Vos convidamos a todas a participar dun Magosto reivindicativo o vindeiro sábado 11, a partir das 18:00 do serán na praza da "Constitución" na cidade de Vigo Castañas, viño, musíca e paneis informativos... sobre o castañazo europeista que se nos aproxima.
¿CONSTITUCIÓN EUROPEA?
O 20 de febreiro vaise levar a cabo no estado español o referendo para a aprobación da constitución europea. O resultado desta consulta non terá un valor legalmente vinculante para o goberno, pero sen embargo, verémonos sometidas a unha forte campaña mediática (pagada por suposto cos nosos impostos), non pola participación e o libre posicionamento da cidadanía, senón apelando directamente ó voto polo si, manipulando nesta dirección incluso a propia formulación da consulta. E todo isto non só para disfrazar de democrática a decisión que xa teñen tomada, senón porque ademais o resultado no estado español, que xa dan por positivo, podería condicionar o que se obteña noutros estados onde os gobernos si estean obrigados a respectalo.
Pero, por que tanto interese en sacar adiante unha constitución europea? A orixe da actual Unión Europea temos que buscala na creación no ano 52 da Comunidade Económica do Carbón e do Aceiro, á que seguiría no 60 a Asociación Europea de Libre Comercio, no 62 o estabelecemento da PAC (Política Agraria Común)... e o propio tratado de Maastrich no 93, que supón a entrada en vigor do mercado único europeo, e é considerado como o seu verdadeiro tratado constituínte; é dicir, a razón de ser da UE, radica unicamente na creación dun mercado unificado, o máis amplo posíbel e que sirva ademais como plataforma sólida de proxección cara ó exterior. Pero este proxecto económico, seguindo un modelo capitalista neoliberal, precisa na práctica dun aparello supraestatal que o lexitime e que controle o descontento social que deberían provoca-las medidas que afianzan a súa implantación. Nesta liña avánzase no texto desta constitución na que, entre outras cousas:
- Reafirma a Unión Europea como superorganismo formado pola asociación de estados, non de persoas, e polo tanto son estes, é dicir, os gobernos que os dirixen, os que están representados e teñen capacidade de decisión. O parlamento europeo, única institución na que hai eleccións, apenas ten valor; onde reside o poder de decisión é na Comisión (na que os membros son elixidos a dedo polos gobernos) e sobre todo no Consello (formado polas presidentas e ministras dos gobernos), sendo este último, por poñer un exemplo, o que vén de levanta-la moratoria existente sobre os alimentos transxénicos, dándolles vía libre fronte á oposición da maioría da cidadanía de Europa.
- O único sistema económico permitido será a economía de mercado aberta e de libre competencia, mentres que o sistema de seguridade social sérá ó gusto de cada país.
- Propón unha política de déficit cero, que xa temos comprobado como se sostén, mediante o recorte nos presupostos sociais e a obediencia ós dictados da OMC (Organización Mundial de Comercio).
- Recolle uns dereitos sociais, igualados á baixa entre os países membros, polo que en moitos casos retrocederase en canto a garantías sociais que tanto custaron acadar. Hai dereitos como o da saúde, un medio ambiente limpo, dereito á vivenda ou a recibir un salario suficiente que nin sequera se mencionan.
- Non introduce ningunha crítica ó sistema patriarcal, polo que se perpetúa esta forma de opresión, claramente funcional, entre outras cousas, para o sistema de eliminación de servizos sociais que se promove.
-Apóstase por unha escalada militarista, coa creación da Axencia Europea do Armamento, Investigación e Capacidades MIlitares, e unha Forza de Intervención Rápida que permitirá aplica-la política de ataques preventivos que tamén se aproba.
- Conságrase a Europol, policía interna e a fiscalía Eurojust, que reforzan o control e a represión sobre a cidadanía coa perfecta escusa da loita contra o terrorismo global.
- Consolídase a libre circulación de capitais, mentres que se pecha a entrada a persoas.
A quen serve realmente esta constitución? En realidade, a quen serve esta Europa? Teriamos que cuestionarnos seriamente non só o contido do texto que debemos aprobar, senón a propia existencia dunha Unión Europea á que ninguén nos consultou se queriamos pertencer nin a que principios e intereses queriamos que respondera. Non nos deixemos atrapar no discurso europeísta da necesidade dunha Europa cohesionada e forte por que?, para que?, para quen?; ou de que a Unión Europea sexa un contrapoder fronte ós Estados Unidos, cando non son máis que a mesma cara da moeda, quizais cunha maquillaxe algo diferente.
Asinan: Asociación Caleidoskopio, Ateneo Libertario de Vigo, Confederación Xeral do Traballo - CGT, Grupo de Axitación Social