border="0"

19.6.11

Contra o euro | Contra o pacto | Contra a Unión Europea

O vindeiro 27 de xuño o parlamento europeo ten previsto aprobar o “pacto pola competitividade”, rebautizado, nun intento de ocultar a súa verdadeira esencia, como “pacto do euro”.

Este pacto foi aprobado xa en consello extraordinario polos xefes de estado e goberno o 11 de marzo; e ratificado, na súa maior parte, o 19 de abril pola comisión de economía e asuntos monetarios do parlamento europeo, en medio das manifestacións de oposición que se desenvolveron en Bruxelas.

O pacto recolle unha serie de medidas encamiñadas, disque, a fomentar a competitividade que se concretan nunha imposición da moderación salarial (ligando, por exemplo, salarios a produtividade); nun maior recorte de pensións e gasto social; nunha coordinación da fiscalidade na zona euro (cun control europeo dos presupostos de cada estado, incluso antes de que estes sexan aprobados nos respectivos parlamentos); na obriga do control do déficit (incluíndoo incluso nas constitucións estatais) e, por suposto, nun endurecemento aínda maior das condicións laborais, levando a flexibilidade moito máis aló do que xa era unha situación insoportábel.

No estado español, estas medidas estanse a impoñer xa a través das sucesivas reformas que estamos a sufrir nos últimos tempos, así, a reforma laboral, a reforma das pensións, e, na actualidade, a reforma da negociación colectiva, que vén a dinamitar un dos últimos parapetos para a defensa colectiva das traballadoras. A todo isto, cómpre sumar as privatizacións, subas de impostos, recortes sociais, etc. Porén, o proceso de “axuste” non está nin moito menos rematado.

Agora ben, non estamos ante unha situación nova (cando menos no cualitativo) ou ante unha perversión do modelo europeo. Desde a súa orixe, a construción europea é a construción dun mercado e unha moeda única, onde o capital busca maximizar os seus beneficios. Elimináronse fronteiras internas para a circulación de capital e mercadorías, pero reforzáronse as fronteiras externas (e tamén as interiores, mediante lexislacións, creación de centros de internamento, etc.) para regular a circulación das persoas. Impúxose o desmantelamento dos sectores produtivos de cada territorio para forzar a dependencia do mercado e a creación de circuítos de comercialización cada vez máis longos, para maior beneficio das multinacionais da distribución. Avánzase, desde os seus inicios, no desmantelamento dos servizos públicos para entregar á explotación privada a cobertura das necesidades sociais básicas. Equipáranse os dereitos laborais e sociais de millóns de persoas mediante o intento de igualalos a cero. E, desde logo, créase un espazo único para o control e a represión social.

Deste xeito, a oposición á aprobación e imposición do pacto do euro debe ser a oposición á propia construción da Unión Europea.

Sen esquecer, iso si, que o problema non remata en Europa, senón no sistema no que esta se sustenta.

Grupo de Axitación Social
Vigo, xuño 2011

12.6.11

Acto de rúa contra o Gasto Militar e a Guerra de Libia [18.06.11]

O Espazo Aberto Antimilitar convoca o sábado 18 de xuño ás 18h30 diante do MARCO un acto de rúa contra o Gasto Militar e a Guerra de Libia.

Un ano máis, dende o Espazo Aberto Antimilitar continuamos cuestionando a existencia do exercito como institución. Tentando manter o debate sobre a súa utilidade e conveniencia, os seus fins e a súa realidade, e denunciando a crecente militarización da sociedade, así como o desproporcionado gasto humano e económico que supón o seu mantemento.

Nun contexto como o actual, de recortes tanto de dereitos, coma de inversións en certos ámbitos (eliminación de subsidios, redución de pensións, perda de poder adquisitivo, etc.) o estado español gastará no ano 2011 uns 2.006 millóns de euros só en armamento; o equivalente a manter 421.910 pensións mínimas todo un ano. Pero en total, os orzamento militares para o ano 2011 no estado español ascenden a 17.244 millóns de euros. Unha inversión un 5% menor á do ano 2010, pero que ven a representar o 4.8% do orzamento total do estado. Un dato que, ademais, debemos confrontar co descenso noutros ministerios, onde se chega a un 15,6% de recortes. E sen esquecer que, un ano tras outro, no sector militar as inversións finais superan dun xeito significativo o orzamentado.

Pero o problema dos gastos militares non é unicamente o desvío cara esta finalidade de fondos (procedentes, non o esquecemos, do noso traballo) que poderían estar sendo invertidos en obxectivos socialmente desexables, senón tamén o emprego que en si mesmos van ter. O Exercito continua a ser, e así será porque está na súa esencia, unha ferramenta dos Estados para intervir noutros territorios, mediante a súa participación en guerras ou ocupacións, de cara a defender e fortalecer os intereses económicos da clase dominante. Aos pasados exemplos de Iraq ou Afganistán, sumamos na actualidade o caso de Libia. Ocupacións todas elas de territorios xeoestratéxica e enerxeticamente cobizados, disfrazadas de supostas intervencións “ humanitarias” que profundan o empeoramento das condicións de vida da poboación civil (cando non provocan directamente a súa morte).

Porén, a actuación do exército non se limita ao exterior das fronteiras legais do Estado, senón que, sumándose ás restantes forzas de represión, é empregado para controlar tamén á poboación propia. Unha realidade esta que, se ben xa a vivimos recentemente coa militarización do espazo aéreo tras a declaración do Estado de Alarma en decembro do ano pasado, farásenos cada vez máis presente nun contexto de crise permanente e degradación universal onde a dominación pretende saír reforzada a toda costa.

Deste xeito, a oposición á persistencia dos exércitos, e ao militarismo en xeral, faise especialmente urxente nestes momentos. E a obxección fiscal é unha das ferramentas para facelo. Porque nos negamos a que un euro máis vaia dirixido a alimentar esta maquinaria.

Espazo Aberto Antimilitar


4.6.11

Palestra sobre a Serra do Galiñeiro o 9 de xuño

Xóves 9 de xuño ás 20.30 horas no CS A Cova dos Ratos (r/Romil, 3)

Charla-presentación da Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro; os seus obxectivos, actividade e ameazas inmediatas ás que se enfrenta a Serra, a cargo dun dos seus membros.

Esta presentación enmárcase na campaña pola Obxección Fiscal ao Gasto Militar desenvolvida polo Espazo Aberto Antimilitar, ao ser a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro un dos destinos propostos para a campaña deste ano 2011.