“A vila olímpica é unha proposta elegante e respectuosa co medioambiente xa que moitos edificios estarán pintados de verde” Alberto Gago, rector da Universidade de Vigo. (La voz de Galicia, 23-04-08)
As Universiadas foron un evento “deportivo” internacional nacido en 1959 e que, suponse, intentaban reunir ás atletas universitarias de todo o planeta. Organizadas por un tal FISU (Federación Internacional de Deportes Universitarios) atópanse ao mesmo nivel que os denominados xogos rexionais, panamericanos, asiáticos ou mediterráneos. Nacidos como eventos crave do deporte mundial perderon cos anos calquera tipo de importancia neste sentido, pasando totalmente desapercibidos para a poboación e perdendo cada vez máis nivel e interese dentro dos distintos sectores do deporte. Así, co paso dos anos, a súa función converteuse unicamente en servir á clase política e financeira de cidades “de segunda” para ser usada, a cambio dunha boa suma de diñeiro (20 millóns de euros lévase a FISU de canon), como evento-excusa para financiar con cartos públicos determinadas infraestruturas e beneficiar, polo tanto, a certos intereses privados das cidades anfitrionas, como son as empresas: Patrocinadoras (Contan cun desconto dun 15% do IRPF, descontos, publicidade de balde e varias bonificacións por participar nun evento considerado “deportivo”), publicistas, construtoras, inmobiliarias, hoteleiras, hostaleiras, etc.
A última cidade do estado que tivo que albergar este macroproxecto foi Mallorca no ano 1999. Unha cidade bastante castigada de por si pola especulación e a corrupción urbanística, a Universiada non fixo máis que alimentar máis á besta “desarrollista” e deixou un rastro de malestar nas mallorquinas ademais de varias infraestruturas infrautilizadas (Aínda que daquela se prometían, igual que pasa con Vigo, como necesarias para a cidade).Unha destas construcións foi o estadio de Son Moix, que serviu ao promotor inmobiliario, construtor e imputado por corrupción urbanística, Vicenç Grande, para propor a recalificación de terreos próximos ao estadio coa fin de construir varias torres, aparcadoiros, oficinas, restaurantes, etc, a pesar de que no seu día foran expropiados para un uso exclusivamente deportivo. Xustamente o mesmo día de sair a luz esta nova, Santiago Domínguez, un fanático deste tipo de eventos e tamén vicealcalde de Vigo, atopábase de visita en Mallorca e parece ser que logo de ver todo o panorama Post-Universiada quedou aínda máis convencido e converteuse nun dos seus maiores defensores…
En Vigo (como no resto de cidades e comunidades do estado), vemos como a clase dirixente intenta converter a nosa cidade, nunha ferramenta máis na busca dos seus obxectivos, pasando esta a realizar unha función idéntica á que para a antiga burguesía desempeñaban as fábricas e, por iso a xestionan coma se dunha empresa se tratáse, polo que reducen o concepto de cidade a unha simple marca á que se lle ten que dar a máxima publicidade posible (“Proxectar Vigo ao exterior”). Para isto, cada certo tempo, proxectos como os da Universiada véñenlle como anel ao dedo. Pero neste caso apréciase unha certa subida de escalafón con respecto aos eventos que a preceden (Desde competicións como a Cutty Shark ou a saída da Volvo Ocean Race ata a abominábel Cow Parade celebrada o ano pasado) xa que esta vez as características e a trastenda que trae consigo este proxecto supón un maior impacto social, económico e ambiental para o noso territorio.
Desde o concello lévase tratando na sombra o tema da candidatura á Universiada desde finais do 2004, ao fío da confección do PXOM para tratar de xustificar con ela a Cidade do Deporte de Valadares ou a reconstrución con cartos públicos do estadio de Balaidos. A día de hoxe, con problemas aínda para aprobar o plan, o concello xa deu o pistoletazo de saída para conseguir a Universiada, que se decidirá o 30 de maio, sacando á luz un proxecto totalmente faraónico e que suporá unha total degradación e destrución do territorio: Desde unha vila olímpica que ocupa unha superficie de 175.000 metros cadrados pasando polos 500.000 que se necesitan para a construción da cidade do deporte (Realmente segundo o proxecto da Universiada a instalación necesita 90.000 m2 , aprendendo do caso mallorquín podemos sospeitar o que pretenden facer cos 410.000 restantes…) e terminando coa construción de diferentes instalacións (Algunhas como o edificio de servizos que tras un gran custo será demolido tras uns poucos días de uso…) .
Nunha época de crise mundial causada por un sistema económico baseado na especulación e nun modelo de crecemento irracional apoiado na construción, a clase dirixente non propón outra solución máis que darse ao malgaste de diñeiro público adxudicando máis de 500 millóns de euros, en principio, á realización dun proxecto innecesario como a universiada. Mentres, vemos como malgastan os cartos en viaxes de 48.000 euros a Bangkok ou se gastan varios miles en facer bandeiras, adhesivos, camisetas, etc. cada vez máis familias viguesas atópanse en situacións de pobreza extrema, onde 30.600 posúen ingresos inferiores ao limiar da pobreza e 80.000 sofren unha odisea para poder chegar a fin de mes.
Chocando con este dato os políticos dinnos que esta clase de eventos fomentan a creación de emprego (Construción, hostalería, hoteis, etc.) e traen riqueza para todas, nada máis lonxe da verdade, xa que as condicións de traballo e os salarios dese tipo de empregos son característicos dunha precariedade salvaxe. Tamén falan de que achegando este proxecto benefician á comunidade universitaria, pero día a día, vemos como varias faculdades teñen que soportar pingueiras durante todo o ano (a de Ciencias do Mar e Bioloxía por exemplo) ou sufrir unhas instalacións máis similares a un garaxe ou a unha prisión (a de Enxeñería Técnica Industrial, por exemplo), senón chegamos a ver casos como unha escola do barrio de Coia que non fai moito estivo en perigo de derrubamento.
Para intentar desprazar este tipo de carencias da cidade, e disfrazar o interese político e empresarial como un interese común xeral para todas as viguesas, a clase dirixente creou unha plataforma cidadá “pantasma” formada por sectores que non representan, nin de lonxe, aos intereses da poboación, senón máis ben a intereses empresariais depredarores: atopamonos ao presidente de Caixanova ( Famosa polas súas grandes contribucións á sociedade como ter un 48% de participación en empresas militares…), ao presidente da autoridade portuaria, ao presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra e da cámara de comercio de Vigo, ao presidente de Pescanova ou ao director do centro de PSA Peugeot Citroën de Vigo entre outras.
Ao mesmo tempo para evitar abrir calquera debate social e bloquear calquera indicio de disidencia ou oposición ás ideas autoritarias dos autoproclamados donos da cidade todos os medios de comunicación están volcados na promoción do evento.
Por se non fose xa bastante, outros dos efectos secundarios que virán parellos coa Universiada será a transformación de Vigo durante a súa celebración nunha zona en “estado de excepción”, que traerá consigo unha infinidade de corpos policiais , unidades antiterroristas, etc. e de medidas represivas coas que a clase dirixente pretende converter Vigo nunha cidade completamente artificial e sen vida propia, na que turistas e investidores se queden soamente coa imaxe de “marca” que pretenden darlle.
Por todo isto, opómonos radicalmente á celebración da Universiada en Vigo e de calquera outro proxecto de similares condicións, xa que non son a solución a ningún dos problemas e necesidades que temos as viguesas, senón máis ben todo o contrario, xa que ademais de supor un malgasto enorme de cartos públicos, supón unha brutal agresión ao noso territorio e perpetúan a idea absurda da cidade completamente ao servizo de intereses privados. Oporse á Universiada pasa irremediablemente por oporse á concepción do urbanismo e do progreso fomentado desde as institucións e ao contexto político e económico ao que van asociados, pasa tamén pola loita en defensa do noso territorio e, en definitiva, por unha transformación radical da sociedade.
Grupo Axitación Social e Asociación Caleidoskopio
http://grupodeaxitacionsocial.blogspot.com/
http://www.sindominio.net/caleidoskopio/