border="0"

13.4.11

1 de maio de Precarias en Loita en Vigo [2007]

Chamamos a facer un bloque precario na mani da CGT e CUT que sairá ás 11h da Praza Fernando Católico.
Sacaremos en procesión á nosa patrona, para que nos axude o resto do ano nas nosas loitas.

O Neoliberalismo Precariza as Nosas Vidas, Dereitos Sociais Xa!!!

Loitemos contra a precariedade! que provoca este sistema e na que, en definitiva, se sustenta o capital. Pero temos que facelo tanto fronte ao recorte de liberdades laborais, sociais, de futuro, de movementos, de expresión, etc, como contra as múltiples agresións ao medio, froito do crecemento salvaxe, e ao gasto inasumíbel de enerxía (o que ademais destrúe a nosa forma de vida tradicional e, mesmo, postos de traballo máis sustentábeis).

Encadeamos contratos dun mes durante anos, sen ningunha seguridade. Sobrevivimos con traballos sen futuro que se suceden e non nos importan. Mantéñennos nunha situación de inseguridade permanente.
Porque tentan que interioricemos o estar agradecidas por ser explotadas? cando nós o que reivindicamos é o noso dereito a sobrevivir máis alá de ter ou non ter un salario. Mais, de telo, polo menos, en condicións dignas, para nós e para o medio ambiente. Sen que nos despidan (ou que non nos renoven) se quedamos embarazadas ou se temos unha baixa. Sen que nos acosen se reclamamos que se cumpran as leis que malamente protexen os dereitos laborais, se tentamos organizarnos, ou se simplemente traballamos como seres humanos e non como robots.

A nivel público as grandes empresas reforzan o seu poder coa ameaza de peches e deslocalizacións que este sistema baseado na globalización permite e promove sen que lles custe nada ás multinacionais. Gañan miles de millóns ao ano, dirixen a planificación de cidades e rexións (vía zonas francas), pero dun día para outro marchan a zonas necesitadas onde producen por nada e sen leis laborais que os deteñan. Mentres están aquí, pretenden que sexamos competitivas en contra dos nosos intereses, a costa de prexudicar a nosa saúde física e mental, sacrificando a nosa dignidade.

As multinacionais só producen corrupción, clientelismos antidemocráticos, pobreza e destrución na búsca de resultados económicos inmediatos.

Por iso dicimos non ao traballo a calquera prezo. Nós reivindicamos o dereito a vivir dignamente, a ter unha renda suficiente para sobrevivir, porque é o noso dereito como seres humanos nunha sociedade capitalista e na que todo estaba xa vendido e privatizado cando nós chegamos.

Vémonos cada vez máis encadeados ao salario, obrigados a facer máis horas ca nunca, a xogarnos a vida, a renunciar a todo por cartos. E, porque cada vez temos menos ao que agarrarnos, recortan máis os nosos dereitos.

As privatizacións encarecen os servizos básicos (comunicacións, enerxías, etc). Non podemos acceder a unha vivenda digna por culpa da especulación e, as grandes infraestruturas de transporte (para as empresas e os cargos executivos) reciben todos os cartos (AVE/TAV, Aeroportos, ampliación de portos, etc) mentres as persoas que o necesitamos temos que pagar prezos desorbitados por transportes nada públicos.
A sanidade segue colapsada e só atopa solucións vía seguros privados e externalizando servizos, etc.

A educación e a universidade seguen o mesmo camiño, as estudantes sairán da universidade non só directas á precariade senón xa con débedas. E o desembarco das empresas nese medio só contribúe a unha maior privatización do coñecemento creado por séculos de cultura humana, dos códigos xenéticos, etc. En definitiva, pretenden chegar a patentar as nosas vidas, e cobrarnos por existir...

Nós, queremos recuperar o noso tempo para facer actividades realmente necesarias, socialmente útiles, producir saber colectivo, coidados comunitarios, construír en xuntas a sociedade que desexamos.

Non queremos seguir tendo que marchar de Galiza por causas económicas. Reivindicamos o dereito a vivir na nosa terra ao mesmo tempo que esiximos a liberdade de movementos para todas as persoas.

Tanto para os que veñen de África morrendo a miles no intento, como para as que veñen doutros lugares e teñen que deixar as súas familias e endebedarse totalmente. Deben poder ter unha verdadeira vida aquí e ser tratados como persoas e non como unha impersoal forza de traballo.

Temos que loitar por unha integración que non se basee en que as empresas rendabilicen ás inmigrantes, senón en facer unha sociedade máis rica culturalmente e cuns lazos sociais máis fortes.

Ante esta sistema baseado na precariedade social xeralizada, as persoas precarias temos que experimentar e buscar formas de loita, resistencia, solidariedade e colaboración para tecer redes sociais que nos permitan construír unha sociedade baseada na dignidade, na liberdade e nos dereitos das persoas e dos pobos.

Precarias en Loita