border="0"

16.6.16

A auga é un dereito! A reivindicación que concello de Vigo e Aqualia desoen

A ODS de Coia, xunto á xente da PAH Vigo Tui-BaixoMiño e de máis colectivos concentrámonos, de novo, diante das portas de Aqualia na rúa Venezuela. Antes de pecharnos nas oficinas de Aqualia berramos cánticos como:Auga para todas! Ningún negocio coas nosas necesidades! Aqualia escoita a auga non se corta! Logo disto entramos no local para pecharnos durante algo máis dunha hora. De modo festivo e non violento, con globos e confeti, esiximos respostas que polo momento negan empresa e goberno municipal.
O lema do acto: A auga é un dereito. Os dereitos non se cortan! pensamos que resume con claridade unhas demandas ben sinxelas:
1 - Datos dos avisos de corte e dos cortes de auga que se producen na cidade.
2 - Cese inmediato dos cortes de auga por impago.
3 - Aprobación dunha ordenanza municipal na que se garanta a subministración, por medio dunha exención para fogares sen recursos suficientes. Quen non ten non paga.

Polo momento, Abel Caballero, David Regades e José María Ardoy (máximo responsable de Aqualia en Vigo) desoen as nosas demandas. Porén somos teimudas, non temos outra saída, e continuaremos loitando para que a auga volva a ser un dereito de todas. Nós falamos de dereitos, eles calan. O máis que fan é anunciar novas esmolas coas que pretenden agochar o saqueo dun ben común por parte desta trasnacional da que Carlos Slim (persoa máis rica do mundo) é máximo accionista.
Abonda xa de negocios coas nosas necesidades! Teito, luz, auga, gas para todas! Renda Básica das iguais e moito máis!

15.6.16

23/06/16 Palestra de José Iglesias Fernández "Potencial transformador do municipalismo"

Xoves 23/06/16 na Cooperativa Árbore r/López Mora, 30
Falará José Iglesias Fernández, do Seminario de Economía Crítica Taifa.
Organizan: Árbore, GAS e ODS de Coia.

"Potencial transformador do municipalismo"
 Mudar o poder municipal para mellorar as nosas vidas e transformar a sociedade.

No capitalismo, todas sabemos que a riqueza que se produce colectivamente é apropiada individualmente polos capitalistas. O capitalismo está a demostrar que o mesmo fai beneficios cando crece (en períodos de expansión) que cando decrece (en períodos de crises). Por tanto, transformar o capitalismo supón eliminar o poder que exerce a clase propietaria sobre os medios e recursos produtivos, así como asumir esta labor de insurrección por parte da clase traballadora en particular, e os/as cidadáns/as en xeral.

Agora ben, o municipio é o espazo no que vivimos e traballamos a maioría das persoas (soas ou en familia, polo que o noso benestar individual e colectivo depende, en gran medida, das políticas que se desenvolven na Alcaldía. Con todo, son unhas poucas persoas as que participan, deciden e xestionan, tanto a calidade como a cantidade dos bens e servizos baixo o control do Concello.

De aquí a importancia do municipalismo como ámbito onde se ha iniciar o proceso de transformación, como proceso para recuperar e converter en riqueza comunal os recursos produtivos en mans privadas (naturais, medios produtivos e coñecemento), e recuperar desde a Alcaldía a xestión directa e horizontal da riqueza producida de forma colectiva, pero apropiada individualmente polos capitalistas.

Tendo en conta a importancia que ocupan tales bens públicos na satisfacción das nosas necesidades materiais e culturais, non podemos ignorar o ámbito do municipio, nin deixar en mans duns poucos a administración da riqueza colectiva que se move desde a Alcaldía.

O municipio convértese no ámbito de partida, un lugar de arranque, desde onde os colectivos sociais, e en especial os de conformación urbana, han de comezar a transformación social cara á sociedade comunalista, cara a unha sociedade non propietarista, sen clases, antixerárquica, antipatriarcal e antimilitarista, entre iguais.

Por que é importante o municipalismo nos procesos anticapitalistas?

Porque supón o espazo onde se ten que dar: 1) o choque entre o capitalismocomo sistema e os xermes do seu modelo alternativo; 2) a substitución entre as formas de goberno (a existente, representativa, pola alternativa, horizontal); e 3) a organización dainsurrección pola múltiple presenza dos suxeitos sociais que teñen que asumir o deseño dos procesos e a transformación desta sociedade.

Fases do proceso municipalista:

O proceso contempla dúas fases, que dependerán está claro, da capacidade das organizacións, dos colectivos sociais e das persoas para impoñer a xestión e organización comunal dos recursos e da propiedade, e do deseño que realicen dos seus propios procesos de transformación social:

Unha primeira fase, dentro do capitalismo, que estará dividida en a) o municipalismo de mercado, na que domina o sector privado; e b) o municipalismo de servizos públicos (ou Estado do Benestar) no que domina o sector público, representado pola Alcaldía.

A segunda fase será considerada como o período de transición á propiedade comunal. É dicir, un tempo no que se vai impoñendo o dominio do sector comunal, tanto na xestión pública, como na produtiva e distributiva.

Máis información e texto completo en:

9.6.16

16/06/2016 - Concentración: A auga é un dereito. Os dereitos non se cortan!



A xente do G.A.S. e da ODS de Coia volvemos a convocar unha concentración, baixo o lema: "A auga é un dereito. Os dereitos non se cortan!".

 Será o vindeiro xoves 16 de xuño ás 11:00 nas oficinas que Aqualia ten na rúa Venezuela 4, baixo.

Nas últimas semanas o Alcalde e o concelleiro de fomento, David Regades, declaraban nos medios que en Vigo non había cortes de auga por impago. Isto falan mentres no departamento de Benestar Social, recoñecen que todos os meses dende o concello se pagan facturas e reenganches de auga de fogares empobrecidos. Seica Caballero e Regades queren agochar coas súas mentiras os beneficios de Aqualia con este ben común.

Cansas de padecer o recorte de dereitos volvemos á rúa para amosar a nosa indignación. Para amosar que moitos fogares fican sen auga por non poder pagar. Para berrar que Aqualia segue a facer negocio cunha necesidade básica, sen que o Concello faga nada. Para esixir ao Concello de Vigo que garanta a subministración a todas as veciñas.

O xoves, nas oficinas da concesionaria que se lucra facendo negocio coa pobreza e a precariedade das veciñas, esixiremos:

1 - Datos dos avisos de corte e dos cortes de auga que se producen na cidade.

2 - Cese inmediato dos cortes de auga por impago.

3 - Aprobación dunha ordenanza municipal na que se garanta a subministración, por medio dunha exención para fogares sen recursos suficientes. Quen non ten non paga.

Por iso manifestamos que NON NOS MARCHAREMOS ATÉ QUE AS NOSAS REIVINDICACIÓNS SEXAN ATENDIDAS!
https://www.facebook.com/events/836569806449182/?active_tab=posts