border="0"

20.3.11

Crónica do acto contra a Constitución Europea do Capital e a Guerra [22|02|05]


O Sábado 22, de novo nos xuntamos na rúa do Príncipe (a máis comercial de Vigo), neste caso para achegar a cidadanía a nosa mensaxe fronte da Constitución Europea.

Tentamos achegar á xente unha información crítica sobre a mesma, alonxada do pensamento único que sofremos coa campaña institucional nos medias e con personaxes famosas como principal atractivo na defensa desa mal chamada Constitución.

A partires da seis da tarde comezamos a colocar a nosa pancarta que dicía “A Constitución Europea do capital e a guerra”, colocamos cinco paneis informativos no centro da rúa e unha mesa informativa con panfletos, pegatas e outros materiais.

Comezamos a repartir panfletos entre os viandantes, e un rato despois Tom Kucharz que aceptou a nosa invitación para visitarnos desde Madrid e que é membro da comisión de internacional e antiglobalización de Ecoloxistas en Acción comezou a falarlle aos viandantes, tentando explicar á gran cantidade de xente que ateigaba as rúas nesas horas, na busca de rebaixas, cales son as rebaixas que provoca nas nosas libertades e dereitos a aprobación da Constitución Europea, tamén repasou as agresións que para Galiza ten suposto a nosa pretenza á Unión Europea, coa cota láctea ou a reconversión naval e industrial…

Durante o acto houbo en todo momento arredor de medio cento de poersoas, e tivo bastante repercusión entre moita xente que pasaba e botaba o seu tempo para escoitar as explicacións de Tom e para ler os cinco paneis que explican por qué a U.E e o seu novo proxecto constitucional:

É militarista (obriga a que os estados aumenten o presuposto militar, xustifica as intervención preventivas…) .

A cidadanía non pinta nada (a U.E. constrúese alonxada da cidadanía, para que inflúa o menos posible nas decisións, cargos políticos elixidos a dedo (como os da Comisión) aumentan o seu poder e reciben as presións e a influencia dos grandes capitais económicos.

É insostible, a pesar de bonitas declaracións de intencións, pretenden protexer o medio ambente garantindo a máxima competitividade, a mentira disto queda claro cando vemos que o que promoven son as grandes infraestructuras de transporte e as grande redes de interconexión enerxética, ademáis do feito de ser Europa o maior consumidor de recursos naturais só por detrás do USA.

Beneficia aos grandes capitais , a U.E. é un proxecto económico para aumentar a competitividade europea a nivel mundial, ao mesmo tempo que xenera pobreza, desigualdades e problemas ambientais, garantir a competitividade é un dos pilares básicos do proxecto de Constitución Europea.

É antisocial, (os mercados antes das persoas), a U.E. esta ideada como unha grande area económica que debe garantir o bo funcionamento do Mercado, mentras os dereitos sociais básicos son relegados e recollidos simplemente de forma xenérica no texto constitucional.

O acto provocou tamén un diálogo entre os asistentes e Tom, a pena é que a xente dáballe vergonza falar polo micro, polo que salvo algunha excepción, preferiron achegarse á mesa informativa, ou ao propio Tom no descanso que fixo pola metade ou ao final do acto, para facerlle preguntas cara a cara iniciándose un diálogo moi animado que se extendeu ata as nove, a pesar de que o acto propiamente o tentamos rematar as oito.

En definitiva aínda que nos tería gustado que houbese máis debate público, conseguimos un dos obxectivos que era facer un acto próximo e dalgunha maneira nun tono participativo e inclusivo, non un mitin nin unha charla co ponente nun plano superior.

O acto o convocamos: Asociación Caleidoscopio, CGT, Ateneo Libertario, Luita Verde e Grupo Axitación Social, ademáis o luns fixemos tamén unha charla na casa do Mar de Moaña, a que se ben os asistentes non pasaron da vintena, tamén foi moi interesante.

Grupo Axitación Social