No ano 2001 inícianse, por parte da consultora privada contratada polo goberno municipal, os traballos para a redacción do que pretende ser o novo PXOM de Vigo.
Así e todo, non será até o ano 2004/05, grazas en grande medida ao movemento social xerado contra unha das súas propostas estrelas, “a ronda de Vigo”, que comeza a existir certo debate social sobre o mesmo e a coñecerse o modelo de cidade (típicamente desarolista e ó beneficio da especulación inmobiliaria) que se nos pretende impor.
Deste xeito, confórmase un movemento veciñal de oposición ao PXOM, á marxe das estruturas clásicas de organización veciñal (claramente burocratizadas e servís), que realizará un importante traballo de información e mobilización que desembocou en varias manifestacións multitudinarias e a presentación de máis de 60.000 alegacións ao Plan.
Pero o concello continúa actuando de costas ao pobo (non esquezamos que o Plan foi aprobado inicialmente a porta pechada) e segue adiante coa súa tramitación.
É hora de cuestionármonos e discutir seriamente cal é o modelo de municipio, e polo tanto de vida, que queremos deseñar antes de que sexa demasiado tarde.
Velaquí un pequeno aporte a esta discusión centrado nun aspecto pouco tratado: as implicacións que o PXOM tería sobre os agroecosistemas do municipio. Aportación pequena pero básica, xa que se hai algo que debería ser esencial á hora de deseñar calquera tipo de asentamento humano, é garantir a satisfacción das necesidades (e non só materiais) da súa poboación.
O PXOM E AS ACTIVIDADES AGRARIAS
O proceso para a aprobación do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal segue adiante obviando a clara oposición popular amosada tanto nas distintas mobilizacións realizadas coma na cifra record (arredor de 62000) de alegacións presentadas ao mesmo. Estas manifestacións de oposición van desde a crítica a actuacións puntuais, até o cuestionamento do plan no seu conxunto, xa que deseña un modelo de cidade insustentábel na súa dimensión ambiental e social e está promovido por intereses puramente especulativos.
Non obstante, un dos aspectos que non se ten abordado en profundidade (aínda que aparece implícito nos discursos de defensa do “rural de Vigo” que se enfrontan ao PXOM) é o dos efectos que a execución do devandito plan tería sobre as actividades agrarias que, por sorte, mantemos polo momento no noso municipio.
Aínda sendo a principal cidade de Galiza, Vigo conserva unha importante porcentaxe do seu territorio destinada ás actividades agrarias. De feito, se atendemos aos datos que ofrece o propio documento de estudo do PXOM, a superficie agrícola útil en Vigo representa arredor do 31% da Superficie municipal total(1). Considerando que na actualidade esta porcentaxe puidese estar reducida en un ou dous puntos (o PXOM traballa cos datos do anuario de estatística agraria da Xunta do ano 97), supón, en todo caso, unha porcentaxe nada despreciábel.
Pero, desde a nosa óptica, a relevancia destas actividades non radica na superficie que ocupen, senón na súa importancia ambiental e social, e non só para as persoas implicadas directamente nelas, senón para o municipio no seu conxunto e, desde unha perspectiva máis ampla, para a sociedade en xeral.
As funcións ecolóxicas dos agroecosistemas tradicionais(2), coma é o noso caso, son numerosas e podemos analizalas en relación aos distintos compartimentos nos que, cun sentido exclusivamente didáctico, podemos dividir os ecosistemas:
-Solo. A diversidade de produtos que se cultivan, con ciclos biolóxicos diferentes, fai que o solo estea cuberto ao longo de todo o ano, favorecendo así a súa fixación(3). Pero ademais, o tipo de laboura de baixa intensidade que se practica, unido a unha fertilización con estrume e restos orgánicos que continúa a ser maioritaria, melloran a estrutura do solo, o que determinará unha boa capacidade para a realización de funcións coma a fixación de Co2 ou retención de auga.
-Atmosfera. As zonas agrícolas tradicionais contribúen á fixación de Co2 (e outros gases, coma o nitróxeno) tanto a través da fotosíntese das plantas como polo papel que un solo ben estruturado ten acumulando carbono.
-Auga. Os agroecosistemas participan na regulación dos ciclos hidrolóxicos, por unha banda creando as condicións de humidade e presión adecuadas para favorecer novas precipitacións, e por outra, sempre que se teña unha boa estrutura do solo, actuando coma “esponxa” fronte ás fortes chuvias. Esta función é especialmente relevante arredor das cidades, onde practicamente todo o solo está impermeabilizado, e polo tanto, créanse graves problemas de inundacións. Ademais, a rede de levadas, canles de rego,etc ... asociadas aos cultivos favorecen a distribución da auga evitando que se concentre nun punto.
-Biodiversidade. Os espazos agrarios tradicionais están recoñecidos coma un elemento clave na conservación da biodiversidade a nivel global, non só pola conservación e reprodución das especies directamente criadas e cultivadas, senón tamén por todas aquelas “salvaxes” asociadas a elas(4).
Pero alén disto, os espazos agrícolas que manteñen un modelo de agricultura ecolóxica-tradicional son espazos de reciclado de materiais e enerxía. Estámonos a referir, por exemplo, ao uso dos residuos orgánicos da casa para a alimentación dos animais ou para o abonado dos campos, aproveitando, desta maneira, como un recurso o que doutro xeito se transformaría en residuo (como ocorre no núcleo urbano), cos problemas que isto conleva, e que finalmente rematan converténdose en fonte de contaminación (non esquezamos que no modelo SOGAMA continúa a primarse a incineración). Asemade, a existencia desta fonte de alimentos ligada ao lugar onde se vive elimina todos os custos ambientais derivados do transporte de alimentos a longas distancias que se fai indispensábel nas modernas “macrocidades” altamente urbanizadas.
Non esquezamos que a poboación urbana tamén precisa alimentarse, e polo tanto, se eliminamos os lugares de produción de alimentos máis próximos teremos que estar “ocupando” outros territorios noutros lugares para producilos. Pero este “cambio de territorio” ten implicacións a maiores: implica tamén un cambio de modelo de produción/consumo. Mentres nestes momentos unha parte da poboación viguesa está consumindo alimentos producidos dun xeito máis ou menos tradicional, podendo decidir o tipo de produtos que queremos, a distribución no tempo,…; obrígannos a depender plenamente do mercado de alimentos, controlado por un reducido grupo de empresas que marcan o tipo de produtos aos que podemos acceder e a época na que podemos ou non facelo e obrigándonos, ademais, a consumir uns produtos procedentes dun sistema de produción de alimentos totalmente industrializado, onde a máxima é a obtención de beneficios e cunhas repercusións que temos presentes a cotío, con cada nova “crise” alimentaria que se destapa: “vacas tolas”, dioxinas nos polos, intoxicacións por pesticidas, novas alerxias aos produtos transxénicos, etc.
Isto lévanos á mencionada función social dos agroecosistemas:
-Autoabastecemento e seguridade alimentaria. A pesar de atopármonos ante unhas prácticas agrarias realizadas a tempo parcial, en moitos casos exclusivamente de fin de semana, os niveis de autoabastecemento que se acadan, non son en absoluto despreciábeis. Tomando os resultados dun traballo de investigación realizado este mesmo ano sobre as actividades agrarias en Vigo, no que se realizaron 83 enquisas distribuídas polo periurbano vigués(5), os resultados obtidos foron os seguintes:
É decir, nun 70% dos casos estudados, o 50% ou máis, do consumo familiar anual de froitas e verduras, e de carne e ovos, é cuberto pola produción propia(6).
Isto permite acadar un importante nivel de independencia dos ditados do mercado alimentario anteriormente comentados, pero ofrece ademais unha seguridade alimentaria invalorábel na época na que vivimos. Por unha banda, seguridade no abastecemento de alimentos, que se ben non apreciamos en épocas coma a actual, vólvese de vital importancia en situacións de crise económica. O exemplo máis evidente (e cercano, en canto ao sistema económico-social) é o de Arxentina, onde a raíz da crise de 2001, a poboación veuse obrigada a recuperar espazos claramente marxinais (descampados, terreos na marxe de vías e estradas…) para crear hortas das que alimentarse. Aínda que de tódolos xeitos, a situación de precariedade e flexibilización laboral que vivimos, cada vez máis aguda, é de por si suficiente para valorar o feito de ter asegurada cando menos parte da alimentación. E por outra banda, seguridade respecto ás ameazas que para a saúde presentan os produtos procedentes da agricultura/gandeiría industrializadas xa nomeadas.
Precisamente, o motivo maioritario dos que se esgrimen (no 72% dos casos) para manter a actividade agraria é “para saber o que comemos”.
-Satisfacción e realización persoal. Xunto á tradición, este é o segundo motivo esgrimido para continuar coas actividades agrarias. A “horta familiar” é un espazo de autonomía onde poder desenvolver a creatividade, a curiosidade; onde experimentar,... e onde ademais, recolleremos posteriormente os froitos do noso traballo, rachando deste xeito (alomenos por algunhas horas) coa alienación que o traballo desenvolvido dentro do sistema de produción capitalista nos impón.
-Distracción e esparexemento en contacto coa natureza. Nun momento no que cada vez máis a nosa vida parece desenvolverse á marxe (e máis ben de costas) ao medio, o traballo no campo permite recuperar o contacto coa natureza a través dunha actividade produtiva na que se realiza exercicio físico (algo polo que se chega a pagar).
-Mantemento da cultura e da identidade. Os agroecosistemas non son máis ca ecosistemas modificados polo ser humano a fin de obter unha serie de recursos útiles para a súa vida, polo que existe toda unha cantidade de coñecementos asociados a eles que se perderían no caso de que estes desaparezan. Todo este acervo cultural, pero tamén a propia paisaxe das nosas parroquias, na que as zonas agrarias teñen especial relevancia, contribúen a formar a nosa identidade(7).
-Creación de redes sociais. Os excedentes (ou incluso parte da mesma) da produción son, ou ben vendidos, en xeral a través de redes de comercio informal, á marxe do mercado global ou, en moitos casos, intercambiados entre familiares e veciñas/os, reforzándose en base a isto unhas redes sociais que funcionan a maiores deste intercambio e que, en xeral, son moi difíciles de crear dentro da cidade.
Todo isto contribúe a crear unha calidade de vida que fai que o rural de Vigo sexa o espazo mellor valorado para vivir dentro do municipio(8).
De feito, dentro do estado existen concellos que están aplicando programas de creación de hortas urbanas, coma é o caso de Barcelona, para “mellorar a calidade de vida das/os participantes, xa que se xenera un tecido de novas relacións e uns cambios de hábitos importantes para mellorar a saúde”.
Pois ben, nestes momentos, nós, estámonos xogando perder todo isto, xa que o 70% do solo a urbanizar previsto no PXOM está planeado nas zonas determinadas coma “zonas agrogandeiras” e “urbanización agrícola difusa” e que se corresponden co que coñecemos polo periurbano e rural de Vigo (Sárdoma, Matamá, Lavadores, Coruxo...), co que se urbanizaría de xeito directo cando menos o 50% deste territorio. Se unimos isto (tendo en conta que dentro do propio plan existe unha inexactitude de cifras que impiden determinar os valores concretos) a tódalas infraestruturas planeadas ao longo do rural vigués, lévanos a presupoñer unha desaparición a curto-medio prazo das actividades agrarias en Vigo, ou no mellor dos casos á súa conservación coma unha actividade relíctica, circunscrita a pequenas “illas”.
Esta perda non podemos observala só en clave de presente, senón de cara ao futuro. Estase a deseñar un modelo de cidade totalmente insustentábel e dependente de recursos alleos que provocará a desaparición duns espazos agrícolas de alta calidade e inestimábel valor ecolóxico e social. E todo isto, nun momento no que precisamente debido ás inseguridades mencionadas dos efectos que sobre a saúde ten o actual modelo industrial de produción de alimentos, a demanda dunha alimentación sana e de calidade vai en aumento. Esta alimentación de calidade esixe unha cercanía entre o centro de produción e o consumo (para eliminar o uso de conservantes, para recoller os produtos no punto de maduración, para consumilos antes de que perdan as súas propiedades, etc.) que só unha agricultura periurbana pode ofrecer á cidade, polo que a actividade agraria no periurbano de Vigo ten unhas potencialidades de futuro que son totalmente obviadas.
E todo isto, sen esquecer que a maoiría das persoas entrevistadas no citado traballo(5) que manteñen as prácticas agrarias consideran que esta debe ser unha actividade especialmente protexida á hora de planificar os usos do solo, ou polo menos considerada con igual importancia ca calquera das outras que si se valoran.
A cidade é nosa (somos as persoas quen a conformamos, non as promotoras inmobiliarias e as construtoras), e polo tanto somos nós quen debemos decidir o futuro que queremos.
ANOTACIÓNS:
1. O 60% ocupado por masas forestais, e o restante 30%, de “outros usos” onde se inclúe a superficie urbanizada.
2. Os sistemas agrícolas industrializados (os grandes monocultivos de produción intensiva orientados á comercialización ) non cumpren desde logo este papel, senón que, pola contra, como sabemos, son outro dos focos de graves problemas ambientais (contaminacións por pesticidas, herbicidas, introdución de transxénicos....)
3. Nestes momentos, o solo fértil é xa un recurso escaso a nivel mundial.
4. Como exemplo abonda con observar as imprescindíbeis sebes, onde podemos atopar, ademais de diverso tipo de plantas (que xogan un papel clave sostendo o solo, proporcionando sombra e humidade,…), un gran número de insectos e aves que son en moitos casos altamente beneficiosos para o propio cultivo (polinizadores, controladores de pragas e demais).
5. Álvarez Pérez, Marta (2005): Las actividades agrarias en el municipio de Vigo. Efectos del nuevo PXOM. Traballo de investigación para a obtención do DEA na Universidade de Córdoba.
6. Como exemplo temos o caso da pataca (alimento básico da nosa dieta), xa que se consideramos a superficie ocupada no ano 95 (384ha) e o rendemento medio provincial (10tn/ha ano) desta, teriamos unha produción que permite abastecer a nada menos que 5600 persoas, atendendo aos datos de consumo medio (63,08 Kg/persoa/ano) que o ministerio de agricultura dá para o noroeste da península (o máis alto do estado, por certo).
7. Fronte á uniformización que impón o espallamento dun modelo de cidade clónico ao longo de todo o planeta, ligado á imposición dunha uniformización cultural e ideolóxica.
8. No estudo Vigo: proxecto e realidade do medio periurbano (1994) o xeógrafo vigués Xosé Manuel Souto presenta o resultado de 400 enquisas realizadas no municipio sobre a valoración do territorio, nas que o 80% da poboación que participou emitía xuízos positivos sobre o rural, mentres que as valoracións positivas sobre a cidade non chegaban ao 50%, salientando ademais que o 40% dos xuízos sobre a cidade eran negativos.
Materiais de análise e discusión.
Ano 2005
Edita: Grupo Axitación Social
“A Cova dos Ratos”
R/Romil, 3 Baixo C.P. 36206
986 493 381
Más Información sobre el Plan:
http://galiza.indymedia.org/gz/2005/05/2899.shtml