O Sábado 29 de outubro ás sete da tarde faremos unha concentración en Príncipe, seguindo unha convocatoria descentralizada contra as mortes e a represión que se están a producir na fronteira africana do estado español.
NON MÁIS MORTES NAS FRONTEIRAS, NINGUNHA PERSOA É ILEGAL
Saimos hoxe á rua en cidades de europa e africa porque queremos expresar a nosa indignación e unha enérxica condea ante os graves acontecementos das últimas semanas nas fronteiras de Ceuta e Melilla. A desastrosa xestión desta situación de emerxencia deixou o vergonzoso saldo de oito persoas mortas por disparos, centos de feridas, decenas de mortas e miles de persoas abandoadas a súa sorte no deserto marroquí ademais dunha violación sistemática dos dereitos humanos e da legalidade internacional (expulsións inmediatas sen mediación xurídica, desatención do estatuto de refuxiadas de moitas das inmigrantes deportadas, falta de asistenza médica e xurídica a estas persoas, malleiras, roubos, moi malas condicións de reclusión, coas detidas apiñadas nas celas e un penoso etcétera).
Denunciamos a responsabilidade nesta traxedia tanto do goberno español coma do goberno marroquí, ambos implicados nas mortes, deportacións e violacións aos dereitos fundamentais das persoas migrantes, tamén declaramos a responsabilidade en xeral da política migratoria europea centrada na militarización, o cerre de fronteiras e a externalización do control fronterizo a terceiros países, que obriga a millóns de persoas a tentar ingresar no territorio europeo por outras vías.
Esta situación que estamos vivindo na fronteira é consecuencia da aplicación de políticas neoliberais (de capitalismo salvaxe) recomendadas polos organismos internacionais (Banco Mundial, Organización Mundial do Comercio, Fondo Monetario Internacional, etc.), que provocaron a catastrófica situación económica e social que vive o continente africano no seu conxunto. A pobreza, a guerra e a explotación dos recursos naturais promovidos por multinacionais europeas e estadounidenses non fixeron máis que multiplicarse.
É inmoral que no mundo globalizado os cartos, as mercadorías e as empresas poidan moverse libremente a través das fronteiras, mentres que as persoas non teñen dereito a emigrar para buscar unha vida digna.
Non nos podemos deixar enganar pola desinformación e os discursos alarmistas, temos que manter viva a memoria daqueles tempos (e aínda hoxe) nos que nos tocou a nós emigrar na busca dun futuro mellor. Saímos á rúa en distintos puntos de Europa e África a mostrar o noso rexeitamento ás leis de estranxeiría e a militarización das fronteiras, a defender o dereito de toda persoa a unha vida digna.
POR TODO ISTO ESIXIMOS:
1 O cese inmediato das expulsións así coma dos acordos de readmisión de inmigrantes asinados co goberno marroquí.
2 Retirada inmediata das tropas da fronteira e organización de axuda humanitaria e asistencia xurídica a tódalas migrantes que se encontran a ambos lados da fronteira.
3 O necesario esclarecemento do sucedido e a depuración de responsabilidades, denunciamos a impunidade no maltrato e asasinato por parte da garda civil española e a xendarmería marroquí de persoas migrantes, cuxo único delicto foi querer escapar da miseria e as guerras que asolan aos seus países.
4 Liberdade de movemento para todas as persoas, e ás autoridades españolas, africanas e á Unión Europea a derogación de todas as leis de estranxeiría, normativas e regulacións de fronteiras e de fluxos migratorios que converteron ao Estreito de Xibraltar na maior fosa común do mundo.
5 A todos os estados implicados, o trato digno e o respecto dos dereitos humanos das persoas migrantes, ás que nin sequera se lles permite solicitar o asilo recoñecido nos tratados internacionais.
GAS, Caleidoskopio, Ateneo Libertario de Vigo, CGT, RCADE, Assemblea Anti-Imperialista e GAIM