border="0"

5.4.11

Acto en Vigo contra o Gasto Militar e pola Obxección Fiscal [17.06.06]

O sábado 17 de xuño ás seis da tarde, unha trintena de antimilitaristas xuntámonos no cruce entre Príncipe e Colón para levar á rúa a campaña galega pola Obxección Fiscal aos Gastos Militates.

En Vigo levamos adiante esta campaña a xente do Espazo Aberto Antimilitar (Ateneo Libertario, CGT, Asociación Caleidoskopio e GAS), rematando así a campaña que durante estes meses levounos a facer charlas en “A Cova dos Ratos”, “A Revolta”, a parroquia do Cristo da Victoria, a tenda de comercio xusto “Crisol” e a poñer unha mesa informativa o 1 de maio.

Durante dúas horas, varias militares pertrechadas con armas grotescas (pero pouco perigosas e aínda co prezo á vista) fixeron intentos de desfilar, ameazantes manobras que incluían ás persoas que paseaban e mesmo algún intento de acción humanitaria fronteiriza. Todo isto comandado polo seu rei (que como todos saben é o comandante de todos os exércitos).

Ao mesmo tempo dispuseron pola praza todo o seu flamante arsenal: un Mísil Autopropulsado, un tanque Leopard e un Portaavións, tamén todo isto acompañado do seu prezo en euros e en equivalencia social.

Mentras ocorría todo isto, as antimilitaristas tivemos primeiro que negociar cun dos “Corina Boys Municipais” que non comprendía que o permiso para o acto nos permitise poñer música "punkarra" antimilitarista a todo volumen, polo que tivemos que cambiar a “In the navy” de Village People e “Bombas Bombas” de Paco Pil para que nos deixase en paz.

Superado este primeiro atranco, concluimos a decoración con aramio de espiño e unha gran calavera na histórica farola da praza, un par de pancartas pegadas no escaparate do Central Hispano, e o noso mural do ano pasado apoiado nunha desas paredes.

E comezamos coa nosa actividade cultural/escolar do día, que consistiu en montar e logo pintar colectivamente un crebacabezas explicativo de cómo despilfarran os nosos cartos en gastos militares e a que outras fins máis lóxicas se poderían dedicar eses recursos.

Durante todo o acto tivemos unha mesa informativa sobre a Obxección Fiscal e repartimos medio millar de trípticos.

Lemos varias veces un comunicado no que recordamos a falsa impresión de humanitarismo que os gobernos pretenden dar dos exércitos modernos, e as cifras astronómicas de gasto militar no estado español (tanto en material, como en investigación), ao mesmo tempo que se escamotean fondos necesarios para axudas sociais, educación, sanidade, vivenda, transporte, etc.

Grupo Axitación Social

Máis fotos neste enlace: http://galiza.indymedia.org/pt/2006/06/7457.shtml