As medidas de protesta contra este Plan iniciáronse o 30 de decembro do 2004, no mesmo día da súa aprobación, cando o governo municipal, por medio da policía local, e con presencia incluso da nacional, tentou impedir o acceso ó salón de plenos á gran cantidade de veciñas/os que, xa dende as oito e media da mañá agardaban para entrar no salón. Finalmente, cando se conseguiu acceder, a señora alcaldesa e a súa corporación refuxiáranse xa noutra dependencia, onde, a porta pechada e coa súa escolta, acabaron aprobando o Plan (http://galiza.indymedia.org/pt/2004/12/1347.shtml).
A partir deste momento iniciouse unha colaboración entre distintos colectivos da cidade contrarios ó PXOM que se plasmaría en tres acción fundamentais:
-A divulgación de información e recollida de alegacións sobre distintos aspectos, e incluso á globalidade do PXOM.
-O inicio dunha campaña de recollida de sinaturas para esixir ó concello a realización duna consulta cidadá sobre o Plan.
-E a convocatoria da manifestación do 13 de abril.
A primeira delas foi un éxito: entregáronse ó redor de 50000 alegacións, pese á desinformación que sobre o Plan se deu por parte das/os técnicas/os supostamente encargadas de explicalo, e á campaña contraria orquestada dende o propio concello, e que contou coa colaboración da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo.
Sabemos perfectamente cal é o destino destas alegacións (lástima de papel!), pero foi unha importante demostración de forza e un avance do resultado que poderiamos ter nesa buscada consulta que, por cuestión de plazos (o concello imporá turnos de 24 horas para resolver as alegacións para poder aprobar o Plan no mes de xuño), será difícil que se chegue a acadar.
O pasado 13 de Abril tivo lugar en Vigo a primeira manifestación convocada a nivel de todo o municipio contra o novo PXOM. Anteriormente houbo outras dúas na parroquia de Teis: a que fixeron o 31 de marzo convocou arredor de 3000 persoas (http://galiza.indymedia.org/pt/2005/04/2301.shtml).
Respecto á manifestación do 13, na que se estimou unha presencia de arredor de 8000 persoas, cabe salientar a enorme cantidade de pancartas presentes, cada unha denunciando distintos aspectos do PXOM, moitos deles descoñecidos pola inmensa maioría da cidadanía. Algunhas delas aludían á destrucción dos montes parroquiais; denunciaban o proxecto da Ronda de Vigo; a insustentabilidade do plan; a desaparición das parroquias pola extensión de polígonos industriais ou urbanizacións brutais; a destrucción do monte do Castro, ausencia de previsións para novas depuradoras…
Houbo tamén alusións ó papel da citada Federación Veciñal como instrumento ó servicio do governo municipal (ademáis do seu papel mediático apoiando o Plan e desacreditando ó movemento de oposición, chegaron mesmo, a chamar por teléfono ás Asociacións de Veciñas/os para “aconsellar” que non asistiran á manifestación).
Se ben é certo que a asistencia á manifestación non foi masiva, hai que valorala no contexto no que se produciu, cunha presión mediática moi forte na súa contra e a favor do PXOM, e o descoñecemento do seu contido por gran parte da cidadanía. Sen esquecer a importacia de que fose convocada e apoiada por numerosos colectivos da cidade, de diverso tipo, e alleos moitos deles ó movemento asociativo “institucionalizado”, tecéndose unha incipiente rede de colaboración que pode dar froitos interesantes ( http://galiza.indymedia.org/pt/2005/04/2477.shtml).
En todo caso, e como se recollía no comunicado lido ó seu remate, esta manifestación foi só un paso máis na loita contra a aprobación do PXOM.
Mentras o Concello asegura que cumplirá os prazos e se ratificará o PXOM a finais de xuño, os colectivos opositores tentan reunir firmas suficientes para forzarlos a que convoquen un referéndum municipal sobre o plan e para o 2 de xuño está prevista outra manifestación unitaria.
Contido do plan: http://galiza.indymedia.org/media/2005/01/1394.pdf
http://hoxe.vigo.org/urbanismo/avance.html
http://www.pxomvigo.com/