30.4.13

Luns 6/05 - Acto de rúa polo dereito a vivir con dignidade diante das portas da UTS Coia



A ODS-Coia e a Parroquia Cristo da Victoria, xunto á xente do G.A.S., convocamos para  vindeiro luns 6 de maio un acto de rúa ás portas dos servizos sociais do Concello en Coia (rúa Quintela, 31, á altura da Avenida Castelao, 25) co obxectivo de denunciar o crecente empobrecemento que sufrimos inxustamente unha gran parte da cidadanía e esixir ás institucións públicas, neste caso Concello e Xunta, que cumpran coa súa obriga de garantir o dereito de todas as persoas a unha vida digna.

Non podemos calar ante unha realidade terrible que cada vez é máis común: mentres moitas familias nos vemos na obriga de afrontar o día a día cuns mínimos ingresos ou mesmo sen eles, resultando imposible facer fronte ao pago de bens tan básicos como os alimentos, o aluguer, os recibos de auga e luz..., continuamos a recibir en demasiadas ocasións unha resposta negativa cando nos achegamos aos servizos sociais en busca dunha solución, cando menos parcial, aos nosos graves problemas. “Non hai cartos”, escoitamos con frecuencia. Pero mentres, hai cartos a esgalla para proxectos que nada teñen que ver cos dereitos fundamentais da cidadanía; e mentres, por exemplo, nada sabemos do plan de axudas sociais para familias con escasos ou nulos recursos, aprobado o pasado xaneiro por un importe de 3,2 millóns de euros e que continúa sen execución...

Por todo isto, xuntarémonos diante das dependencias dos servizos sociais municipais no noso barrio para dar a coñecer a campaña “Vivir con dignidade é un dereito”, coa que pretendemos denunciar esta dramática realidade a través da presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante a Xunta e o Concello; escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas.

23.4.13

Asina a folla de denuncia social para esixir a Concello e Xunta que temos dereito a vivir con dignidade



A Oficina de Dereitos Sociais-Coia e a Parroquia Cristo da Victoria lanzan a campaña: Vivir dignamente é un dereito! Asina a folla de denuncia social para esixir ao Concello e á Xunta que cumpran coa súa obriga de garantir este dereito.
 
Esta iniciativa que ten coma obxectivo denunciar o crecente empobrecemento que están a padecer un gran número de persoas no noso barrio e en toda a cidade, así como esixir ás administracións públicas que cumpran coa súa obriga de garantir que todas vivamos con dignidade sen que sexan vulnerados os nosos dereitos fundamentais.

O instrumento ideado para levar a cabo esta denuncia é a presentación masiva dun escrito exercendo o dereito de petición perante as administracións públicas con competencia en materia de servizos sociais (Xunta e Concello); escrito onde o asinante expón as súas circunstancias económicas e sociais e solicita unha Renda Básica que permita satisfacer con dignidade as súas necesidades básicas.

Nestes momentos nos que a brutal dinámica que impón o sistema capitalista dominante, preocupado por salvagardar intereses mercantilistas e financeiros, fai que, quizáis máis que nunca, a riqueza de todas se acumule en mans dunha minoría mentres a maioría carece do indispensable para vivir dignamente, é de xustiza esixir ás institucións públicas que se fagan responsables do benestar da cidadanía e que garantan, con políticas activas de integración e asistencia, e co reparto equitativo dos recursos, que todas as persoas vivan en condicións de igualdade e dignidade. Por todo isto esiximos unha Renda Básica que permita cubrir as necesidades básicas, cunha contía non inferior ao limiar da pobreza (863€/mes) e que ademais de percibirse de xeito individual sexa universal e incondicional.

O modelo de escrito podedes recollelo e entregalo cuberto na ODS-Coia (locais da parroquia Cristo da Victoria, r/ Baiona 9, baixo; luns de 17 a 19 horas), tamén o podedes descargar na súa web. A ODS-Coia será a encargada da entrega conxunta de todas as solicitudes, aproveitando tanto o momento da entrega como o da expiración do prazo que ten a administración para respostar (tres meses) para denunciar publicamente a situación de empobrecemento e de abandono por parte das institucións que está a sufrir gran parte da cidadanía.

Esíxelles o que xa debería ser un dereito, Renda Básica para todas!

Coia, abril 2013

11.4.13

Fractura nº3 abril 2013


Dende o chamado “inicio da crise” estamos sometidas a un ataque continuo en forma de recorte de prestacións e dereitos que nos están retrotraendo a unha situación de precariedade e explotación que foran superadas xa, en certa medida, por anteriores xeracións. O “estado de shock” reinante, provocado no noso entorno pola “crise”, permite que este proceso de ataque e derrubamento se estea a levar a cabo a gran velocidade e sen maior oposición. 

A batería de “medidas de axuste” que se están a implantar non son medidas improvisadas de urxencia para afrontar unha situación inesperada.Todas elas están na axenda do poder dende hai moito tempo. A privatización daqueles servizos rendibles e desmantelamento dos que non o son é un dos principios constituíntes da Unión Europea, así como o abaratamento da man de obra mediante a desregularización e precarización do mercado de traballo, plasmadas nunha reforma laboral agardada hai tempo pola patronal. 

E non son medidas illadas, senón que están planificadas en conxunto e por iso así queremos amosalas. O obxectivo é desposuirnos de todo, e que resulte imprescindible recorrer ao mercado para cubrir as nosas necesidades. Obrígasenos deste xeito, a ter que pasar previamente polo mercado de traballo, tendo que aceptar as súas condicións por inaceptables que sexan. 

Podes descargalo neste enlace
GAS abril, 2013

3.4.13

Charla: "Aprendendo a defender os nosos dereitos fronte ás grandes empresas da enerxía" e campaña "Apaga e ímonos"



As compas da ODS de Coia inician unha campaña contra os abusos das empresas eléctricas e en concreto os de Gas Natural Fenosa, cunha charla e outras actividades:

Precisamos da luz para vivir, o que choca cos atrancos que compañías coma FENOSA nos poñen: subida de prezos, facturación abusiva, cortes, non negocian as débedas, desinformación...
 
Por todo isto a ODS-Coia e Parroquia do Cristo da Victoria decidimos orfanizar unha charla baixo o título: "Aprendendo a defender os nosos dereitos fronte ás grandes empresas da enerxía". Nela contaremos coa presenza de Rafael de Montis, experto en enerxía, que nos axudará a coñecer un pouco máis este mundo.

Se queres saber que che cobran na factura da luz, como solicitar o bono social, como defenderte dos seus abusos, alternativas máis xustas e económicas no subministración NON DUBIDES EN VIR!

A charla será o venres 5 abril ás 19h30 nos locais da parroquia do "Cristo da Victoria" (rúa Baiona 9, Coia - Vigo)

Aproveitaremos o encontro para presentar o modelo de reclamación a FENOSA que elaboramos coa idea de desenvolver unha campaña masiva de presentacións de queixas en contra dos abusos que sufrimos nun aspecto tan básico e necesario como é a electricidade. Tedes o modelo de reclamación para descargar neste enlace: odscoia.arkipelagos.net/sites/odscoia.arkipelagos.net/files/reclamacion_fenosa_gal.pdf


Achegamos o texto da campaña de denuncia ante os abusos das compañías de enerxía, neste caso facendo fincapé nos sufridos por parte de GAS NATURAL FENOSA:
 
GAS “PENOSA” di: se non tes castos “APAGA E VÁMONOS”
Estánnolo a pór moi negro. O poder cada día precisa máis espazo para os seus negocios e nese avance leva por diante conquistas sociais acadadas tras moitos anos de loita: emprego estable, protección social, sanidade, educación...

Cousas tan básicas como acceder a un teito, levar unha alimentación variada e saudable, dispor de auga corrente..., é dicir, elementos cotiáns e necesarios para vivir cun mínimo de dignidade están a ser sometidos á lóxica depredadora da especulación dos mercados de capitais, encarecéndose de día en día.

A insuficiencia de recursos fai que nos sintamos rodeados pola escuridade, unha escuridade da que se lucran os mesmos de sempre. Pero cando falamos de falla de luz non estamos a usar ningunha figura retórica, senón que estamos a describir a crúa realidade de moitas familias e persoas que sofren:

- As dificultades para pagar con regularidade os recibos da luz, que en moitos casos non se corresponden co consumo real ao non ter as empresas adxudicatarias a obriga de ler o contador todos os meses para emitir as facturas.

- Os atrancos que compañías coma FENOSA poñen para negociar o pagamento das débedas, en casos nos que por exemplo os ingresos veñen de axudas sociais como a RISGA, de Pensións Non Contributivas ou de subsidios por desemprego, é dicir, casos nos que teñen que vivir con menos de 500€ ao mes e pagar recibos que ás veces supoñen unha cuarta parte dos seus ingresos.

- A violencia dun corte de luz e os atrancos para volver a ter subministración. Para volver a ter luz tes que pagar o enganche e a débeda contraída con apenas marxe para alongar os prazos de pagamento.

- A imposibilidade de manter os seus fogares na temperatura mínima axeitada, as limitacións a que se chega mesmo para atender á hixiene máis elemental ou ata para quentar a comida.
E todo isto coa 3ª electricidade máis cara de Europa, cunha subida do prezo da electricidade dende 2006 do 70% e cuns beneficios en 2012 para GAS NATURAL FENOSA, a empresa con maior cota de mercado en Galiza, de 1441 millóns de euros. Ás prácticas desta transnacional que coñecemos nos nosos barrios, temos que engadir o saqueo de recursos naturais en países de Latinoamérica, as violacións de dereitos humanos, os problemas de subministración que padecen amplas poboacións, etc.

Por todo isto esiximos:
- Que a subministración eléctrica sexa recoñecida como un dereito básico para garantir unha vida digna e que, por conseguinte, estea en mans da poboación e non privatizada en beneficio dos grandes capitais.
- Que non se corte a subministración naqueles fogares que non poidan asumir os pagamentos por falla de recursos.
- Que se apliquen tarifas xustas e de acordo aos ingresos do fogar.

Coia, marzo 2013
Oficina Dereitos Sociais – Coia
Parroquia “Cristo da Victoria” - Coia