30.3.11

O PXOM e as actividades agrarias en Vigo [05|12|05]


No ano 2001 inícianse, por parte da consultora privada contratada polo goberno municipal, os traballos para a redacción do que pretende ser o novo PXOM de Vigo.

Así e todo, non será até o ano 2004/05, grazas en grande medida ao movemento social xerado contra unha das súas propostas estrelas, “a ronda de Vigo”, que comeza a existir certo debate social sobre o mesmo e a coñecerse o modelo de cidade (típicamente desarolista e ó beneficio da especulación inmobiliaria) que se nos pretende impor.

Deste xeito, confórmase un movemento veciñal de oposición ao PXOM, á marxe das estruturas clásicas de organización veciñal (claramente burocratizadas e servís), que realizará un importante traballo de información e mobilización que desembocou en varias manifestacións multitudinarias e a presentación de máis de 60.000 alegacións ao Plan.

Pero o concello continúa actuando de costas ao pobo (non esquezamos que o Plan foi aprobado inicialmente a porta pechada) e segue adiante coa súa tramitación.

É hora de cuestionármonos e discutir seriamente cal é o modelo de municipio, e polo tanto de vida, que queremos deseñar antes de que sexa demasiado tarde.

Velaquí un pequeno aporte a esta discusión centrado nun aspecto pouco tratado: as implicacións que o PXOM tería sobre os agroecosistemas do municipio. Aportación pequena pero básica, xa que se hai algo que debería ser esencial á hora de deseñar calquera tipo de asentamento humano, é garantir a satisfacción das necesidades (e non só materiais) da súa poboación.


O PXOM E AS ACTIVIDADES AGRARIAS

O proceso para a aprobación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal segue adiante obviando a clara oposición popular amosada tanto nas distintas mobilizacións realizadas coma na cifra record (arredor de 62000) de alegacións presentadas ao mesmo. Estas manifestacións de oposición van desde a crítica a actuacións puntuais, até o cuestionamento do plan no seu conxunto, xa que deseña un modelo de cidade insustentábel na súa dimensión ambiental e social e está promovido por intereses puramente especulativos.

Non obstante, un dos aspectos que non se ten abordado en profundidade (aínda que aparece implícito nos discursos de defensa do “rural de Vigo” que se enfrontan ao PXOM) é o dos efectos que a execución do devandito plan tería sobre as actividades agrarias que, por sorte, mantemos polo momento no noso municipio.

Aínda sendo a principal cidade de Galiza, Vigo conserva unha importante porcentaxe do seu territorio destinada ás actividades agrarias. De feito, se atendemos aos datos que ofrece o propio documento de estudo do PXOM, a superficie agrícola útil en Vigo representa arredor do 31% da Superficie municipal total(1). Considerando que na actualidade esta porcentaxe puidese estar reducida en un ou dous puntos (o PXOM traballa cos datos do anuario de estatística agraria da Xunta do ano 97), supón, en todo caso, unha porcentaxe nada despreciábel.

Pero, desde a nosa óptica, a relevancia destas actividades non radica na superficie que ocupen, senón na súa importancia ambiental e social, e non só para as persoas implicadas directamente nelas, senón para o municipio no seu conxunto e, desde unha perspectiva máis ampla, para a sociedade en xeral.

As funcións ecolóxicas dos agroecosistemas tradicionais(2), coma é o noso caso, son numerosas e podemos analizalas en relación aos distintos compartimentos nos que, cun sentido exclusivamente didáctico, podemos dividir os ecosistemas:

-Solo. A diversidade de produtos que se cultivan, con ciclos biolóxicos diferentes, fai que o solo estea cuberto ao longo de todo o ano, favorecendo así a súa fixación(3). Pero ademais, o tipo de laboura de baixa intensidade que se practica, unido a unha fertilización con estrume e restos orgánicos que continúa a ser maioritaria, melloran a estrutura do solo, o que determinará unha boa capacidade para a realización de funcións coma a fixación de Co2 ou retención de auga.

-Atmosfera. As zonas agrícolas tradicionais contribúen á fixación de Co2 (e outros gases, coma o nitróxeno) tanto a través da fotosíntese das plantas como polo papel que un solo ben estruturado ten acumulando carbono.

-Auga. Os agroecosistemas participan na regulación dos ciclos hidrolóxicos, por unha banda creando as condicións de humidade e presión adecuadas para favorecer novas precipitacións, e por outra, sempre que se teña unha boa estrutura do solo, actuando coma “esponxa” fronte ás fortes chuvias. Esta función é especialmente relevante arredor das cidades, onde practicamente todo o solo está impermeabilizado, e polo tanto, créanse graves problemas de inundacións. Ademais, a rede de levadas, canles de rego,etc ... asociadas aos cultivos favorecen a distribución da auga evitando que se concentre nun punto.

-Biodiversidade. Os espazos agrarios tradicionais están recoñecidos coma un elemento clave na conservación da biodiversidade a nivel global, non só pola conservación e reprodución das especies directamente criadas e cultivadas, senón tamén por todas aquelas “salvaxes” asociadas a elas(4).

Pero alén disto, os espazos agrícolas que manteñen un modelo de agricultura ecolóxica-tradicional son espazos de reciclado de materiais e enerxía. Estámonos a referir, por exemplo, ao uso dos residuos orgánicos da casa para a alimentación dos animais ou para o abonado dos campos, aproveitando, desta maneira, como un recurso o que doutro xeito se transformaría en residuo (como ocorre no núcleo urbano), cos problemas que isto conleva, e que finalmente rematan converténdose en fonte de contaminación (non esquezamos que no modelo SOGAMA continúa a primarse a incineración). Asemade, a existencia desta fonte de alimentos ligada ao lugar onde se vive elimina todos os custos ambientais derivados do transporte de alimentos a longas distancias que se fai indispensábel nas modernas “macrocidades” altamente urbanizadas.

Non esquezamos que a poboación urbana tamén precisa alimentarse, e polo tanto, se eliminamos os lugares de produción de alimentos máis próximos teremos que estar “ocupando” outros territorios noutros lugares para producilos. Pero este “cambio de territorio” ten implicacións a maiores: implica tamén un cambio de modelo de produción/consumo. Mentres nestes momentos unha parte da poboación viguesa está consumindo alimentos producidos dun xeito máis ou menos tradicional, podendo decidir o tipo de produtos que queremos, a distribución no tempo,…; obrígannos a depender plenamente do mercado de alimentos, controlado por un reducido grupo de empresas que marcan o tipo de produtos aos que podemos acceder e a época na que podemos ou non facelo e obrigándonos, ademais, a consumir uns produtos procedentes dun sistema de produción de alimentos totalmente industrializado, onde a máxima é a obtención de beneficios e cunhas repercusións que temos presentes a cotío, con cada nova “crise” alimentaria que se destapa: “vacas tolas”, dioxinas nos polos, intoxicacións por pesticidas, novas alerxias aos produtos transxénicos, etc.

Isto lévanos á mencionada función social dos agroecosistemas:

-Autoabastecemento e seguridade alimentaria. A pesar de atopármonos ante unhas prácticas agrarias realizadas a tempo parcial, en moitos casos exclusivamente de fin de semana, os niveis de autoabastecemento que se acadan, non son en absoluto despreciábeis. Tomando os resultados dun traballo de investigación realizado este mesmo ano sobre as actividades agrarias en Vigo, no que se realizaron 83 enquisas distribuídas polo periurbano vigués(5), os resultados obtidos foron os seguintes:


É decir, nun 70% dos casos estudados, o 50% ou máis, do consumo familiar anual de froitas e verduras, e de carne e ovos, é cuberto pola produción propia(6).

Isto permite acadar un importante nivel de independencia dos ditados do mercado alimentario anteriormente comentados, pero ofrece ademais unha seguridade alimentaria invalorábel na época na que vivimos. Por unha banda, seguridade no abastecemento de alimentos, que se ben non apreciamos en épocas coma a actual, vólvese de vital importancia en situacións de crise económica. O exemplo máis evidente (e cercano, en canto ao sistema económico-social) é o de Arxentina, onde a raíz da crise de 2001, a poboación veuse obrigada a recuperar espazos claramente marxinais (descampados, terreos na marxe de vías e estradas…) para crear hortas das que alimentarse. Aínda que de tódolos xeitos, a situación de precariedade e flexibilización laboral que vivimos, cada vez máis aguda, é de por si suficiente para valorar o feito de ter asegurada cando menos parte da alimentación. E por outra banda, seguridade respecto ás ameazas que para a saúde presentan os produtos procedentes da agricultura/gandeiría industrializadas xa nomeadas.

Precisamente, o motivo maioritario dos que se esgrimen (no 72% dos casos) para manter a actividade agraria é “para saber o que comemos”.

-Satisfacción e realización persoal. Xunto á tradición, este é o segundo motivo esgrimido para continuar coas actividades agrarias. A “horta familiar” é un espazo de autonomía onde poder desenvolver a creatividade, a curiosidade; onde experimentar,... e onde ademais, recolleremos posteriormente os froitos do noso traballo, rachando deste xeito (alomenos por algunhas horas) coa alienación que o traballo desenvolvido dentro do sistema de produción capitalista nos impón.

-Distracción e esparexemento en contacto coa natureza. Nun momento no que cada vez máis a nosa vida parece desenvolverse á marxe (e máis ben de costas) ao medio, o traballo no campo permite recuperar o contacto coa natureza a través dunha actividade produtiva na que se realiza exercicio físico (algo polo que se chega a pagar).

-Mantemento da cultura e da identidade. Os agroecosistemas non son máis ca ecosistemas modificados polo ser humano a fin de obter unha serie de recursos útiles para a súa vida, polo que existe toda unha cantidade de coñecementos asociados a eles que se perderían no caso de que estes desaparezan. Todo este acervo cultural, pero tamén a propia paisaxe das nosas parroquias, na que as zonas agrarias teñen especial relevancia, contribúen a formar a nosa identidade(7).

-Creación de redes sociais. Os excedentes (ou incluso parte da mesma) da produción son, ou ben vendidos, en xeral a través de redes de comercio informal, á marxe do mercado global ou, en moitos casos, intercambiados entre familiares e veciñas/os, reforzándose en base a isto unhas redes sociais que funcionan a maiores deste intercambio e que, en xeral, son moi difíciles de crear dentro da cidade.

Todo isto contribúe a crear unha calidade de vida que fai que o rural de Vigo sexa o espazo mellor valorado para vivir dentro do municipio(8).

De feito, dentro do estado existen concellos que están aplicando programas de creación de hortas urbanas, coma é o caso de Barcelona, para “mellorar a calidade de vida das/os participantes, xa que se xenera un tecido de novas relacións e uns cambios de hábitos importantes para mellorar a saúde”.

Pois ben, nestes momentos, nós, estámonos xogando perder todo isto, xa que o 70% do solo a urbanizar previsto no PXOM está planeado nas zonas determinadas coma “zonas agrogandeiras” e “urbanización agrícola difusa” e que se corresponden co que coñecemos polo periurbano e rural de Vigo (Sárdoma, Matamá, Lavadores, Coruxo...), co que se urbanizaría de xeito directo cando menos o 50% deste territorio. Se unimos isto (tendo en conta que dentro do propio plan existe unha inexactitude de cifras que impiden determinar os valores concretos) a tódalas infraestruturas planeadas ao longo do rural vigués, lévanos a presupoñer unha desaparición a curto-medio prazo das actividades agrarias en Vigo, ou no mellor dos casos á súa conservación coma unha actividade relíctica, circunscrita a pequenas “illas”.

Esta perda non podemos observala só en clave de presente, senón de cara ao futuro. Estase a deseñar un modelo de cidade totalmente insustentábel e dependente de recursos alleos que provocará a desaparición duns espazos agrícolas de alta calidade e inestimábel valor ecolóxico e social. E todo isto, nun momento no que precisamente debido ás inseguridades mencionadas dos efectos que sobre a saúde ten o actual modelo industrial de produción de alimentos, a demanda dunha alimentación sana e de calidade vai en aumento. Esta alimentación de calidade esixe unha cercanía entre o centro de produción e o consumo (para eliminar o uso de conservantes, para recoller os produtos no punto de maduración, para consumilos antes de que perdan as súas propiedades, etc.) que só unha agricultura periurbana pode ofrecer á cidade, polo que a actividade agraria no periurbano de Vigo ten unhas potencialidades de futuro que son totalmente obviadas.

E todo isto, sen esquecer que a maoiría das persoas entrevistadas no citado traballo(5) que manteñen as prácticas agrarias consideran que esta debe ser unha actividade especialmente protexida á hora de planificar os usos do solo, ou polo menos considerada con igual importancia ca calquera das outras que si se valoran.

A cidade é nosa (somos as persoas quen a conformamos, non as promotoras inmobiliarias e as construtoras), e polo tanto somos nós quen debemos decidir o futuro que queremos.


ANOTACIÓNS:

1. O 60% ocupado por masas forestais, e o restante 30%, de “outros usos” onde se inclúe a superficie urbanizada.

2. Os sistemas agrícolas industrializados (os grandes monocultivos de produción intensiva orientados á comercialización ) non cumpren desde logo este papel, senón que, pola contra, como sabemos, son outro dos focos de graves problemas ambientais (contaminacións por pesticidas, herbicidas, introdución de transxénicos....)

3. Nestes momentos, o solo fértil é xa un recurso escaso a nivel mundial.

4. Como exemplo abonda con observar as imprescindíbeis sebes, onde podemos atopar, ademais de diverso tipo de plantas (que xogan un papel clave sostendo o solo, proporcionando sombra e humidade,…), un gran número de insectos e aves que son en moitos casos altamente beneficiosos para o propio cultivo (polinizadores, controladores de pragas e demais).

5. Álvarez Pérez, Marta (2005): Las actividades agrarias en el municipio de Vigo. Efectos del nuevo PXOM. Traballo de investigación para a obtención do DEA na Universidade de Córdoba.

6. Como exemplo temos o caso da pataca (alimento básico da nosa dieta), xa que se consideramos a superficie ocupada no ano 95 (384ha) e o rendemento medio provincial (10tn/ha ano) desta, teriamos unha produción que permite abastecer a nada menos que 5600 persoas, atendendo aos datos de consumo medio (63,08 Kg/persoa/ano) que o ministerio de agricultura dá para o noroeste da península (o máis alto do estado, por certo).

7. Fronte á uniformización que impón o espallamento dun modelo de cidade clónico ao longo de todo o planeta, ligado á imposición dunha uniformización cultural e ideolóxica.

8. No estudo Vigo: proxecto e realidade do medio periurbano (1994) o xeógrafo vigués Xosé Manuel Souto presenta o resultado de 400 enquisas realizadas no municipio sobre a valoración do territorio, nas que o 80% da poboación que participou emitía xuízos positivos sobre o rural, mentres que as valoracións positivas sobre a cidade non chegaban ao 50%, salientando ademais que o 40% dos xuízos sobre a cidade eran negativos.


Materiais de análise e discusión.
Ano 2005
Edita: Grupo Axitación Social
“A Cova dos Ratos”
R/Romil, 3 Baixo C.P. 36206
986 493 381

Más Información sobre el Plan:
http://galiza.indymedia.org/gz/2005/05/2899.shtml

Magosto Anti-Consumista [03|12|05]


Magosto "Contra o consumismo e o xoguete bélico-sexista" o Sábado 3 de decembro a partir das seis da tarde na Praza da Princesa.

Repartiranse castañas e información gratis contra a obsesión consumista e ademais teremos unha exposición de contrapublicidade, música e máis cousas...

Convocan: Grupo Axitación Social, Asociación Caleidoskopio, Ateneo Libertario, RCADE e CGT.

Venres 25 de Novembro "Día Sen Compras" en Vigo [25|11|05]


Ás 20:00 proxección do Documental: “Gran Superfície” no CSA “A Cova dos Ratos” r/Romil, 3 Baixo.

Documental do ano 2005, editado por “Consume Hasta Morir” (Ecologistas en Acción), acerca do papel da publicidade no sistema actual de sobreproducción e sobreconsumo. A través de entrevistas e varios exemplos de intromisión publicitaria analízanse temáticas como a alimentación, os medios de comunicación ou a educación.


Exposición de cartaces de contrapublicidade da campaña “Consume Hasta Morir” (http://www.letra.org/spip/rubrique.php?id_rubrique=28 ) durante toda esa semana no CSA “A Cova dos Ratos”.


Organizan: Asociación Caleidoskopio e Grupo Axitación Social

26.3.11

Volvo Ocean Reich [07|11|05]



O 12 de novembro sae de Vigo a regata Volvo Ocean Race (VOR.) É a primeira vez que non sae dun porto británico, así que a saber o que houbo que pagar ou prometer para que isto fose así.

A VOR, é unha competición nautica pero, o que se move arredor e o que supón para Vigo, pouco ten que ver co deporte, comezando porque está patrocinada por unha empresa transnacional que como tal, ten como única finalidade obter beneficios e publicidade.

A VOR para o concello e a Xunta, é un enxendro ao estilo dos grandes eventos de moda hoxe en día (Expo, Forum, Xacobeo…) só que lles quedou moi cutre.

É un recurso usado por moitas cidades e comunidades últimamente para obter máis cartos públicos e inversións en infraestructuras, para á postre beneficiar intereses privados: empresas contrucctoras, patrocinadoras, hostaleiras, publicistas, etc.

Con esta fin (a través da fundación Deporte Galego) crearon a marca “Galicia Navega 2005” para que aparecesen os ben intencionados patrocinadores: grandes empresas que aprobeitan esta oportunidade de obter golosas exencións fiscais.

Empregan todo isto para crear unha cidade/comunidade-marca (VIG05/Galicia 05), para vender unha imaxe, un espectáculo para atraer investidores e turistas. As necesidades e carencias da cidade quedan relegadas. Cando a alcaldesa e as forzas vivas da cidade xustifican as molestas obras, a maneira cómo malgastan cartos e o recorte de liberdades que supón a Volvo, como algo bó para a cidade, refírense a esa cidade/marca, non á cidade que sufrimos e vivimos as viguesas.

Dous millóns de euros se acaban de gastar no porto de transatlánticos para que poidan entrar os barcos da regata, e o centro da cidade está sendo “mellorado” con obras e máis obras (e rúas e máis rúas cortadas). Gastan millóns en facer das rúas que percorrerán os regatistas e os seus fans un escaparate da cidade. Pero no mesmo centro tras esa fachenda, temos os bairros históricos da cidade abandoados, auténticas bolsas de pobreza e marxinalidade.

O que necesitan eses barrios non é que se invista en remozalas fachadas, senón que eses cartos se dediquen á rexeneración social. Igualmente mentres sempre se gastan os cartos en embelecer o centro, os demais barrios quedan relegados e agardando por obras de saneamento e solucións a todo tipo de carencias que non chegan por falta de financiación.

Para garantir a beleza da cidade o Concello impulsa campañas ridículas como a que prohibe colgala roupa nas fachadas, baixar o lixo fora dos horarios, pegar cartaces, facer murais (cando hai infinidade de muros de cemento horríbeis), e ao mesmo tempo, para promocionar o programa municipal VIG05 enche as farolas da cidade de banderiñas vermellas infames co patrocinio dunha firma de seguros. É curioso que o argumento dos grandes beneficios para a cidadanía se reconvirta, sobre todo, nos grandes beneficios que din que vai obter a hostalería e a construcción, sectores con moi malas condicións de traballo (temporalidade, precariedade, a explotación máis salvaxe e os contratos máis irregulares) e nos que non se crean verdadeiros postos de traballo (nin se pretende).
Que sexan os sectores predilectos para o branqueo de cartos, probabelmente non teña nada que ver con que o Concello os mime tanto...

Outro dos efectos secundarios da maldita Volvo é o despregue de policías locais e nacionais desde hai meses na nosa cidade, unidades antiterroristas, “antipersoas” e “anti-nonseiqué”, e un clima represivo que se fai notar cada dous por tres. Imos ter rúas cortadas e coa visita dos monarcas, cargos políticos e “xente importante”, máis do mesmo: zonas públicas acotadas para a xente VIP.

Por todo o anterior, afirmamos que a moda dos grandes eventos como forma de promocionar e construir a cidade é negativa para a cidadanía de Vigo, malgástanse cartos públicos nun espectáculo para que os/as polícos/as melloren a súas imaxe e algunhas persoas e empresas saquen moito beneficio.

Grupo Axitación Social

21.3.11

Crónica da concentración Contra as mortes na fronteira [29|10|05]


Medio cento de persoas estivemos nas portas do MARCO na rúa do Príncipe desde as sete da tarde e ata as oito e pico, e no momento de máis xente eramos uns setenta.

Desplegamos unha pancarta de máis de catro metros co lema do acto e cun impactante debuxo dunhas mans migrantes agarrando aramio de espiño, tamén levamos dous paus dun metro aos que lle atamos tres cordas de catro metros con nudos e pintada de prateado, fixo pensar a todo o que pasaba por alí que era aramio de espiño de verdade dándolle ao acto unha imaxe máis impactante, para aumentar ese impacto estético fixemos catro paneis coas fotos de Médicos Sin Fronteiras (http://www.nodo50.org/varios/melilla/index.html)que narran os feitos que motivaron o acto, e moita da xente que paseaba se parou a botarlles unha ollada.

Para comezar dimos lectura ao texto unitario, inspirado no elaborado en Málaga para este mesmo día, ao longo do acto catro persoas foron léndonos emocionantes poemas inspirados na temática da convocatoria (varias das obras foron orixinais lidas polos seus autores), e en todo momento acompañamos o acto con lemas, coreados mesmo pola xente que pasaba: “Non máis mortes, non máis fronteiras. Abaixo a valla, da vergonza. Lei de estranxeiría, lei genocida. Ningunha persoa, é ilegal”, “Inmigrantes ilegais, patróns criminais”.

Para rematar o acto leuse de novo o texto común e expresamos a nosa simpatía e apoio á Caravana Europea Contra o Valado (http://galiza.indymedia.org/gz/2005/10/4943.shtml).

Grupo de Axitación Social

Fotos do acto:http://galiza.indymedia.org/pt/2005/10/4952.shtml

Concentración: Contra as mortes na fronteira! [29|10|05]


O Sábado 29 de outubro ás sete da tarde faremos unha concentración en Príncipe, seguindo unha convocatoria descentralizada contra as mortes e a represión que se están a producir na fronteira africana do estado español.

NON MÁIS MORTES NAS FRONTEIRAS, NINGUNHA PERSOA É ILEGAL

Saimos hoxe á rua en cidades de europa e africa porque queremos expresar a nosa indignación e unha enérxica condea ante os graves acontecementos das últimas semanas nas fronteiras de Ceuta e Melilla. A desastrosa xestión desta situación de emerxencia deixou o vergonzoso saldo de oito persoas mortas por disparos, centos de feridas, decenas de mortas e miles de persoas abandoadas a súa sorte no deserto marroquí ademais dunha violación sistemática dos dereitos humanos e da legalidade internacional (expulsións inmediatas sen mediación xurídica, desatención do estatuto de refuxiadas de moitas das inmigrantes deportadas, falta de asistenza médica e xurídica a estas persoas, malleiras, roubos, moi malas condicións de reclusión, coas detidas apiñadas nas celas e un penoso etcétera).

Denunciamos a responsabilidade nesta traxedia tanto do goberno español coma do goberno marroquí, ambos implicados nas mortes, deportacións e violacións aos dereitos fundamentais das persoas migrantes, tamén declaramos a responsabilidade en xeral da política migratoria europea centrada na militarización, o cerre de fronteiras e a externalización do control fronterizo a terceiros países, que obriga a millóns de persoas a tentar ingresar no territorio europeo por outras vías.

Esta situación que estamos vivindo na fronteira é consecuencia da aplicación de políticas neoliberais (de capitalismo salvaxe) recomendadas polos organismos internacionais (Banco Mundial, Organización Mundial do Comercio, Fondo Monetario Internacional, etc.), que provocaron a catastrófica situación económica e social que vive o continente africano no seu conxunto. A pobreza, a guerra e a explotación dos recursos naturais promovidos por multinacionais europeas e estadounidenses non fixeron máis que multiplicarse.

É inmoral que no mundo globalizado os cartos, as mercadorías e as empresas poidan moverse libremente a través das fronteiras, mentres que as persoas non teñen dereito a emigrar para buscar unha vida digna.

Non nos podemos deixar enganar pola desinformación e os discursos alarmistas, temos que manter viva a memoria daqueles tempos (e aínda hoxe) nos que nos tocou a nós emigrar na busca dun futuro mellor. Saímos á rúa en distintos puntos de Europa e África a mostrar o noso rexeitamento ás leis de estranxeiría e a militarización das fronteiras, a defender o dereito de toda persoa a unha vida digna.

POR TODO ISTO ESIXIMOS:

1 O cese inmediato das expulsións así coma dos acordos de readmisión de inmigrantes asinados co goberno marroquí.

2 Retirada inmediata das tropas da fronteira e organización de axuda humanitaria e asistencia xurídica a tódalas migrantes que se encontran a ambos lados da fronteira.

3 O necesario esclarecemento do sucedido e a depuración de responsabilidades, denunciamos a impunidade no maltrato e asasinato por parte da garda civil española e a xendarmería marroquí de persoas migrantes, cuxo único delicto foi querer escapar da miseria e as guerras que asolan aos seus países.

4 Liberdade de movemento para todas as persoas, e ás autoridades españolas, africanas e á Unión Europea a derogación de todas as leis de estranxeiría, normativas e regulacións de fronteiras e de fluxos migratorios que converteron ao Estreito de Xibraltar na maior fosa común do mundo.

5 A todos os estados implicados, o trato digno e o respecto dos dereitos humanos das persoas migrantes, ás que nin sequera se lles permite solicitar o asilo recoñecido nos tratados internacionais.

GAS, Caleidoskopio, Ateneo Libertario de Vigo, CGT, RCADE, Assemblea Anti-Imperialista e GAIM

Proxección: Internacionais na Palestina [25|10|05]

Por iniciativa do GAS, de Kaleidoskopio e do CSA A Cova dos Ratos (Vigo), a da Deriva e a do CSA Atreu! (Corunha) temos a oportunidade de ver o documentário Internacionais na Palestina, apresentado polo seu director Alberto Arce.

Também falará o activista palestiniano Saif Abukeshek.

- VIGO: 25 de Outubro, Terça-Feira (martes) às 20:30h. No CSA A Cova dos Ratos -Romil, 3 baixo

- Corunha: 26 de Outubro, Quarta-Feira (mércores) às 20'30h. No CSA Atreu! -Travessa de Sam José s/n-

Sinopse: Viajar a Palestina para unir-se a um movimento cujo objectivo é protestar, através da resistência nom-violenta, contra umha ocupaçom que já dura 57 anos soa como umha loucura de difícil explicaçom. Mas ainda assim, mais e mais pessoas fam-no cada ano. O ISM (Movimento de Solidariedade Internacional) é um dos grupos que trabalha na Palestina apoiando a resistência civil nom-violenta contra a ocupaçom israeliana. “Internacionais na Palestina” é um documentário que amossa como @s activistas do ISM, junto @s palestinian@s, levantam barricadas militares, param jeeps e bulldozers, retam aos soldados que ocupam casas numha cidade baixo toque de queda e, em definitiva, oponhem-se desarmados frente a um dos exércitos mais poderossos do planeta.

O seu exémplo amossa o compromisso com os direitos humanos e a acçom conjunta entre activistas palestinian@s, israelian@s e internacionais contra a violência sem fim do governo israeliano. Nada melhor que vé-los trabalhar sobre o terreio.

Pase de vídeos en Vigo sobre os movementos Zapatista e Magonista. [06|05]


Farase o 8 e o 14 de xullo e está organizado pola Asoc. Caleidoskopio, Grupo Axitación Social e GAIM (Grupo de Apoio aos Indíxenas Magonistas), será no C.S.A. “A Cova dos Ratos” r/ Romil, 3 Baixo.


-O VENRES 8 DE XULLO ÁS 20:30: “CHIAPAS”.

Cinco documentais realizados polas comunidades indíxenas en resistencia no 2001.

Inclúe: “O Silencio dos Zapatistas”, “A Resistencia”, “A Terra Sagrada”, “Educación en Resistencia” e “O esforzo dos indíxenas de Mut Vitz, o café orgánico”, son só cinco dos catorce documentais realizados polos Municipios autónomos en resistencia de Chiapas. A idea de denuncia non é igual en todas as situacións e conflictos.

México, defende unha posición de progreso e democracia, de país estable e do "primeiro mundo". Busca mercado, a mercancía é o país. Para conquerir bo precio, o goberno ten que agachar os conflictos sociais, as guerrillas e alzamentos campesiños de Oaxaca, Guerrero, Hidalgo, Chiapas... ou as terras perden o seu valor.

Polos testimonios dos indíxenas sabemos dos métodos do goberno.

Estes documentais son a voz zapatista, a súa loita, a súa denuncia. Queren que a terra siga tendo o valor da terra. Facer público o conflicto xa é unha gran victoria. Os documentais zapatistas son unha arma que todos podemos utilizar e mostran unha realidade que non debemos esquecer.

”O Silencio dos Zapatistas”: 2001, o EZ rompe o silencio e prepara a Marcha da cor e a terra para demandar os Acordos de San Andrés no Congreso da Unión, en DF. Situación durante o "silencio". (13 min).

”A Resistencia”: Zapatistas desaloxando Seguridad Pública, Policía Militar e Exército de distintas comunidades (Amador Hdez, Jolnachoj, La Garrucha,...). Denuncia de movementos militares en comunidades. (20 min).

”A Terra sagrada”: Situación dos indíxenas cos rancheiros, paramilitares e a administración antes e agora. Petición e ocupación de terras, unión ao EZLN e melloras. (19 min).

”Educación en Resistencia”: Educación autónoma, financiación mediante o traballo colectivo e problemas habituais das escolas. (21 min).

”O esforzo dos indíxenas de Mut Vitz”: Proceso de cultivo do café orgánico. Máis de mil productores zapatistas, motor colectivo, distribución conxunta. (27 min).

-O XOVES 14 de XULLO ÁS 20:30:
Documental sobre o “C.I.P.O”.

A vida e a loita dos indígenas organizados no Consello Indígena Popular de Oaxaca, en permanente conflicto polas súas terras e fronte aos gobernos rexionais e federais.

O 2 de xuño, nova manifestación contra o Plan Xeral de Vigo (2005)


O dous de xuño, miles de persoas saímos de novo ás rúas de Vigo, a expresar o noso rexeitamento ao Plan Xeral, moitos grupos con reivindicacións concretas por barrios pero mantendo a unidade de acción contra todo o plan xeral, recoñecendoo como o que é, un plan para a especulación e os grandes capitais e contra as persoas que vivimos no municipio.

É certo que nesta mani eramos menos xente que na vez anterior, (cinco mil quizá?) isto non nos preocupa especialmente, non somos un sindicato nin un partido ao que lle preocupe perder afiliados, o descontento social é mais que palpable na cidade (alegacións, protestas previas, permanencia das estructuras de reivindicación e creación de novos grupos de afectados..,) todos os colectivos que estaban seguen estando, os intentos do concello vía negociacións parciais, aínda non conseguiron romper o movemento contra o PXOM.

O ambiente na mani foi tan animado coma as veces anteriores, decenas de pancartas de todo tipo, pegatas (contra a ronda, o plan xeral, etc), disfraces, camisetas alusivas de diferentes tipos, megáfonos pequenos, megafonía de coche, silbatos, cacerolazos, petardos, tambores, cornetas… unha das características destas movilizacións é que son moi ruidosas e coloridas, desde que se saiu da praza do rei e ata o final niguén parou de berrar e facer barullo.

Lemas contra a alcaldesa e o lema oficial do plan: “Corina!!!, Vigo te enamora, e vives en Vilaboa”, e lemas de todo tipo: “Plan Xeral, Plan do capital”, “Toba piraña, ó pobo non se engaña”, “Políticos carrachos, saíde dos despachos”…

No comunicado final promentéronse máis movilizacións no futuro, denuciouse a pasividade dos partidos presentes no concello e chamouse a manter a unidade diversa e rica que existe hoxe neste movemento.

Grupo de Axitación Social

Máis fotos: http://galiza.indymedia.org/pt/2005/06/3454.shtml

Charla dun obreiro da fábrica ocupada Zanón [15|05|05]

Domingo 15 de maio, ás 20:00 en "A Cova dos Ratos" r/ Romil, 3 Baixo C.P. 36202 Vigo Charla: "A experiencia da fábrica Zanón, baixo control obreiro e autoxestionada plenamente polos seus trabajadores".

A cargo de Cristián Moya obreiro de FaSinPat (a fábrica de cerámica da provincia de Neuquén, Arxentina que antes se chamaba Zanón). Esta foi motivo recentemente do documental de Naomi Klein "The take" ("La Toma"). Fai parte dunha xira europea nun momento de agudización da represión as/os traballadores/as e as súas familias, para denuncialo e buscala solidariedade internacional mais ampla posibel, para evitar a impunidade represiva e enfrontar as manobras dos ex-patróns (zanón), seus deudores e o goberno da Provincia de Neuquén.

Organiza: Grupo Axitación Social, Asociación Caleidoskopio e Ateneo Libertario de Vigo.

Acto de clausura da campaña pola obxección fiscal aos gastos militares [30|06|05]

O día 30 de xuño clausuramos a campaña de Obxección Fiscal 2005 en Vigo, desde as doce da mañá e ata a unha e media concentrámonos ás portas da sede local de Facenda. Por diversos problemas e ser un día de traballo normal, eramos tan só unha ducia, pero fixémonos notar igualmente. Atrancamos bastante a entrada ao recinto, cun tanque de cartón, dous paneis e unha mesa informativa e o canón de voz co que ambientamos musicalmente a zona; na verxa colindante pegamos dúas pancarta, enganchamos unha bandeira co símbolo das mans rompendo un fusil e apoiamos o mural que fixemos o día 30 co motivo gráfico da Campaña Galega pola O.F..

www.nonaogastomilitar.org


Os militares mendigando en Vigo e mentras os antimilitaristas pintando murais [25|06|05]


Convocados polo Espazo Aberto Antimilitar (Ateneo Libertario, CGT, Asoc. Caleidoscopio e Grupo Axitación Social) e dentro da campaña galega pola Obxección Fiscal aos gastos militares: “Nen un céntimo para a guerra”.

O sábado 25 de xuño, unha vintena de antimilitaristas dedicámonos a incordiar o máis posible desde ás 18:00h ata as 20:00h da tarde.

No cruce entre a rúa Príncipe e Colón procedimos a montar toda a nosa parafernalia:
Colocamos dous paneis con información sobre o Gasto Militar proxectado para o 2005 no Estado Español, así como denunciando a militarización que se está a fomentar desde a U.E.

Montamos unha mesa con información sobre Obxección Fiscal e cos panfletos a toda cor, que este ano sacamos a nível galego para esta campaña.
Pegamos dúas pancartas nas paredes próximas e dúas calaveras de cartón para ambientar un pouco a zona.

No asunto de ambientar, axudou tamén a megafonía, coa que ademáis de ler varias veces un comunicado contra os gastos militares e a favor da Obxección Fiscal, pinchamos música antimilitarista durante todo o tempo que estivemos alí.

No chan, colocamos catro plafóns de 1,20 por 1,20 e dedicámonos a pintar un “inspirador” mural co motivo gráfico da campaña galega pola O.F., mentras algunha xente de Malandraxe acompañábannos cos seus malabares.

Mentras nós faciamos todas estas cousas positivas para a sociedade, varias desalmadas militares dedicáronse tamén durante todo o tempo, a molestar á cidadanía mendigando “cartos para armas e bombas”, “para a misión humanitaria de traer o petroleo de Iraq” e “para según elas defender á súa patria”.

Fixeron todo isto mentras torturaban “á moda Abu Grahib” a unha indefensa “Prisioneira Pacificada” e exhibindo parte do seu poderío militar, simbolizado por un flamante tanque (de cartón claro).

O devenir destes militares, levounos ao outro extremo da rúa Príncipe, ao lado do Sireno, onde se atoparon coas súas compañeiras do Exército de Terra que xusto esta semán, tiñan o “chiringuito furgalla” de recrutamento montado alí, polo que decidiron acompañalas solícitamente na súa labor, ata que outra importante misión debeu reclamar a estas heroicas recrutadoras e decidiron marchar (oxalá que para sempre) da nosa cidade.

Grupo de Axitación Social

Máis fotos en: http://galiza.indymedia.org/gz/2005/06/3918.shtml
Texto:http://grupodeaxitacionsocial.blogspot.com/2011/03/campana-pola-obxeccion-fiscal-aos.html

Campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2005


"Non sería unha medida violenta e sanguenta que mil homes se negasen a pagar os seus impostos este ano, pero si o sería pagalos e capacitar así ao Estado para cometer actos violentos e derramar sangue inocente." Henry D. Thoureau

Vivimos tempos de globalización neoliberal, crise ecolóxica global e o que semella vontade de guerra global permanente. Os gastos militares mundiais retornan a níveis da Guerra Fría. A Investigación e Desenvolvimento (I+D) está a ser militarizada. Ao tempo que medran as diferenzas sociais dentro e entre países. O Estado español e o conxunto da Unión Europea non son alleos a este alarmante fenómeno, e exemplo disto é que o texto que pretenden sexa a Constitución Europea recolle a "prevención de conflitos por meios militares" -quer dicer, lanzamento desde a UE de guerras preventivas como a do Iraque-, obriga aos Estados membros á "mellora progresiva das súas capacidades militares", cría a Axencia Europea de Defensa -"para o desenvolvimento das capacidades de defensa, a investigación, a adquisición e o armamento"... "para reforzar a base industrial e tecnolóxica do sector da defensa"- e integra á OTAN no seu articulado, ademais de a Unión contar xa cunha Forza de Intervención Rápida de 60.000 soldados.

A cidadanía pódese negar a seguir por este camiño e optar pola construción da paz, pode apostar por que nen un céntimo, nen unha muller, nen un home... nen un só recurso, acaben por ser destinados á guerra e á súa preparación. A Obxección Fiscal aos Gastos Militares é mais un modo de construírmos a Paz no noso día-a-día.

Espazo Aberto Antimilitar

www.nonaogastomilitar.org

20.3.11

Forte Oposición ao Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo [08|05|05]


As medidas de protesta contra este Plan iniciáronse o 30 de decembro do 2004, no mesmo día da súa aprobación, cando o governo municipal, por medio da policía local, e con presencia incluso da nacional, tentou impedir o acceso ó salón de plenos á gran cantidade de veciñas/os que, xa dende as oito e media da mañá agardaban para entrar no salón. Finalmente, cando se conseguiu acceder, a señora alcaldesa e a súa corporación refuxiáranse xa noutra dependencia, onde, a porta pechada e coa súa escolta, acabaron aprobando o Plan (http://galiza.indymedia.org/pt/2004/12/1347.shtml).

A partir deste momento iniciouse unha colaboración entre distintos colectivos da cidade contrarios ó PXOM que se plasmaría en tres acción fundamentais:

-A divulgación de información e recollida de alegacións sobre distintos aspectos, e incluso á globalidade do PXOM.
-O inicio dunha campaña de recollida de sinaturas para esixir ó concello a realización duna consulta cidadá sobre o Plan.
-E a convocatoria da manifestación do 13 de abril.

A primeira delas foi un éxito: entregáronse ó redor de 50000 alegacións, pese á desinformación que sobre o Plan se deu por parte das/os técnicas/os supostamente encargadas de explicalo, e á campaña contraria orquestada dende o propio concello, e que contou coa colaboración da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo.

Sabemos perfectamente cal é o destino destas alegacións (lástima de papel!), pero foi unha importante demostración de forza e un avance do resultado que poderiamos ter nesa buscada consulta que, por cuestión de plazos (o concello imporá turnos de 24 horas para resolver as alegacións para poder aprobar o Plan no mes de xuño), será difícil que se chegue a acadar.

O pasado 13 de Abril tivo lugar en Vigo a primeira manifestación convocada a nivel de todo o municipio contra o novo PXOM. Anteriormente houbo outras dúas na parroquia de Teis: a que fixeron o 31 de marzo convocou arredor de 3000 persoas (http://galiza.indymedia.org/pt/2005/04/2301.shtml).

Respecto á manifestación do 13, na que se estimou unha presencia de arredor de 8000 persoas, cabe salientar a enorme cantidade de pancartas presentes, cada unha denunciando distintos aspectos do PXOM, moitos deles descoñecidos pola inmensa maioría da cidadanía. Algunhas delas aludían á destrucción dos montes parroquiais; denunciaban o proxecto da Ronda de Vigo; a insustentabilidade do plan; a desaparición das parroquias pola extensión de polígonos industriais ou urbanizacións brutais; a destrucción do monte do Castro, ausencia de previsións para novas depuradoras…

Houbo tamén alusións ó papel da citada Federación Veciñal como instrumento ó servicio do governo municipal (ademáis do seu papel mediático apoiando o Plan e desacreditando ó movemento de oposición, chegaron mesmo, a chamar por teléfono ás Asociacións de Veciñas/os para “aconsellar” que non asistiran á manifestación).

Se ben é certo que a asistencia á manifestación non foi masiva, hai que valorala no contexto no que se produciu, cunha presión mediática moi forte na súa contra e a favor do PXOM, e o descoñecemento do seu contido por gran parte da cidadanía. Sen esquecer a importacia de que fose convocada e apoiada por numerosos colectivos da cidade, de diverso tipo, e alleos moitos deles ó movemento asociativo “institucionalizado”, tecéndose unha incipiente rede de colaboración que pode dar froitos interesantes ( http://galiza.indymedia.org/pt/2005/04/2477.shtml).

En todo caso, e como se recollía no comunicado lido ó seu remate, esta manifestación foi só un paso máis na loita contra a aprobación do PXOM.

Mentras o Concello asegura que cumplirá os prazos e se ratificará o PXOM a finais de xuño, os colectivos opositores tentan reunir firmas suficientes para forzarlos a que convoquen un referéndum municipal sobre o plan e para o 2 de xuño está prevista outra manifestación unitaria.

Contido do plan: http://galiza.indymedia.org/media/2005/01/1394.pdf
http://hoxe.vigo.org/urbanismo/avance.html
http://www.pxomvigo.com/

1º de Maio Polo reparto da riqueza e os dereitos sociais para todos/as [05|05]

Na situación actual, na que o sistema tenta destruír sistematicamente os dereitos sociais, e a todo e a todas as que sexan un atranco para a acumulación de capital, é fundamental deixar clara a necesidade dun modelo de sociedade moi diferente, onde as necesidades humanas, ecolóxicas e sociais se antepoñan ás económicas.

Sufrimos unha mercantilización de tódolos aspectos da vida, unha precarización da nosa realidade.

Teñen a nosa vida toda posta a traballar para o seu beneficio. A cidade converteuse nunha grande fábrica onde estamos atrapados polo consumo. O espazo público privatízase, especúlase co solo e todas nos vemos obrigadas a formar parte dunha grande empresa de servizos e espectáculos para turistas e investidores (Volvo Ocean Race?).

No campo laboral temos a precariedade máis interiorizada ca nunca. A única solución que dan ao paro é o emprego lixo (principal causa dos accidentes laborais) e, ante os novos recortes que caen sobre nós, apenas respondemos (e pronto teremos unha nova reforma laboral!). Os poderes antes que buscar solucións, prefiren xestiona-la desigualdade: Homes, nacionais, traballadores, fixos antes ca mulleres, estranxeiras, paradas ou precarias.

Para garanti-lo máximo beneficio empresarial empregan: a chantaxe permanente do despido case libre, a imposición da flexibilidade e produtividade (no nivel de esixencia, tratan as persoas como máquinas), a apropiación pola empresa da experiencia e inventiva da traballadora, a imposición dos contratos por horas, salarios máis baixos ca no resto do estado...
Pero para as empresas todo son facilidades, nunca lles foi tan doado aproveitar subvencións e
exencións fiscais e, aínda así, as deslocalizacións a lugares onde aínda é máis fácil obter beneficios están a orde do día, xa que nada llo impide e, a súa tan cacarexada “función social,” consiste tan só en amasar cartos e nada máis.

A natureza, vese tamén subordinada ao beneficio
económico coas escusas de manter empregos, das necesidades cada vez maiores de enerxía, ou da “necesidade” de grandes infraestructuras de transporte. Nada pode para-lo progreso, nin sequera a obviedade de que a propia “riqueza” natural é limitada e non se vai poder rexenerar.

A exclusión e a pobreza aumentan sen parar e, o peor, é que é algo que este modelo de desenvolvemento inhumano e autodestrutivo precisa para funcionar.
A violencia propia deste sistema socio-económico produce cada vez máis desigualdades e non se buscan solucións alegando falta de cartos, mentres aumentan os beneficios do capital apoiado con fortes investimentos públicos (solo industrial case regalado, macro-infraestruturas de transporte: Aeroporto, AVE, 2º Cinto, Ronda, Via Rápida do Morrazo, e recheos e máis recheos).
Pola contra, a día de hoxe, non hai un albergue público en Vigo, a renda de inserción social ou as axudas de emerxencia social non só teñen unha contía insuficiente e moi afastada do salario mínimo, senón que poñen un mar de trabas para concedelas.

Para comprender as raices da desigualdade non hai mais que ver os datos económicos de Vigo, é a zona de Galiza onde máis negocio se xenera e máis se aporta ao Producto Interior Bruto, pero o poder adquisitivo das viguesas é dos máis baixos do estado, o máis baixo entre as cidades maiores de 200.000 habit. ou capital de provincia, ademais ten a taxa de paro e os prezos máis caros de Galiza.

É fundamental que se recoñezan e redefinan os Dereitos Sociais de forma ampla (sen que iso supoña un estado máis forte que os xestione), os dereitos laborais, os das excluídas, os das migrantes, os das minorías, os das presas, os ecolóxicos, e moito máis:

Reparto do traballo e a riqueza que xenera, cambios na regulación laboral, un novo Estatuto das traballadoras que realmente nos protexa, a erradicación das E.T.T.,...

Peche das producións socialmente innecesarias, que danan ou destrúen o entorno e as persoas e recolocación das traballadoras. Non tódolos traballos valen, nin tódalas condicións tampouco.

Defensa do público para garanti-las necesidades básicas, sanidade, educación...

Transportes públicos gratuítos, e apoio especialmente ao ferrocarril convencional polos seus beneficios sociais e ambientais fronte a outros medios de transporte.

Dereito real de toda persoa a acceder a unha vivenda digna, xa que é unha necesidade básica de primeira orde. As administracións en lugar de garantir este dereito, aprovéitanse para obter grandes beneficios e permiten a especulación por parte de promotores, construtoras e inmobiliarias.

Do prezo sobrevalorado e a nosa imposibilidade de pagar aprovéitanse os bancos,(o endebedamento das familias chega xa ao 90% dos ingresos). En Vigo hai 28.000 vivendas baleiras, o seu prezo creceu un 17%, o dobre que en Galiza, e os alugueres un 70% en dez anos. Boa parte da grande cantidade de cartos que xenera e atrae Vigo, van parar á especulación coa construción e a vivenda.

Por isto, a solución non é seguir promovendo máis construción, senón forzar e primar aos propietarios a ofertar vivendas con alugueres sociais (15% dos ingresos) e poder obter de verdadeiras vivendas públicas, que se arrenden aos cidadáns sen que deixen de pertencernos a todas.

Non aos cárceres nin ás políticas represivas.

Fomento e apoio das iniciativas de atención e prevención. Hai 56.000 persoas nas cadeas, nada raro, xa que a única vía que se admite para formar parte da sociedade actual é o consumo e oito de cada dez mozos/as están en situación precaria e a maioría das migrantes sofren todo todo tipo de trabas para a súa integración.

Concienciación sobre a insustentabilidade do planeta e a necesidade de frear a lóxica do crecemento continuo. Substitución das enerxías non renovabeis por renovabeis, partindo da necesidade de reducir o gasto enerxético e non como macro-negocio das multinacionais.

Apoio e desenvolvemento en materia medioambiental, e promoción da redución do consumo, a reciclaxe e a reutilización.

Fomento das cooperativas de consumo e substitución do actual sistema de producción de alimentos orientado ao beneficio das multinacionais agroalimentarias. Promoción da producción ecolóxica, local e socialmente xusta.

Eliminación do patriarcado, que é un dos pilares do sistema capitalista.

Liberdade de circulación das persoas, peche dos centros de internamento das persoas migrantes e retirada da lei de estranxeiría que viola os dereitos humanos

Renda Básica forte, para que tódalas persoas poidan vivir dignamete e coma vía real para o reparto da riqueza (que a propia sociedade xenera).

A RB forte é o dereito de toda persoa a percibir uns ingresos periódicos cunha contía igual ou superior ao umbral da pobreza, sen que sexa obrigatorio ser unha traballadora potencial e sen contrapartidas.

É, polo tanto, un dereito individual, universal e incondicional (non ten en conta outros ingresos). Refunde nun só concepto case tódalas prestacións sociais do sistema actual.

Asociación Caleidoskopio e Grupo Axitación Social

Xornadas de reflexión en Vigo "A precarización da vida" (05|05)

VENRES 6 DE MAIO ÁS 19:30

Precariedade e vivenda: Proxección do documental "EL FORAT" 75 min.

É un documental que conta a experiencia de resistencia á especulación inmobiliaria do vecindario do barrio La Rivera, de Barcelona e a súa loita por unha zona verde.

SÁBADO 7 DE MAIO ÁS 20:00

Precariedade e migrantes: Charla a cargo da Asesoría a inmigrantes da CGT de Vigo.

VENRES 13 DE MAIO ÁS 19:30

Precariedade e muller: Proxección de "PRECARIAS Á DERIVA: á deriva polos circuitos da precariedade feminina" 60 min.

Video de instantáneas e collages sobre a precarización da existencia dita en feminino. Unha experimentación de narración coral e inacabada, en nome propio, na busca de nomes comúns que falen das nosas precariedades e movilidades, pero que falen delas lonxe dos fetiches e dos iconos.

SÁBADO 14 DE MAIO ÁS 20:00

Precariedade e explotación laboral: No 3º Mundo, as multinacionais do sector téxtil explotan sobre todo a mulleres e menores.

Charla a cargo da ONGD Amarante coordinadora en Galiza da campaña “Roupa Limpa”:

No Sur o obxectivo da campaña é mellorar as condicións laborais e salariais, así como defender os dereitos humanos fundamentais no respecto as persoas.

No Norte, pretende fomentar o consumo responsabel entre os cidadáns informando e sensibilizando sobre as condicións en que se fabricaron os productos que mercamos.

No C.S.A. “A Cova dos Ratos” r/ Romil, 3 Baixo C.P.36202 Vigo tlf. 986 493 381.

AC Caleidoskopio e Grupo de Axitación Social

Charla en Vigo sobre o Centro Social Okupado Laboratorio 03 [22|04|05]



Charla a cargo dun dos membros do Labo 03, o venres 22 de abril ás 20:00 en "A Cova dos Ratos" r/Romil,3 Baixo.

O ”Laboratorio 03” okupou durante 16 meses un edificio na rúa Amparo 103, en Lavapiés, Madrid.

Os últimos anos deste barrio e os anos de existencia do ”Labo” van estreitamente unidos. Boa parte da grande densidade social deste barrio se expresou no Labo, que a súa vez se nutriu dun espazo urbano singular, complexo e sumamente creativo.

O 8 de xullo xulgarán a 16 persoas pola okupación do Laboratorio 03. (estaba previsto para o 8 de marzo, pero adiouse) En total, pídenlles 144.000 euros de multa ou 8 anos de cárcere se non se paga: unha barbaridade.

“O Laboratorio” foi un espazo público e aberto, referente fundamental das propostas culturais e sociais desa cidade. Os centos de participantes deste proxecto demostraron que pode e debe existir un modelo alternativo ao mercantil e burocrático de xestión e organización da riqueza social.

Pero para iso se necesita un espazo. E o espazo urbano está dominado pola especulación e o mercado ou por institucións políticas que impoñen o clientelismo, o control e a dependencia como condición de supervivencia de iniciativas sociais.

Sen okupación non tería habido posibilidade de experimentar o “Labo03”.
Iso é o que se xulga o día 8: o que fixo posibel que o “Labo” existira.

http://sindominio.net/laboratorio/lab03/laboweb.php

Organizan:

Ateneo Libertario de Vigo
Asociación Cultural Caleidoskopio
Grupo Axitación Social

Arredor de 8000 persoas na mani unitaria contra o PXOM de Vigo [13|04|05]


Este mércores 13 de abril, a partir das sete da tarde xa comezou a concentrarse xente na praza do concello, notábanse xa ás gañas que a xente tiña de que se producise esta protesta, que prometía ser numerosa a xulgar polas miles de alegacións presentadas desde o luns e que desbordan a capacidade dos funcionarios municipais (dise que xa son preto de 40000).

Aprobeitamos este tempo no que ía chegando a xente para repartir panfletos, pegatas contra a ronda ou o pxom e para recoller firmas coas que se pretende esixir ao concello unha consulta/referendum sobre o plan. (na “cova dos ratos” temos impresos de recollida de firmas).

Pasadas as oito arrancou a pancarta principal co lema “Plan Xeral Vergoña Municipal”, pero debido a afluencia de xente, aínda tardamos un bo rato en dar saido da praza todalas participantes, se ben algunha xente xa se sumou en Romil e no paseo de Alfonso XII.

Ao chegar á Praza da Princesa, onde está a Federación de Asociacións de Veciñas “Eduardo Chao” (que apoian ó PXOM), se parou para abuchealos un rato e a xente de Teis que de novo ían en plan enterro do seu bairro, con cadaleito e cura incluido, deixaron unha cruz con coroa de flores na porta, así como algunhas pegatas.

Seguiu a mani pola Porta do Sol, Policarpo Sanz e ata a Escola de Artes e Oficios onde se expón o plan xeral e o concello ten instalado un rexistro especial para entregar as alegacións.
E diante deste edificio, as nove e media deu chegado toda a a xente e leuse un comunicado, consensuado pola vintena de organizacións convocantes.

Ao igual que ocorría nas manis de nunca Mais ou contra a guerra de Iraq, foi unha mani moi viva, diversa e participativa, á grande cantidade de pancartas dos colectivos presentes, sumouse a imaxinación individual ou familiar de grande parte dos asistentes que levaban pancartas propias, camisetas pintadas, timbais, silbatos, petardos, disfraces…nada que ver cun desfile monocor.

Os principais colectivos presentes na mani foron os de Teis, Coordenadora contra a Ronda de Vigo, Matamá, a xente da depuradora de Coruxo, Garrida, Lavadores, Bembrive, Samil, Castro, Sárdoma, e políticos Esquerda Unida, Nos-UP, Outro Vigo é Posible.

O Grupo Axitación Social tamén estabamos apoiando, claro.

Grupo Axitación Social

¡Non ó PXOM! [04|2005]




¡Paremos a súas aprobación!

Estamos a vivir un dos momentos que poden ser considerados máis importantes na vida dunha cidade: a elaboración do seu Plan Xeral de Ordenación. Un plan que ha de marcar as liñas básicas do seu modelo futuro.

Sen embargo, este proceso estase a realizar de costas (e en contra) da poboación, de costas as/os que formamos esta cidade e, polo tanto, deberiamos decidir como queremos construíla e a qué necesidades queremos que responda.

Esta contradición de partida vén a poñer de manifesto unha realidade: a ordenación territorial non é máis ca un medio para que algúns fagan moitos cartos. De feito, poucas actividades permiten gañar diñeiro tan rápido coma a especulación sobre o territorio.

Esta búsqueda do beneficio inmediato é a razón da extendida tendencia á urbanización, que se manifesta dun xeito evidente en Vigo, onde se pretende aumentar nun 86% a superficie urbana municipal, extendendo un modelo de cidade aínda máis agresiva do que é o núcleo urbano do Vigo actual, sobre o rural e semi-rural vigués, facendo desaparecer, dun ou doutro xeito, tódalas parroquias viguesas tal e como as coñecemos na actualidade.

Pero, de acordo a manipulación da realidade característica dos nosos tempos, preténdese que nós, principais afectadas/os deste plan, non só non nos opoñamos a él, senón que incluso o defendamos, empregando unha vez máis, o mitificado e falseado argumento da necesidade do progreso.

AÍNDA ESTAMOS A TEMPO

Poderíase pensar, que o significado deste termo ”progreso” implicaría o avance das sociedades cara a un futuro mellor que permitise acadar maiores cotas de liberdade e felicidade. Mais todo o contrario, o que se promove é:

Unha cidade deseñada para impedir a relación entre as persoas entre si e coa natureza, onde para ver o verde do que agora gozamos teremos que asomarnos ós xardíns privados das urbanizacións de luxo, mentres nós teremos que hipotecar a nosa vida para vivir amoreadas nas "xaulas" que construirán onde estaban as nosas casas, nas que consorte teremos un balcón no que poder plantar unha leituga, os que queremos saber o que comemos.

Coa construción da Ronda e a expansión da cidade, a dependencia do automóbil se fará aínda máis obrigatoria. Destruiranse masas forestais, altera cursos de auga, arrasa elementos etnográficos e culturais coma muíños, presas de regadío…

Fomenta un modelo de cidade no que as relacións interpersoais só se entenderán no contexto do consumo, eliminando espazos de lecer, encontro e espallamento para susbtituílos por macrocentros comerciais (xa denominados coma centros de "ocio") coma o proxectado en Teis con 70.000m2 , o da Laxe, Recaré, estación de autobuses…Deixaremos de ser veciñas e veciños, para ser unicamente asalariadas/os, e sobre todo, consumidoras/es; unha peza máis da engranaxe económica.

Non estamos dispostas/os a aceptar unha nova agresión desta magnitude ao medio do que formamos parte e á nosa xa escasa calidade de vida, para que uns poucos (os de sempre) impoñan a súa idea de desenvolvemento que non significa nada máis que desmedidos beneficios para as multinacionais (citroën, carrefour,...), as grandes empresas constructoras e as/os políticas/os corruptas/os.

Grupo Axitación Social

3000 veciñas nos manifestamos contra o PXOM de Vigo [31|03|05]



Onte 31 de Marzo do 2005, convocados polo Plan Comunitario de Teis e Voces polo Litoral principalmente, 3000 persoas saimos as oito da tarde desde o Mercado de Teis e durante unha hora fixemos o percorrido ata o nó de Isaac Peral, moitas pancartas e na cola da mani un cortexo fúnebre con coroas cos nomes dos portavoces dos partido favorables ao PXOM.

Acudiu moita xente de Teis e de outros barrios.

Para o 13 de Abril farase unha movilización polo centro da cidade, que convocará ás afectadas de todolos puntos de Vigo.

Proxección do documental "The Corporation" en Vigo [03|2005]


O Grupo Axitación Social organiza en “A Cova dos Ratos” r/ Romil,3 Vigo, o visionado do documental “A Corporación, institucións ou psicópatas". (The Corporation), é un documental canadiense realizado en 2003 por Mark Achbar e Jennifer Abbott, e no que participan personaxes como Michael Moore, Vandana Shiva, Noam Chomsky, Naomi Klein, Peter Drucker e Milton Friedman, entre outros.

Consta de tres partes que pasaremos nos tres primeiros venres do mes de marzo:

1. A PATOLOXÍA DO COMERCIO. Venres 4 de Marzo ás 19:30.

2. PLANETA S.A. Venres 11 de Marzo ás 19:30.

3.VALORACIÓN. Venres 18 de Marzo ás 19:30.


Á caza do comportamento psicopático das empresas

A película THE CORPORATION invita a xogadores, figuras e peóns a un reto gráfico que engancha, para revela-lo funcionamento interno das corporacións, historia curiosa, impactos controvertidos e posibeis futuros.

Estudos analíticos, anécdotas e confesións reais deixan ao descuberto as tensións e influenzas detrás da escea de varios dramas corporativos e anticorporativos. Cada un ilumina un aspecto do complexo carácter da corporación. Entre os 43 entrevistados encóntranse xerentes, executivos de alto nivel de industrias como a do cru, farmacéuticas, ordenadores, pneumáticos, relacións públicas, promoción de marcas e patentes, publicidade e marketing ’latente’ e subliminal. Adicionalmente participan un premio Nóbel de economía, o gurú #1 de xerencia de empresas, un espía corporativo así como un amplo repertorio de académicas, críticas, historiadoras e pensadoras.


Unha ’persoa’ legal

Na metade do século dezanove a corporación emerxe como ’persoa’ legal. Imbuida cunha personalidade de puro interese egoísta, nos seguintes 100 anos viuse a subida da corporación ata o dominio. A corporación creaba riqueza sen precedentes. Pero a que coste? Milton Friedmann explica: ’... as consecuencias para unha terceira parte non pretendidas polas negociacións entre dúas partes son responsabeis dos incontabeis casos de enfermidade, morte, pobreza, polución, explotación e mentiras.’

A patoloxía do comercio: casos clínicos

Para coñecer mellor a ’personalidade’ dunha corporación, a esa ’persoa’ en forma de empresa xigante, emprégase unha lista de puntos por analizar e verificar. De feito, empregáronse os criterios actuais da Organización Mundial da Saude e o DSM IV, é decir, a ferramenta estándar de psiquiatras e psicólogos. Estes criterios dan á corporación unha personalidade abertamente antisocial. A corporación é egoísta, inmoral, cruel e daniña, destrúe límites e estándares morais e legais para conquerir-los seus obxectivos, non sofre de sentimento de culpa, nin pode responder coas calidades humanas de empatía, coidados/preocupación ou altruismo. Catro estudos clínicos, elexidos do universo das actividades da corporación demostran claramente dano infrinxido a traballadoras, saúde humana, animais e biosfera. Concluíndo a análise punto por punto, o documental-película entrega unha diagnóse molesta: as corporacións cumpren en tódolos puntos co perfil de... psicópatas."

Responsabilidades monstruosas

Outro caso enfocado: Sir Mark Moody-Stuart conta como foi, xunto a súa esposa, despertado unha boa mañá na súa luxosa mansión de campo por activistas de ’Earth First’ (A Terra primeiro). Moody Stuart era membro do consello da Shell (Royal Dutch Shell) nesa época. Os activistas despregaron unha mensaxe clara sobre o tellado da casa: ’ASASINOS’. A resposta do matrimonio sorprendido non foi chamar á policía, senón estabelecer conversación cos activistas, invitarlles a té e discutir sobre os dereitos humanos e o medio ambiente. Pero mentres a señora Moody-Stuart se desfixo en desculpas por non ter leite de soia para os participantes veganos da acción, en Nixeria, Shell explota sen medidas de control de ningún tipo unha das fábricas de maior impacto medioambental do mundo. Peor aínda. As preocupacións do matrimonio non liberaron a Ken Saro Wiwa e a outros oito activistas opositores en Nixeria de ser aforcados.

Sen sentimentos, sen empatía ningunha

As corporacións existen para crear riquezas personais e mesmo desastres a nivel mundial poden converterse en centros de beneficios. Carlton Brown, un axente de bolsa explica con toda naturalidade como reaccionaron os especuladores á hora na que as Torres Xémeas aplastaron a miles de persoas. A primeira pregunta en tódalas chamadas entrantes foi: ’ Subiu o ouro?’

A terra privatizada

Se pensamos que temas como os desastres naturais, a protección da infancia ou a pureza do leite son cuestións sagradas, equivocámonos. As corporacións non teñen no seu funcionamento,límite ningún respecto ao que poden ou non explotar para obter beneficios. Hoxe en día privatízase calquera cousa, cada átomo deste mundo. Incluso o teu ADN. As corporacións teñen patentes sobre todo, sexan animais, seres humanos ou cousas. As proteccións contra as corporacións que os estados mantiñan en anos pasados, caeon coma papel ante a súa voracidade. Michael Walker do instituto Fraser o di ben claro: "Debería privatizarse cada metro de terra, metro cúbico de aire e auga neste planeta."

Democracia S.A.

A democracia é un valor que as corporacións non comprenden. De feito, as corporacións participaron e participan activamente na destrución de democracias se estas resultan ser obstáculos na súa carreira unilateral e descerebrada por maiores beneficios. Desde o intento de golpe de estado para colocar un presidente militar-corporativo na Casa Branca no 1934 - que evitou o xeneral de marina Smedley Darlington Butler, ata o día de hoxe onde os bufetes de abogados das corporacións encárganse de produci-la leis estatais, as corporacións sempre mercaron o poder militar, músculo político e a opinión pública. As corporacións tampouco dubidan á hora de tomar ventaxa da ausencia de democracia. Unha das historias máis espeluznantes do século 20 é a estratexia da IBM e a súa horrenda alianza con Adolf Hitler.

A resposta do levantamento

A película non só ofrece unha visión que se expande desde o núcleo de decisións e plans da corporación, senón que tamén mostra a unha cidadanía cada vez máis involucrada en combate-la maquinaria corporativista. O funcionamento da información distribuída pola rede, a investigación xornalística cibernética e un número cada vez maior de publicacións dixitais que enfocan á corporación coma inimigo real da humanidade e do planeta.

Máis información sobre a película: http://www.nodo50.org/tortuga/article.php3?id_article=967

Transporte público gratuito Xa!!! [01|03|05]


O transporte urbano en Vigo segue a ser un dos máis caros do estado, ademais de ser totalmente insuficiente para dar servizo adecuado á cidade.

A compañía Vitrasa pretendía impor unha subida do billete totalmente abusiva para este 2005, pero a presión da opinión pública forzou ao PP a impedirllo, admitindo finalmente unha suba nada despreciábel de 0.04 céntimos, pero non só no billete ordinario, senón tamén nos bonos, co que a presunta intención de promocionar o transporte público que sempre vai no programa dos partidos, quedou así totalmente anulada.

Para contrarrestar a mala imaxe que lle dan estas medidas, Corina sacou unha solución máis próxima a caridade, coa gratuidade para as xubiladas de “tipo II”, co argumento da súa falta de recursos.

Isto en principio está ben, pero canta xente sen recursos queda fóra desa medida?, nós esiximos que a gratuidade se extenda a tódalas persoas e canto antes ás excluidas. Na sociedade actual construída en torno á cultura do coche, a imposibilidade de desprazarse é un factor determinante na exclusión social.

Pero que ninguén se preocupe, nunha metrópole tan impersoal como Vigo, a Cámara de Comercio e o Concello, veñen de novo no noso auxilio coa Tarxeta Comercio, xa estamos comezando a acostumarnos a que non nos traten nin como usuarias dun servizo público, nin como veciñas da cidade, por riba de todo somos consumidoras potenciais, de aí que se mercas a cantidade que cada comercio fixe como mínimo, obterás un bono para Vitrasa.

Por todo isto nós sacamos a Tarxeta Pirata, para intercambiala no Concello e en Vitrasa por:

-Que haxa transportes públicos urbanos gratuítos para todas.

-Que se potencie de verdade o transporte público colectivo fronte ao particular (mellorándoo, ampliando horarios, liñas...).

-Que se pacifique o tránsito nas cidades, reducindo a mobilidade obrigatoria, recuperando o espazo viario para o tránsito de peóns e as bicicletas, e limitando o transporte motorizado individual no centro da cidade.

-Que se teñan en conta as necesidades locais, sociais e económicas das usuarias fronte ás actuais políticas de transporte que desenvolven modelos insostíbeis.

Grupo Axitación Social
Asociación Caleidoskopio
Ateneo Libertario de Vigo

Crónica do acto contra a Constitución Europea do Capital e a Guerra [22|02|05]


O Sábado 22, de novo nos xuntamos na rúa do Príncipe (a máis comercial de Vigo), neste caso para achegar a cidadanía a nosa mensaxe fronte da Constitución Europea.

Tentamos achegar á xente unha información crítica sobre a mesma, alonxada do pensamento único que sofremos coa campaña institucional nos medias e con personaxes famosas como principal atractivo na defensa desa mal chamada Constitución.

A partires da seis da tarde comezamos a colocar a nosa pancarta que dicía “A Constitución Europea do capital e a guerra”, colocamos cinco paneis informativos no centro da rúa e unha mesa informativa con panfletos, pegatas e outros materiais.

Comezamos a repartir panfletos entre os viandantes, e un rato despois Tom Kucharz que aceptou a nosa invitación para visitarnos desde Madrid e que é membro da comisión de internacional e antiglobalización de Ecoloxistas en Acción comezou a falarlle aos viandantes, tentando explicar á gran cantidade de xente que ateigaba as rúas nesas horas, na busca de rebaixas, cales son as rebaixas que provoca nas nosas libertades e dereitos a aprobación da Constitución Europea, tamén repasou as agresións que para Galiza ten suposto a nosa pretenza á Unión Europea, coa cota láctea ou a reconversión naval e industrial…

Durante o acto houbo en todo momento arredor de medio cento de poersoas, e tivo bastante repercusión entre moita xente que pasaba e botaba o seu tempo para escoitar as explicacións de Tom e para ler os cinco paneis que explican por qué a U.E e o seu novo proxecto constitucional:

É militarista (obriga a que os estados aumenten o presuposto militar, xustifica as intervención preventivas…) .

A cidadanía non pinta nada (a U.E. constrúese alonxada da cidadanía, para que inflúa o menos posible nas decisións, cargos políticos elixidos a dedo (como os da Comisión) aumentan o seu poder e reciben as presións e a influencia dos grandes capitais económicos.

É insostible, a pesar de bonitas declaracións de intencións, pretenden protexer o medio ambente garantindo a máxima competitividade, a mentira disto queda claro cando vemos que o que promoven son as grandes infraestructuras de transporte e as grande redes de interconexión enerxética, ademáis do feito de ser Europa o maior consumidor de recursos naturais só por detrás do USA.

Beneficia aos grandes capitais , a U.E. é un proxecto económico para aumentar a competitividade europea a nivel mundial, ao mesmo tempo que xenera pobreza, desigualdades e problemas ambientais, garantir a competitividade é un dos pilares básicos do proxecto de Constitución Europea.

É antisocial, (os mercados antes das persoas), a U.E. esta ideada como unha grande area económica que debe garantir o bo funcionamento do Mercado, mentras os dereitos sociais básicos son relegados e recollidos simplemente de forma xenérica no texto constitucional.

O acto provocou tamén un diálogo entre os asistentes e Tom, a pena é que a xente dáballe vergonza falar polo micro, polo que salvo algunha excepción, preferiron achegarse á mesa informativa, ou ao propio Tom no descanso que fixo pola metade ou ao final do acto, para facerlle preguntas cara a cara iniciándose un diálogo moi animado que se extendeu ata as nove, a pesar de que o acto propiamente o tentamos rematar as oito.

En definitiva aínda que nos tería gustado que houbese máis debate público, conseguimos un dos obxectivos que era facer un acto próximo e dalgunha maneira nun tono participativo e inclusivo, non un mitin nin unha charla co ponente nun plano superior.

O acto o convocamos: Asociación Caleidoscopio, CGT, Ateneo Libertario, Luita Verde e Grupo Axitación Social, ademáis o luns fixemos tamén unha charla na casa do Mar de Moaña, a que se ben os asistentes non pasaron da vintena, tamén foi moi interesante.

Grupo Axitación Social

19.3.11

Actos en Vigo e Moaña sobre a Constitución Europea do Capital e a Guerra (22-24|01|05)


En Vigo o Sábado 22 ás 18:00h farase unha charla e asemblea pública en Príncipe á altura do MARCO, se chove o faremos na Cova dos Ratos r/Romil,3 Baixo ás 19:00. Contaremos coa presenza de Tom Kucharz de Ecoloxistas en Acción. O luns 24 ás 21:00 dará unha charla na Casa do Mar de Moaña ás 21:00. Convocan: CGT, Ateneo Libertario, Caleidoskopio, Luita Verde, Grupo Axitación Social.

O 20 de febreiro vaise levar a cabo no estado español o referendo para a aprobación da constitución europea.

O resultado desta consulta non terá un valor legalmente vinculante para o goberno, pero sen embargo, verémonos sometidas a unha forte campaña mediática (pagada por suposto cos nosos impostos), non pola participación e o libre posicionamento da cidadanía, senón apelando directamente ó voto polo si, manipulando nesta dirección incluso a propia formulación da consulta. E todo isto non só para disfrazar de democrática a decisión que xa teñen tomada, senón porque ademais o resultado no estado español, que xa dan por positivo, podería condicionar o que se obteña noutros estados onde os gobernos si estean obrigados a respectalo.

Pero, por que tanto interese en sacar adiante unha constitución europea?.
A orixe da actual Unión Europea temos que buscala na creación no ano 52 da Comunidade Económica do Carbón e do Aceiro, á que seguiría no 60 a Asociación Europea de Libre Comercio, no 62 o estabelecemento da P.A.C. (Política Agraria Común)... e o propio tratado de Maastrich no 93, que supón a entrada en vigor do mercado único europeo, e é considerado como o seu verdadeiro tratado constituínte; é dicir, a razón de ser da UE, radica unicamente na creación dun mercado unificado, o máis amplo posíbel e que sirva ademais como plataforma sólida de proxección cara ó exterior.
Pero este proxecto económico, seguindo un modelo capitalista neoliberal, precisa na práctica dun aparello supraestatal que o lexitime e que controle o descontento social que deberían provoca-las medidas que afianzan a súa implantación. Nesta liña avánzase no texto desta constitución na que, entre outras cousas:

- Reafirma a Unión Europea como superorganismo formado pola asociación de estados, non de persoas, e polo tanto son estes, é dicir, os gobernos que os dirixen, os que están representados e teñen capacidade de decisión. O parlamento europeo, única institución na que hai eleccións, apenas ten valor; onde reside o poder de decisión é na Comisión (na que os membros son elixidos a dedo polos gobernos) e sobre todo no Consello (formado polas presidentas e ministras dos gobernos), sendo este último, por poñer un exemplo, o que vén de levanta-la moratoria existente sobre os alimentos transxénicos, dándolles vía libre fronte á oposición da maioría da cidadanía de Europa.

- O único sistema económico permitido será a economía de mercado aberta e de libre competencia, mentres que o sistema de seguridade social sérá ó gusto de cada país.

- Propón unha política de déficit cero, que xa temos comprobado como se sostén, mediante o recorte nos presupostos sociais e a obediencia ós dictados da OMC (Organización Mundial de Comercio).

- Recolle uns dereitos sociais, igualados á baixa entre os países membros, polo que en moitos casos retrocederase en canto a garantías sociais que tanto custaron acadar. Hai dereitos como o da saúde, un medio ambiente limpo, dereito á vivenda ou a recibir un salario suficiente que nin sequera se mencionan.

- Non introduce ningunha crítica ó sistema patriarcal, polo que se perpetúa esta forma de opresión, claramente funcional, entre outras cousas, para o sistema de eliminación de servizos sociais que se promove.

- Dentro dun modelo socio-económico productivista e biocida, persigue un imposible: conxugar competitividade e crecemento con protección ambiental.

-Apóstase por unha escalada militarista, coa creación da Axencia Europea do Armamento, Investigación e Capacidades MIlitares, e unha Forza de Intervención Rápida que permitirá aplica-la política de ataques preventivos que tamén se aproba.

- Conságrase a Europol, policía interna e a fiscalía Eurojust, que reforzan o control e a represión sobre a cidadanía coa perfecta escusa da loita contra o terrorismo global.

- Consolídase a libre circulación de capitais, mentres que se pecha a entrada a persoas.

A quen serve realmente esta constitución? En realidade, a quen serve esta Europa?

Teriamos que cuestionarnos seriamente non só o contido do texto que debemos aprobar, senón a propia existencia dunha Unión Europea á que ninguén nos consultou se queriamos pertencer nin a que principios e intereses queriamos que respondera.

Non nos deixemos atrapar no discurso europeísta da necesidade dunha Europa cohesionada e forte por que?, para que?, para quen?; ou de que a Unión Europea sexa un contrapoder fronte ós Estados Unidos, cando non son máis que a mesma cara da moeda, quizais cunha maquillaxe algo diferente.

Ateneo Libertario, Caleidoskopio, CGT, GAS, Luita Verde.

O BNG e o PP tivéronse que agochar para aprobar o novo PXOM contra a cidadanía de Vigo [31|12|04]


O 30 de decembro o BNG e o PP agocháronse no concello de Vigo para aprobar o novo PXOM contra a cidadanía, xa que só responde a intereses especulativos, ao formigón e as alturas sen fin.

Comezaremos dicindo que o día 29 unha trintena de veciñas, ocupamos o vestíbulo da alcaldía desde a unha do mediodía ata as tres e media, se ben a intención era permanecer ata o día do pleno para protestar contra o proxecto da Ronda de Vigo, a alcaldesa negouse a deixarnos pasa-la noite alí e nos propoñía como alternativa unha entrevista con Chema Figueroa (concellal de urbanismo), cousa que rexeitamos porque xa houbo reunións dabondo e esta era só unha forma de quedar ben e que nos marchasemos. Aínda a nosa actitude era de resistencia pacífica mandounos a máis de sesenta policias municipais do 092 que ordearonnos que nos marchasemos e nos ameazaron con que de non desaloxar inmediatamente seriamos todos detidos, ante isto sentámonos no chan para ver ata onde ían chegar e tras ser arrastrada algunha veciña, decidimos que o mellor para evitar males maiores era marchar polo noso pe, (non sen antes ter sido todas identificadas, debido a nosa grande perigosidade).

Esta mañá estaba convocado un pleno extraordinario no Concello de Vigo para trata-la aprobación do novo PXOM, plan plan xeral de ordenación municipal (a súa redacción iniciouse cando o BNG aínda ocupaba a concellería de urbanismo).
Un PXOM que proxecta a construcción dunha Ronda que destrúe o noso rural e só beneficia as grandes constructoras, a Citroën, a zona Franca…, un PXOM que permite a a construcción de portos deportivos e a destrucción do Monte de A Guía e da súa veciñanza e un PXOM que non inclue terreos para a construcción dunha moi necesaria nova depuradora.

Centos de persoas (mais de 300) agardabamos desde as nove menos cuarto para acceder ao salón de plenos, xa desde esa hora había gran presencia da policía municipal nas escaleiras que dan acceso ao mesmo e algunhas persoas foron accedendo, non sen certas trabas e mesmo algún cacheo.
Pero no momento en que ía dar comezo o pleno e cando a maioría das persoas pretendiamos subir, bloqueáronnos a entrada das escaleiras.

Despois de tentar que nos deixasen paso e de reclamar insistentemente o noso dereito a estar presentes nun pleno que é público, bloqueáronnos ademais a porta de entrada ao recibidor onde se atopan as escaleiras, nestes momentos comezaron os forcexeos coa policia para entrar, ata que a porta, de cristal, rompeu.

A situación empeorou mentras subiamo-las escaleiras, onde os municipais fixeron todo o posible para non deixarnos pasar, no medio de empurróns e coa caída dun pasamáns, conseguimos ao fin subir ao salón de plenos, onde por suposto sobraba sitio (se nos negaba o acceso alegando que o salón estaba repleto).

Con berros de ¡ESPECULACIÓN! ¡mans arriba, isto é un atraco!, etc. Entramos no salón do que os políticos de PP e BNG xa escaparan oportunamente, permanecendo algún do PSOE para tentar rendabilizar a situación, aínda que finalmente desapareceron tamen.
Durante cerca dunha hora estivemos no salón, ata que coñecendo que o pleno se reanudara a porta pechada na alcaldía tentamos dirixirnos ata alí. Foi imposible, porque as portas de acceso ao concello estaban pechadas a cal e canto.
Bloquearon totalmente o acceso ao concello de Vigo a calquera persoa, para poder rematar a sua faena sen molestias nen testemuñas.

Ás doce decidiuse abandoa-la lonxa do concello, acordando facer dentro de pouco unha reunión de tódolos colectivos presentes (coordenadora pola supresión da ronda, afectadas polo plan xeral en Teis, xente de Matamá, a xente que reclama unha nova depuradora).

Durante o acto empapelouse o interior do concello con pegatinas e carteis contra a ronda, esixindo a nova depuradora, denunciando a especulación do plan xeral...
Ademáis da masiva acción de de municipais, tiñan a antidisturbios no salón de plenos e protexendo a entrada á alcaldía.

Grupo Axitación Social