border="0"

5.5.11

Mesa redonda e presentación “Ninguén sobra nunha crise”

Nela participarán:

- Eduardo Romero. Colectivo Cambalache (Asturies)

- Mari Fidalgo. Foro da Inmigración (Compostela)

- Diego Lores . Oficina de Dereitos Sociais - Coia (Vigo)

Será o martes 10 de maio ás 20h30 na Cova dos Ratos (Romil, 3 - Vigo). O xoves 12 de maio ás 19h00 teremos mesa tamén en Compostela na biblioteca Ánxel Casal.

“A destrución…espectacular de emprego nos dous últimos anos, con taxas de desemprego da poboación inmigrante superiores ao 30% e que chegan a triplicar ás da poboación autóctona, confirman o papel que xogaron como poboación excedentaria que debe acudir no momento en que se precisa e é abandonada á súa sorte cando se acaba o período de crecemento”

Eduardo Romero: “Un deseo apasionado de trabajo más barato y servicial. Migraciones, fronteras y capitalismo”

A situación descrita por Eduardo Romero no seu libro sérvenos de base para ollar cara a realidade actual. Pero ademais do paro e as dificultades económicas é necesario engadir o control de fronteiras, as políticas de retorno ou a humillación da identificación en calquera hora e lugar simplemente por ter unha cor de pel diferente. Por este motivo xurde a Campaña Ninguén sobra nunha crise do Foro Galego da Inmigración. Esta campaña ten como obxectivo fundamental evidenciar a situación na que se atopan as persoas migrantes ante a situación de crise e en concreto ante os recortes dos dereitos sociais que conlevaron as políticas de enfrontamento á mesma.

Na presentación da Campaña contaremos coa presencia de Eduardo Romero, investigador do colectivo asturiano Cambalache. Ademais do libro anteriormente citado Eduardo ten editados materiais sobre “migracións e desenvolvemento”, intereses das multinacionais ou lei de extranxeiría. Por outra banda ten participado en campañas contra a represión das persoas migrantes en Asturias.

A Oficina de Dereitos Sociais tentará achegar a realidade do mundo dos servizos sociais, que en tempos de crise queda espido amosando que as respostas que propón para aqueles que veñen sufrindo as miserias do sistema capitalista son de tipo superficial e que se dirixen a manter a orde establecida. Na relación con ese sistema as persoas migrantes sofren coma outros colectivos os atrasos nas tramitacións de prestacións básicas, a insuficiencia de recursos, a perda de dereitos sociais, etc.

Participa na organización o Grupo de Axitación Social (GAS) que comparte coa Oficina de Dereitos Sociais campañas de denuncia sobre os recortes sociais que sufrimos nos últimos tempos.

A utilización de man de obra barata, o endurecemento da lexislación sobre migracións, a utilización mediática da chegada de novas persoas migrantes e a saída á luz de sentimentos e actitudes xenófobas serán algúns dos temas que se tratarán nesta mesa redonda, a través da cal pretendemos reflexionar sobre as consecuencias que o sistema capitalista ten sobre todas as persoas explotadas e dar a coñecer o traballo dos diferentes colectivos que participan.