border="0"

22.12.12

Un cemiterio de vítimas do sistema, esixe o reparto da riqueza diante do concello 19/12/2012


Convocadas pola parroquia do Cristo da Victoria de Coia, a ODS-Coia (Oficina de Dereitos Sociais -Coia) e as xentes do GAS, máis dun cento de persoas concentrámonos diante do Concello de Vigo para pedir respostas polas “vítimas do sistema, as vítimas das administracións, as vítimas da inxustiza”.

Na entrada da casa de todas as viguesas apareceu un cemiterio cheo das vítimas que sofren ante a falta de recursos, ante o medo aos cortes de luz ou auga por non poderes asumir o pagamento dos recibos, ante os atrasos das axudas sociais, ante os desafiuzamentos...

Deste xeito, a praza do Rei encheuse de siluetas que nos lembraban estas mortes. Pero tamén lembraban que os poderes, hoxe apuntabamos ao concello, esquécense destas vítimas negándolle a unha maioría crecente os dereitos sociais necesarios para vivir con dignidade.

Na escenificación escoitamos unha marcha fúnebre que deu paso á lectura do manifesto. Tras volver a escoitar a música de Mozart as alí presentes collemos -para rematar- unha silueta e a tiramos ao lixo. É dicir, fixemos o mesmo que os poderes fan cos nosos dereitos, demostrando o pouco que lle importan as nosas vidas. E isto mentres os cartos que nos negan aparecen para pagar grandes infraestruturas, avións a Londres, humanizacións de rúas... Por iso preguntámonos por que deshumanizan ás persoas?.

Rematamos coas mesmas palabras que limos no acto: “Por todos nós, polo noso presente e o noso futuro, máis recursos económicos, máis recursos sociais, máis dereitos para as persoas en situación de precariedade! Por un reparto xusto da nosa riqueza!”

17.12.12

Acto de rúa 19/12: "Vítimas do sistema, vítimas das administracións, vítimas da inxustiza"



Seguindo o camiño iniciado coa cadea humana celebrada en Coia, volvemos a saír á rúa. Da man da parroquia do Cristo da Victoria - Coia e da xente da ODS de Coia. convocamos un acto de rúa diante do concello de Vigo baixo o lema "VÍTIMAS DO SISTEMA,VÍTIMAS DAS ADMINISTRACIÓNS, VÍTIMAS DA INXUSTIZA. Polo dereito a unha vida digna, polo dereito á nosa humanidade".
 
No acto representaremos un cemiterio coas vítimas que os diferentes poderes van deixando. O acto será o mércores 19 de decembro a partires das 12h00 na praza do Rei (diante do concello de Vigo). No acto daremos lectura a este texto:

Reunímonos hoxe aquí, ante o Concello de Vigo, a casa de toda a veciñanza da nosa cidade, para lembrar ás vítimas desta crise e denunciar que non se está a apoiar, a acoller, a coidar, a aquelas persoas que peor o están a pasar nestes duros tempos que estamos a vivir.
Atopámonos ante un cemiterio de vítimas da crise e do sistema, si, pero tamén da inoperancia e o desinterese dos nosos representantes: vítimas dunha axuda de emerxencia que nunca chega ou que chega cun retraso insoportable, vítimas das trabas para acceder a unha vivenda digna ou da imposibilidade de conservala nun momento de desafiuzamentos xeneralizados, vítimas das dificultades para percibir á RISGA ou dos retrasos na súa tramitación... e, por todo iso, vítimas da precariedade, do frío, da fame, da soidade, da pobreza...

Denunciamos que non se están a respectar os dereitos sociais máis básicos, os primeiros que deberiamos defender porque son os que nos garanten unha vida digna a todas e a todos. So cun reparto xusto da nosa riqueza colectiva poderemos aspirar a construír unha comunidade de iguais onde a palabra solidariedade alcance un sentido pleno, onde a igualdade entre as persoas sexa algo máis que un pé de páxina no texto das leis. As administracións local e autonómica non poden seguir xogando a pasarse a pelota uns aos outros coas súas estratexias de desinformación, coas súas marañas burócraticas interminables, coas súas esixencias insoportables: isto non é un xogo, e nós estamos fartas de tanta fartura de gastos inútiles e de tanta miseria de investimentos sociais para quen máis os necesita. Gustarianos que nos respondesen desde o concello a este paradoxo: Por que se humanizan as rúas mentres se deshumaniza ás persoas?.

Se o primeiro dereito humano é o dereito á vida, o segundo é o dereito a unha vida digna. Se carecemos deste é como se carecesemos daquel. As administracións públicas, comezando polas máis achegadas a nós, deben garantir con carácter prioritario o dereito a unha vida digna, porque quen non pode gozar dos dereitos máis elementais está a ser desposeído da súa humanidade, está a ser invisibilizado, está a engrosar as filas dos ninguéns que falaba Galeano: “Que non son seres humanos, senón recursos humanos. / Que non teñen cara, senón brazos. / Que non teñen nome, senón número”.

Pois ben: nós queremos proclamar aquí, alto e claro, que eses 'ninguéns' si teñen rostro, si teñen nome, si teñen humanidade. Son os nosos conveciños e conveciñas, somos nós, que nos negamos a agochar a testa e a permanecer calados ante tantas desfeitas. Por iso esiximos agora, diante do concello de Vigo, a casa común, xustiza para todas, porque se as persoas máis empobrecidas non son as primeiras para os nosos representantes xa sabemos onde están os deshumanizados nesta cidade...

Por todos nós, polo noso presente e o noso futuro, máis recursos económicos, máis recursos sociais, máis dereitos para as persoas en situación de precariedade! Por un reparto xusto da nosa riqueza!
Decembro 2012

10.12.12

Vitrasa continúa, unha semana despois do inicio da folga indefinida, sen aceptar as reclamacións das/os condutoras/es.




A día de hoxe, e unha vez levantada a mesa de negociación tralo abandono da mediación, nin tan siquera está a reunirse co comité de folga, logo do seu intento por romper a unidade de acción, chamando a reunirse con cada sindicato por separado. Este “ofrecemento” foi lóxicamente  rexeitado polas/as traballadoras/es .
Mantéñense polo tanto as concentracións permanentes diante da cochera para controlar a saída dos servizos mínimos dende as cinco da mañá ata a noite. Esta concentración está sendo apoiada pola presenza das familias das/os condutoras/es, así  como por usuarias/os que se achegan para solidarizarse cos folguistas e amosar o seu rexeitamento á actitude da empresa.

Grupos de conductores continúan igualmente desprazándose cada mañá á cidade para presionar ao concello de Vigo e ó seu alcalde, lembrando o seu destacado papel neste conflito. Vitrasa é a concesionaria do transporte colectivo da cidade polo que o concello lle virá a entregar no ano 2012 doce millóns de euros. E xa nos advirten das subas que están por vir, posto que aínda que a principios de ano o prezo do billete se conxele (xa veremos o que ocorre máis adiante porque xa nos advirten http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2012/12/10/interventor-plantea-revisar-ayudas-billete-vitrasa-aumento-gasto/724302.html) , a suma a pagar a Vitrasa segue subindo. Tampouco ten explicado o concello qué ocorrerá cos pagos correspondentes a estes días de folga, no que a empresa non está a prestar servizo (e gaña cartos aforrando o pago de salarios).

Os desprazamentos diarios á cidade aprovéitanse tamén para realizar outras medidas de protesta e presión. Unha das habituais é o pago con moedas de céntimo o prezo do billete bloqueando deste xeito por tempos de ata media hora a circulación de autobuses. Un xeito  de evidenciar o conflicto no centro da cidade onde os servizos mínimos abusivos e a súa concentración por parte da empresa nas liñas máis rendibles o fan menos palpable.  Nunha destas accións o pasado sábado nunha liña circular centro foron obrigados a abandoar o autobús pola dirección, que chamou á policia para botalos fóra. 

A empresa ten denuciado tamén a existencia dalgunha roda pinchada e algún vidro roto nos primeiros días da folga que  polo  de agora supoñen un balance ínfimo de perdas. 

Pola súa banda as/os traballadoras/es, principalmente eventuais, seguen denunciando, aínda que non públicamente, por suposto,  a conculcación do seu dereito á folga ao estar presionados pola empresa coa ameaza da non renovación.

Polo de agora, agás a suscrición da denuncia dos servizos mínimos desiguais feita polos sindicatos, o movemento veciñal tampouco ten tomado parte neste conflito que está a afectar ás veciñas e veciños de Vigo, e moi especialmente a quenes viven no rural.

Presentación do Estudo de Viabilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza


Venres 14 de decembro ás 19h no CS "Arredista" r/ Das Rodas, 25 COMPOSTELA

Presentación do libro "Repartindo a Nosa Riqueza" Estudo de viabilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza"

A cargo de: Manolo S. Bayona, José Iglesias e Mari Fidalgo

"Toda loita se labra no decorrer dun proceso histórico. Aquilo que hoxe reivindicamos é froito das reclamacións, sentires, soños e rebeldías que outrora viviron outras moitas xentes.

Recoñecer o valor e as contribucións daquelas que antes puxeron corpo e esperanzas en diferentes experiencias de organización e mobilización, supón asumir que mentres perduren a opresión, a inxustiza e a violencia, asentadas
na mesma raíz bifurcada que representan o capitalismo e o heteropatriarcado, as súas loitas son e serán as nosas.

Esa práctica de recoñecemento, de rescate da historia desde a perspectiva dos micro relatos, das resistencias cotiás, das narrativas e realidades que se atopan nas marxes e nos intersticios, e que permite situarnos politicamente no presente, semella un factor propio da cultura baladrina. Fraguado seguramente de xeito espontáneo e nada deliberado nin consciente, mais igualmente distintivo, identificador, valioso.

Unha singularidade organizativa que nos alerta da importancia de evocar, agradecer e valorar as achegas de saberes, traballo e compromiso que fixeron outras persoas, abrindo camiños, xerando posibilidades e permitíndonos formular propostas como a Renda Básica das Iguais (a partires de aquí, RBis).

Un paso máis na loita por arrincarlle ao poder o dereito a vivir dignamente, para construír xustiza social desde abaixo, desde a heteroxeneidade, diversidade e autoorganización..."

Organiza: Baladre
http://www.coordinacionbaladre.org/index.php


8.12.12

Proxeccións de decembro no CSA "A Cova dos Ratos"


XOVES 13 ÁS 20:30h
“THE WICKER MAN, o home de vimbio”
Reino Unido. 1973. Director: Robin Hardy.
Película de terror protagonizada por Edward Woodward, Christopher Lee, Diane Cilento, Ingrid Pitt e Britt Ekland.

Un sarxento de policía chega á illa de Summerisle (nas Hébridas), para resolver a desaparición dunha nena chamada Rowan Morrison, que levaba algúns meses perdida na illa.
Alí a xente nega mesmo a existencia da nena e o detective escandalízase, ao ver os rituais e costumes de orixe celta que practican.

XOVES 20 ÁS 20:30h
“SILENÍ (insania)”
República checa 2005. Director:Jan Svankmajer.

Película surrealista de “horror filosófico”, que combina pasaxes de animación e con actores, predominando os segundos nesta ocasión. O guión está inspirado lixeiramente nos contos de E. A. Poe “O enterro prematuro”e “O sistema do Dr. Tarr e o profesor Fether” así como na obra do Marqués de Sade “A filosofía no tocador”.
A  película confronta dúas formas de levar o tratamento psicolóxico: cunha liberdade absoluta ou mediante a represión.

XOVES 27 ÁS 20:30h
“72 HORAS, Autonomía obreira na Barcelona dos anos sesenta"
Catalunya, 2012. Director: Oriol Murcia.

Trala detención dun presunto militante obreiro por parte da Brigada Político Social, trasladarémonos á Barcelona de finais dos sesenta. Sentiremos os testimonios destes anos escuros relatados por persoas que os viviron intensamente. As entrevistadas son hoxe xente anónima, que quedou á marxe da construcción do consenso social sobre a Transición. “Setenta e dúas horas” trata de recuperar o seu discurso e a súa memoria case medio século despois.
Organiza: Grupo Axitación Social.



4.12.12

Folga indefinida en Vitrasa 04/12/2012



Desde o día 3 de decembro e ante a falla de acordo coa dirección, as condutoras e conductores de Vitrasa manteñen unha folga indefinida. 

En apoio ás súas reivindicación saimos a pegar estes cartaces polas rúas de Vigo e paradas de bus.