border="0"

25.4.11

Manifestación contra o plan Vigo Integra [30.11.08]

O día 30 de Novembro as 12 h. dende a praza dos cabalos

Porque pedimos a retirada deste plano?


O Plano Vigo Íntegra adopta e establece un modelo de mobilidade baseado nas estradas de alta capacidade como infraestructuras principais, prácticamente únicas, para o transporte de persoas e mercancías na área de influencia de Vigo. Foi redactado sen ter en conta a súa necesaria contextualización nunha planificación integrada e xerarquizada do territorio. Así, foi redactado sen ter para nada en conta un plan director territorial da Galiza, unha planificación integrada das infraestructuras e un plan integrado de transporte.

Porque está baseado nun modelo obsoleto de transporte e mobilidade que esquece totalmente o transporte público e que aposta pola utilización do vehículo privado, que non esquezamos é un dos principais resposabeis de emisións de gases de efecto invernadoiro á atmósfera, causantes do cambio climático global.

Provoca un enorme e irreversible impacto ambiental, así como social e económico e non soluciona os problemas de movilidade , senón que os agrava e dilapidan grandes cantidades de diñeiro público (2000 millóns de € na construción de 243.8 km de novas autovías) que só favorece a intereses privados de grandes constructoras e do sector petroleiro.

Foi elaborado sen contar coa participación cidadá e sen ter enconta a crise económica mundial. Non toma en conta a fonda crise enerxética na que nos vemos inversos derivada, en boa parte, deste modelo de transporte.

Que defendemos?


Un modelo de transporte baseado na accesibilidade , a proximidade e o fomento do transporte colectivo. Que se deseñe a ordenación do territorio dun xeito verdadeiramente participativo, tendo en conta un modelo alternativo de transporte e infraestruturas máis ecolóxico e humano.

Que o diñeiro presupostado para o plan Vigo Integra se empregue para a mellora, humanización e vertebración da rede viaria xa existente e do transporte público terrestre, marítimo da ría, ferroviario de proximidade, carrís bici,..... Cremos tamén que se pode invertir noutras infraestruturas máis necesarias como hospitais comarcais, centros sociais, educativos, de saúde, culturais, deportivos, espazos verdes e un longo etcétera que faría máis autosuficientes as nosas barriadas, parroquias e vilas.

Esiximos que o deseño urbanístico, que inclúe a rede viaria, fuxa da especulación pura e dura e se ateña á realidade demográfica, social , cultural e económica de cada concello e cada comarca.

Por todo isto, sae a rúa conosco contra un plan que:

Amosa un grande descoñecemento do territorio (porque os seus intereses son outros) na fragmentación irracional de núcleos urbanos e rurais; no trazado de estradas sobre casas e incluso sobre rúas urbanas que non se reflicten non planos; no uso restricto dos listados oficiais de xacementos arqueolóxicos, pública e notoriamente incompletos; na ignorancia de muíños e camiños acestrais; na ausenza de toda alusión a fitos xeolóxicos e hidroxeomorfolóxicos de tan excepcional importancia como as covas do Folón, (parroquia de Coruxo, Concello de Vigo).

Provoca a artificialización e desnaturalización xeralizada do territorio. Destrucción da configuración xeolóxica orixinal do territorio ..Desaparición de hábitats e destrucción de biodiversidade. Destrucción de bosques e de fragas de ribeira Ocupación e perda de solo de xeito irreversible. Deformación xeomorfolóxica por medio de fendas, taludes e recheos . Fragmentación territorial e efecto barreira hidrolóxico, ecolóxico, social e paisaxístico. Destrucción de leitos fluviais, rios e regatos,manantiais. Destrución da paisaxe natural e cutural, etc.

Provoca a destrución da cultura rural a través da destrución do seu vencellamento a terra, deformando ou facendo desparecer o seu soporte territorial. Destrucción da vinculación vital e afectiva dos veciños co seu hábitat .Fragmentación dos asentamentos poboacionais (núcleos urbanos e parroquias) e, con ela, fragmentación da relación humana no rural.

Destrución dunha terra, delicada, amplamente ocupada e antropizada, de xeito sustentable, ao longo de séculos. Unha terra onde case cada lugar tivo, e ten, utilidade material e significado vital. E que leva asociado, polo tanto, un importante patrimonio cultural, histórico, arqueolóxico e etnográfico. E un importante patrimonio inmaterial: toponimia, mitos, lendas e misterios asociados aos lugares e aos fitos xeomorfolóxicos, e que están inseridos na conciencia colectiva do País.


CONVOCAN:

A Ría Non se Vende / A.C. Berra Val Miñor / A.C. Caleidoskopio / A.VV. "Dunas" (Nigrán) / A.VV. "A Irmandade" de Priegue / Afectados Ronda Vigo - Lavadores / Agrupaçom de Montanha "Augas Limpas" / Alternativa Veciñal / Asociación A Groba / Asociación Afectados PO-313 / Bouzas Móvete / Centro Social A Revolta / Clube Espeleolóxico Maúxo / Colectivo Lúa Meiga / Colectivo Nacionalista de Marín / Colectivo Xogo Descuberto / Comisión de Seguimento da Conexión da A-57 con Peinador / Comisión Veciñal contra a Macrodepuradora do Lagares /Foro Social de Cangas / Grupo Axitación Social (GAS) / Luita Verde / Nunca Máis Val Miñor / OAR Redondela / Plataforma Cidadá de Redondela / Plataforma pola Defensa de Mos / Plataforma Priegue Unido / Plataforma Vive Gondomar / Salvemos Monteferro / Sárdoma en Loita / Verdegaia