“En efecto, é aí [en Europa] onde esta sociedade enfróntase co punto de vista crítico máis avanzado, porque aí naceron, a través dos conflitos da cidade, e, despois, da sociedade de clases moderna, o pensamento histórico e o seu herdeiro, o proxecto de apropiarse totalmente a historia, de someter todas as condicións existentes á potencia dos individuos unidos. É, por tanto, igualmente en Europa, onde as vitorias da sociedade dominante toman cada vez a súa forma contrarrevolucionaria máis caracterizada (...). As industrias que proporcionan os medios de alienación máis moderna ben poden atoparse en California ou en Xapón, a súa potencia mídese en Europa, con Europa, porque aí actuou sempre a contestación máis moderna, a que se trata de neutralizar e recuperar: A restauración da alienación non segue outro camiño que as tentativas de desalienación.”
Encyclopedie des Nuisances, Historia de diez años.
Encyclopedie des Nuisances, Historia de diez años.
A necesidade de superación das contradicións que levaron á crise ao sistema capitalista fixeron que tomase o camiño da mundialización, da competitividade e a explotación máis salvaxe. A consolidación do crecemento económico pasaba polo sometemento ao capital financeiro, ao desarrollismo e polo desenvolvemento e expansión dos mercados e do dominio técnico. Neste contexto, as elites financeiras e industriais europeas procuraron dotarse dunha organización supraestatal, a Unión Europea, que fose capaz de proxectar os seus mercados a nivel mundial co obxectivo de aumentar os seus beneficios e reforzar a súa posición competitiva fronte ás elites estadounidenses.
No ano 1992 entra en vigor o mercado único europeo tras a firma do Tratado de Maastricht, considerado como o verdadeiro tratado constituinte da Unión Europea. A necesidade práctica de dotar a este mercado dunha armazón institucional que o lexitime e do desenvolvemento de políticas represivas e de control de cara a procurar, na súa linguaxe, unha maior "armonía" e "estabilidade" dos seus intereses, foi a causa do impulso en 2004 da finalmente fallida Constitución Europea. A superación desta contrariedade é a razón do nacemento no ano 2007 do Tratado de Lisboa, o cal non foi máis que o disfraz mediante o cal se prentendía aprobar a Constitución, no seu momento rexeitada vía referendo por francesas e holandesas. Tras repetir o referendo do Tratado en Irlanda, único pais no que se realizou unha consulta á poboación, até que saíu o desexado "si", conseguiu entrar en vigor o 1 de decembro de 2009.
O calificado como o "novo comezo" da entrada en vigor do Tratado de Lisboa coincide no ano 2010 co inicio da presidencia española na UE. Como habitualmente sucede nestes casos, igual que cando se lanzan as campañas para as eleccións ao parlamento europeo, vémonos bombardeadas por propaganda e discursos que profundizan na desinformación xeralizada do verdadeiro caracter da Unión Europea. Máis a nosa realidade cotiá e os impactos das políticas europeas nas nosas vidas e entorno fala por si mesma.
A expansión dos mercados e a centralización dos centros de decisión fai inevitable a conexión das áreas metropolitanas mediante infraestruturas de transportes. A mobilidade de políticos, executivos e mercadorías á maior velocidade posible é vital para o bo funcionamento do capitalismo. A súa consecuencia é a construción do Tren de Alta Velocidade, de máis autopistas e a construción e ampliación de portos e aeroportos. Neste contexto, o medio natural presentase para a dominación tan so como un "accidente" a evitar na súa fuxida cara adiante, deixando tras de si unha paisaxe de destrución e devastación.
No interior das cidades o panorama é igual de desalentador. A necesidade de situarse no mapa económico actual fai do proceso de metropolización un factor clave para cidades como Vigo. Deste modo a mobilidade plantéxase como motor do progreso e función estratéxica na creación da futura área metropolitana de Vigo, rematando por converterse nun fi en si mesma. Autopistas, autoestradas, o futuro tren de cercanías e o metro conforman o esqueleto dun cadáver en putrefacción, retrato real das cidades modernas e as súas chamadas "áreas de influencia", un territorio artificial, suxo, enfermo e hostil.
A automatización e o progreso científico expulsaron ás persoas traballadoras desde o centro á periferia da produción. O proceso de mundialización caracterizouse na súa fase inicial pola deslocalización de empresas froito da profundización na terciarización económica. O resultado é coñecido: a precarización do mercado laboral. Flexibilidade, empregos mal pagados, aumento da xornada laboral, baixadas de salarios, paro ou exclusión son realidades cada vez máis comúns dentro do continente europeo. É tamén baixo esta lóxica pola cal o capital procura novos espazos de valorización cos que manter o seu crecemento e aumentar as súas ganancias, e este é o papel que xogan as políticas privatizadoras da UE materializadas, entre outras, na privatización da educación superior, a través do Proceso de Bolonia, ou na privatización da sanidade pública, como estamos vendo actualmente na nosa cidade.
A necesidade de impor e asegurar os seus intereses dentro e fora das fronteiras da UE fai do militarismo e do control social uns dos alicerces máis importantes das políticas da Unión. A esa liña responde o reforzamento da alianza coa OTAN, o impulso das exportacións de armas (onde o Estado Español goza do sexto posto mundial) ou o continuo aumento do gasto militar (18.000 millóns é a cifra deste ano no Estado, uns dos máis altos da escena mundial). O espolio de materias primas e a procura de man de obra barata das empresas multinacionais nos chamados países en vías de desenvolvemento e a desintegración, a maior velocidade que en Occidente, das sociedades humanas baixo os efectos da modernización e do desarrollismo levan aparelladas unha serie de movementos migratorios que a UE intenta impedir a toda costa coa militarización das súas fronteiras. O resultado evidentemente non podería ser outro: centos e centos de mortes, converténdose os mares que bañan as nosas costas, literalmente, en verdadeiras fosas comúns. Dentro destas fronteiras, coa falsa escusa da “seguridade” e a “loita contra o “terrorismo”” vemos como continuamente se están a producir avances en materia represiva: videovixilancia, aumentos de condeas, brutalidade e impunidade policial, multas, etc. non fan máis que certificar que o desenvolvemento da política da paranoia permanente constitúe a violación permanente dos nosos dereitos.
Baixo este panorama parece obvio pensar no proxecto da UE como algo a deter e abolir. Máis as resistencias e loitas que se produzan contra as súas políticas non poden esquecer que a Unión Europea non é a verdadeira raíz dos nosos problemas, se non a súa consecuencia máis actual. Limitarse a criticar as políticas neoliberais e os seus excesos é pois, ignorar que o Capitalismo é xa, en si, o exceso realizado. Podemos ter a certeza de que a degradación universal será tanto máis profunda en canto non sexamos capaces de facernos cargo das súas causas.
Grupo de Axitación Social