border="0"

3.4.11

A Renda Básica dos iguais [20|01|2006]




Aportación para un debate necesario

No Estado español a taxa de paro é o dobre cá europea, a da precariedade o triplo e case o 20% da poboación encóntrase por debaixo do umbral da pobreza.

Fronte a isto a única solución que ofrece o sistema capitalista é promover o aumento do beneficio empresarial e financeiro, xa que logo -segundo eles- traerá aparellado un aumento dos empregos e, polo tanto, do benestar social.
Isto é, a xa demorada promesa electoral de máis traballo a cambio da destrución do planeta, de recortes sociais, de guerras, de opresión...

Pero na realidade o aumento dos beneficios empresariais non repercute sensibelmente na mellora das condicións de vida da cidadanía e, na actualidade, o feito de ter un emprego non impide vivir na pobreza ou sufrir a precariedade laboral e social máis absoluta.

Nesta liña vai a nova reforma laboral que nos queren impoñer. Profundizarán no camiño iniciado polas anteriores: abaratamento do despido, traballo precario, recortes dos dereitos laborais, aumento da produtividade, flexibilidade, etc. O capitalismo precisa da pobreza e da opresión, sexa contra a poboación propia ou contra os países do terceiro mundo, para que funcione este modelo de produción/explotación salvaxe.

Parello a isto, o proceso de construción europea no que estamos inmersos obriga a recortes nas prestacións por desemprego, a máis anos de cotización para as pensións, a recortes e privatizacións dos servizos públicos, a diminución da contía e a aumento das esixencias para obter axudas sociais e un longo etcétera. En suma, a un perfeccionamento ad infinitun nos métodos regresivos consubstanciais ao Estado.

Estes recortes pretenden visualizar, por unha banda, a imposibilidade da existencia cotiá fóra da explotación do traballo asalariado e, por outra banda, ao aumentar as desigualdades e a exclusión, forzar a que se acepten como inevitábeis para sobrevivir o empeoramento das condicións laborais até o neoescravismo.

Fronte a este sistema que unicamente procura o beneficio e a competencia a calquera prezo, a Renda Básica aporta un medio de redistribución da riqueza que contrarresta a desigualdade crecente.

A RB, no seu modelo “forte, só pode ser entendida como un dereito: individual e non familiar, universal porque o percibiría toda a cidadanía (incluidas as persoas inmigrantes) e incondicional en varios sentidos: a) percíibeo o individuo coma integrante da sociedade, non coma persoa traballadora real ou potencial; b) non depende de que reciba ou non outros ingresos, evitando así a caridade e a estigmatización da pobreza; c) o seu ingreso é independente das circunstancias familiares.

A RB supón, por tanto, o dereito a percibir unha remuneración sen contrapartida algunha e cuxa contía garanta a satisfacción das necesidades básicas das persoas.

Asemade, a RB vén a devolverlle á sociedade parte do perdido antes de nacer coma son os recursos naturais (exclusivos da humanidade toda) ou os medios de produción. Ademais serve para que se recoñeza o carácter social da riqueza que xeramos todas e que unhas poucas se apropian indebidamente (a produción é social froito da intelixencia colectiva, da cooperación social), a cultura e os coñecementos científicos e industriais produto da experiencia de séculos da humanidade, convertidos agora en patentes exclusivas e marcas rexistradas. Mesmo o conxunto da vida social, coma o feito de sermos consumidores (resorte fundamental para a pervivencia do capitalismo) ou a infinidade de traballos non remunerados que suplen as carencias sociais, cando non industriais, os traballos cognitivos, afectivos, de coidados, relacionais, do fogar, de limpeza de leiras e coutadas para evitar lumes, das praias e do mar -en situacións como a catástrofe do Prestige, etc.

A financiación da RB viría da fundición dos subsidios existentes nunha soa prestación -a propia RB-, mediante reformas fiscais que graven o aumento do beneficio empresarial e financeiro, das subvencións ás empresas, exército e forzas represivas, á Igrexa e as ONG´s. Así como das moreas de cartos que hoxe en día evaden os empresarios e agochan nos paraísos fiscais coa complicidade dos estados. Non pretendemos demostrar que a súa financiación sexa viábel economicamente dentro do capitalismo. A súa viabilidade é unha cuestión política que debe ser conquistada e imposta, como as oito horas e demais conquistas laborais, froito do proceso histórico da loita de clases, para finalmente repercutir sobre os cuantiosos beneficios empresariais.

A imposición deste dereito, socavaría pilares esenciais do capitalismo, tal que a relación salarial, a propiedade privada ou estatal (que é outra forma de dicir “privada”) dos medios de produción e o propio funcionamento dos mercados, polo que a súa consolidación tería que levar aparellada unha profunda transformación social e política, inédita para os nosos contemporáneos.

Esa nova sociedade só podería substentarse no recoñecemento de novos dereitos sociais. A saber: dereito de mobilidade e cidadanía global, de vivir dignamente (que incluiría a RB, a vivenda, o transporte, os servizos públicos, etc), de liberdade de coñecemento/apropiación dos novos medios de produción, ademais do dereito a un planeta limpo.

A RB está chamada a ser unha grande ferramenta de autoorganización do traballo, pero aplicada correctamente é, tamén, unha ferramenta de autoorganización social, xa que parte da contía destinada a RB se concedería á comunidade para ser xestionada asembleariamente e solventar as necesidades sociais da mesma.

Por suposto que a RB non é a solución a todos os problemas políticos e sociais actuais. Sobre todo é un gran medio de loita para o reparto da riqueza, para a igualdade do home e da muller, para repensar a socidade á marxe da explotación salarial e (como froito dunha loita horizontal contra unha sociedade enferma de poder) elemento para a autoorganización dos individuos contra a explotación e a opresión.

A súa forza está, precisamente, no seu valor de uso. Calquera outra mistificación estaría abocada ao fracaso.

GAS

+ Info: http://www.rentabasica.net/RBdelosiguales.PDF