border="0"

22.4.11

Xornadas en Vigo contra o Tratado de Lisboa [19-24.01.08]

Sábado 19 de Xaneiro ás 18h :

Acto informativo na rúa.
No cruce da rúa Príncipe con Colón (á altura da farola).

Xoves 24 de Xaneiro as 20h na Cova Dos Ratos (r/Romil,3) :

Mesa Redonda "Que persegue o tratado de Lisboa?" Coa presenza de Tom Kucharz de Verdegaia.

O Tratado de Lisboa é unha modificación disfrazada, e con escasos cambios, do Tratado Constitucional Europeo, que foi rexeitado por antisocial en Francia e Holanda en maio de 2005.

O Tratado non se someterá a referendo popular en ningún país, nin sequera entre os que rexeitaron o proxecto de Constitución Europea. Só se votará en Irlanda, por imperativo legal.

O desafío actual da Unión Europea é converterse nunha superpotencia mundial. Para iso necesitamos aumentar o territorio baixo o noso control (de aí a ampliación a países do Este e a sinatura de acordos de libre comercio) e convertérmonos nun poder político e militar de primeira orde.

O grande obxectivo da UE é o crecemento económico (art.3), e o motor que a dirixe é o principio de competencia (protocolo nº 6), a fin de eliminar os “obstáculos” ao libre comercio mundial (art.10A e 188B), garantir a libre circulación de capitais (art.56 e 57-3) e lograr a estabilidade de prezos (art.3), que será o único obxectivo do Banco Central Europeo (art.108).

Os Servizos Públicos (como a atención sanitaria, a educación, o abastecemento de auga potábel, o transporte colectivo, o correo, ou as atencións sociais ás persoas maiores) quedan suxeitos ás normas da competencia (art.86 e 87), polo que iranse convertendo en negocios mercantís xestionados por multinacionais.

A Carta de Dereitos Fundamentais non recoñece o dereito ao traballo nin ao emprego, senón só o xenérico “dereito a traballar”, e substitúe o dereito á seguridade social e aos servizos sociais polo “dereito de acceso ás prestacións de seguridade social e aos servizos sociais”.

Os estados máis ricos (Alemaña, Francia e Reino Unido) terán máis peso mediante o novo sistema de toma de decisións, avanzando así cara a unha UE a “varias velocidades”, onde os países menos poderosos terán cada vez menor capacidade de decisión.

A construción da UE implica un distanciamento cada vez maior entre os lugares de produción e os de consumo, que son conectados a través das grandes infraestruturas de transporte e de conexión enerxética. Isto implica miles de km2 de asfalto e formigón, o incremento das emisións de CO2 á atmosfera (causantes do cambio climático) e a segmentación do territorio, o cal ameaza aínda máis a biodiversidade.

O Tratado de Lisboa aumenta as desigualdades, xa que, se ben o control da inflación e do déficit son obxectivos da UE, non o son a erradicación do paro e da precariedade. A Unión non recolle o dereito a un ingreso básico universal ou o de poder residir nunha vivenda digna. Ademais, ás persoas inmigrantes non se lles recoñecen dereitos tan básicos como os referidos ao lugar de residencia ou ao voto.

Redúcense os ámbitos nos que existe dereito de veto polos estados favorecendo así que as decisións sexan tomadas pola UE.

Afírmase a libre circulación da cidadanía europea (art.18) dentro do marco de peche de fronteiras á inmigración exterior.

O Tratado recorta as liberdades. En Bruxelas hai 15.000 lobbystas dedicados a presionar para que as lexislacións que emanan da UE sirvan aos intereses dos grandes capitais. A participación popular está limitada para permitir que as decisións se tomen de forma máis áxil. Ademais, coa escusa da loita contra o terrorismo tivemos que restrinxir as liberdades individuais da poboación para garantir "seguridade”.

Para ampliar esta información:
http://www.tratadolisboa.blogspot.com/

Organizan: Rede A Ría Non se Vende (Salvemos Monteferro, Centro Social A Revolta, Plataforma pola defensa da enseada San Simón, Luita Verde, Bouzas Móvete, Asociación Cultural Caleidoskopio, Verdegaia, Foro Social de Cangas, Colectivo Nacionalista de Marín, G.A.S., Plataforma para a Conservación do Litoral de Bueu Anduxía e OAR ), Xogo Descuberto e CGT.