border="0"

26.3.11

Volvo Ocean Reich [07|11|05]



O 12 de novembro sae de Vigo a regata Volvo Ocean Race (VOR.) É a primeira vez que non sae dun porto británico, así que a saber o que houbo que pagar ou prometer para que isto fose así.

A VOR, é unha competición nautica pero, o que se move arredor e o que supón para Vigo, pouco ten que ver co deporte, comezando porque está patrocinada por unha empresa transnacional que como tal, ten como única finalidade obter beneficios e publicidade.

A VOR para o concello e a Xunta, é un enxendro ao estilo dos grandes eventos de moda hoxe en día (Expo, Forum, Xacobeo…) só que lles quedou moi cutre.

É un recurso usado por moitas cidades e comunidades últimamente para obter máis cartos públicos e inversións en infraestructuras, para á postre beneficiar intereses privados: empresas contrucctoras, patrocinadoras, hostaleiras, publicistas, etc.

Con esta fin (a través da fundación Deporte Galego) crearon a marca “Galicia Navega 2005” para que aparecesen os ben intencionados patrocinadores: grandes empresas que aprobeitan esta oportunidade de obter golosas exencións fiscais.

Empregan todo isto para crear unha cidade/comunidade-marca (VIG05/Galicia 05), para vender unha imaxe, un espectáculo para atraer investidores e turistas. As necesidades e carencias da cidade quedan relegadas. Cando a alcaldesa e as forzas vivas da cidade xustifican as molestas obras, a maneira cómo malgastan cartos e o recorte de liberdades que supón a Volvo, como algo bó para a cidade, refírense a esa cidade/marca, non á cidade que sufrimos e vivimos as viguesas.

Dous millóns de euros se acaban de gastar no porto de transatlánticos para que poidan entrar os barcos da regata, e o centro da cidade está sendo “mellorado” con obras e máis obras (e rúas e máis rúas cortadas). Gastan millóns en facer das rúas que percorrerán os regatistas e os seus fans un escaparate da cidade. Pero no mesmo centro tras esa fachenda, temos os bairros históricos da cidade abandoados, auténticas bolsas de pobreza e marxinalidade.

O que necesitan eses barrios non é que se invista en remozalas fachadas, senón que eses cartos se dediquen á rexeneración social. Igualmente mentres sempre se gastan os cartos en embelecer o centro, os demais barrios quedan relegados e agardando por obras de saneamento e solucións a todo tipo de carencias que non chegan por falta de financiación.

Para garantir a beleza da cidade o Concello impulsa campañas ridículas como a que prohibe colgala roupa nas fachadas, baixar o lixo fora dos horarios, pegar cartaces, facer murais (cando hai infinidade de muros de cemento horríbeis), e ao mesmo tempo, para promocionar o programa municipal VIG05 enche as farolas da cidade de banderiñas vermellas infames co patrocinio dunha firma de seguros. É curioso que o argumento dos grandes beneficios para a cidadanía se reconvirta, sobre todo, nos grandes beneficios que din que vai obter a hostalería e a construcción, sectores con moi malas condicións de traballo (temporalidade, precariedade, a explotación máis salvaxe e os contratos máis irregulares) e nos que non se crean verdadeiros postos de traballo (nin se pretende).
Que sexan os sectores predilectos para o branqueo de cartos, probabelmente non teña nada que ver con que o Concello os mime tanto...

Outro dos efectos secundarios da maldita Volvo é o despregue de policías locais e nacionais desde hai meses na nosa cidade, unidades antiterroristas, “antipersoas” e “anti-nonseiqué”, e un clima represivo que se fai notar cada dous por tres. Imos ter rúas cortadas e coa visita dos monarcas, cargos políticos e “xente importante”, máis do mesmo: zonas públicas acotadas para a xente VIP.

Por todo o anterior, afirmamos que a moda dos grandes eventos como forma de promocionar e construir a cidade é negativa para a cidadanía de Vigo, malgástanse cartos públicos nun espectáculo para que os/as polícos/as melloren a súas imaxe e algunhas persoas e empresas saquen moito beneficio.

Grupo Axitación Social