border="0"

24.11.11

Xornadas de Crítica ao Progreso en Vigo

Sábado 26 de novembro ás 18:30h.

Presentación da Revista de Pensamento Crítico: "Cul de Sac", a cargo dos seu colectivo editorial.

Revista alacantina "nacida coa intención de abrir un espazo de reflexión, desde o que analizar diferentes aspectos da cuestión social". O seu primeiro número está adicado ao progreso, e o segundo centrarase no control social.

Venres 2 de decembro ás 20h.

Palestra: "Novas ameazas do progreso na Galiza: As plantas de Biomasa", a cargo do Ateneo Libertario Lume Negro de Ponteareas.

As xornadas serán no Centro Social "A Cova dos Ratos" r/Romil,3 Baixo.

Organizan: Grupo de Axitación Social e Distribuidora Lapsus.

20.10.11

Manifestación contra a represión dos movementos sociais na Galiza

DIA 22 DE OUTUBRO AS 18 PM, OBELISCO DE A CORUÑA


Convócase a nivel Galego , unha concentración unitaria en A Coruña, contra a criminalización dos movementos sociais. Este acto unitario amais de server de denuncia da imputación realizada pola subdelegación contra a familia de Diego viña, pretende facerse eco e visibilizar publicamente a persecución levada ao cabo pola subdelegación do goberno coas persoas e colectivos solidarios coas persoas presas, e particularmente cos mais de 70 sancionados/as por acudir a concentración anual celebrada na cadea de Teixeiro. A concentración e convocatoria tamén se fai eco e se solidariza contra toda forma de persecución e criminalización que o estado ao través da subdelegación do goberno esta a facer con colectivos sociais de todo tipo. Dende os grupos ecoloxistas, indignados/as, etc.

Por elo os animamos a participar en estos actos de solidariedade co obxecto de que as protestas non queden silenciadas pola criminalización e persecución que as ameaza.

6.10.11

Fractura Nº0, Outubro de 2011

A “crise” actual (ao igual que aconteceu nas pasadas) é a gran escusa para profundar nas condicións de explotación nas que vivimos.

Rematamos o curso 2010/2011 coa imposición duns recortes en dereitos sociais e laborais que nos fixo retroceder lustros nas nosas condicións de vida.

Pero a maquinaria de “axuste” está moi lonxe de deterse. Polo tanto, consideramos imprescindible facer balance da situación na que nos atopamos, analizar o futuro que se nos pretende construír e tomar posición ao respecto.

Con esta publicación pretendemos contribuír a este proceso de reflexión.

Neste primeiro número, centrámonos nas últimas reformas relacionadas co ámbito laboral, recollendo unha pequena escolma dos aspectos máis destacados das mesmas.

Podedes descargar o arquivo en .pdf dende esta
ligazón.

28.9.11

Na defensa dos nosos dereitos, na defensa das nosas vidas

Malia que os gobernos quérennos convencer repetindo deseguido que a situación económica non se está a traducir en recortes nos servizos públicos nin na coberturas sociais, a realidade que vivimos a maioría de nós deixa exemplos diarios desta perda de dereitos básicos a favor dunha minoría enriquecida que continúa sumando beneficios e mantendo os seus privilexios. Dentro da lóxica dos mercados, semella que poñer en perigo esta xenerosa marxe de beneficios sería moito máis desastroso que calquera tipo de recorte social.

Se detemos as nosas olladas no terreo das prestacións sociais básicas decatámonos da debilidade da súa cobertura. Segundo os datos da Xunta o número de RISGAs é de 5.115, que de media cobrarían algo menos de 400€/mes. O orzamento destinado para este ano é tan só de 22 millóns de euros, para que comparedes o quilómetro das faraónicas obras do AVE a Galiza custa 60 millóns.

En Vigo os datos revelan que ata o mes de agosto había 1.111 perceptoras da RISGA, ás que a Xunta vai dedicar 5 millóns de euros, isto son migallas se o comparamos cos 85 millóns que custou o novo auditorio da cidade no que non cremos que entren as 29.320 persoas paradas da cidade.

Nesta realidade sobradamente vivida e contada temos que engadir:

- Para conceder unha nova RISGA hai que dar unha baixa. Os cartos que dedica a Xunta a prestacións sociais básicas lonxe de medrar -un mísero 3% na partida para este ano- quedan estancados. Pese a que non parar de aumentar os problemas económicos en Galiza, con 22.000 fogares nos que non entra ningún ingreso.

- Deixan de concederse AES para troco de vivenda, co argumento de que en Galiza temos a (im)posibilidade de acollernos a tan efectiva política de vivenda protexida.

- O endurecemento dos requisitos de acceso. A RISGA renóvase anualmente, nestes momentos todas as renovacións míranse con lupa co obxecto de limpala de impostores. Chama a atención o rápido que avanza o discurso de que moitas das perceptoras enganan ou defraudan á administración.

Cando escoitamos verbas coma fraude ou engano gustaríanos que antes se detiveran a mirar datos como o de que as grandes fortunas e empresas evadiron no Estado Español 42.711 millóns de euros no ano 2010. Se a isto engadimos que en Galiza hai 54.000 fortunas e que elas soas teñen nos seus petos 37.500 millóns de euros. As contas saen moi ben, a mágoa é que non a nós, xa que os cartos para que vivamos con dignidade seguen nas mans dunhas poucas.

Mentres rescatan á banca dos seus descalabros por especulacións de alto risco, ou miran cara outro lado ante as grandes empresas defraudadoras, quérennos facer crer que a RISGA só a cobran persoas vagas, e mentirosas que se dedican a defraudar polo que cómpre facer limpeza. Como se os nosos problemas viñeran de que a catro avispadas lles funcionen as súas pequenas trampas e estratexias de supervivencia, pola contra gustaríanos saber como hai que facer para pasar o mes con só 400€.

Aqueles gobernantes que falan de perseguir o fraude nos perceptores de RISGA (e que tremen ante a perspectiva de declarar o seu patrimonio real) gustaríanos miralos facendo cabriolas para estirar 400€ pagando luz, auga, alimentos, vivenda...; posto que a RISGA é incompatible con outros ingresos.

E no caso de Vigo aínda temos que seguir vendo as nosas miserias encarnadas con maior crueza, na situación das persoas sen fogar que continúan sen ter o albergue na escola de hosteleria, mentres o Concello, iso si, pechou o 31 de agosto o piso de inserción para mulleres, demostrando que si hai recortes nos gastos sociais en todas as administracións públicas.

E isto fai que á oficina achéguense cada vez máis persoas/familias agobiadas pola acumulación de facturas sen pagar de auga-luz-gas, con débedas de vivenda que moitas veces rematan en desahucio, etc. Todo mentres agardan meses e meses polas escasas axudas sociais ou na mellor das situacións tiran dos lazos familiares e sociais que aínda persisten, malia a debilidade das relacións comunitarias.

Cunha situación na que cada mes aumenta o número das persoas desempregadas e empobrecidas, é urxente corrixir os beneficios das multinacionais, da Banca e das grandes fortunas. A riqueza que xeramos socialmente e que unhas poucas usurpan para si, debe recuperarse para facer fronte ás crecentes necesidades sociais.
En resumo, estamos sobrevivindo coa que está a caer pero ata cando...

Vigo, setembro 2011

Grupo Axitación Social (GAS) e Oficina Dereitos Sociais - Coia (ODS-Coia)

Fontes: Instituto Galego de Estatística (IGE) - Consellería de Traballo e Benestar - Instituto Nacional de Estadística (INE) - Sindicato de Técnicos del ministerio de Hacienda - Axencia Tributaria

15.7.11

Non á guerra nin como espectáculo - Contra o Festival Aéreo de Vigo 2011


Durante os últimos anos temos que soportar cada verán a chegada do chamado Festival Aéreo de Vigo, que non é outra cousa que o festival da guerra e o militarismo. Xa durante varios días antes do propio evento escoitamos sobre as nosas cabezas o son estrondoso da morte voando sobre nós, a máis cara e moderna tecnoloxía do ser humano fundida en máquinas cuxa única función é destruír e matar.

Aparecen ante nós mesturadas nun envoltorio de entretemento domingueiro, familiar e coa intención de fascinar á xente máis nova, a cal ten a oportunidade de experimentar nun simulador da Patrulla Águila a emoción de pilotar un caza facendo voos acrobáticos. Todo é un xogo, pero o que se esquecen de reproducir son as consecuencias dos voos dos cazas reais; ou acaso foron creados para soltar fumes de cores como nestes espectáculos? Tiveron tempo as familias bombardeadas en Iugoslavia, Iraq, Afganistán ou Libia para extasiarse e apreciar os xiros desas potentes aeronaves antes de ser aplastadas polas toneladas de metralla e entullos que deixan ao seu paso?

O Exército do Aire español participa nos bombardeos sobre Libia, xunto cos Estados Unidos e o resto de potencias da OTAN. Que clase de insensíbel e morboso Festival se pode facer en Vigo, mentres ese exército do aire bombardea poboacións indefensas nestes mesmos momentos?

A venda de armas como as que exhiben neste festival é un gran negocio para o Estado español, o cal vende en gran medida a Estados involucrados en conflitos armados como Israel, EEUU, Libia, etc. Pero por moitos beneficios económicos que algúns obteñan, estas armas seguen sendo igual de perigosas e mortíferas. Non son un motivo de festa, nin –como se pretende facer ver– instrumentos garantes da paz, como tampouco o son os exércitos. Pola contra, as nosas tropas despregadas polo mundo só buscan defender os intereses comerciais e xeoestratéxicos das potencias mundiais e as multinacionais. O belicismo susténtase en valores de violencia, obediencia cega e desprezo pola vida humana.

O exército, mediante propaganda e espectáculo, pretende insensibilizarnos ante a súa omnipresente presenza en cada vez máis aspectos da nosa sociedade, usurpando funcións que organismos civís farían máis eficazmente. O exército despraza as brigadas antiincendios nos nosos montes; aprópiase das tarefas de rescate e asistencia en catástrofes como a de Lorca; e até actúan de esquirois como sucedeu na folga dos controladores…Mentres vemos como se aplican recortes en todos os ámbitos sociais, as forzas represivas dispoñen de todos os medios ao seu servizo. É inmoral que o gasto militar no estado español sexa 50 millóns de euros ao día, ao mesmo tempo que se recortan gastos en Educación, Sanidade, Pensións, Servizos Sociais, etc.

En calquera caso, aquí e agora, non podemos aceptar que nos fagan a todas cómplices deste sucio lavado de cara do militarismo, asociando o nome da nosa cidade co que supón un festival aéreo da guerra, que se pretende lexitimar como diversión e reclamo de turistas. En vez de construír un modelo de concello máis humano, apacíbel e agradábel para as persoas que vivimos nel, os gobernantes de turno apostan por crear unha imaxe de marca dunha cidade ficticia, baleira, militarista e inhumana; privatizando os espazos públicos en connivencia cos patrocinadores e a hostalería; tentando atraer o turismo depredador que deixa molestias para todas e cartos para unhas poucas empresas, que, casualmente, son as máis explotadoras.

Esiximos que se acabe con este Festival da Guerra, non queremos a guerra nin como espectáculo. Fóra a propaganda militarista e fóra máquinas da morte dos nosos ceos.

Espazo Aberto Antimilitar

Vigo, xullo 2011

19.6.11

Contra o euro | Contra o pacto | Contra a Unión Europea

O vindeiro 27 de xuño o parlamento europeo ten previsto aprobar o “pacto pola competitividade”, rebautizado, nun intento de ocultar a súa verdadeira esencia, como “pacto do euro”.

Este pacto foi aprobado xa en consello extraordinario polos xefes de estado e goberno o 11 de marzo; e ratificado, na súa maior parte, o 19 de abril pola comisión de economía e asuntos monetarios do parlamento europeo, en medio das manifestacións de oposición que se desenvolveron en Bruxelas.

O pacto recolle unha serie de medidas encamiñadas, disque, a fomentar a competitividade que se concretan nunha imposición da moderación salarial (ligando, por exemplo, salarios a produtividade); nun maior recorte de pensións e gasto social; nunha coordinación da fiscalidade na zona euro (cun control europeo dos presupostos de cada estado, incluso antes de que estes sexan aprobados nos respectivos parlamentos); na obriga do control do déficit (incluíndoo incluso nas constitucións estatais) e, por suposto, nun endurecemento aínda maior das condicións laborais, levando a flexibilidade moito máis aló do que xa era unha situación insoportábel.

No estado español, estas medidas estanse a impoñer xa a través das sucesivas reformas que estamos a sufrir nos últimos tempos, así, a reforma laboral, a reforma das pensións, e, na actualidade, a reforma da negociación colectiva, que vén a dinamitar un dos últimos parapetos para a defensa colectiva das traballadoras. A todo isto, cómpre sumar as privatizacións, subas de impostos, recortes sociais, etc. Porén, o proceso de “axuste” non está nin moito menos rematado.

Agora ben, non estamos ante unha situación nova (cando menos no cualitativo) ou ante unha perversión do modelo europeo. Desde a súa orixe, a construción europea é a construción dun mercado e unha moeda única, onde o capital busca maximizar os seus beneficios. Elimináronse fronteiras internas para a circulación de capital e mercadorías, pero reforzáronse as fronteiras externas (e tamén as interiores, mediante lexislacións, creación de centros de internamento, etc.) para regular a circulación das persoas. Impúxose o desmantelamento dos sectores produtivos de cada territorio para forzar a dependencia do mercado e a creación de circuítos de comercialización cada vez máis longos, para maior beneficio das multinacionais da distribución. Avánzase, desde os seus inicios, no desmantelamento dos servizos públicos para entregar á explotación privada a cobertura das necesidades sociais básicas. Equipáranse os dereitos laborais e sociais de millóns de persoas mediante o intento de igualalos a cero. E, desde logo, créase un espazo único para o control e a represión social.

Deste xeito, a oposición á aprobación e imposición do pacto do euro debe ser a oposición á propia construción da Unión Europea.

Sen esquecer, iso si, que o problema non remata en Europa, senón no sistema no que esta se sustenta.

Grupo de Axitación Social
Vigo, xuño 2011

12.6.11

Acto de rúa contra o Gasto Militar e a Guerra de Libia [18.06.11]

O Espazo Aberto Antimilitar convoca o sábado 18 de xuño ás 18h30 diante do MARCO un acto de rúa contra o Gasto Militar e a Guerra de Libia.

Un ano máis, dende o Espazo Aberto Antimilitar continuamos cuestionando a existencia do exercito como institución. Tentando manter o debate sobre a súa utilidade e conveniencia, os seus fins e a súa realidade, e denunciando a crecente militarización da sociedade, así como o desproporcionado gasto humano e económico que supón o seu mantemento.

Nun contexto como o actual, de recortes tanto de dereitos, coma de inversións en certos ámbitos (eliminación de subsidios, redución de pensións, perda de poder adquisitivo, etc.) o estado español gastará no ano 2011 uns 2.006 millóns de euros só en armamento; o equivalente a manter 421.910 pensións mínimas todo un ano. Pero en total, os orzamento militares para o ano 2011 no estado español ascenden a 17.244 millóns de euros. Unha inversión un 5% menor á do ano 2010, pero que ven a representar o 4.8% do orzamento total do estado. Un dato que, ademais, debemos confrontar co descenso noutros ministerios, onde se chega a un 15,6% de recortes. E sen esquecer que, un ano tras outro, no sector militar as inversións finais superan dun xeito significativo o orzamentado.

Pero o problema dos gastos militares non é unicamente o desvío cara esta finalidade de fondos (procedentes, non o esquecemos, do noso traballo) que poderían estar sendo invertidos en obxectivos socialmente desexables, senón tamén o emprego que en si mesmos van ter. O Exercito continua a ser, e así será porque está na súa esencia, unha ferramenta dos Estados para intervir noutros territorios, mediante a súa participación en guerras ou ocupacións, de cara a defender e fortalecer os intereses económicos da clase dominante. Aos pasados exemplos de Iraq ou Afganistán, sumamos na actualidade o caso de Libia. Ocupacións todas elas de territorios xeoestratéxica e enerxeticamente cobizados, disfrazadas de supostas intervencións “ humanitarias” que profundan o empeoramento das condicións de vida da poboación civil (cando non provocan directamente a súa morte).

Porén, a actuación do exército non se limita ao exterior das fronteiras legais do Estado, senón que, sumándose ás restantes forzas de represión, é empregado para controlar tamén á poboación propia. Unha realidade esta que, se ben xa a vivimos recentemente coa militarización do espazo aéreo tras a declaración do Estado de Alarma en decembro do ano pasado, farásenos cada vez máis presente nun contexto de crise permanente e degradación universal onde a dominación pretende saír reforzada a toda costa.

Deste xeito, a oposición á persistencia dos exércitos, e ao militarismo en xeral, faise especialmente urxente nestes momentos. E a obxección fiscal é unha das ferramentas para facelo. Porque nos negamos a que un euro máis vaia dirixido a alimentar esta maquinaria.

Espazo Aberto Antimilitar


4.6.11

Palestra sobre a Serra do Galiñeiro o 9 de xuño

Xóves 9 de xuño ás 20.30 horas no CS A Cova dos Ratos (r/Romil, 3)

Charla-presentación da Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro; os seus obxectivos, actividade e ameazas inmediatas ás que se enfrenta a Serra, a cargo dun dos seus membros.

Esta presentación enmárcase na campaña pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar desenvolvida polo Espazo Aberto Antimilitar, ao ser a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro un dos destinos propostos para a campaña deste ano 2011.

12.5.11

Palestra: En Estado de Alarma. Exército nas rúas

Presentación dos libros:

- "Ejércitos en las calles. Algunas consideraciones sobre el informe Urban Operations in the year 2020 de la OTAN"

e

- "Si vis pacem. Repensar el militarismo en la época de la guerra permanente: Textos de las Jornadas Antimilitaristas de Barcelona, septiembre de 2010"

A cargo de dous membros de Bardo Ediciones (http://bardoediciones.net/) o Mártes 17 de maio ás 20 horas no CS A Cova dos Ratos de Vigo (R/Romil, 3).

Organiza: Espazo Aberto Antimilitar


O Exército continua a ser, e así será porque está na súa esencia, unha ferramenta dos Estados para intervir noutros territorios, mediante a súa participación en guerras ou ocupacións, de cara a defender e fortalecer os intereses económicos da clase dominante. Porén, a actuación do exército non se limita ao exterior das fronteiras legais do Estado, senón que, sumándose ás restantes forzas de represión, é empregado para controlar tamén á poboación propia. Unha realidade esta que, se ben xa a vivimos recentemente coa militarización do espazo aéreo tras a declaración do Estado de Alarma en decembro do ano pasado, farásenos cada vez máis presente nun contexto de crise permanente e degradación universal onde a dominación pretende saír reforzada a toda costa:

“Para os que se obstinan en pensar que o razoamento aquí detallado concierne soamente ao limes do imperio, e non ao seu centro orgánico, para os que queren de todos os xeitos proxectar a escena do conflito noutro lugar calquera con tal de que non sexa aquí, en fin, para os que aínda continúan sentíndose “en paz” co existente (ou sexa, cunha existencia de paz), no informe simúlase unha intervención da OTAN nun teatro de operacións no cal as “cidades de interese estratéxico” non son nin Teherán (Irán), nin Pyongyang (Corea do Norte), nin "como hipótese extrema" Pequín (China), senón que son as cidades francesas de Rouen, Lle Havre, Evreux e Dieppe.

O control preventivo e a represión de sublevacións ou insurreccións eventuais volveranse cada vez máis prerrogativas do exército, o cal terá que efectuar, por tanto, verdadeiras funcións de policía territorial, mentres esta se “paramilitariza”. Ademais de controlar o territorio, o exército terá que levar a cabo actividades de xestión da poboación civil: xestión física (refuxiados, evacuados, etc.) e xestión psicolóxica (control e monopolio das informacións, relacións coas autoridades locais, pero tamén con todas as realidades asociativas dispostas a colaborar).

Nesta perspectiva será necesario dotar ás forzas armadas dunha adecuada preparación para conflitos urbanos, para evitar a histórica “incoercibilidade” das “forzas rebeldes” na guerra asimétrica. Ao mesmo tempo, será preciso afacer á xente a ver aos militares patrullando as cidades, para que ninguén, por máis avezado e/ou aterrorizado que estea, arrísquese a mover un dedo (nin sequera o do medio).

Estamos a nos dirixir cara a un “Estado militarizado”. Tanto as tropas asignadas a Pianura (Nápoles) como as que están en Via Padova (Milán) lémbrannos que, de feito, o ano 2020 non está tan lonxe.”

De bardoediciones.net

http://www.nonaogastomilitar.org/

5.5.11

Mesa redonda e presentación “Ninguén sobra nunha crise”

Nela participarán:

- Eduardo Romero. Colectivo Cambalache (Asturies)

- Mari Fidalgo. Foro da Inmigración (Compostela)

- Diego Lores . Oficina de Dereitos Sociais - Coia (Vigo)

Será o martes 10 de maio ás 20h30 na Cova dos Ratos (Romil, 3 - Vigo). O xoves 12 de maio ás 19h00 teremos mesa tamén en Compostela na biblioteca Ánxel Casal.

“A destrución…espectacular de emprego nos dous últimos anos, con taxas de desemprego da poboación inmigrante superiores ao 30% e que chegan a triplicar ás da poboación autóctona, confirman o papel que xogaron como poboación excedentaria que debe acudir no momento en que se precisa e é abandonada á súa sorte cando se acaba o período de crecemento”

Eduardo Romero: “Un deseo apasionado de trabajo más barato y servicial. Migraciones, fronteras y capitalismo”

A situación descrita por Eduardo Romero no seu libro sérvenos de base para ollar cara a realidade actual. Pero ademais do paro e as dificultades económicas é necesario engadir o control de fronteiras, as políticas de retorno ou a humillación da identificación en calquera hora e lugar simplemente por ter unha cor de pel diferente. Por este motivo xurde a Campaña Ninguén sobra nunha crise do Foro Galego da Inmigración. Esta campaña ten como obxectivo fundamental evidenciar a situación na que se atopan as persoas migrantes ante a situación de crise e en concreto ante os recortes dos dereitos sociais que conlevaron as políticas de enfrontamento á mesma.

Na presentación da Campaña contaremos coa presencia de Eduardo Romero, investigador do colectivo asturiano Cambalache. Ademais do libro anteriormente citado Eduardo ten editados materiais sobre “migracións e desenvolvemento”, intereses das multinacionais ou lei de extranxeiría. Por outra banda ten participado en campañas contra a represión das persoas migrantes en Asturias.

A Oficina de Dereitos Sociais tentará achegar a realidade do mundo dos servizos sociais, que en tempos de crise queda espido amosando que as respostas que propón para aqueles que veñen sufrindo as miserias do sistema capitalista son de tipo superficial e que se dirixen a manter a orde establecida. Na relación con ese sistema as persoas migrantes sofren coma outros colectivos os atrasos nas tramitacións de prestacións básicas, a insuficiencia de recursos, a perda de dereitos sociais, etc.

Participa na organización o Grupo de Axitación Social (GAS) que comparte coa Oficina de Dereitos Sociais campañas de denuncia sobre os recortes sociais que sufrimos nos últimos tempos.

A utilización de man de obra barata, o endurecemento da lexislación sobre migracións, a utilización mediática da chegada de novas persoas migrantes e a saída á luz de sentimentos e actitudes xenófobas serán algúns dos temas que se tratarán nesta mesa redonda, a través da cal pretendemos reflexionar sobre as consecuencias que o sistema capitalista ten sobre todas as persoas explotadas e dar a coñecer o traballo dos diferentes colectivos que participan.

30.4.11

Carta sobre os cegos para uso dos que ven

“Isto é un chamamento. É dicir que se dirixe aos que o escoitan. Non faremos o esforzo de demostrar, de argumentar, de convencer. Iremos á evidencia

Chamamento e outros fogonazos.

Se a política é a guerra por outros medios, qué lugar queda entón para a economía. Sen dúbida o mellor de todos, o do noso desafecto. Con todo, non é suficiente. A medida que a dominación vai gañando terreo, a economía tende a se volver evidente e sutil por igual.

É por iso que en tempos de crise a atracción polo traballo é máis forte que a atracción por liberarse, solapando de paso un desexo por longo tempo aprazado. A causa da emancipación é a causa nunca resolta até o momento. E todo indica o seu estancamento definitivo de persistir o actual estado de cousas, alí onde reinen as condicións modernas de produción. Nomeadamente por todas partes.

De feito, esas mesmas condicións que fixeron posíbel o advento da ditadura do capital fixeron posíbel a derrota dos seus inimigos declarados. A saber, co triunfo da democracia e en consecuencia do mercado revelouse a súa verdadeira natureza totalitaria, en guerra aberta contra todo e contra todos. Desta maneira debutou a banda sonora da súa vitoria, por sempre repetida até a saciedade.

Así as políticas destinadas a menoscabar os últimos redutos do consenso obteñen como resposta unha vulgar representación estereotipada de nós propias. Un exercicio voluntarista que leva ao extremo as nosas máis íntimas contradicións. Os novos aires de malestar social semellan non traer unha modificación substancial nos nosos comportamentos, se non é favorecendo a súa parte negativa. O gusto por desertar das nosas obrigas no momento presente.

Se o final dunha época perfila no seu ocaso as liñas xerais da que está por chegar, nada habería que dicir dos tempos que se aveciñan que non sexa aterrador. Porque na actualidade estase a experimentar con réximes no ámbito da produción que en nada desmerecen ao universo concentracionario tantas veces recorrente na literatura de anticipación, coa salvedade de que xa non só se trata de palabras senón aínda mellor de feitos. Do perverso uso de sofisticados métodos de encadramento que faciliten prolongar a desolación no medio asalariado. Ese e non outro é o cometido dos últimos asaltos contra a lexislación laboral.

O paradoxo reside en que ninguén parece percibilo. Na súa completa normalidade fóra de toda lóxica. É entón que se fai urxente, por necesario, recapacitar sobre os fundamentos mesmos da ideoloxía do poder, en tanto que ideoloxía e en tanto que poder, para interromper a súa administración sobre a vida das persoas. O perigo de ser engulidos por un mundo que xa deu todo de si só é comparábel ao perigo de formar parte do mesmo no preciso instante do seu afundimento. Negar esta evidencia é negar a posibilidade de se armar sobre as ruínas. As nosas propias ruínas.

Grupo de Axitación Social

Vigo, maio 2011.

26.4.11

Acto de presentación da campaña contra o gasto militar e pola obxección fiscal [26.04.11]

O vindeiro martes 26 de abril dende o Espazo Aberto Antimilitar convídamos a asistir/participar no acto de presentación da campaña contra o gasto militar e pola obxección fiscal 2011.


Este ano a campaña leva por título: “Eles non o farán, fagámolo nós: Recortemos o Gasto Militar" na que animamos a obxectar aos gastos militares na declaración da renda.


A charla será o martes 26 de abril ás 20h30 na Escola Popular Galega (rúa Real, 12 baixo - Vigo). Nela presentaremos a campaña, os datos sobre gasto militar, os destinos propostos para este ano, ademais de ter espazo para resolver as vosas dúbidas sobre OF.

www.nonaogastomilitar.org

“Eles non o farán, fagámolo nós: Recortemos o Gasto Militar”

Un ano máis, dende o Espazo Aberto Antimilitar continuamos cuestionando a existencia do exercito como institución. Tentando manter o debate sobre a súa utilidade e conveniencia, os seus fins e a súa realidade, e denunciando a crecente militarización da sociedade, así como o desproporcionado gasto humano e económico que supón o seu mantemento.

Nun contexto como o actual, de recortes tanto de dereitos, coma de inversións en certos ámbitos (eliminación de subsidios, redución de pensións, perda de poder adquisitivo, etc.) o estado español gastará no ano 2011 uns 2.006 millóns de euros só en armamento; o equivalente a manter 421.910 pensións mínimas todo un ano. Pero en total, os orzamento militares para o ano 2011 no estado español ascenden a 17.244 millóns de euros. Unha inversión un 5% menor á do ano 2010, pero que ven a representar o 4.8% do orzamento total do estado. Un dato que, ademais, debemos confrontar co descenso noutros ministerios, onde se chega a un 15,6% de recortes. E sen esquecer que, un ano tras outro, no sector militar as inversións finais superan dun xeito significativo o orzamentado.

Pero o problema dos gastos militares non é unicamente o desvío cara esta finalidade de fondos (procedentes, non o esquecemos, do noso traballo) que poderían estar sendo invertidos en obxectivos socialmente desexables, senón tamén o emprego que en si mesmos van ter. O Exercito continua a ser, e así será porque está na súa esencia, unha ferramenta dos Estados para intervir noutros territorios, mediante a súa participación en guerras ou ocupacións, de cara a defender e fortalecer os intereses económicos da clase dominante. Aos pasados exemplos de Iraq ou Afganistán, sumamos na actualidade o caso de Libia. Ocupacións todas elas de territorios xeoestratéxica e enerxeticamente cobizados, disfrazadas de supostas intervencións “ humanitarias” que profundan o empeoramento das condicións de vida da poboación civil (cando non provocan directamente a súa morte).

Porén, a actuación do exército non se limita ao exterior das fronteiras legais do Estado, senón que, sumándose ás restantes forzas de represión, é empregado para controlar tamén á poboación propia. Unha realidade esta que, se ben xa a vivimos recentemente coa militarización do espazo aéreo tras a declaración do Estado de Alarma en decembro do ano pasado, farásenos cada vez máis presente nun contexto de crise permanente e degradación universal onde a dominación pretende saír reforzada a toda costa.

Deste xeito, a oposición á persistencia dos exércitos, e ao militarismo en xeral, faise especialmente urxente nestes momentos. E a obxección fiscal é unha das ferramentas para facelo. Porque nos negamos a que un euro máis vaia dirixido a alimentar esta maquinaria.

Espazo Aberto Antimilitar

Vigo, abril 2011

www.nonaogastomilitar.org

Charla: "Autoorganización e loita fronte á exclusión capitalista" [25.02.11]


Venres, 25 de febreiro, ás 20 h. no CS A Cova dos Ratos (r/Romil, 3 baixo) de Vigo:

Charla: "Autoorganización e loita fronte á exclusión capitalista: Cooperativas, Proxectos formativos, Iniciativas de Desenvolvemento Comunitario".

A cargo de:

- Toni e Amalia (Coordinadora de Colectivos Parke Alcosa de Valencia)

- Emiliano Tapia (Asociación Desenvolvemento Comunitario do barrio de Buenos Aires – Salamanca)

- Manolo e Mariajo de Zambra (Asociación de ámbito estatal para o apoio de iniciativas sociais e comunitarias).

Organizan: Grupo de Axitación Social, Oficina de Dereitos Sociais de Coia e Baladre.


Programa do resto do Encontro:

http://odscoia.arkipelagos.net/content/encontro-de-baladre-en-coia-vigo-252627-de-febreiro

Na defensa...das nosas vidas! [27-01-11]

Na defensa...das nosas vidas!

Porque iso é o que está en xogo.

Estásenos a presentar un futuro de afondamento na explotación xa presente.

Cun mercado de traballo onde os mínimos dereitos conseguidos ao longo da historia, serán iso, historia. Onde teremos que vender a nosa forza de traballo durante 40 anos para cobrar una pensión, que se poderá chamar digna, quizais, para quen fai da necesidade unha virtude. E deberemos ter cotizados como mínimo 15, quizais 20, ou xa veremos cantos anos, para ter dereito a unhas migallas.

Non sabemos cantos contratos teremos que acumular para acadar isto no mercado de traballo da precariedade e o libre despedimento. O que si sabemos, porque o estamos a vivir xa, é que será nun entorno de traballo cada vez máis hostil, máis explotador, peor pagado, e onde perderemos incluso a capacidade de decisión sobre a distribución do noso tempo, grazas á implantación de horarios e calendarios “flexíbeis”. Onde non teremos nin sequera xa, nin a posibilidade de conseguir pequenas melloras a través da incidencia nos convenios colectivos.

Neste contexto, apelar á negociación, ao “arrimar o ombreiro”, ou a loitar por ter dereito a facérmonos un oco na engrenaxe deste sistema, supón case ben, un chamamento ao suicidio colectivo.

Os dereitos polos que cabe loitar son, en todo caso, os de non ser explotadas/os. O dereito a ter cubertas as nosas necesidades. A que, entre outros, o acceso á vivenda, á cobertura sanitaria, e incluso a bens absolutamente esenciais como a auga, sexa un dereito, e non un gran negocio. A recuperar a capacidade de decisión e o control sobre as nosas vidas. E a que a propia loita por estes dereitos non sexa reprimida e criminalizada.

A nosa loita non pasa porque nos deixen seguir producindo unha riqueza que, a maiores dos prexuízos causados na súa creación, lonxe de beneficiar ao conxunto da sociedade, é apropiada e malversada por unhas poucas mans.

O noso obxectivo non pode ser convertérmonos nunha peza máis dunha engrenaxe que nos espremerá durante toda a vida.

Senón parala.

Xa.

Grupo de Axitación Social, xaneiro de 2011.

Texto repartido en Vigo durante as manifestacións sindicais do 27 de xaneiro.

Acción en Vigo de cara a Folga Xeral do 27 de xaneiro [01.11]


Nos últimos días varios milleiros de automóbiles, estacionados en diferentes rúas de Vigo, atopáronse cunha inusitada multa nos seus parabrisas. A sanción imposta supón traballar até os 67 anos, con contratos cada vez máis precarios, despedimento libre e barato. En tanto que desempregada aceptar un control exhaustivo ou someterse aínda máis á explotación das ETT´s. Para alén diso cumplir co requisito de ter máis de 15 anos cotizados de cara a cobrar unha mísera pensión computada sobre os últimos 20 ou 25 anos traballados, pagar máis impostos directos e indirectos, esquecerse de subsidios e prestacións ou a perda de cobertura de dereitos sociais como son a educación e a sanidade grazas a súa progresiva privatización. No reverso da multa ábreselle á infractora a posibilidade de recurso mediante a súa participación na folga xeral convocada para o 27 de xaneiro así como unha serie de propostas de accións para as que non poidan secundala.

Esta acción ten como obxectivo a activación social de cara a participación na xornada de loita e folga xeral do 27 de xaneiro. Para quen queira difundir ou facer a acción na súa rúa, barrio, etc. pódese descargar unha copia en A3 (8 multas) dun arquivo listo para imprimir desde a seguinte ligazón: http://www.megaupload.com/?d=JEYAQK0Z

De: http://prod.galiza.indymedia.org/gz/2011/01/25218.shtml




Mesa redonda informativa: Ante as últimas reformas, cales son os nosos dereitos laborais e a cobertura social actual? [20.01.11]

Cunha nova reforma laboral xa aprobada, unha reforma do sistema de pensións en proceso de negociación (con vistas a aprobarse o 28 de xaneiro) e un continúo recorte de prestacións e dereitos sociais, faise patente que se lexisla en contra dos nosos intereses. Por suposto, non somos informadas: Ante as últimas reformas, cales son os nosos dereitos laborais e a cobertura social actual?

Mesa redonda informativa:

- Reforma laboral e das pensións. Novidades introducidas polas reformas e marco de dereitos actual.

Ricardo Castro e Isidro Román, membros do espazo unitario de mobilización social e representantes sindicais.

- Prestacións sociais. Prestacións existentes, requisitios de acceso, e políticas de recorte.

Diego Lores, Oficina de Dereitos Sociais de Coia

Xoves 20 de xaneiro, ás 20:30 h. no Salón Parroquial do Cristo da Vitoria (r/ Baiona nº9, liñas C3,C4A,C4B...)

Organiza: Espazo unitario de mobilización social.

Presentación do libro "Aprendiendo a decir no. Conflictos y resistencias en torno a la actual forma de concebir la ciudad de Granada" [04.01.11]

Presentación do libro "Aprendiendo a decir no. Conflictos y resistencias en torno a la actual forma de concebir la ciudad de Granada"

A cargo de Juan Rodríguez Medela, membro do Grupo de Estudios Antropológicos "La Corrala" de Granada (http://gealacorrala.blogspot.com/) e co-autor do libro.

O martes 4 de xaneiro de 2011 ás 20:30 horas no CS "A Cova dos Ratos" de Vigo (r/Romil, 3 baixo)

Organiza: Grupo de Axitación Social


"Baixo o título Aprendiendo a decir No. Conflictos y resistencias en torno a la forma de concebir y proyectar la ciudad de Granada aglutínanse os aspectos fundamentais da investigación levada a cabo entre o outono de 2006 e a primavera de 2009 sobre os procesos de transformación que actualmente vive a metrópole de Granada e as confrontacións que estes causan.


Neste libro pretendemos analizar e interpretar a posta en práctica das diversas estratexias, tanto no ámbito económico coma no social, o político e o cultural, que entran en xogo nos procesos de concepción e transformación da cidade, sexa desde o punto de vista das que accionan –empresas, entidades públicas, propietarias, etc.- ou desde a perspectiva das que responden ante este tipo de intervencións –asociacións, colectivos, veciñas, inquilinas, etc.- Aínda que estes procesos non van necesariamente unidos a conflitos sociais, si é bastante factíbel que algunhas das persoas ou colectivos saian desfavorecidas neste tipo de transaccións, sen que iso signifique a activación necesaria dunha forza social. A pesar de que se trata dun procedemento que se dá en multitude de lugares do espazo xeográfico estatal –tamén na maior parte do mundo onde hai un choque de intereses entre as diferentes clases sociais–, este estudo centrouse na cidade de Granada, entre os anos 1990 e 2008, de aí o seu carácter diacrónico.

Os procesos de concepción e transformación da cidade de Granada repítense en moitas urbes do Estado español de características máis ou menos similares, como xa apuntamos. Isto débese a que se trata dun modelo xeneralizado asentado sobre idénticos piares: a habitación do espazo, vinculada á vivenda e aos servizos e a mobilidade, vinculada ás grandes infraestruturas do transporte.

Estes procesos, estruturalmente interrelacionados, son basicamente dous: a reforma urbana, coas conseguintes consecuencias de gentrificación en barrios coma en Albayzín, e o crecemento/expansión da cidade que se reflicte na implantación de grandes infraestruturas e conglomerados urbanísticos, coma o peche da primeira circunvalación ou a expansión polo este-norte, tras case finalizar a apropiación do solo en La Vega granadina.

As dinámicas derivadas deste modelo de cidade son a actual Área Metropolitana de Granada, a modo de aglomeración urbana (centro-periferia), composta por un cinto de máis de trinta municipios e a sectorización xeográfica.

Entre os impactos máis xerais desta ordenación territorial destacan a ruptura das redes sociais (desestruturación comunitaria e segregación social) e o deterioro/destrución do medio natural. Isto, no ámbito local de Granada, tradúcese, entre outras cousas, nunha revitalización económica sectorial da urbe; a orientación de cara ao turismo de determinados barrios coma os de Sacromonte e Albayzín (transformación de casas veciñais en hoteis, substitución de comercios, preponderancia da imaxe sobre a habitación do espazo); financiamento público de fins privados a través de certas axudas á rehabilitación; a desaparición da contorna natural periurbana coma o Monte del Loro; a motorización e a cementación de espazos coma o Paseo de la Fuente de la Bicha; etc.

Independentemente da diversidade de frontes relacionados con este tipo de procesos tomamos tres deles, principalmente, coma factores de análise do obxecto de estudo. En primeiro lugar, as estratexias dos axentes do solo, tanto os do sector privado coma os do sector público; en segundo lugar, a xestión por parte do goberno, local e/ou autonómico, das políticas públicas sobre a ordenación urbana do territorio á hora de favorecer ou dificultar este tipo de procesos; e por último, as diversas formas de resposta organizadas por parte de individuos e/ou grupos ante unha situación próxima de virar insostíbel.

Con todo isto, o resultado xeral foi unha cartografía da diversidade de conflitos urbanísticos e veciñais abertos en Granada e a súa área metropolitana, interrelacionándoos entre si e contextualizándoos nun conflito de maiores dimensións que pasou a denominarse “violencia urbanística”, xunto co de “forza social”. E máis especialmente, o resultado é unha análise detallada a través de estudos de caso dalgunhas das diversas formas de organización e prácticas dos movementos sociais autónomos, ou menos institucionais, que están activos en Granada.

RODRÍGUEZ MEDELA, Juan y SALGUERO MONTAÑO, Óscar. 2009. “Aprendiendo a decir NO. Conflictos y resistencias en torno a la formas de concebir y proyectar la ciudad de Granada”. Asociación de Estudios Antropológicos ‘La Corrala’, Granada. ISBN-13:978-84-613-5396-5"

Presentación de "Caminando hacia el abismo, historia de una generación" [16.12.10]

Presentación do libro "Caminando hacia el abismo, historia de una generación" a cargo do seu autor José M. Botana Cao "Boti" o xoves 16 de decembro ás 20.30 horas no CS "A Cova dos Ratos".

A obra foi editada polo Periódico Anticarcelario “Punto de Fuga” e a Biblioteca Antiautoritaria “Frakaso escolar” en setembro de 2010. Nas súas páxinas, baixo a forma dunha novela, atopamos unha meditación sobre a xeración rebelde da transición, cos seus sonos e as súas miserias, a súa brutalidade e a súa solidaridade profunda.

Organiza: Distribuidora Lapsus

Silencio! Recórtase [12.11]


A crise que sufrimos non é produto dun mal funcionamento ou dunha mala situación, é a consecuencia normal do seu bo funcionamento, canto máis rápido vai a locomotora máis xente sae despedida dos vagóns e máis veces descarrila.”

Precarias en loita

Vimos falando desde hai anos da desigualdade e pobreza á que nos condena o sistema capitalista. No mundo dos servizos sociais observamos que esa fenda cada día é máis grande condenando a malvivir a unha maioría, poñendo de manifesto que as reformas non serven para nada nunha estrutura perversa.

En Vigo os datos reflicten con crueza esta realidade:

- 70000 viguesas son pobres

- 28000 están no paro

- 9000 familias viven da caridade

- Máis de 300 persoas sen fogar

Se imos aos datos de Galiza a situación non mellora:

- 15% das galegas están no paro

- 25% das traballadoras cobran menos de 600 €

- 13% dos fogares son pobres

- 73% das persoas entre 18 e 29 anos viven cos pais

Este panorama só semella ir a peor, pero volvendo ao mundo do chamado Benestar os datos alarman:

- Anuncian recortes dun 12% no Plan Concertado co cal o goberno estatal destina cartos aos municipios para axudas sociais, contías que son moi importantes para desenvolver servizos básicos como a axuda no fogar ou para programas que loitan contra a exclusión social.

- Os orzamentos da Xunta para 2011 sofren un 5,5% de recorte en gasto social, o que implica, por exemplo, a que só cobrarán axudas 1600 das 20000 dependentes recoñecidas que terán que agardar.

- A reforma da RISGA non implicará maior gasto a pesar de que o número de solicitudes non para de medrar. Preocupa tamén que aos risgueiras lles queiran obrigar -coa nova reforma- a prestar servizos comunitarios sen máis compensación que o cobro da axuda.

Ante isto o único que queda é resistir e seguir na construción dunha sociedade baseada na xustiza, na igualdade e nunha relación de respecto e harmonía coa natureza.

Por iso apostamos por xuntarnos, organizarnos e reclamar o que é noso (que ben sendo de todas), un reparto xusto da riqueza en base ás necesidades da sociedade a través dunha Renda Básica no marco dos chamados Dereitos Sociais Fundamentais, como a vivenda, o transporte, a soberanía alimentar, o dereito a traballar na propia terra, e un longo etc.

Vigo, novembro 2010

ODS-Coia (Oficina Dereitos Sociais – Coia) e G.A.S. (Grupo Axitación Social)

Charla: "Afganistán, a súa realidade, vivida e contada polas mulleres" a cargo de Mitra (RAWA) [11.12.10]

O Espazo Aberto Antimilitar co fin de achegar a terrible situación na que se atopa a poboación afgana vítima de anos de guerra organiza unha charla que leva por título:

"Afganistán, a súa realidade, vivida e contada polas mulleres" a cargo de Mitra, activista de RAWA (Asociación Revolucionaria das Mulleres de Afganistán).

Será o sábado 11 de decembro

ás 19h30 no CSA "Cova dos Ratos"

(Romil 3, Vigo).

Máis información: www.nonaogastomilitar.org

Presentación de Mitra Shomal:

Nacida en Kabul en 1984, Mitra Shomal trasladouse xunto a súa familia ao exilio afgán para sobrevivir no Paquistán.

O goberno monicreque ruso remataba de caer e comezaba a guerra entre faccións do 1992. A súa nai uniuse a "Asociación Revolucionaria dás Mulleres de Afganistán (RAWA, www.rawa.org) e comezou a dar clases nas escolas da organización.

Mitra formouse naquelas escolas, onde aprendeu ás materias habituais, mentras tomaba conciencia sobre a traxedia das mulleres afgás e a necesidade de loitar contra as causas de tantas miserias. Con 16 anos, ingresou en RAWA e comenzou o activismo "para apoiar ao pobo descalzo e traballar pola construción dun Afganistán laico, democrático e libre".

En 2007 licenciuse en psicoloxía pola Universidade de Kabul e actualmente desempeña diversas responsabilidades no seo de RAWA, como impartir clases, recompilar datos sobre violacións dos Dereitos Humanos e distribuír publicacións clandestinas por todo Afganistán.

Mural en Vigo "Agora e sempre, OTAN NON" [11.10]



Esta semana celébrase en Lisboa unha reunión da OTAN e por iso diferentes grupos antimilitares de Portugal organizan un contracumio para amosar o seu rechazo a esta organización criminal.

A fin de semana apareceu nas paredes da Panificadora na rúa Falperra de Vigo, chegando ao Paseo de Alfonso un mural co lema: "Agora e sempre, OTAN NON" e no que animaba a sumarse ás mobilizacións que se van facer na capital portuguesa na fin de semana do 19 ao 21 de novembro.

http://www.nonaogastomilitar.org

Fotos do acto contra a OTAN en Vigo o [20.11.10]



Acto de rúa contra o OTAN [ 21.11.10]

Sábado 20 de novembro, ás 18:00 horas no cruce de Colón con Principe

Acto de rúa contra a OTAN

Convoca: Espazo Aberto Antimilitar

Máis info:

http://www.nonaogastomilitar.org/

http://antinatoportugal.wordpress.com/


Coincidindo coa celebración do cumio en Lisboa da organización militar que leva por nome OTAN queremos manifestar:

Desde a fin da chamada Guerra Fría, dito organismo reinventouse a si mesmo como unha ferramenta para a acción militar da intitulada “comunidade internacional”. Porén, trátase dun medio de natureza exclusivamente militar co obxecto de arbitrar medidas excepcionais en caso de conflito armado. A OTAN foi ideada polos Estados Unidos de Norteamérica para un fin moi concreto –a guerra- e conta con bases militares por todos os continentes, ninguneando o control da ONU e mesmo do dereito internacional, acelerando a militarización da sociedade e incrementando o gasto en armamento dos respectivos gobernos aliados. Aspecto a ser tido moi en conta xa que os países da OTAN representan o 75% dos gastos militares a escala planetaria.

En Europa a OTAN está agravando tensións que se crían superadas, alimentando a carreira armamentística con toda clase de útiles de combate, un enorme arsenal nuclear e unha industria militar en constante evolución. Non é un secreto para ninguén que as políticas da UE están cada vez máis vencelladas ás necesidades da propia OTAN. A potencial expansión da Alianza Atlántica a Europa oriental e incluso alén ou as coñecidas como operacións “fóra de área”, están a facer do mundo un lugar inhóspito. Cada avance da OTAN en materia de coalicións aumenta o risco de guerra, incluído o perigo dunha confrontación nuclear.

Máis o escenario bélico non se debuxa tan só fora das fronteiras da UE ou dos EEUU. No informe “Operacións urbanas no ano 2020” da OTAN simulase unha intervención da organización militar nun teatro de operacións no que as “cidades de interese estratéxico” non son nin Teheran nin Islamabad, se non cidades do Estado francés. Os resultados da inconsciencia desta sociedade están acumulándose ata chegar a por en perigo a súa propia seguridade material, a cal supuña a súa única xustificación, deixando un rastro de podremia e miseria no seu propio centro orgánico. O informe apunta que baixo a perspectiva do suposto desenvolvemento dunha guerra asimétrica o control preventivo e a represión dos conflitos sociais volveranse cada vez máis prerrogativas dos exércitos. A intervención militar do Estado francés perante as revoltas da periferia parisiense no ano 2005, a aprobación da intervención das forzas armadas mediante decreto lei no contexto da “crise do lixo” do Estado italiano no 2008 ou a actuación do exercito grego durante as folgas deste derradeiro ano demostran a seriedade dos pasos dados por a clase dominante neste camiño.

Polo que respecta ao Estado español, dende a súa incorporación á OTAN mediante a farsa dunha consulta popular no ano 1986, áchase supeditado aos intereses xeoestratéxicos da Alianza, eludindo calquera tipo de responsabilidade -individual ou colectiva-, ben sexa no despregue de tropas alí onde se precisen: Afganistán, Líbano, Somalia, Forzas de Resposta da OTAN, ben facilitando recursos loxísticos (espazo aéreo, subministros), ben coa venda de armas a países en conflito (Israel) ou opresores dos seus propios pobos (Marrocos, Arabia Saudí, Colombia, Turquía). Todo isto baixo o pretexto da seguridade internacional e o reforzamento dunha falsa idea de democracia.

No seu próximo cumio, en Portugal, a OTAN tomara decisións sobre unha nova estratexia. A nova táctica incluirá a continuación da guerra en Afganistán, as intervencións contra outros países, a expansión cara Oriente e o Norte e a continua instalación de armas nucleares. A ameaza mais considerable é que a utilización e modernización do armamento nuclear continuará a ser unha parte central da nova estratexia.

Para mellor acadar o noso obxectivo, en tanto que Espazo Aberto Antimilitar, rexeitamos as fórmulas militares á proliferación de crises territoriais, entendendo que estas son parte do problema non parte da solución. Negámonos a vivir baixo o terror permanente da ameaza nuclear e dunha outra carreira de armamento. Temos a obriga de eliminar os gastos militares, empregando tales recursos a satisfacer as necesidades humanas máis básicas. Pularemos por pechar todas as bases e estruturas militares que dan cobertura a intervencións de carácter bélico. Aliás, debemos desmilitarizar as relacións entre pobos para así establecer novas formas de convivenza baseadas na solidariedade e no apoio mutuo.

Espazo Aberto Antimilitar, 2010.

Palestra: "Contra a reforma laboral, autoorganización laboral e barrial." [26.1010]

Fronte á recén aprobada reforma laboral, en Barcelona organizouse un movemento social de base, no que podemos atopar comités de barrio e de fábricas, a chamada "assemblea de barcelona", ou o "moviment del 25" (motor da okupación do banco español de crédito), que continúan a súa actividade, máis aló do 29 de Setembro.

A presenza en Vigo dun integrante destes movementos, daranos a oportunidade de coñecer de primeira man a xénese dos mesmos, as súas formas de organización, as liñas de traballo actuais, e as súas perspectivas cara o futuro.

26 de Outubro ás 20:30h

Escola Popular Galega (rúa Real, nº12)

Organiza: GAS (Grupo de Axitación Social)

Máis información:


a assemblea de barcelona
http://assembleadebarcelona.wordpress.com/

moviment del 25 (da okupación do banco)
http://movimentdel25.org/

axencia de medios do 29S (diferentes colectivos de información (directa, radios libres) xuntáronse para facer un seguimento en vivo do 29)
http://29-s.net/

Palestra: Campaña e movilizacións contra o cumio da OTAN en Lisboa [23.10.03]

Palestra: "Presentación da campaña e mobilizacións contra o cumio da OTAN en Portugal en Lisboa 15-21 nov" na que contaremos coa presenza das compañeiras portuguesas de PAGAN (Plataforma Anti-guerra, Anti-nato) que presentaran as mobilizacións en contra do cumio da OTAN a celebrar en Lisboa entre o 15 e o 21 de novembro.

A presentación será o sábado 23 de outubro a partires das 20h30 na Cova dos Ratos (Romil 3 -Vigo).

Máis información:

http://antinatoportugal.wordpress.com/

Fronte aos recortes sociais, tomemos as rúas [09.10]

Desde o inicio da crise económica no ano 2008 a clase dominante a través dos seus medios de comunicación comezou unha campaña propagandística masiva acerca do significado, alcance, causas e consecuencias da mesma. O obxectivo é obvio: preparar un escenario propicio para executar unha serie de recortes sociais e laborais que fortaleza, aínda máis, a súa capacidade de acumulación de capital. Négase que o capitalismo, polas súas propias características intrínsecas, sexa un sistema económico en crise case permanente e preséntase a recesión como un acontecemento excepcional, cando á inversa, o verdadeiramente insólito foi o período de acumulación salvaxe que a precedeu.

O capitalismo sempre saíu fortalecido e reconstituído das crises e estas, no fondo, non son máis que unha oportunidade para afondar nas relacións de dominación social. Cando falan de procurar a estabilidade estanse a referir unicamente á salvagarda dos intereses de certos grupos da clase dirixente. A proba disto témola en que no ano 2009 o gasto militar continuou en ascenso, témola nas axudas estatais aos bancos e ao sector da automoción ou en que a construción de todas as infraestruturas estratéxicas (o AVE, a ampliación do porto e o aeroporto, etc.) están a solventar calquera problema de financiamento que se lles presente.

A necesidade da clase dirixente de manter e aumentar o seu nivel de beneficios despraza o problema da creación de valor ás oprimidas. Se xa no comezo da recesión sufriamos a aprobación dun ERE tras outro, co avance e consolidación do discurso dominante sobre a crise os recortes laborais e sociais semellan imparables. Antes do verán, o goberno anunciaba que se conxelarían as pensións no ano 2011 así como que se produciría unha reforma do sistema de pensións que prevé ampliar o ano de xubilación até os 70 e o mínimo de anos cotizados necesarios para poder ter dereito á mesma. Recortábase, tamén, o salario das empregadas do sector público un 5% e, polas mesmas datas, o ministerio de sanidade anunciaba que o COPAGO e, polo tanto, a privatización da sanidade (algo que xa estamos a vivir na nosa cidade coa construción do novo hospital) estaba enriba das súas mesas.

O 9 de setembro ratificábase no congreso dos deputados unha nova reforma laboral: redúcense as indemnizacións por despedimento e ampliación das condicións para executalo; xeneralízase a flexibilidade das condicións do traballo; precarízase aínda máis as condicións da contratación xuvenil; amplíase o campo de actividade e o poder das Empresas de Traballo Temporal en sectores nos que até o de agora estaban vetadas; aumentan as restricións e as condicións de cara ao cobro da prestación por desemprego, etc.

O paro preséntase non só coma novidade senón tamén coma falsa coartada á hora de impoñer algunhas das medidas reflectidas na reforma laboral, como é caso dun maior abaratamento do despedimento. Cómpre recordar que xa moito tempo antes da recesión económica o número de persoas en paro, en risco de exclusión ou afundidas na pobreza aumentaba considerablemente. O paro é un epifenómeno inherente ao grao de desenvolvemento actual das sociedades industriais. A competencia interempresarial nun mercado mundial esixe un proceso de innovación tecnolóxica constante que faga aumentar o ritmo xerador de beneficios, o cal non permite unha política de investimentos que absorba a forza de traballo eliminada coa automatización. O resultado é que as traballadoras son empurradas á periferia da produción e o paro convértese, desde hai décadas, nunha importante arma en mans da dominación, polo que toda medida ou política presentada desde o poder para presuntamente palialo é pura propaganda.

A necesidade de resistirmos esta ofensiva pasa por desenvolver unha crítica ao sistema capitalista no seu conxunto que evite caer no propio discurso dominante que pretende cerrar filas tras a ideoloxía do progreso, desde unha crítica parcial ao mesmo a partires simplemente da crise actual. É doado botar unha sinxela ollada aos supostos anos de opulencia para ter a certeza de que xa nos envolvían daquela unhas circunstancias críticas: a precariedade económica e afectiva, o illamento, a exclusión e o aumento da pobreza, a alta velocidade e o estrés, o consumismo e a construción de novos centros comerciais, a dependencia das tecnoloxías e a extensión da represión e do control social, a destrución do medio rural e o litoral, o envelenamento do aire, da auga e da terra, a expansión dos territorios en guerra, etc.

Resistir a este maremoto de recortes sociais esíxenos evitar o simulacro da protesta, da negociación e dos pactos e debe apostar por unha confrontación total e permanente contra a dominación. Nese camiño temos que buscar formas de loita, resistencia e colaboración que nos permitan construír unha sociedade radicalmente diferente á que padecemos.

Fronte a toda esta conxuntura seguimos a defender unha vida plena, tanto no eido social como no individual, baseada na xustiza, na igualdade e nunha relación de respecto e harmonía coa natureza. Onde os nosos dereitos sociais básicos (alimento, saúde, vivenda, etc.) non dependan da posibilidade de ter ou non un salario; onde non teñamos que abandonar a nosa terra para poder sobrevivir nin ter que depender das normativas dos Estados para poder ter liberdade de movemento; onde se constrúa comunidade baseándose na proximidade, na autosuficiencia e na horizontalidade; onde, en definitiva, só o mellor sexa o suficiente.

Grupo de Axitación Social, setembro de 2010.

Charla "A Crise: quen se beneficia da mesma e a quen benefician as políticas para erradicala?". [23.09.10]

Charla "A Crise: quen se beneficia da mesma e a quen benefician as políticas para erradicala?".

A cargo de Francisco Ferrer do Seminario Taifa de Economía Crítica de Barcelona.

A debilidade da economía local está servindo para asentar o poder dos grandes capitais. O alto nivel de paro e precariedade permite ao sistema afondar na reforma neoliberal do mercado de traballo, recortar as pensións e as coberturas sociais, ao tempo que as políticas económicas para enfrontar estes problemas están claramente orientadas a rescatar ás persoas máis ricas e poderosas en vez de garantir o benestar dos sectores populares.

Xoves 23 setembro ás 20h.
Na Escola Popular Galega Rua Real,12, Vigo.

Organizan: GAS, Verdegaia e a ODS de Coia.

Presentación do libro "O atraso político do nacionalismo autonomista galego" [15.09.10]

Presentación do libro: "O atraso político do nacionalismo autonomista galego. "

a cargo do seu autor Félix Rodrigo Mora.

O mércores 15 de setembro ás 20:30 horas no CS "A Cova dos Ratos" (r/Romil, 3 baixo) de Vigo.

Organiza: Lapsus.

Máis información sobre o libro aquí: http://unionlibertaria.org/ul/?p=200

Os nosos dereitos sí marchan de vacacións [08.10]

Estamos en verán! É tempo de vacacións...
O capitalismo fai grandes e diversas ofertas para o lecer, todas elas baseadas no consumismo. Iso, para quen conserve o posto de traballo ou recursos suficientes, xa que a moda é que as vacacións as collan tamén os nosos dereitos. E ademais para non volver...

Nunha situación moi difícil no mercado laboral, coas cifras do paro chegando a cotas escandalosas Justificar a ambos ladose deixando a moita xente ao borde da pobreza, a crise segue a ser a escusa perfecta para recortar dereitos sociais e laborais. A política social queda así espida, amosando as súas vergoñas: mentres se publicitan ata a saciedade medidas illadas e puramente efectistas coma as “axudas zp”, preténdense eliminar as máis básicas conquistas laborais e desmantelar servizos sociais coma a sanidade, así coma as prestacións sociais.

Dende hai tempo vimos dando a voz de alarma ante os graves problemas que sofren dúas delas: a RISGA (Renda Integración Social de Galiza) e as AES (Axudas de Emerxencia Social). Lembramos que, sobre o papel, estas axudas están destinadas a cubrir as necesidades básicas daquelas persoas ou familias que carecen de ingresos, ou que os teñen nunha cantidade insuficiente. Pero nos últimos meses recibimos informacións todavía máis preocupantes:

- Segundo as propias traballadoras de benestar social da Xunta, os problemas relacionados coa RISGA e as AES que se veñen repetindo ao longo de todo o ano e que poñen en perigo o día a día de moitas familias, teñen a súa orixe no esgotamento dos orzamentos para estas partidas. Malia que polo momento non supuxeron a interrupción das mesmas, si se fixeron máis duros os requisitos de acceso. Exemplos disto son: a implantación da esixencia de seis meses de padrón para acceder ás AES, os recortes en conceptos como saúde, ou que a Xunta faga requirimentos ás traballadoras sociais de máis informes e nos que pide moito máis detalle das nosas vidas.

- A escandalosa acumulación de retrasos nos servizos sociais do Concello, malia terse ampliado a súa plantilla. Provoca que unha cita poida chegar a demorarse ata tres semanas, que informes sociais necesarios para multitude de prestacións (RISGAS, AES, axudas para persoas dependentes...) tarden meses en facerse, etc. Isto provoca que moita xente teña que recorrer ás organizacións de beneficencia (que se ven desbordadas) na procura das axudas que as administracións públicas non lles conceden ou polas que teñen que agardar meses.

E todo isto mentres se continúan a malgastar millóns e millóns dos nosos cartos na organización de fachendosos eventos como o Xacobeo (tan só a visita do Papa custaranos catro millóns de euros) ou o Festival Aéreo de Vigo, contentando a elite da igrexa católica e ao empresariado que se lucra cos empregos case escravistas da industria do turismo. E mentres as infraestruturas máis mediáticas e falsamente necesarias, coma o caso do AVE ou a macrodepuradora, superan todo tipo de retrasos e atopan o financiamento que se lle nega a outro tipo de necesidades.

Entretanto, Vigo segue sen ter un albergue público para as persoas sen fogar. Coma se dun espectáculo circense se tratase, os socios de goberno fan cabriolas cos posibles emprazamentos, desdicíndose das súas palabras e acordos, enfrontándose á veciñanza, etc. Todo para quedar como estabamos; sen albergue, pero, iso si, con beirarrúas de granito e bancos novos nos que dá gusto pasar a noite!

Vigo, agosto 2010

ODS-Coia (Oficina Dereitos Sociais -Coia) e G.A.S. (Grupo de Axitación Social)

Pintadas e autocolantes contra o Festival Aéreo de Vigo [07.10]


Autocolantes, e numerosas pintadas presentes ao longo de todo o paseo e o muro da praia de Samil, amosan o rexeitamento ao macroespectáculo do “festival aereo”.

Outras imaxes: http://galiza.indymedia.org/gz/2010/07/23717.shtml