No ano 2011, o gasto militar do Estado español ascendeu a 47 millóns
de euros… cada día. Case dous millóns de euros á hora, nun país no que a
única música que se escoita é a do recorte: recortes en educación, en
sanidade, en dereitos, en medios de subsistencia; en vida. Ademais, o
Goberno recoñece unha débeda por gastos militares de, polo menos, trinta
e seis mil millóns de euros. Xa nos podemos facer unha idea de como se
vai pagar.
Esta política de investimento militar non semella que vaia ser
modificada polo “novo” Executivo. O actual Ministro de Defensa, Pedro
Morenés, foi xa Secretario de Defensa na época do goberno Aznar, momento
no que podemos atopar a orixe da débeda antes apuntada e que foi
incrementada de xeito entusiasta polos gobernos de Zapatero. Morenés,
ademais, é un dos claros exemplos de relación entre gobernos e industria
militar, tendo ocupado nos últimos anos o posto de Director Xeral no
estado español de MBDA, considerada a segunda empresa máis importante a
nivel mundial no deseño, fabricación e venda de mísiles.
De feito, un primeiro estudo dos recén aprobados presupostos xerais
para o 2012, evidencia que o Gasto Militarizado sofre un menor recorte
orzamentario, tan só un 2%, fronte ao 17% de media. Isto sen esquecer
que os presupostos deste gasto adoitan incrementarse 2,4 veces ao final
do ano, e que posiblemente moito “gasto militar oculto” non foi aínda
cuantificado.
O que si parece seguro é o aumento en material antidisturbios. En
xaneiro deste ano anunciouse a adquisición de gases lacrimóxenos e botes
de fume á empresa madrileña Falken, por importe de millón e medio de
euros (no ano 2007, os gastos neste campo foron de pouco máis de 143.000
euros). Cousas da crise.
E é que precisamente nesta suposta época de “crise” a industria
militar (en sentido amplo) española goza de boa saúde, din os expertos
(as súas vítimas non, afirmamos nós). O estado español figura no ránking
mundial de exportadores de armas, entre o 6º e o 9º posto, dependendo
do ano, e tres empresas españolas están no top 100 mundial. A este
suceso contribúen os préstamos a longo prazo e sen interese que os
diferentes gobernos do estado levan facendo desde o ano 1994 (polo
menos).
Armas españolas son as que usa Marrocos contra o pobo saharauí, ou
Israel contra o palestino, todo isto nun contexto internacional no que
de novo parece que a violencia é a única forma de resolver os conflitos.
Así o fixo recentemente a comunidade internacional (o estado español
incluído) armando durante anos a Gadafi, para logo facelo mesmo cos seus
opositores e apoialos militarmente no seu ascenso ao poder, e agora
aproveitan a violencia desatada en Siria para armar a faccións proclives
aos intereses occidentais, favorecendo a desestabilización e a guerra
civil; mentres sopesan unha intervención militar que en ningún caso vai
buscar a protección dos dereitos humanos.
Pero o máis grave, é que sacar beneficios económicos desta violencia,
pode chegar a ser visto como algo positivo por parte da poboación e
incluso certas organizacións. A creación de emprego estase a converter
na xustificación última para calquera cousa. Vale todo. A promesa da
creación de postos de traballo ampara leis laborais que eliminan
dereitos adquiridos polos traballadores ao longo de douscentos anos,
facilita a comisión de estragos ecolóxicos, e incluso consegue que
centrais sindicais reclamen carga de traballo para fábricas de armamento
(industria á que lle vén un gran futuro), ou que dirixentes políticos
acepten e mesmo reclamen a instalación en Trasmirás dunha base de avións
non tripulados (“drones”) dos EE.UU. Isto vai un paso mais alá da
repugnancia, poderíamos dicir.
E é que non podemos obviar que, pola mesma razón que a industria do
turismo necesita turistas, a industria armamentística precisa de
guerras, conflitos e ameazas á seguridade para colocar os seus produtos;
necesita medo, violencia e mortos...
Vigo, 2012