border="0"

24.2.15

Xornadas contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo

Os vindeiros días 6, 7, 13 e 14 de marzo temos o pracer de convidar a toda a veciñanza de Vigo ás primeiras xornadas contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo, que se van desenvolver no C.S. A Revolta do Berbês grazas á colaboración dos colectivos Xentrificación Vigo, GAS, LAPSUS e a ODS-Coia

Estas xornadas están pensadas como un punto de encontro e de posta en común para repensarmos, desde o colectivo e dun xeito crítico, os procesos de transformación social e urbana que están acontecendo no centro histórico da nosa cidade. Procesos que están a provocar a expulsión e marxinalización de colectivos sociais presentes no barrio durante anos, asi como a suba dos prezos das vivendas e dos alugamentos, ademais da comercialización e turistificación da maior parte do barrio.


Agardámosvos nas datas sinaladas no C.S. A Revolta do Berbés, en rúa Real nº 12 (zona vella), Vigo-Gz.

Programación

Venres 6 de marzo. 20:00h.

- Presentación das xornadas e do fanzine "Xentrificación. Transformación e exclusión social na zona vella de Vigo".
- Proxección: "Com un Gegant Invisible. Can Batlló i les ciutats Imaginàries" 


Sábado 7 de marzo. 19:30h.

Mesa redonda:
  - Transformación urbana e conflitividade social na cidade capitalista
        Con Juan Medela, Grupo de Estudos Antropolóxicos "La Corrala"
  - Especulación e exclusión social na zona vella de Vigo
        Con Xentrificación Vigo.


Venres 13 de marzo. 20:00h.

- Proxección + debate: "Bye bye Barcelona"


Sábado 14 de marzo. 

17:00h. Obradoiro de mapeo colectivo (cartografía social do barrio)
19:00h. Roteiro pola zona vella.


     ++ mais petiscos veganos e exposición fotográfica permanente++

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Venres 6 de marzo. 20:00h.

Com un Gegant Invisible. Can Batlló i les ciutats Imaginàries. 65:01min. Panóptica / LaCol (Països Catalans)

A través do documentario "Com un Gegant Invisible. Can Batlló i les ciutats Imaginàries" inténtase facer unha reflexión crítica á cidade contemporánea a través dos procesos de transformación acontecidos en Can Batlló, así como da evolución do Modelo Barcelona. Can Batlló é un recinto pendente de transformación, obxecto de reivindicación e loita veciñal dende fai moitos anos, atopándose agora nun proceso de apropiación por parte da cidadanía. A través deste proceso de recuperación, o documental pregúntase sobre cales son as regras do xogo, os actores, os intereses e estratexias que ditaron as transformacións urbanas na Barcelona dos últimos trinta anos e que levaron á situación actual: ao Can Batlló da  propiedade privada fronte ao Can Batlló da xente. Partindo desta base, o documentario reflexiona sobre o futuro e sobre as outras Barcelonas posíbeis, sobre todo nesas cidades que aínda nos quedan por imaxinar.

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Sábado 7 de Marzo 19:00h.

Nesta xornada Juan Medela, do Grupo de Estudos Antropolóxico "La Corrala", vainos introducir nas dinámicas actuais de construción da cidade capitalista. Para isto abordará os conceptos de cidade capitalista, de marketing urbano e de marca cidade, cuxas políticas de aplicación dan lugar á transformación do espazo urbano e por conseguinte a procesos de xentrificación, de exclusión, de privatización e de control social. Deste xeito, abordará os diferentes mecanismos de renovación e transformación urbana e social aplicados polas institucións cuxo fin último e potenciar e comercializar unha marca de cidade convertendo os espazos urbanos nun produto de consumo máis.

A continuación, Xentrificación Vigo vai abordar os procesos de especulación e exclusión social que se observan na zona vella da cidade. Dun xeito resumido intentarase identificar os actores, os procesos e os intereses que se atopan detrás dos procesos de transformación que levan tendo lugar nestes últimos anos no centro histórico de Vigo.

------------------------------------------------------------------------------------------------------------- 

Venres 13 de marzo. 20:00h.  

"Bye Bye Barcelona" (54.40 min). de Eduardo Chibas (Països Catalans) 

“Bye Bye Barcelona" é un documental acerca da cidade e a súa relación co turismo, acerca da difícil convivencia entre Barcelona, xs barceloneses e o turismo e xs turistas. É un documental que expón, da man dalgúns dos seus moradores, os graves efectos que o turismo masivo ten na cidade condal. Barcelona non é unha gran metrópole, pero pode presumir de ser a cuarta cidade con maior turismo na Europa tras tres grandes capitais como Londres, París e Roma, sendo o seu porto o que máis cruceiros recibe de Europa e do Mediterráneo. Os Barceloneses viron como, en escasamente unha década, a cantidade de turistas triplicouse e ao economía xirou ate o servizo turístico, explotando, e destruíndo á vez, un patrimonio construído por xeracións anteriores. Realmente paga a pena perder todo isto?”

-------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Sábado 14 de marzo. 

17:00h. Obradoiro de mapeo colectivo.

Este obradoiro está pensado para reflexionarmos desde o colectivo as problemáticas sociais e especulativos  presentes na zona vella da cidade. O obxectivo é identificar dinámicas e consecuencias do proceso de rehabilitación e transformación social acontecida no barrio durante os último anos, co fin de crear unha cartografía social e reivindicativa do centro histórico de Vigo. O fin último é o de estabelecer un espazo de encontro que nos permita identificar as problemáticas co fin de crear unha resposta crítica e colectiva a todo este proceso de transformación que xoga coas vidas de centos de persoas.

Para isto dividirémonos en diferentes grupos temáticos, onde a través de diversos textos e preguntas, reflexionaremos sobre as diferentes problemáticas identificadas no barrio. Para isto cada grupo contará cun mapa  e cunha serie de iconos que permitirán ir cartografiando o barrio a medida que cada grupo vaia reflexionando e analizando os diferentes bloques temáticos. Ao final, realizarase unha posta en común entre todas as asistentes, conformando así un mapa social que servirá de ferramenta para identificar e entender  de xeito visual de porqué falar sobre procesos de xentrificación en Vigo.

Na páxina web de Iconoclasista podedes atopar o interesante manual de mapeo colectivo para afondar máis no tema. Animádevos a vir!!

Aínda que non fai falla inscrición previa, si que agradeceríamos que se tes pensado pasarte polo obradoiro nos mandes un correo a xentrificaciónvigo@gmail.com co fin de axudar coa loxística dos materiais e da preparación da facilitación do obradoiro.


19:00h. Roteiro pola zona vella

A partires da cartografía obtida no obradoiro, realizarase un roteiro explicativo polo barrio para toda persoa que quixera vir. A andaina estará guiada entre os diferentes colectivos participantes nas xornadas e os diferentes grupos de traballo do obradoiro-mapeo que se queiran animar.

------------------------------------------------------------------------------------------------------------
E ademais en cada xornada haberá petiscos veganos con prezo solidario para a autofinanciación das xornadas, ademais dunha exposición fotográfica permanente de denuncia social contra a especulación e xentrificación na zona vella de Vigo.



17.2.15

18/02 - Concentración: Fronte á esmola das axudas do Concello, esiximos dereitos sociais!

O vindeiro mércores 18 de febreiro, ás 10h00 celebrarase un novo xuízo contra o Departamento de Benestar Social do Concello de Vigo, iniciado por unha compañeira da ODS-Coia, en reclamación contra a resolución pola que se lle denega unha Axuda de Emerxencia Municipal (AEM) para débedas de subministración (luz e gas). En apoio desta compañeira, a ODS-Coia, a parroquia "Cristo da Vitoria" e G.A.S. convocamos unha concentración de apoio nas portas dos propios xulgados (r/Lalín, Vigo) a partires das 9:30 da mañá baixo o lema: Fronte á esmola das axudas do Concello, esiximos dereitos sociais!
Trátase do segundo xuízo contra este departamento pola cuestión das AEM, o pasado 29 de xaneiro celebrouse a vista na que unha compañeira demandaba ao concello pola denegación de dúas AEM. Até o momento non foi comunicada unha sentenza que agardamos con esperanza.
A solicitude denegada foi presentada o 02/07/2014 e o 14/11/2014 ditouse resolución denegando a mesma por dous motivos:
1º. A solicitante cobra unha RISGA de 239,03 euros. Segundo o criterio do Departamento de Benestar Social, uns ingresos suficientes para afrontar os gastos ordinarios (entre eles a luz e o gas). Así se recolle literalmente: “vostede percibe una RISGA dende xullo deste ano e a partir de agora ten que asumir os gastos xerais e suministro da vivenda, xa que son gastos ordinarios”.
2º. Tamén se denega a axuda por terse superado a contía máxima que se concede por vivenda e ano para as débedas de subministración.
Dende a ODS-Coia apoiamos este recurso xa que:
1º. Non pode admitirse que a unha persoa con dous menores ao seu cargo, de 5 anos e dúas semanas de idade, que conta como únicos ingresos cunha RISGA de 239 euros (máis pensión de alimentos), se lle indique dende o Departamento de benestar Social que non ten dereito a percibir máis axuda económica, por considerarse suficiente dita contía mensual para afrontar as súas necesidades básicas, e as da súa familia.
Ademais, as bases reguladoras non establecen a percepción da RISGA como circunstancia que impida ou restrinxa o cobro dunha AEM.
2º. Non é certo que a compañeira superase a contía máxima anual para axudas de subministración, xa que a base 7ª das bases fixa ese máximo (para luz e gas) en 800 €, e a recorrente percibiu durante todo o ano 2014 para eses dous conceptos un total de 519,41 euros, tal e como consta nos expedientes administrativos aos que tivemos acceso.
3º. Finalmente, ao terse superado o tempo máximo de resolución deste tipo de axudas (3 meses) a solicitude tivo que ser estimada por silencio administrativo, xa que o prazo para resolver finalizou o 02/10/2014 e a resolución non se dita até o 14/11/2014, e se notifica o 04/12/2014.

14.2.15

Concentración Xuizo a Xurxo 11/02/15

Visto para sentencia o xuizo de Xurxo, con catro policías locais contradicíndose nas súas declaracións durante o xuizo.

COMUNICADO DE APOIO ÁS COMPAÑEIRAS DETIDAS EN COIA
Os colectivos que asinamos este comunicado condenamos o aumento da represión nas protestas sociais e amosamos, de xeito público, o noso apoio a unha loita fortemente reprimida por parte de Abel Caballero e do seu goberno que non dubidou en empregar á policía local en contra da veciñanza.
Por todo isto, queremos amosar o noso total apoio ás compañeiras detidas no barrio de Coia en Vigo por defender os dereitos sociais e o noso total rexeitamento ás políticas de represión exercidas neste caso e noutros de todo o estado español.
As veciñas de Coia (Vigo) levan dende o 4 de decembro tratando de impedir a instalación dun barco nunha rotonda no barrio que supón un gasto inxustificado e inmoral nunha cidade na que, como no resto do estado, a xente malvive nos barrios mentres ve proliferar no seu contorno obras faraónicas.
Abel Caballero, alcalde do PSOE de Vigo, puxo todo o seu empeño en criminalizar a protesta veciñal, empregando medios de comunicación afíns como altofalantes das súas falacias e terxiversacións. Ademais, co fin de acalar a protesta e violentar á veciñanza, non tivo o menor reparo en empregar a policía local como instrumento represor ao seu servizo: tres detencións arbitrarias e inxustificadas (S., Xurxo e Diego; este último membro da ODS-Coia e de Baladre, Coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social), vinte e cinco persoas con supostos cargos perante a Fiscalía, numerosas multas,...
Mentres dirixentes e partidos políticos maniféstanse a favor da liberdade de expresión co gallo do atentado terrorista de París, a escalada de represión e criminalización da protesta social segue en aumento no estado español.
As loitas de pobos e barrios, así como as do sindicalismo combativo e de clase, están a ser duramente reprimidas por empresas e institucións públicas, a través das súas forzas de represión policiais, a xudicatura e unhas leis que, cada vez máis, póñense ao servizo dos intereses do capital e das oligarquías dominantes. O recente caso de Alfon, condenado a 4 anos de cadea pola súa participación na folga xeral do 14N no 2012 tras un xuízo cheo de irregularidades, súmase a unha longa lista de activistas condenadas pola súa militancia. É unha ofensiva en toda regra contra a lei de folga, o dereito de manifestación e de reunión e as leis que garanten a liberdade de expresión.
A vindeira aprobación da Lei de Seguridade Cidadá, coñecida como Lei Mordaza, é un chanzo máis no entramado legal que se está a elaborar para silenciar a disidencia ideolóxica e reprimir a protesta social, sinal inequívoca da debilidade dun sistema que, a falta de argumentos e ante o incremento da contestación cidadá, unicamente sabe responder coa represión.
Reiteramos a nosa solidariedade cos detidos. As loitas das xentes de Coia son as nosas loitas.
Se nos tocan a unha, tócannos a todas!
Vigo, 14 de febreiro de 2015
--
A Ría Non Se Vende
Acción Verapaz
Ambilokwoi Futebol Gaélico Mixto
Anova-Irmandade Nacionalista
Asamblea Canaria por el Reparto de La Riqueza (ACRR)
Asamblea intercorralas de Málaga
Asamblea de Gamonal (Burgos)
Asdecoba (Salamanca)
Asemblea de Movementos Sociais de Vigo
Asociación contra la exclusión ALAMBIQUE (Xixón)
Asociación de Vecin@s Santiago de Nuevo Gijón, Perchera y la Braña...
Asociación Kanguras, criando en brazos (Galiza)
Baladre, Coordinación de loitas contra o paro, o empobrecemento e a exclusión social
Berri-Otxoak, Plataforma Contra la Exclusión Social y Por los Derechos Sociales (Euskadi)
BNG
CaMot (Xàtiva)
Campamento Dignidad Mérida
Ceivar, Organismo Popular Anti-repressivo
Centro Social Okupado Taucho (Canarias)
CIG
CNT (Vigo)
Colectivo IMAN (Galiza)
Comités
Confederación General del Trabajo (CGT)
Consumo Consciente Árbore, Sociedade Cooperativa Galega
Coordinadora de Barrios (Madrid)
Coordinadora de Crentes Galegos
Comité Oscar Romero
Comunidad Parroquial de San Atanasio de Madrid
Cova dos Ratos
CP San Carlos Borromeo
Distrito 9
Entremos na Panificadora
Erletxea (Irún)
Esculca - Direitos e liberdades
Espacio Sociocultural La Casa (Canarias)
Espazo Aberto Antimilitar (Galiza)
Esquerda Unida
Foro Galego de Inmigración
Galiza Contrainfo
Galiza Nova
G.A.S. (Galiza)
Grupo Andarivel de Cantabria
Inclusión Activa Boa Vida (Galiza)
Isca!
Liga Estudiantil Galega
Marea roja Alacant
MLP (Movemento Loita Popular) Coruña
Movemento Cidadán “O noso barrio”
No somos delito Alacant
ODS-Coia (Galiza)
Parroquia Cristo da Vitoria (Galiza)
Parroquia de Santa María de Nazaret en el Barrio de Buenos Aires (Salamanca)
Piratas de Galicia
Radio Pimienta (Canarias)
Rede Sementes Galega
Redes Cristiás
Stop desafiuzamentos Coruña
Toma la Plaza Alacant
Vangarda Obreira Coruña
Verdegaia
Zambra Cuenca
Zambra Málaga
15M Monte Alto (Galiza)





Na Prensa:







6.2.15

Actividades de apoio a Xurxo do 5 ao 11 de febreiro


5 ao 11 de febreiro - Actividades: “Todas somos Xurxo. Caballero ordena, a poli mente”

Desde a Asemblea Aberta de Coia convocamos unha serie de actividades que teñen como obxectivo unha data, o mércores 11. Ese día, ás 10:30 nos xulgados de Vigo, celébrase o xuízo contra Xurxo, unhas das tres persoas imputadas por mor da montaxe ordenada por Abel Caballero, alcalde de Vigo.
O alcalde quere acalar a loita veciñal na rotonda, e non tivo problema en empregar á policía local para os seus fins. No desaloxo, que a empurróns fixeron máis de 40 policías locais o 7 de xaneiro, un policía local acusa a Xurxo dunhas lesións que as alí presentes negamos con rotundidade. A única violencia que houbo na rotonda viu de mans do goberno municipal que empregou á policía local nunhas funcións que extralimitan as propias destes funcionarios municipais. Unha mentira que remata cun xuízo no que lle piden ao compañeiro: 2 anos e medio de cadea e máis de 1200 euros en concepto de indemnización.
Xurxo e o resto das persoas que levamos desde o 4 de decembro nesta loita berramos decote: NON PODE SER OS CARTOS NA ROTONDA E A XENTE SEN COMER! Nese berro están a centralidade da nosa protesta.
Esiximos que o goberno municipal empregue os cartos de todas ao servizo das necesidades da xente. É dicir, esiximos unhas políticas sociais que aseguren unha vida digna. Porén o alcalde e o seu goberno o que fan e tirar cartos na rotonda, en escaleiras mecánicas, en Balaídos, en publicidade...
Co dobre obxectivo: visualizar as nosas esixencias e procurar apoios para Xurxo na data do xuízo convocamos estes días unha serie de actividades:
> XOVES 5/02 – 18:00 – Rotonda de Coia
CONCENTRACIÓN: cartaces polos dereitos sociais e de apoio a Xurxo
> VENRES 6/02 – 9:30
CONCENTRACIÓN nos XULGADOS (r/Lalín): en apoio a Xurxo
> DOMINGO 8/02 – 11:30
COMPARSA DE ENTROIDO PARA NENXS E MOZOS: apoiamos esta comparsa organizada pola parroquia do “Cristo da Vitoria” que anima a participar disfrazados de persoaxes do mar de Vigo: peixes, sereas, barquiños, piratas... a nenxs e maiores. A idea é pasar un rato divertido á vez que denunciar a falla de interese do Concello de Vigo polas persoas máis empobrecidas.
Sairá ás 11:30 da parroquia (r/Baiona 9) para chegaren a rotonda pola avenida de Castelao.
> LUNS 9/02 – 11:00
CONCENTRACIÓN DIANTE DO CONCELLO DE VIGO: faremos acto de presenza nada data do pleno municipal con globos. Eles serán as nosas armas para loitar a prol dos dereitos sociais que este concello está a converter en esmolas.
> MÉRCORES 11/02 – 9:30
CONCENTRACIÓN nos XULGADOS en APOIO a XURXO: chamamos a toda a cidadanía a participar neste acto de apoio ás portas do xulgado na data do xuízo no que as mentiras policiais dirixidas poden rematar nunha condena inxusta a unha persoa que participa nun movemento que practica non violencia e a desobediencia civil.
XUSTIZA SOCIAL. NIN CARTOS NA ROTONDA, NIN ESTADO POLICIAL!
Fotos e vídeo do día 5/02/15 (autor futaxi)