border="0"

3.4.11

A recta final do Plan Xeral de Vigo? [02|06]

Definitivamente parece que o 28 de febreiro a Xerencia Municipal de Urbanismo dictaminará o novo PXOM. Suponse que a primeiros de marzo farán a aprobación provisional de cara a que a Xunta faga a aprobación definitiva nun prazo de tres meses. E chegamos a isto mentres segue habendo manifestacións nos barrios afectados, e isto, tras cinco anos de proceso.

No 2001 inícianse, por parte da consultoría privada contratada polo Concello, os traballos para a redacción do que pretenden que sexa o novo PXOM de Vigo cun estudo de impacto ambiental incompleto, cheo de incorreccións e falsedades. Mais non será até o ano 2004/5, grazas en gran medida ao movemento social xerado contra unha das súas propostas estrela, a "Ronda de Vigo", que comeza a existir debate social sobre o mesmo e a coñecerse o modelo de cidade (tipicamente "desarrollista") e o beneficio da especulación inmobiliaria que se nos pretende impor.

Deste xeito, confórmase un movemento veciñal de oposición ao PXOM á marxe das estruturas clásicas de organización veciñal (claramente burocratizadas e servís). Este movemento veciñal realizará un importante traballo de información e mobilización que culminará en varias manifestacións multitudinarias e a presentación de 61.000 alegacións ao plan. Estas alegacións nin sequera van ser respondidas por escrito, pois o Goberno Municipal pretende colgar as respostas en internet. Ademais, xuntáronse 21.000 peticións de referendo municipal sobre o contido do plan.

Ante isto o concello limitouse a pedir un informe xurídico e a alcaldesa pola súa parte xa dixo máis dunha vez que non pensa convocar o tal referendo. O Concello segue actuando de costas á cidadanía -non esquezamos que o pleno de aprobación inicial do PXOM tiveron que facelo a porta pechada-. Agora sabendo que moitas afectadas van querer exercer o seu dereito a asistir ao pleno de aprobación provisional, o concelleiro de urbanismo négase a que sexa no auditorio (onde caberían centos de persoas) celebrándose pola contra no salón de plenos -onde non caben máis de cen-, a menos que a asistencia sexa filtrada mediante invitación previa, e isto é ilegal xa que os plenos muncipais son totalmente públicos.

E xa rematando lembremos o contido do plan: pretenden urbanizar 32 mill. de metros cadrados do medio rural en 25 anos e duplicar o número de vivendas coa construción de 123 mil, desaparecerá o 20 % da superficie arbolada (uns 2 mill. de árbores), o 60% dos solos produtivos e de uso agrícola tradicional e o 15% da biodiversidade municipal. En definitiva, se se aproba este plan seguindo os intereses do mercado inmobiliario e contra a cidadanía residente en Vigo a nosa cidade, o medio ambiente e a forma de vida de miles de veciñas sufrirá unha agresión irreversíbel.

Grupo de Axitación Social

Artigo orixinalmente publicado no Bolezine nº2 de febreiro do 2006.

Máis información:

http://galiza.indymedia.org/pt/2005/05/2899.shtml
http://galiza.indymedia.org/pt/2005/12/5530.shtml