border="0"

26.4.11

“Eles non o farán, fagámolo nós: Recortemos o Gasto Militar”

Un ano máis, dende o Espazo Aberto Antimilitar continuamos cuestionando a existencia do exercito como institución. Tentando manter o debate sobre a súa utilidade e conveniencia, os seus fins e a súa realidade, e denunciando a crecente militarización da sociedade, así como o desproporcionado gasto humano e económico que supón o seu mantemento.

Nun contexto como o actual, de recortes tanto de dereitos, coma de inversións en certos ámbitos (eliminación de subsidios, redución de pensións, perda de poder adquisitivo, etc.) o estado español gastará no ano 2011 uns 2.006 millóns de euros só en armamento; o equivalente a manter 421.910 pensións mínimas todo un ano. Pero en total, os orzamento militares para o ano 2011 no estado español ascenden a 17.244 millóns de euros. Unha inversión un 5% menor á do ano 2010, pero que ven a representar o 4.8% do orzamento total do estado. Un dato que, ademais, debemos confrontar co descenso noutros ministerios, onde se chega a un 15,6% de recortes. E sen esquecer que, un ano tras outro, no sector militar as inversións finais superan dun xeito significativo o orzamentado.

Pero o problema dos gastos militares non é unicamente o desvío cara esta finalidade de fondos (procedentes, non o esquecemos, do noso traballo) que poderían estar sendo invertidos en obxectivos socialmente desexables, senón tamén o emprego que en si mesmos van ter. O Exercito continua a ser, e así será porque está na súa esencia, unha ferramenta dos Estados para intervir noutros territorios, mediante a súa participación en guerras ou ocupacións, de cara a defender e fortalecer os intereses económicos da clase dominante. Aos pasados exemplos de Iraq ou Afganistán, sumamos na actualidade o caso de Libia. Ocupacións todas elas de territorios xeoestratéxica e enerxeticamente cobizados, disfrazadas de supostas intervencións “ humanitarias” que profundan o empeoramento das condicións de vida da poboación civil (cando non provocan directamente a súa morte).

Porén, a actuación do exército non se limita ao exterior das fronteiras legais do Estado, senón que, sumándose ás restantes forzas de represión, é empregado para controlar tamén á poboación propia. Unha realidade esta que, se ben xa a vivimos recentemente coa militarización do espazo aéreo tras a declaración do Estado de Alarma en decembro do ano pasado, farásenos cada vez máis presente nun contexto de crise permanente e degradación universal onde a dominación pretende saír reforzada a toda costa.

Deste xeito, a oposición á persistencia dos exércitos, e ao militarismo en xeral, faise especialmente urxente nestes momentos. E a obxección fiscal é unha das ferramentas para facelo. Porque nos negamos a que un euro máis vaia dirixido a alimentar esta maquinaria.

Espazo Aberto Antimilitar

Vigo, abril 2011

www.nonaogastomilitar.org