border="0"

20.4.11

Renda Básica, Xa !! [12.07]

Actualmente, no noso planeta, contamos cos medios materiais e a riqueza suficiente como para poder vivir dignamente sen ter que chegar a vender o noso corpo como escravas ou, directamente, chegar a morrernos de fame en calquera esquina. A pesar diso, a realidade na que nos atopamos é bastante distinta. A riqueza, xerada socialmente e en colaboración directa entre todas, é distribuída soamente entre un pequeno grupo de persoas en todo o mundo, das cales recibimos a cambio míseras esmolas ou ben algunhas, simplemente, nada.

Tras anos de reconversións, deslocalizacions, recortes de persoais, etc. atopámonos con que o estado español posúe unha das máis altas taxas de paro dentro da unión europea. Estas cifras, a pesar do continuo intento de disfrazalas ou manipulalas polos “políticos profesionais”, elévanse cada ano e todas as análises veñen indicar que o ano que se aveciña, o 2008, traerá consigo unha subida alarmante debido a que algúns sectores ata agora cun paro estable, como no caso da construción (ao redor dunhas 15.000 persoas) sufrirán nas súas carnes as consecuencias da cada vez máis soada crise inmobiliaria.

Segundo as clases capitalistas paliar esta situación debería pasar pola creación dun maior número de empregos estables e soldos “xustos” e para iso deberíase confiar nas empresas e nas institucións financeiras promovendo que estas sufran un aumento dos seus beneficios o que acabaría repercutindo ao final no conxunto da poboación. Nada máis lonxe da realidade, tras varias reformas laborais, o xa reseso “reparto do emprego” do único do que dá constancia é de que o crecemento económico xamais repercutirá na xente da pé e de que o feito de ter un emprego (ou varios) non impide vivir sumido na pobreza ou nun estado de precariedade absoluta. En Galiza xa son máis de 400.000 persoas as que se atopan por baixo do umbral da pobreza sendo máis de 100.000 as galegas sumidas nunha pobreza extrema(1). Na nosa cidade, Vigo, de 165.000 familias, 30.600 posúen ingresos bastante inferiores aos do umbral da pobreza e case a metade, unhas 80.000 familias, teñen serios problemas para chegar a fin de mes(2).

Ao mesmo tempo, e en consonancia co resto de estados da unión europea, vemos como se esta producindo unha diminución continua do gasto social e as prestacións sociais e como as políticas neoliberais están desmantelando por completo o chamado “estado de benestar” co obxectivo de facer da sua Europa un ente cada vez máis voraz e competitivo economicamente. Polo que todo o que deberían ser dereitos sociais irrefutables convértense agora en simples bens cos que amasan fortunas.

A acumulación capitalista xa non se basea soamente na explotación do traballo asalariado senón que esparce os seus tentáculos tamén sobre a explotacióndo noso entorno, a nosa saúde, da educación, do lecer, do saber popular, da nosa imaxinación, dos recursos socializadores, da nosa cultura, etc. En definitiva, o que se produce e véndese, xa non son simplemente bens materiais ou inmateriais se non formas de vida, polos cales nós non recibimos absolutamente nada a cambio.

Fronte a este tsunami neoliberalizador necesitamos ferramentas eficaces e reais que nos permitan resistir ás súas brutais agresións e que, á vez, permítannos a construción dun mundo novo, sen capitalismo.

Desde fai xa aproximadamente dez anos a reivindación da renda básica se esta facendo cada vez mais común dentro do círculo dos colectivos anticapitalistas e, en xeral, en boa parte do amplo espectro dos movementos sociais.

A Renda Básica das iguais é o dereito que ten cada persoa, polo mero feito de existir, a recibir os medios materiais que garantan o benestar social que necesita para sobrevivir con dignidade.

Para convertela en algo máis que nunha simple declaración de principios se lla dóta dunhas características que a converten nun mecanismo que garante a distribución da renda, así como nun instrumento de acción política e social:

-Individual: É a persoa individualmente quen a recibe e non as familias.

-Incondicional: Non estará suxeita a ningún tipo de nivel de ingresos nin á relación do beneficiario co mercado de traballo.

-Universal: Ademais de non ser contributiva, é para todas e cada unha das persoas sen que haxa algún motivo que xustifique ningún tipo de exclusión.

-División: Dividirase en dous partes, unha parte recibirana directamente as persoas, e a outra se dedicará aos investimentos de carácter colectivo: sanidade, educación, vivenda, transporte, medio ambiente, etc.

-Equidad: A cantidade a percibir (a mesma á definida como umbral da pobreza) será exactamente igual para todas as persoas, con total independencia da idade, xénero, etc.

-Participación: Á hora de distribuír a parte do Fondo Renda Básica destinado á mellora dos bens e servizos públicos, todas as persoas teñen o mesmo dereito a intervir nos debates para tal asignación.

-Refundición: Substituirá a todas as prestacións económicas en vigor: pensións, subsidios, subvencións, axudas, etc.

A financiación da Renda Básica viría da fundición dos subsidios existentes nunha soa prestación (Renda básica) mediante reformas fiscais que graven o aumento do beneficio financieiro e empresarial, das subvencións ás empresas, exército e forzas de seguridade do estado, á Igrexa e as ONG´s.

Así como das moreas de cartos que hoxe en día evaden os empresarios e agochan nos paraísos fiscais coa complicidade dos estados.

Hai que saber distinguir entre o modelo forte de renda básica (o aquí presentado) e os chamados modelos débiles. A renda básica non é ecléctica, ou é un instrumento idóneo para iniciar un proceso de transformación social (Modelo forte) ou ben é un dispositivo de xestión socialdemócrata da miseria, acomodativo co poder e integrador nos valores do sistema (modelos débiles) (3).

A renda básica das iguais non é un fin en se mesmo nin ningún tipo de panacea que resolva todos os nosos problemas. O que si é, aplicándoa correctamente, un forte medio de loita anticapitalista que permita unha maior autoorganización social ademais de converterse nunha ferramenta idónea que limite o papel do mercado de traballo anulando o paso obrigado das persoas polas súas redes para poder alcanzar os seus dereitos sociais. Tamén achegando un colchón que permitirá unha maior autoorganización dás traballadoras na defensa dos seus dereitos fronte ás agresións da patronal dando un rudo golpe ao sistema de relacións laborais vixente e neutralizando unha importante arma en mans da dominación actual como é o paro. Sen esquecer, por suposto, o seu evidente aspecto antipatriarcal co cal as mulleres poderán facer posible a súa independencia económica a todos os niveis.

Aínda así, soamente demostrando coa forza da razón a súa viabilidade económica e financeira, non conseguiremos nada. Establecer a Renda Básica das Iguais pasa pola mobilización social xeneralizada e horizontal, pola loita e a reclamación por parte de colectivos, movementos e persoas. Só así poderemos chegar a establecer esta ferramenta que nos permitirá transformar o sistema e construír un mundo novo, sen capitalismo e que non acabe todo nunhas simples reformas que soamente lle laven a cara ao sistema.

GAS

Notas:

(1) La Voz de Galicia. 12 de Marzo de 2007
(2) La Voz de Galicia. 22 de Outubro de 2007
(3) “O martes 2 de outubro, o Congreso dos Diputados rexeitaba por absoluta maioría as dúas propostas de Lei, unha presentada polo grupo parlamentario de Ezquerra Republicana de Catalunya (ERC), co título de Renta Básica; e a outra polo grupo parlamentario de Izquierda Unida-Iniciativa per Catalunya Verds (IU-ICV), co título de Renta Básica de Ciudadanía.” Ver o texto de Jose Iglesias ( http://www.rentabasica.net/)
“O non cantado no Congreso á Renda Básica da Cidadanía” http://galiza.indymedia.org/pt/2007/10/12685.shtml