As compañeiras de Lapsus Distribuidora, sacan o folleto: "Apuntamentos sobre a cuestión obreira", quen o queira descargar en pdf pode facelo neste enlace .
Esta é a presentación:
Lapsus, como punto de venda e
distribución de carácter non comercial, ten coma obxectivo fundamental difundir
e facilitar o acceso a materiais que representen unha ferramenta de análise e
formación crítica.
Consideramos que neste proxecto
de contribución ao cuestionamento da
realidade na que vivimos inmersas, resulta moi interesante poder enriquecer o
abano de publicacións que poñemos a disposición, procedentes das máis
importantes editoriais alternativas da península, con materiais que conteñan
reflexións sobre a nosa realidade máis próxima.
E é neste contexto no que debe
entenderse a publicación dos textos que aquí presentamos.
Neste caso, son tres breves escritos que chegaron ás nosas
mans e pola súa clara interconexión decidimos difundir conxuntamente. O
primeiro deles, permite achegármonos á realidade interna dun dos centros de
poder intocables, incuestionables e totalmente opacos da cidade de Vigo: a
factoría de Citröen. Amósanos unha visión do proceso de negociación do convenio
Colectivo dende a perspectiva do sector máis obviado no seu desenvolvemento, o
dos traballadores, centrándose particularmente no papel xogado na mesma polo
único sindicato no que, nese contexto, podían depositarse as mínimas esperanzas
de que servise tal e como debería ser de acordo á súa esencia, coma ferramenta
colectiva de defensa.
Seguindo a liña deste último
aspecto, o segundo texto reflexiona sobre o proceso de unificación de
federacións no seo do sindicato CIG. Podería considerarse que esta é unha
cuestión de interese tan só para aquelas persoas involucradas nas loitas
internas de poder que isto comportará. Porén, atendendo ás novas modificacións
nas regras de xogo do mercado laboral e a que a día de hoxe, e independentemente
da nosa valoración ao respecto, no noso territorio non se pode negar o seu
papel de principal forza con capacidade de mobilización e creación de conflito,
consideramos que o seu interese, polas repercusións que pode comportar,
transcende os límites da propia estrutura sindical.
Finalmente, péchase a escolma cun
artigo que cuestiona o papel a xogar polos traballadores no momento presente e
a mistificación do seu retorno. As derrotas pretéritas non supuxeron en modo
ningún unha acumulación de experiencias senón mellor un anquilosamento tanto a
nivel práctico como teórico. Unha mirada autocompracente para unha realidade
complexa de máis.
Lapsus, 2012