“Isto é un chamamento. É dicir que se dirixe aos que o escoitan. Non faremos o esforzo de demostrar, de argumentar, de convencer. Iremos á evidencia”
Chamamento e outros fogonazos.
Chamamento e outros fogonazos.
Se a política é a guerra por outros medios, qué lugar queda entón para a economía. Sen dúbida o mellor de todos, o do noso desafecto. Con todo, non é suficiente. A medida que a dominación vai gañando terreo, a economía tende a se volver evidente e sutil por igual.
É por iso que en tempos de crise a atracción polo traballo é máis forte que a atracción por liberarse, solapando de paso un desexo por longo tempo aprazado. A causa da emancipación é a causa nunca resolta até o momento. E todo indica o seu estancamento definitivo de persistir o actual estado de cousas, alí onde reinen as condicións modernas de produción. Nomeadamente por todas partes.
De feito, esas mesmas condicións que fixeron posíbel o advento da ditadura do capital fixeron posíbel a derrota dos seus inimigos declarados. A saber, co triunfo da democracia e en consecuencia do mercado revelouse a súa verdadeira natureza totalitaria, en guerra aberta contra todo e contra todos. Desta maneira debutou a banda sonora da súa vitoria, por sempre repetida até a saciedade.
Así as políticas destinadas a menoscabar os últimos redutos do consenso obteñen como resposta unha vulgar representación estereotipada de nós propias. Un exercicio voluntarista que leva ao extremo as nosas máis íntimas contradicións. Os novos aires de malestar social semellan non traer unha modificación substancial nos nosos comportamentos, se non é favorecendo a súa parte negativa. O gusto por desertar das nosas obrigas no momento presente.
Se o final dunha época perfila no seu ocaso as liñas xerais da que está por chegar, nada habería que dicir dos tempos que se aveciñan que non sexa aterrador. Porque na actualidade estase a experimentar con réximes no ámbito da produción que en nada desmerecen ao universo concentracionario tantas veces recorrente na literatura de anticipación, coa salvedade de que xa non só se trata de palabras senón aínda mellor de feitos. Do perverso uso de sofisticados métodos de encadramento que faciliten prolongar a desolación no medio asalariado. Ese e non outro é o cometido dos últimos asaltos contra a lexislación laboral.
O paradoxo reside en que ninguén parece percibilo. Na súa completa normalidade fóra de toda lóxica. É entón que se fai urxente, por necesario, recapacitar sobre os fundamentos mesmos da ideoloxía do poder, en tanto que ideoloxía e en tanto que poder, para interromper a súa administración sobre a vida das persoas. O perigo de ser engulidos por un mundo que xa deu todo de si só é comparábel ao perigo de formar parte do mesmo no preciso instante do seu afundimento. Negar esta evidencia é negar a posibilidade de se armar sobre as ruínas. As nosas propias ruínas.
Grupo de Axitación Social
Vigo, maio 2011.