border="0"

12.5.11

Palestra: En Estado de Alarma. Exército nas rúas

Presentación dos libros:

- "Ejércitos en las calles. Algunas consideraciones sobre el informe Urban Operations in the year 2020 de la OTAN"

e

- "Si vis pacem. Repensar el militarismo en la época de la guerra permanente: Textos de las Jornadas Antimilitaristas de Barcelona, septiembre de 2010"

A cargo de dous membros de Bardo Ediciones (http://bardoediciones.net/) o Mártes 17 de maio ás 20 horas no CS A Cova dos Ratos de Vigo (R/Romil, 3).

Organiza: Espazo Aberto Antimilitar


O Exército continua a ser, e así será porque está na súa esencia, unha ferramenta dos Estados para intervir noutros territorios, mediante a súa participación en guerras ou ocupacións, de cara a defender e fortalecer os intereses económicos da clase dominante. Porén, a actuación do exército non se limita ao exterior das fronteiras legais do Estado, senón que, sumándose ás restantes forzas de represión, é empregado para controlar tamén á poboación propia. Unha realidade esta que, se ben xa a vivimos recentemente coa militarización do espazo aéreo tras a declaración do Estado de Alarma en decembro do ano pasado, farásenos cada vez máis presente nun contexto de crise permanente e degradación universal onde a dominación pretende saír reforzada a toda costa:

“Para os que se obstinan en pensar que o razoamento aquí detallado concierne soamente ao limes do imperio, e non ao seu centro orgánico, para os que queren de todos os xeitos proxectar a escena do conflito noutro lugar calquera con tal de que non sexa aquí, en fin, para os que aínda continúan sentíndose “en paz” co existente (ou sexa, cunha existencia de paz), no informe simúlase unha intervención da OTAN nun teatro de operacións no cal as “cidades de interese estratéxico” non son nin Teherán (Irán), nin Pyongyang (Corea do Norte), nin "como hipótese extrema" Pequín (China), senón que son as cidades francesas de Rouen, Lle Havre, Evreux e Dieppe.

O control preventivo e a represión de sublevacións ou insurreccións eventuais volveranse cada vez máis prerrogativas do exército, o cal terá que efectuar, por tanto, verdadeiras funcións de policía territorial, mentres esta se “paramilitariza”. Ademais de controlar o territorio, o exército terá que levar a cabo actividades de xestión da poboación civil: xestión física (refuxiados, evacuados, etc.) e xestión psicolóxica (control e monopolio das informacións, relacións coas autoridades locais, pero tamén con todas as realidades asociativas dispostas a colaborar).

Nesta perspectiva será necesario dotar ás forzas armadas dunha adecuada preparación para conflitos urbanos, para evitar a histórica “incoercibilidade” das “forzas rebeldes” na guerra asimétrica. Ao mesmo tempo, será preciso afacer á xente a ver aos militares patrullando as cidades, para que ninguén, por máis avezado e/ou aterrorizado que estea, arrísquese a mover un dedo (nin sequera o do medio).

Estamos a nos dirixir cara a un “Estado militarizado”. Tanto as tropas asignadas a Pianura (Nápoles) como as que están en Via Padova (Milán) lémbrannos que, de feito, o ano 2020 non está tan lonxe.”

De bardoediciones.net

http://www.nonaogastomilitar.org/

5.5.11

Mesa redonda e presentación “Ninguén sobra nunha crise”

Nela participarán:

- Eduardo Romero. Colectivo Cambalache (Asturies)

- Mari Fidalgo. Foro da Inmigración (Compostela)

- Diego Lores . Oficina de Dereitos Sociais - Coia (Vigo)

Será o martes 10 de maio ás 20h30 na Cova dos Ratos (Romil, 3 - Vigo). O xoves 12 de maio ás 19h00 teremos mesa tamén en Compostela na biblioteca Ánxel Casal.

“A destrución…espectacular de emprego nos dous últimos anos, con taxas de desemprego da poboación inmigrante superiores ao 30% e que chegan a triplicar ás da poboación autóctona, confirman o papel que xogaron como poboación excedentaria que debe acudir no momento en que se precisa e é abandonada á súa sorte cando se acaba o período de crecemento”

Eduardo Romero: “Un deseo apasionado de trabajo más barato y servicial. Migraciones, fronteras y capitalismo”

A situación descrita por Eduardo Romero no seu libro sérvenos de base para ollar cara a realidade actual. Pero ademais do paro e as dificultades económicas é necesario engadir o control de fronteiras, as políticas de retorno ou a humillación da identificación en calquera hora e lugar simplemente por ter unha cor de pel diferente. Por este motivo xurde a Campaña Ninguén sobra nunha crise do Foro Galego da Inmigración. Esta campaña ten como obxectivo fundamental evidenciar a situación na que se atopan as persoas migrantes ante a situación de crise e en concreto ante os recortes dos dereitos sociais que conlevaron as políticas de enfrontamento á mesma.

Na presentación da Campaña contaremos coa presencia de Eduardo Romero, investigador do colectivo asturiano Cambalache. Ademais do libro anteriormente citado Eduardo ten editados materiais sobre “migracións e desenvolvemento”, intereses das multinacionais ou lei de extranxeiría. Por outra banda ten participado en campañas contra a represión das persoas migrantes en Asturias.

A Oficina de Dereitos Sociais tentará achegar a realidade do mundo dos servizos sociais, que en tempos de crise queda espido amosando que as respostas que propón para aqueles que veñen sufrindo as miserias do sistema capitalista son de tipo superficial e que se dirixen a manter a orde establecida. Na relación con ese sistema as persoas migrantes sofren coma outros colectivos os atrasos nas tramitacións de prestacións básicas, a insuficiencia de recursos, a perda de dereitos sociais, etc.

Participa na organización o Grupo de Axitación Social (GAS) que comparte coa Oficina de Dereitos Sociais campañas de denuncia sobre os recortes sociais que sufrimos nos últimos tempos.

A utilización de man de obra barata, o endurecemento da lexislación sobre migracións, a utilización mediática da chegada de novas persoas migrantes e a saída á luz de sentimentos e actitudes xenófobas serán algúns dos temas que se tratarán nesta mesa redonda, a través da cal pretendemos reflexionar sobre as consecuencias que o sistema capitalista ten sobre todas as persoas explotadas e dar a coñecer o traballo dos diferentes colectivos que participan.