border="0"

11.4.11

Polo dereito social á vivenda e contra a especulación [11.06]


Vigo é un bo exemplo disto, tanto pola súa realidade actual como polos proxectos de futuro, entre os que destaca o PXOM polo incremento insustentábel (ao fin todas as cidades o son) do seu volume, dobrando o espazo urbano actual a costa dos barrios máis rurais, e pese a que na actualidade hai 20.000 vivendas baleiras, outras 10.000 como segunda residencia e medio millar abandonadas sen máis.


Mostra da especulación criminal que temos que soportar no noso territorio, é que a pesar de ser Galiza a 4ª comunidade cos salarios máis baixos, na nosa cidade o prezo da vivenda creceu un 127% nos últimos cinco anos (no último un 17,7%, o prezo chega hoxe aos 2.749 € por metro cadrado), e no caso dos chamados "minipisos" (30 m2) un 300%. De feito é a máis cara de Galiza e está entre as 10 máis caras do estado.


Esta situación forma parte do que poderiamos chamar "precariedade social", un factor fundamental no sistema produtivo actual fundado en que aceptemos condicións laborais cada vez peores ante o risco real da exclusión social e a inseguridade respecto as nosas necesidades vitais (as familias dedican un 70% dos seus recursos ao pago da vivenda e o endebedamento dispárase ano a ano coa suba imparábel das hipotecas que ademais hoxe en día se prolongan até os 50 anos ou máis).


Igualmente os alugueres son unha forma de perpetuar a precariedade. Pagamos prezos moi por riba do seu valor (cada ano suben por riba do IPC real), nalgúns casos infravivendas, e as leis actuais penalizan e dificultan que compartamos piso (en moitas ocasións a única opción de emanciparse que ten a xente nova, e unha opción fundamental para as migrantes por razóns económicas ou de papeis).


A cidade camiña cara á súa privatización total, a maior parte do porto, rúas nas que os únicos interlocutores co concello pasan a ser os comercios alí presentes mentres ignoran a veciñanza. Os recursos, os terreos ou as infraestruturas non se destinan nin se planifican para que a cidadanía teña unha mellor calidade de vida, senón en función dos intereses de grandes industrias, do turismo,... E nunha cidade, na que segue sen haber un albergue municipal para as persoas sen fogar (as máis indefensas e prexudicadas pola exclusión).


Os espazos públicos naturais de socialización son destruídos e substituídos por Centros Comerciais. (Vigo vai camiño de ser a cidade galega con máis grandes superficies). Estes Centros acaban co pequeno comercio, fúndanse nun sistema laboral hiperprecarizado e colaboran definitivamente na insostibilidade da cidade ao forzarnos a máis desprazamentos (fundamentalmente en coche).


Na resistencia a esta situación serían esenciais espazos sociais xestionados pola cidadanía. A expropiación da Panificadora para esa fin podería ser básica na recuperación social e urbanística do Casco Vello, zona actualmente inmersa nun proceso de desertización e abandono con numerosos edificios deshabitados (nese barrio hai 933 vivendas vacías o 44% dototal, das 8.000 persoas que vivían no barrio nos oitenta, hoxe en día só quedan 2.800, o 33% dos edificiós sofren ruina ou grave deterioro). Degradación física e social que forma parte dun plan especulativo no que para a futura reforma e mellora do barrio molestan as actuais moradoras, que non poderán pagar os prezos das vivendas unha vez restauradas (a chamada "xentificación dos barrios").


Por suposto, esta situación insostíbel, no que respecta ao acceso á vivenda digna, afecta tamén aos concellos limítrofes, que comezan a verse inmersos na mesma espiral especulativa, precisamente porque moita xente nova vese obrigada a buscar fóra de Vigo lugares de residencia máis baratos(4.000 persoas no último ano establecéronse nos concellos próximos). Tamen Redondela, que encabeza a listaxe das localidades galegas con maiores prezos da vivenda tras as se


te cidades, é un bo exemplo disto, tanto pola súa realidade actual como polos proxectos de futuro. Segundo os dados do Instituto Galego de Estatística (www.ige.eu) no 2001 das 11.605 vivendas que había en Redondela 2.064 estaban baleiras. E dende entón o ritmo constructivo non fixo máis que crecer...


Nós, rebelámonos contra todo isto e reivindicamos a vivenda como dereito social fundamental. A participación da cidadanía na sociedade só se producirá coa capacidade real de exercer dereitos sociais, coma o da vivenda, o dos desprazamentos, o dos espazos públicos ou o dereito a ter a cidade que necesitamos e desexamos. Para isto debemos impedir as actuais políticas sobre o solo, de forma que non sexa posíbel a especulación e este desenvolvemento insostíbel. Para conseguilo propoñemos estas medidas:


1. Limitación do prezo dos alugueres e do prezo dos pisos, de modo que non teñamos que pagar en ningún caso máis do 30% da nosa renda polo aluguer ou a hipoteca. Esiximos que se garanta o dereito á vivenda tamén das persoas con poucos recursos e que o prezo dos seus alugueres ou da hipoteca non supere nunca o 20% dos ingresos dispoñíbeis (Isto xa se aplica nalgúns casos de pisos de protección en Catalunya ou Euskadi).


2. Anulación do PXOM en trámite, feito sen participación real da veciñanza e que só atende aos intereses de grandes multinacionais como Citroën ou de capitais especuladores inmobiliarios. Paralización dos plans de crecemento urbano até que non sexa socialmente necesario a construción de novas vivendas. Que toda reforma urbanística sexa precedida de estudos de impacto social e medioambiental, así como da participación directa das veciñas en calquera decisión que afecte ao seu entorno vital.


3. Reforma de la "Ley de Arrendamientos Urbanos" (LAU) dado que nos opoñemos a: os aumentos ilimitados dos alugueres, a facilidade actual de desafiuzo por impago (o chamado "desafiuzo exprés", dous meses sen pagar e bótante), a limitación da duración dos contratos a 5 anos, os abusos que sofren as persoas migrantes, con ou sen papeis.


4. Medidas que garantan a efectiva transparencia dos Rexistros da Propiedade, por exemplo, a obriga de informar a todas as partes implicadas na venda dunha leira ou dun piso.


5. A penalización dos inmóbeis baleiros, sen utilizar ou abandonados (mediante o aumento do IBI, a ameaza de expropiación ou a cesión forzosa) e a despenalización da okupación.


6. A prohibición de venda de solo público.


7. A tipificación das prácticas de acoso inmobiliario (mobbing, por exemplo as obras que impiden o fácil acceso ás moradoras, os cortes de luz, auga, etc. Para conseguir botar a inquilinas) como vulneración do dereito á vivienda e a súa erradicación.


8. A paralización do Plan Especial do Porto (aterramentos, etc) e a anulación de calquera agresión á ría e a costa.


9. O respecto á diversidade territorial de Vigo. Protección das zonas rurais fronte ao crecemento urbano descontrolado.


10. Creación de verdadeiros espazos sociais públicos autoxestionados pola propia cidadanía.


Precarias en Loita


Nota: Este texto é unha fusión dos textos base que vanse a usar para as campañas en Vigo e Redondela.