border="0"

26.4.11

Silencio! Recórtase [12.11]


A crise que sufrimos non é produto dun mal funcionamento ou dunha mala situación, é a consecuencia normal do seu bo funcionamento, canto máis rápido vai a locomotora máis xente sae despedida dos vagóns e máis veces descarrila.”

Precarias en loita

Vimos falando desde hai anos da desigualdade e pobreza á que nos condena o sistema capitalista. No mundo dos servizos sociais observamos que esa fenda cada día é máis grande condenando a malvivir a unha maioría, poñendo de manifesto que as reformas non serven para nada nunha estrutura perversa.

En Vigo os datos reflicten con crueza esta realidade:

- 70000 viguesas son pobres

- 28000 están no paro

- 9000 familias viven da caridade

- Máis de 300 persoas sen fogar

Se imos aos datos de Galiza a situación non mellora:

- 15% das galegas están no paro

- 25% das traballadoras cobran menos de 600 €

- 13% dos fogares son pobres

- 73% das persoas entre 18 e 29 anos viven cos pais

Este panorama só semella ir a peor, pero volvendo ao mundo do chamado Benestar os datos alarman:

- Anuncian recortes dun 12% no Plan Concertado co cal o goberno estatal destina cartos aos municipios para axudas sociais, contías que son moi importantes para desenvolver servizos básicos como a axuda no fogar ou para programas que loitan contra a exclusión social.

- Os orzamentos da Xunta para 2011 sofren un 5,5% de recorte en gasto social, o que implica, por exemplo, a que só cobrarán axudas 1600 das 20000 dependentes recoñecidas que terán que agardar.

- A reforma da RISGA non implicará maior gasto a pesar de que o número de solicitudes non para de medrar. Preocupa tamén que aos risgueiras lles queiran obrigar -coa nova reforma- a prestar servizos comunitarios sen máis compensación que o cobro da axuda.

Ante isto o único que queda é resistir e seguir na construción dunha sociedade baseada na xustiza, na igualdade e nunha relación de respecto e harmonía coa natureza.

Por iso apostamos por xuntarnos, organizarnos e reclamar o que é noso (que ben sendo de todas), un reparto xusto da riqueza en base ás necesidades da sociedade a través dunha Renda Básica no marco dos chamados Dereitos Sociais Fundamentais, como a vivenda, o transporte, a soberanía alimentar, o dereito a traballar na propia terra, e un longo etc.

Vigo, novembro 2010

ODS-Coia (Oficina Dereitos Sociais – Coia) e G.A.S. (Grupo Axitación Social)