border="0"

5.4.11

1º de Maio día contra a precariedade e polos dereitos sociais [01.05.06]

Con motivo do primeiro de maio o Grupo Axitación Social, a Asociación Caleidoskopio o L.S. Revolta, a A.X. Luar e persoas do Ateneo Libertario, do GAIM e do movemento independentista decidimos apoiar unha iniciativa baixo o nome de “Precarias en Loita”, de cara a visibilizar a precariedade xeneralizada na nosa sociedade tanto no campo laboral como no social e para reivindicar Dereitos Sociais.

Para elo convocamos a facer un bloque precario na manifestación conxunta da CGT/CUT que sairá o 1 de maio ás 11h desde a Praza Fdo. O Católico.

Independentemente de que sexamos persoas traballadoras, migrantes, paradas, estudantes, xubiladas, amas de casa; as nosas vidas, convertéronse en parte do sistema de produción, o cal se apropia dos coñecementos xerados pola sociedade, patenta patrimonios xenéticos, convértenos en consumidoras en lugar de cidadáns, destrúe o noso medio ambiente coa escusa do progreso, especula co territorio urbanizando, creando unha falsa necesidade de infraestruturas, dilapida os recursos naturais fundamentais para a vida e encarece os recursos imprescindíbeis da sociedade moderna (electricidade, gas, auga, información...); monetariza relacións sociais fundamentais para o funcionamento da sociedade como os coidados, o lecer, o sexo, etc.

Nada se escapa ao control do capitalismo que se apropia do noso tempo e fai que todo entre na súa maquinaria. Este sistema imponnos a inseguridade respecto as nosas necesidades vitais para que aceptemos condicións laborais e sociais cada vez peores como única forma de subsistir. A nova Reforma Laboral ou a directiva Bolkenstein, non son máis que últimos capítulos dunha modernización da economía e o mercado de traballo sustentados na precariedade e na flexibilidade, iniciada a nivel europeo e que se construíu a través das sucesivas reformas laborais.

A loita contra estas manifestacións máis extremas da explotación é o que podería servir de revulsivo para recuperar a senda da mobilización, non só cunha finalidade defensiva senón que nós permitise conquerir novos dereitos sociais acordes coas novas necesidades, máis alá do dereito a ser explotados nun traballo que na maioría dos casos non satisface máis necesidade para a sociedade que aumentar os beneficios empresariais.

Precisamos condicións laborais dignas para subsistir, pero o que de verdade nos fai libres é ter recursos suficientes para vivir dignamente, o dereito real a acceder a unha vivenda, a desprazarnos gratis por algo máis que as necesidades empresariais, unha educación e unha sanidade que respondan realmente as necesidades da sociedade, información, comunicación e cultura libres e ao alcance de todas, un territorio xestionado tendo en conta as necesidades reais da cidadanía e afastado da lóxica dun progreso que só se mide nos beneficios económicos que xenera...

Por isto resistimos e rebelámonos. Non aceptamos a lóxica da represión instaurada en Galiza fundada na criminilazación contra toda disidencia; non aceptamos a Europa fortaleza que levanta fronteiras interiores e exteriores que converte as persoas en ilegais, e condea a miles á morte no seu intento de chegar a este “primeiro mundo”, non aceptamos un sistema que crea pobreza, marxinalidade e criminalidade, que só ofrece como solución o control social, constrúe máis cárceres, contrata máis forzas de seguridade, endurece penas e crea leis de control en internet, recorta dereitos e fomenta o racismo. Precisamos reconstruír os vínculos sociais que o capital destrúe e construír a comunidade das persoas precarias fundada na solidariedade e a autoorganización. Todas a rúa polos Dereitos Sociais.

Precarias en loita