porto e o aeroporto, etc.) están a solventar calquera problema de financiamento que se lles presente.

A necesidade da clase dirixente de manter e aumentar o seu nivel de beneficios despraza o problema da creación de valor ás oprimidas. Se xa no comezo da recesión sufriamos a aprobación dun ERE tras outro, co avance e consolidación do discurso dominante sobre a crise os recortes laborais e sociais semellan imparables. Antes do verán, o goberno anunciaba que se conxelarían as pensións no ano 2011 así como que se produciría unha reforma do sistema de pensións que prevé ampliar o ano de xubilación até os 70 e o mínimo de anos cotizados necesarios para poder ter dereito á mesma. Recortábase, tamén, o salario das empregadas do sector público un 5% e, polas mesmas datas, o ministerio de sanidade anunciaba que o COPAGO e, polo tanto, a privatización da sanidade (algo que xa estamos a vivir na nosa cidade coa construción do novo hospital) estaba enriba das súas mesas.

O 9 de setembro ratificábase no congreso dos deputados unha nova reforma laboral: redúcense as indemnizacións por despedimento e ampliación das condicións para executalo; xeneralízase a flexibilidade das condicións do traballo; precarízase aínda máis as condicións da contratación xuvenil; amplíase o campo de actividade e o poder das Empresas de Traballo Temporal en sectores nos que até o de agora estaban vetadas; aumentan as restricións e as condicións de cara ao cobro da prestación por desemprego, etc.

O paro preséntase non só coma novidade senón tamén coma falsa coartada á hora de impoñer algunhas das medidas reflectidas na reforma laboral, como é caso dun maior abaratamento do despedimento. Cómpre recordar que xa moito tempo antes da recesión económica o número de persoas en paro, en risco de exclusión ou afundidas na pobreza aumentaba considerablemente. O paro é un epifenómeno inherente ao grao de desenvolvemento actual das sociedades industriais. A competencia interempresarial nun mercado mundial esixe un proceso de innovación tecnolóxica constante que faga aumentar o ritmo xerador de beneficios, o cal non permite unha política de investimentos que absorba a forza de traballo eliminada coa automatización. O resultado é que as traballadoras son empurradas á periferia da produción e o paro convértese, desde hai décadas, nunha importante arma en mans da dominación, polo que toda medida ou política presentada desde o poder para presuntamente palialo é pura propaganda.

A necesidade de resistirmos esta ofensiva pasa por desenvolver unha crítica ao sistema capitalista no seu conxunto que evite caer no propio discurso dominante que pretende cerrar filas tras a ideoloxía do progreso, desde unha crítica parcial ao mesmo a partires simplemente da crise actual. É doado botar unha sinxela ollada aos supostos anos de opulencia para ter a certeza de que xa nos envolvían daquela unhas circunstancias críticas: a precariedade económica e afectiva, o illamento, a exclusión e o aumento da pobreza, a alta velocidade e o estrés, o consumismo e a construción de novos centros comerciais, a dependencia das tecnoloxías e a extensión da represión e do control social, a destrución do medio rural e o litoral, o envelenamento do aire, da auga e da terra, a expansión dos territorios en guerra, etc.

Resistir a este maremoto de recortes sociais esíxenos evitar o simulacro da protesta, da negociación e dos pactos e debe apostar por unha confrontación total e permanente contra a dominación. Nese camiño temos que buscar formas de loita, resistencia e colaboración que nos permitan construír unha sociedade radicalmente diferente á que padecemos.

Fronte a toda esta conxuntura seguimos a defender unha vida plena, tanto no eido social como no individual, baseada na xustiza, na igualdade e nunha relación de respecto e harmonía coa natureza. Onde os nosos dereitos sociais básicos (alimento, saúde, vivenda, etc.) non dependan da posibilidade de ter ou non un salario; onde non teñamos que abandonar a nosa terra para poder sobrevivir nin ter que depender das normativas dos Estados para poder ter liberdade de movemento; onde se constrúa comunidade baseándose na proximidade, na autosuficiencia e na horizontalidade; onde, en definitiva, só o mellor sexa o suficiente.

Grupo de Axitación Social, setembro de 2010.

Charla "A Crise: quen se beneficia da mesma e a quen benefician as políticas para erradicala?". [23.09.10]

Charla "A Crise: quen se beneficia da mesma e a quen benefician as políticas para erradicala?".

A cargo de Francisco Ferrer do Seminario Taifa de Economía Crítica de Barcelona.

A debilidade da economía local está servindo para asentar o poder dos grandes capitais. O alto nivel de paro e precariedade permite ao sistema afondar na reforma neoliberal do mercado de traballo, recortar as pensións e as coberturas sociais, ao tempo que as políticas económicas para enfrontar estes problemas están claramente orientadas a rescatar ás persoas máis ricas e poderosas en vez de garantir o benestar dos sectores populares.

Xoves 23 setembro ás 20h.
Na Escola Popular Galega Rua Real,12, Vigo.

Organizan: GAS, Verdegaia e a ODS de Coia.

Presentación do libro "O atraso político do nacionalismo autonomista galego" [15.09.10]

Presentación do libro: "O atraso político do nacionalismo autonomista galego. "

a cargo do seu autor Félix Rodrigo Mora.

O mércores 15 de setembro ás 20:30 horas no CS "A Cova dos Ratos" (r/Romil, 3 baixo) de Vigo.

Organiza: Lapsus.

Máis información sobre o libro aquí: http://unionlibertaria.org/ul/?p=200

Os nosos dereitos sí marchan de vacacións [08.10]

Estamos en verán! É tempo de vacacións...
O capitalismo fai grandes e diversas ofertas para o lecer, todas elas baseadas no consumismo. Iso, para quen conserve o posto de traballo ou recursos suficientes, xa que a moda é que as vacacións as collan tamén os nosos dereitos. E ademais para non volver...

Nunha situación moi difícil no mercado laboral, coas cifras do paro chegando a cotas escandalosas Justificar a ambos ladose deixando a moita xente ao borde da pobreza, a crise segue a ser a escusa perfecta para recortar dereitos sociais e laborais. A política social queda así espida, amosando as súas vergoñas: mentres se publicitan ata a saciedade medidas illadas e puramente efectistas coma as “axudas zp”, preténdense eliminar as máis básicas conquistas laborais e desmantelar servizos sociais coma a sanidade, así coma as prestacións sociais.

Dende hai tempo vimos dando a voz de alarma ante os graves problemas que sofren dúas delas: a RISGA (Renda Integración Social de Galiza) e as AES (Axudas de Emerxencia Social). Lembramos que, sobre o papel, estas axudas están destinadas a cubrir as necesidades básicas daquelas persoas ou familias que carecen de ingresos, ou que os teñen nunha cantidade insuficiente. Pero nos últimos meses recibimos informacións todavía máis preocupantes:

- Segundo as propias traballadoras de benestar social da Xunta, os problemas relacionados coa RISGA e as AES que se veñen repetindo ao longo de todo o ano e que poñen en perigo o día a día de moitas familias, teñen a súa orixe no esgotamento dos orzamentos para estas partidas. Malia que polo momento non supuxeron a interrupción das mesmas, si se fixeron máis duros os requisitos de acceso. Exemplos disto son: a implantación da esixencia de seis meses de padrón para acceder ás AES, os recortes en conceptos como saúde, ou que a Xunta faga requirimentos ás traballadoras sociais de máis informes e nos que pide moito máis detalle das nosas vidas.

- A escandalosa acumulación de retrasos nos servizos sociais do Concello, malia terse ampliado a súa plantilla. Provoca que unha cita poida chegar a demorarse ata tres semanas, que informes sociais necesarios para multitude de prestacións (RISGAS, AES, axudas para persoas dependentes...) tarden meses en facerse, etc. Isto provoca que moita xente teña que recorrer ás organizacións de beneficencia (que se ven desbordadas) na procura das axudas que as administracións públicas non lles conceden ou polas que teñen que agardar meses.

E todo isto mentres se continúan a malgastar millóns e millóns dos nosos cartos na organización de fachendosos eventos como o Xacobeo (tan só a visita do Papa custaranos catro millóns de euros) ou o Festival Aéreo de Vigo, contentando a elite da igrexa católica e ao empresariado que se lucra cos empregos case escravistas da industria do turismo. E mentres as infraestruturas máis mediáticas e falsamente necesarias, coma o caso do AVE ou a macrodepuradora, superan todo tipo de retrasos e atopan o financiamento que se lle nega a outro tipo de necesidades.

Entretanto, Vigo segue sen ter un albergue público para as persoas sen fogar. Coma se dun espectáculo circense se tratase, os socios de goberno fan cabriolas cos posibles emprazamentos, desdicíndose das súas palabras e acordos, enfrontándose á veciñanza, etc. Todo para quedar como estabamos; sen albergue, pero, iso si, con beirarrúas de granito e bancos novos nos que dá gusto pasar a noite!

Vigo, agosto 2010

ODS-Coia (Oficina Dereitos Sociais -Coia) e G.A.S. (Grupo de Axitación Social)

Pintadas e autocolantes contra o Festival Aéreo de Vigo [07.10]


Autocolantes, e numerosas pintadas presentes ao longo de todo o paseo e o muro da praia de Samil, amosan o rexeitamento ao macroespectáculo do “festival aereo”.

Outras imaxes: http://galiza.indymedia.org/gz/2010/07/23717.shtml

Festival aéreo en Vigo 2010 (Invasión por terra, mar e aire) [07.10]

Ao igual que en anos anteriores, pero cada ano máis grande, con máis visitantes e peor desde un punto de vista "civil"; a xente de vigo temos que sufrir a próxima fin de semana (a apoteose é o 18 de xullo) unha auténtica invasión do militarismo máis rancio e ao mesmo tempo máis moderno tecnlóxicamente. Esas maquiniñas que matan como en videoxogos en guerras como Iraq ou Afganistán, son en Vigo motivo de espectáculo e regocixo para deceas de miles de persoas que veñen de todas partes a desfrutar dos seu ruido infernal e as súas simpáticas cabriolas aéreas, como se non houbese aquí xente abondo que o pasa bomba con estes cacharriños de morte...sen ir máis lonxe o goberno bipartito PSOE/BNG por exemplo, en Vigo non precisamos un goberno do PP para que os exércitos sexan ensalzados aos altares como grandes símbolos da cidade.

E é que como tamén xa pasou o ano pasado, a maravillosa e pacífica Armada Española súmase á festa (relacionandoo vaia un a saber por qué co bicentenario da cidade... fragata de combate, buque Juan "Sebastián Elcano" e máis monstruos mariños para visitas guiadas e desfrute de nenos e maiores, ademais xura civil da bandeira para quen queira animarse e de seguro que hai cola...( http://xornal.vigo.org/xnnoticia.php?noticia=13828)

Enlace do festival aéreo:
http://wwwfestivalaereovigo.com/index.php?option=com_content&view=article&id=69&Itemid=73

Enlace do que se fixo o ano pasado contra estas loucuras:
http://galiza.indymedia.org/pt/2009/07/20495.shtml

Texto que se reparte este ano (igual ao do ano pasado con mínimas variacións, total...):


A GUERRA COMO ESPECTÁCULO

A ironía máis antiga segue a ser a máis satisfatoria: cando se prepara para a guerra, o home afirma sempre actuar en nome da paz”.

Watchmen

O grande mérito das sociedades consideradas modernas sobre calquera outro tipo de organización social é a dimensión do simulacro, ao punto de invertir por completo o sentido da realidade. A apariencia ten a ben ser a forma máis lograda de goberno na actualidade ou cando menos así se desprende do consenso acadado entre as multitudes anodinas, fanáticas espectadoras da súa propia miseria existencial. Isto significa que calquera actividade, por banal que sexa, está suxeita por forza á representación espectacular. Á disociación entre realidade e ficción. Á farsa en suma.

A celebración dun novo Festival Aéreo representa todo o antedito e moito máis por canto esa mesma inversión dase en termos de participación cidadá, de recoñecemento dos valores cívicos de corpos e forzas de seguridade do Estado, de cooperación internacional en materia antiterrorista, da diplomacia como unha das artes por excelencia e por tanto de prestixio institucional. Un festival cuxo orzamento foi asumido pola alcaldía de Vigo, a mesma que lle nega o albergue da Gota de Leite aos sen teito para acoller no seu lugar a Universidade Corporativa do Clúster da Automoción. A mesma que preside a Rede Española de Cidades Polo Clima sen atender ao despilfarro enerxético dunha tal exhibición militar. A mesma que patrocina novos aterramentos na Ría ou fai apoloxía do urbanismo coercitivo sen amosar a máis mínima sensibilidade sobre o entorno inmediato. E finalmente a mesma que festexa por todo o alto tres anos de goberno hostil para con a súa propia cidade.

Unhas Forzas Armadas, non o esquezamos, cómplices do estado de excepción xeralizado por doquier baixo a consigna de guerra global permanente en escenarios tan dispares como África, Asia ou Latinoamérica -mesmo a Europa das liberdades- cos resultados que as democracias occidentais deciden en cada momento segundo os intereses en liza. Golpes de estado, ocupación militar, ataques preventivos, peches de imprensa, ilegalizacións de organismos populares… Así acreditamos nas palabras de Guy Debord cando afirmaba para asombro do común que no mundo realmente invertido, o verdadeiro é un momento do falso.

A rotundidade do noso rexeitamento ven dada, toda vez, pola impronta simbólica dun evento de tales características, moi na liña do decadente estilo de vida moderno, pero sobre todo á impostura que supón xogar á guerra como se tal cousa. Como se fose máis unha prolongación edulcorada da industria de lecer para consumo masivo. Desviando a atención sobre a súa natureza real –o entrenamento militar en pleno territorio urbano- mediante un exercicio de embrutecemento colectivo. De aí o noso compromiso por erradicar de maneira absoluta as estruturas militares, sexan cales sexan, e pular a prol dunha transformación radical da organización social que teña por meta a liquidación dun mundo que xa non recoñecemos como propio.

Porque a guerra na era do turbocapitalismo é un espectáculo digno de ser descifrado en toda a súa complexidade pero tamén porque a guerra é, ante todo, un estado de ánimo.

Espazo Aberto Antimilitar

http://www.nonaogastomilitar.org

Contra a Unión Europea [06.10]

Murais pegados na Avenida Europa e na rúa Cachamuiña


En efecto, é aí [en Europa] onde esta sociedade enfróntase co punto de vista crítico máis avanzado, porque aí naceron, a través dos conflitos da cidade, e, despois, da sociedade de clases moderna, o pensamento histórico e o seu herdeiro, o proxecto de apropiarse totalmente a historia, de someter todas as condicións existentes á potencia dos individuos unidos. É, por tanto, igualmente en Europa, onde as vitorias da sociedade dominante toman cada vez a súa forma contrarrevolucionaria máis caracterizada (...). As industrias que proporcionan os medios de alienación máis moderna ben poden atoparse en California ou en Xapón, a súa potencia mídese en Europa, con Europa, porque aí actuou sempre a contestación máis moderna, a que se trata de neutralizar e recuperar: A restauración da alienación non segue outro camiño que as tentativas de desalienación.

Encyclopedie des Nuisances, Historia de diez años.

A necesidade de superación das contradicións que levaron á crise ao sistema capitalista fixeron que tomase o camiño da mundialización, da competitividade e a explotación máis salvaxe. A consolidación do crecemento económico pasaba polo sometemento ao capital financeiro, ao desarrollismo e polo desenvolvemento e expansión dos mercados e do dominio técnico. Neste contexto, as elites financeiras e industriais europeas procuraron dotarse dunha organización supraestatal, a Unión Europea, que fose capaz de proxectar os seus mercados a nivel mundial co obxectivo de aumentar os seus beneficios e reforzar a súa posición competitiva fronte ás elites estadounidenses.

No ano 1992 entra en vigor o mercado único europeo tras a firma do Tratado de Maastricht, considerado como o verdadeiro tratado constituinte da Unión Europea. A necesidade práctica de dotar a este mercado dunha armazón institucional que o lexitime e do desenvolvemento de políticas represivas e de control de cara a procurar, na súa linguaxe, unha maior "armonía" e "estabilidade" dos seus intereses, foi a causa do impulso en 2004 da finalmente fallida Constitución Europea. A superación desta contrariedade é a razón do nacemento no ano 2007 do Tratado de Lisboa, o cal non foi máis que o disfraz mediante o cal se prentendía aprobar a Constitución, no seu momento rexeitada vía referendo por francesas e holandesas. Tras repetir o referendo do Tratado en Irlanda, único pais no que se realizou unha consulta á poboación, até que saíu o desexado "si", conseguiu entrar en vigor o 1 de decembro de 2009.

O calificado como o "novo comezo" da entrada en vigor do Tratado de Lisboa coincide no ano 2010 co inicio da presidencia española na UE. Como habitualmente sucede nestes casos, igual que cando se lanzan as campañas para as eleccións ao parlamento europeo, vémonos bombardeadas por propaganda e discursos que profundizan na desinformación xeralizada do verdadeiro caracter da Unión Europea. Máis a nosa realidade cotiá e os impactos das políticas europeas nas nosas vidas e entorno fala por si mesma.

A expansión dos mercados e a centralización dos centros de decisión fai inevitable a conexión das áreas metropolitanas mediante infraestruturas de transportes. A mobilidade de políticos, executivos e mercadorías á maior velocidade posible é vital para o bo funcionamento do capitalismo. A súa consecuencia é a construción do Tren de Alta Velocidade, de máis autopistas e a construción e ampliación de portos e aeroportos. Neste contexto, o medio natural presentase para a dominación tan so como un "accidente" a evitar na súa fuxida cara adiante, deixando tras de si unha paisaxe de destrución e devastación.

No interior das cidades o panorama é igual de desalentador. A necesidade de situarse no mapa económico actual fai do proceso de metropolización un factor clave para cidades como Vigo. Deste modo a mobilidade plantéxase como motor do progreso e función estratéxica na creación da futura área metropolitana de Vigo, rematando por converterse nun fi en si mesma. Autopistas, autoestradas, o futuro tren de cercanías e o metro conforman o esqueleto dun cadáver en putrefacción, retrato real das cidades modernas e as súas chamadas "áreas de influencia", un territorio artificial, suxo, enfermo e hostil.

A automatización e o progreso científico expulsaron ás persoas traballadoras desde o centro á periferia da produción. O proceso de mundialización caracterizouse na súa fase inicial pola deslocalización de empresas froito da profundización na terciarización económica. O resultado é coñecido: a precarización do mercado laboral. Flexibilidade, empregos mal pagados, aumento da xornada laboral, baixadas de salarios, paro ou exclusión son realidades cada vez máis comúns dentro do continente europeo. É tamén baixo esta lóxica pola cal o capital procura novos espazos de valorización cos que manter o seu crecemento e aumentar as súas ganancias, e este é o papel que xogan as políticas privatizadoras da UE materializadas, entre outras, na privatización da educación superior, a través do Proceso de Bolonia, ou na privatización da sanidade pública, como estamos vendo actualmente na nosa cidade.

A necesidade de impor e asegurar os seus intereses dentro e fora das fronteiras da UE fai do militarismo e do control social uns dos alicerces máis importantes das políticas da Unión. A esa liña responde o reforzamento da alianza coa OTAN, o impulso das exportacións de armas (onde o Estado Español goza do sexto posto mundial) ou o continuo aumento do gasto militar (18.000 millóns é a cifra deste ano no Estado, uns dos máis altos da escena mundial). O espolio de materias primas e a procura de man de obra barata das empresas multinacionais nos chamados países en vías de desenvolvemento e a desintegración, a maior velocidade que en Occidente, das sociedades humanas baixo os efectos da modernización e do desarrollismo levan aparelladas unha serie de movementos migratorios que a UE intenta impedir a toda costa coa militarización das súas fronteiras. O resultado evidentemente non podería ser outro: centos e centos de mortes, converténdose os mares que bañan as nosas costas, literalmente, en verdadeiras fosas comúns. Dentro destas fronteiras, coa falsa escusa da “seguridade” e a “loita contra o “terrorismo”” vemos como continuamente se están a producir avances en materia represiva: videovixilancia, aumentos de condeas, brutalidade e impunidade policial, multas, etc. non fan máis que certificar que o desenvolvemento da política da paranoia permanente constitúe a violación permanente dos nosos dereitos.

Baixo este panorama parece obvio pensar no proxecto da UE como algo a deter e abolir. Máis as resistencias e loitas que se produzan contra as súas políticas non poden esquecer que a Unión Europea non é a verdadeira raíz dos nosos problemas, se non a súa consecuencia máis actual. Limitarse a criticar as políticas neoliberais e os seus excesos é pois, ignorar que o Capitalismo é xa, en si, o exceso realizado. Podemos ter a certeza de que a degradación universal será tanto máis profunda en canto non sexamos capaces de facernos cargo das súas causas.

Grupo de Axitación Social

Charla e acto de rúa contra o gasto militar [17/19.06.10]

Actividades contra o gasto militar:

- Charla/debate:

xoves 17 ás 20h30 no CSA Guindastre (Xulián Estévez 22, Teis)

- Acto de rúa:

sábado 19 ás 18h00 no cruce de Colón con Príncipe.

Máis información:http://www.nonaogastomilitar.org/


Os teus impostos matan, ti podes desarmalos

Coa que está caendo (crise económica e os conseguintes recortes sociais), o Goberno vai empregar (como mínimo) a cantidade de 18.160,89 millóns de euros en gasto militar. Cantidade que, obviamente, aportamos todas vía impostos; cantidade que NON será dedicada a pensións, ensino, sanidade ou subsidios, por poñer algúns exemplos.

Esta inversión continuada, descomunal e disparatada en investigación militar, armamento e en manter un exército cada vez máis expedicionario, non contribúe en absoluto a mellorar a seguridade de ninguén. Antes ben, supón un risco para a existencia da vida, e do mesmo planeta.

Programas coma o HAARP* estadounidense, consistente na manipulación da propia atmosfera para poñela ao servizo da eficiencia militar, poñen en evidencia que este risco non é unha hipótese posíbel nun futuro lonxano, senón que é unha realidade plenamente actual.

Porén, a ameaza que os exércitos representan fáisenos ultimamente palpábel dun xeito moito máis directo, toda vez que a grande máscara que durante os últimos tempos se esforzaron en crear para ocultar a súa verdadeira natureza, vaise desfacendo. Os últimos “erros” cometidos en Afganistán, nos que se bombardeou unha vez máis á poboación civil provocando máis de medio centenar de mortes en menos de vinte días, serviron para lembrarnos que as chamadas “intervencións humanitarias” no estranxeiro non son máis que o que anteriormente denominabamos ocupacións militares, con todo o que iso implica. Pero ademais, os feitos acontecidos en Chile despois dos últimos terremotos, no que o exército foi mobilizado para “controlar” á propia poboación desesperada (ou no caso de Haití encubrindo unha ocupación militar en toda regra), tróuxonos a primeiro plano a outra relevante atribución dos exércitos: a “pacificación” non só no exterior, senón tamén no interior das propias fronteiras, unha vez que os mecanismos habituais de contención son superados.

Por todo isto, e porque rexeitamos a propia existencia dos exércitos e a ideoloxía militarista que os lexitima, declarémonos un ano máis persoas obxectoras fiscais aos gastos militares, por motivos de conciencia e de sentido común. E declaremos as nosas cabezas zonas permanentemente desmilitarizadas.

Espazo Aberto Antimilitar, marzo 2010

* Acrónimo de HIGH FREQUENCY ACTIVE AURORAL RESEARCH PROGRAM, é un programa científico e militar desenvolto e financiado pola Forza Aérea e a Mariña dos Estados Unidos e pola Universidade de Alaska; unha das principais actividades deste programa é a modificación da ionosfera nunha zona limitada da mesma. Segundo unha resolución do Parlamento Europeo de 28 de xaneiro de 1999, a estación HAARP manipula o medio ambiente con fins militares.

Stop deportacións [05.10]

Durante a primeira semana de xuño diversos movementos sociais farán un chamamento á movilización contra as deportacións masivas de inmigrantes patrocinadas desde a UE.

Cada día, centos de persoas, refuxiadas e inmigrantes, son deportadas por facer o que os seres humanos levan facendo durante milleiros de anos: trasladarse na procura dunha vida mellor. Fuxindo da pobreza, abusos, discriminación, persecucións, guerras e calquera outra razón que menoscabe a súa integridade.

A paradoxa é que a orixe de moitos destes problemas podemos atopalos deste lado da fronteira. Fábricas de armamento e conflictos armados, ben polo control do petróleo ben polo control doutros recursos naturais, rexímenes totalitarios co respaldo de numerosos gobernos chamados democráticos, cambio climático e terras arrebatadas polas transnacionais, desmantelamento das economías locais e aniquilación doutras formas de vida en nome do Progreso tecnocientífico, desarrollismo e explotación salvaxe, presuntas axudas económicas e materiais que se convirten en débeda externa imposíbel de pagar e un longo etcétera.

É deste lado onde quedan os supostos beneficios da economía capitalista globalizada e o estilo de vida consumista que se venden como único modelo de liberdade e felicidade nos medios de comunicación planetarios. Motivo polo que moitas inmigrantes arriscan todo canto teñen.

O que atopan aquí por suposto é máis explotación e persecución. O dereito a moverse libremente por este mundo privatizado, é un dereito exlusivo para os capitais, pero négaselles ás que teñen unha “equivocada” cor de pel, conta bancaria, ou pasaporte...

A menores e supervivintes de matanzas négaselles asilo, persoas que cando a súa explotación deixa de ser necesaria permanecen “máis do debido”, reclaman dereitos... pasan de persoas a ser “ilegais”. Son desechadas, criminalizadas, perseguidas e finalmente cazadas. Para tal efecto non dubidan en empregar a violencia, sufrindo humillacións, abusos (mesmo sexuais), cando non retidas en cárceres especiais, para as que empregan eufemismos como CIE (Centros de Internamento Especiais).

Os gobernos europeos crean organismos tipo Frontex (a axencia responsábel das fronteiras exteriores da UE) e a Organización Internacional para a Inmigración, co obxecto de abaratar custes nestas funcións. Coordenarse mellor para deportar, e para que os gobernos nacionais poidan lavarse as mans cedendo a responsabilidade dos abusos cara estes organismos internacionais. Frontex acadou novos poderes recentemente, desde organizar voos chárteres para deportacións masivas até a compra de tecnoloxía para o control das fronteiras europeas vía satélite...A UE precisa destas forzas merecenarias para “protexer” as súas fronteiras artificiais.

As compañías aéreas son cómplices e un elemento fundamental para a maquinaria das deportacións. Obteñen grandes beneficios permitindo deportacións individuais e masivas nos seu voos. Familias enteiras viaxan alxemadas, drogadas, acompañadas pola policía como se foxen perigosas criminais.

A loita contra as deportacións e a Europa fortaleza non é cousa dunha semana, é unha loita permanente. A xente xógase a vida todos os días tentando pasar as fronteiras europeas,na búsqueda dunha vida “mellor” ou simplemente dunha vida.


NON MÁIS DEPORTACIÓNS!
NON Á EUROPA FORTALEZA!
LIBERDADE DE MOVEMENTOS PARA TODAS!

Charla: A experiencia da "Federación de Organizaciones de Base" de Arxentina [27.05.10]

A experiencia da "Federación de Organizaciones de Base" de Arxentina

A cargo de Aníbal Spindola, un dos seus membros.


Autoorganización contra o Capitalismo nos barrios, construindo Autoxestión e Solidariedade contra o Desemprego e a Miseria.

Esta coordinación independiente de partidos e ONG's engloba tanto organizacións de persoas desocupadas, como traballadoras. Facendo unha labor nos barrios marxinados promovendo cooperativas, talleres de formación, comedores, etc.

Xoves 27 de maio ás 20:30 no CSA "A Cova dos Ratos" (r/Romil 3 baixo).


Organizan: AC Caleidoskopio, GAS e ODS-Coia.

O Espazo Aberto Antimilitar no 1º de Maio [01.05.10]




Como vén sendo habitual nos últimos anos o Espazo participou no 1º de Maio vigués, e este ano ademais dun xeito máis activo ao levar unha faixa co lema: "Fóra as tropas de Afganistán e de todos lados" na manifestación convocada pola CXT/CUT.

Na farola que da entrada a Príncipe montamos tamén o posto con información da campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2010, no que se podían ler nun cohete os gastos militares do Estado Español para este ano.Aproveitamos para repartir entre as tres manifestacións máis de mil trípticos coa información necesaria para facer OFGM.

www.nonaogastomilitar.org/

Quen non vive aí? [04.10]


Con crise ou sen ela, dende logo o que non cambiou é que a riqueza que producimos todas segue beneficiando e acumulándose nas mans de moi poucas persoas, corporacións e bancos. Á vez que os recortes e a austeridade marcan as políticas sociais, millóns de euros aparecen para rescatar aos culpábeis e máximos beneficiarios da crise.

Mentres á xente do común a empobrecen, a precarizan e a desafiúzan. Os grandes capitais afrontan a crise como unha grande oportunidade de inverter e mercar a baixo custe, non debemos estrañarnos entón de que o ano pasado o número de fortunas billonarias en todo o mundo medrase en varios centos.

O luxo e a ostentación dunhas poucas seguen a ser os modelos sociais e o espello no que nos din que debemos mirarnos na procura do éxito, cando a maioría apenas chegamos a fin de mes.

Por todo isto e xogando co nome dun deses programas de TV, que parecen cachondearse das nosas miserias amosando casas de luxo, presentamos a aqueles sectores que non poden vivir aí sinalando á vez a algúns dos culpábeis:

1- As Familias que cobran RISGA: preto de 6.500 familias galegas viven da RISGA (Renda Integración Social de Galicia) e que teñen que pasar o mes cunha media de 380 €.

Pola contra si podería disfrutar dese castelo Abel Caballero, alcalde de Vigo. Polo seu cargo cobra 6250 €/mes, el non ten que agardar os seis meses de media que tarda en resolverse un expediente de RISGA.

2- As perceptoras de Pensións Non Contributivas (PNC): as 50.000 galegas que cobran PNC, teñen que vivir con menos de 350 €/mes. Un colectivo no que moitas mulleres soas que traballaron toda a súa vida chegan aos 65 anos e cobran unha esmola que as coloca embaixo do limiar da pobreza.

O que sí estaría moi ben nese chalé é Teddy Bautista, presidente da SGAE. Xa que vai quedar cunha pensionciña de 24.500 €/ mes grazas ao seu traballo nunha organización que vive de mercadear a cultura de todas.

3- As persoas Sen Fogar: só na cidade máis de 300 malviven nas rúas. Ningún dos distintos gobernos que pasaron por Concello ou Xunta foron quen de abrir un albergue público que evitara o goteo de mortes nas rúas.

Si podería gozar da mansión Pierre Ianni, director da planta viguesa de PSA-Citroën. Malia que a súa nómina (seguramente que millonaria) é un misterio, sabemos que a planta que dirixe vai recibir máis de 40 millóns de euros, mentres botan á rúa a 800 traballadores que tiñan contratos eventuais.

4- As persoas Paradas: máis de catro millóns, das cales 236.000 son galegas. Mentres esgotan as prestacións, o goberno quere que lle deamos as grazas por poder percibir durante seis meses os 420 €, produto estrela de Zapatero para paliar a crise.

Podería vivir nesa casa de luxo Amancio Ortega, propietario de Inditex. Xa que rematou o 2009 cun haber que suma 16.420 millóns de euros, 5.644 máis que hai un ano pese que a crise obrigou a que miles de traballadoras perderan os seus empregos.

5- A Mocidade: que sen emprego, ten iso si a liberdade de escoller hipoteca ou a axuda do momento para emanciparse. No mellor dos casos poderán pagar esas vivendas grazas á súa beca ou ao seu traballo en precario, sempre prescindible segundo ao sistema lle pete.

Gozaría felizmente dese casa hiperluxosa José Luis Méndez López, director de Caixa Galicia, co seu soldo de máis dun millón de euros. Gañado con moito mérito, xa que nun ano de crise para o sector, o beneficio da caixa que preside foi de 91 millóns de euros.

6- Dende logo non a maioría da poboación galega: que bastante ten con sufrir recortes sociais xerais, entre outros moitos: a privatización da sanidade (con recortes de persoal, contratación precaria, externalización, etc), ou os insuficientes orzamentos para educación (desmantelando as escolas de idiomas, non cubrindo baixas de profesorado, retirada de axudas a transporte, comedor).

Por suposto podería trasladar aí a súa residencia oficial Núñez Feijóo, presidente da Xunta, a pesar da súa propagandística rebaixa de soldo, aínda cobra 87.500 €/ano. Malia que non nos importa tanto ese recorte de soldo, se non as promesas de austeridade e as súas medidas anticrise que de novo marcan a “reactivación”do mercado inmobiliario (ao estilo PP) como un dos seus obxectivos.


Vigo, abril 2010

Oficina Dereitos Sociais – Coia | Grupo Axitación Social