border="0"

24.4.11

1 de maio: Contra a Alta Velocidade do Traballo Precario [2008]

Este ano animamos de novo á xente de toda Galiza a facer con nós un Bloque Precario na Mani da CGT-CUT en Vigo, sairá da Praza Fernando O Católico ás 11h.

"Contra a Alta Velocidade do Traballo Precario"

Convoca: Precarias en Loita

O lema elixido é un xogo de palabras sobre a chegada do AVE a Galiza e o seu grande impacto, e ese espíritu que se nos impón da alta velocidade capitalista: que destrúe as condicións laborais, aumenta os accidentes laborais, crea postos de traballo precarios a cambio da destrucción do medio, marca ritmos de traballo inhumanos, etc.

Pola recuperación o 1 de maio como día de loita laboral, social, ecolóxica, precaria...


CONTRA A ALTA VELOCIDADE DO TRABALLO PRECARIO

Se o discurso sobre a Alta Velocidade se fundamenta no desenvolvemento espectacular das comunicacións, non é menos certo que precisamente aí reside a súa propia debilidade. A fórmula de achegar o lonxano para alonxar o máis próximo cumpre á perfección o seu cometido pero en sentido inverso, é dicir, nin une, nin comunica e moito menos vertebra o territorio senon forzando o aillamento de lugares e xentes.

Non é casual, entón, que as clases dominantes aposten por un medio de transporte así, elitista, destructivo, despilfarrador, e que sendo unha obra faraónica afecte por igual todo canto acha ao seu paso.

En efecto, en pleno declive xeralizado do medio social constatamos un repunte da explotación nas súas múltiples formas, grazas á imposición da velocidade como fenómeno central do capitalismo moderno. O cambio acelerado das condicións xerais de existencia para amplas capas da poboación facilita a consolidación da impostura do progreso en beneficio do fanatismo polas modas, a superficialidade como estilo de vida, e o desinterese pola cuestión social.

O pensamento único impón a Alta Velocidade como un paso ineludíbel da modernización do sistema Capitalista, unha velocidade que non nos permite distinguir as caras das que quedan atrás ou son aplastadas pola locomotora do neoliberalismo.

Nunha situación de grave crise económica de carácter internacional, tralos problemas financieiros dos grandes capitais económicos (tanto europeos como estadounidenses) e a recesión da chamada industria do ladrillo aquí, acrecéntanse as cifras do paro ata niveis de hai dez anos e os prezos se disparan por riba das previsións dos gobernos.

Pola contra a única preocupación dos gobernos pasa por manter a velocidade das taxas de crecemento, subvencionar a construcción, facilitar os movementos especulativos dos grandes capitais e liberalizar máis e mais as relacións laborais. Sen embargo o combustíbel desta loucura somos nós e por extensión o planeta, algo que precisa ser queimado e consumido para un correcto funcionamento da economía.

Mesmo sofremos a Alta Velociade co modelo urbanístico actual, baseado na suma de infraestructuras de todo tipo e a invasión de centros comerciais, a masificación e o individualismo, levando por diante formas de vida tradicionais, o pouco que queda de rural nas cidades ou as relacións sociais á marxe do consumismo. Nada parece frear esta máquina maldita.

Incluso o agro padece idénticos males que a industria: productividade e competitividade. A imposición dos transxénicos conleva que se produza máis en menos tempo pero tamén que se empreguen masivamente degradando os cultivos autóctonos.

Alta velocidade é tamén a que empregan para traer e atraer de calquera parte do mundo man de obra barata, e á mesma velocidade lles gustaría librarse delas unha vez que non precisan a súa forza de traballo.

Sofremos a súa Alta Velocidade co elevado número de enfermidades profesionais e accidentes laborais produto dos contratos basura e infernais ritmos de traballo. ¿Cabería mellor exemplo que a construcción das liñas do AVE en Galiza?.

Esa mesma velocidade incorporada as nosas vidas debuxa un a mapa inhóspito. Flexibilidade e movilidade laboral absoluta, sen saber nunca cánto imos durar nun posto de traballo, cántos contratos imos ter nun ano, se imos ter que marchar da nosa vila, cidade, ou mesmo de Galiza.

Con esta forma de vida que nos impoñen, fórzannos a sustituir as nosas relacións sociais, ben coas compañeiras de traballo ben coas veciñas, pola fría e moderna acumulación de novos productos tecnolóxicos, de tal modo que a vida se consume tan rápido como calquera outro oferta comercial.
Todo se fai a grande velocidade sen espazo para a intimidade, monetarízanse o sexo e os coidados, todo é susceptibel dun consumo rápido.

A crise que sofremos non é producto dun mal funcionamento ou dunha mala situación, é a consecuencia normal do seu bó funcionamento, canto máis rápido vai a locomotora máis xente sae despedida dos vagóns, e máis veces descarrila.

A xente improductiva pasa a ser empobrecida, é marxinada, perde dereitos, e finalemente é aillada da sociedade. A solución do sistema aos problemas sociais é o cárcere e a criminalización de calquera que cuestione a orde establecida.

Unha solución diferente pasa por reclamar o que é noso (que ben sendo de todas), un reparto xusto da riqueza en base ás necesidades da sociedade a través dunha Renda Básica no marco dos chamados Dereitos Sociais Fundamentais, como a vivenda, o transporte, a soberanía alimentar, o dereito a traballar na propia terra, e un longo etc.

Con todo non podemos deixar de loitar por recuperar a nosa de autonomía como seres humanos respecto ao capitalismo, e nese camiño liberar os medios producción que a estas alturas abranguen todo o planeta convertido nunha locomotora a piques de colapsarse ou estoupar.

Precarias en Loita

Mais Info: http://precarias.arkipelagos.net