border="0"

5.4.11

Corta co Gasto Militar, pola obxección fiscal [21.04.06]

Mentres a publicidade estatal insiste en vendernos un exército de tipo humanitario, garante dos dereitos individuais e da igualdade, a actualidade amósanos unha perspectiva ben diferente: as intervencións militares en Haití, Afganistán, Iraq; a militarización das fronteiras de Ceuta e Melilla; as aparicións públicas de altos cargos do exército nos debates do Estatut catalán, etc; desminten esa pretendida imaxe do exército, e só remitíndonos á situación no estado español.

O gasto militar segue incrementándose ano tras ano, mentres a situación social se deteriora cada día máis. Recursos económicos, sociais, científicos, se dilapidan nunha presunta defensa nacional, e néganse á sanidade, á educación, a rendas de integración, a pensións,...

Os centos de millóns de euros irracionalmente gastados en armas, no exército, na investigación militar, lonxe de aumentar a seguridade das persoas e dos pobos, supoñen un risco para a existencia da vida e do mesmo planeta. As industrias armamentísticas aumentan os seus beneficios a costa da miseria, da fame e da morte de milleiros de persoas.

Nós non queremos participar nisto. Negámonos a ser cómplices, a colaborar co mantemento do exército e do que significa, rexeitamos a militarización da sociedade e a imposición da lei do máis forte nas relacións entre as nacións.

Poucas veces temos ocasión de deixar clara a nosa postura, de facer patente o noso desacordo. A nosa declaración da renda pode ser unha desas escasas ocasións.

Por iso, declarámonos obxectores fiscais aos gastos militares.

¿Qué é a Obxección Fiscal?

A Obxección Fiscal (OF) é un acto de Desobediencia Civil que consiste en, á hora de facer a Declaración da Renda, non pagar ao Estado o diñeiro que este dedica á guerra e á sua preparación. A OF non supón evadir impostos, senón desviar cara proxectos sociais a cantidade que sería destinada a fins militares.

Aínda que non teñamos a obriga de pagar o IRPF, tod@s pagamos impostos cos que, queramos ou non, se financia o militarismo. Do mesmo modo, a Obxección Fiscal podemo-la fazer tod@s. E, se non queremos recorrer á OF, aínda podemos reclamar do goberno que o direito a non colaborar cos gastos militares sexa recoñecido e respeitado.

Coordinadora Galega pola Obxección Fiscal