border="0"

3.4.11

Crónica da manifestación do 4 de febreiro contra o PXOM de Vigo [2006]


Ás seis menos cuarto arrancou a manifestación que coma nas veces anteriores mostraba unha grande diversidade de reclamacións, pancartas por barrios ou grupos de afectadas e tamén individuais con mensaxes de todo tipo contra a destrucción do rural e contra o goberno municipal, o Faro de Vigo, etc.

O percorrido non era longo nin moito menos, pero a grande cantidade de xente que participou e a lentitude do paso, fixo que tardasemos máis dunha hora en rematalo.

Durante todo o acto non deixamos de berrar os lemas xa habituais nestas protestas, e de facer barullo con todo o imaxinábel, silbatos, maracas de todo tipo, sereas manuais ou de megáfono, latas, cacerolas, etc. Tan só botamos en falta algo de música...

Durante o paso pola rúa Urzaiz, algunhas asistentes foron deixando un regueiro de pegatinas contra a Ronda e contra o plan pegadas polas farolas e demais mobiliario urbano, ademais de cartaces prantados nas xardineiras que decoran toda a rúa.

Ao final do acto gardouse un minuto de silencio polo PXOM, e leuse o comunicado unitario, no que se lembrou que este é un PXOM insostíbel, non garante un quilibrio global para o futuro da cidade, supón unha grande e rápida degradación ambiental, todo o plan basease na desaparición do rural vigué, e condea á destrucción a barrios enteiros, en definitiva empobrecerá de forma irreversíbel o patrimonio natural, cultural, biolóxico e forestal de Vigo.

O que non di a prensa é que ademais se lembrou a actitude que durante todo este conflicto ven mantendo o Faro de Vigo, minimizando as protestas e a oposición ao plan e tentando dar a imaxe de unanimidade e consenso na cidade, para que quedase claro visualmente procedeuse á queima de exemplares deste xornal, entre os aplausos das asistentes.

É mencionábel o feito de que desta vez houbo panfleto común repartido polos grupos convocantes:
Asociación de Afectadas pola Ronda de Vigo (Lavadores)
Colectivo de Propietarias Afectadas de San Pedro de Sárdoma
Colectivo de Afectadas Samil Navia
Colectivo de Afectadas pola Depuradora
Colectivo de Afectadas de Teis
Asociación de Veciñas de Coia de Abaixo
Asociación de Propietarias e Veciñas de Sta. Lucía da Salgueira
Colectivo de Afectadas de Rioboo
Colectivo de Afectadas de Cataboi
Colectivo de Afectadas de Liñeiriños
Asociación de Afectadas pola Ronda e Ampliación de Matamá
Colectivos de Afectadas de Alcabre

Sobre a presenza de grupos políticos ou cun compoñente político/social houbo pancartas de Nós-UP, Esquerda Unida, Outro Vigo é Posible e o Centro Social Revolta.

A nosa valoración da mani é que serviu para reactivar definitivamente unha mínima esperanza contra a aprobación do plan e elevou de novo o tema ao primeiro lugar do debate público, algo fundamental xa que neste mes e no seguinte o Concello fará os últimos trámites da aprobación provisional, para posteriormente pasar a aprobación definitiva á Xunta.

Grupo de Axitación Social

Máis fotos: http://galiza.indymedia.org/gz/2006/02/6074.shtml