As xentes de GAS e da ODS-Coia levamos tempo fartas e cansas de ser
invisibles por iso ímonos mostrar!:
Son tempos de expansión do capital que necesita máis espazo para facer
medrar as súas ganancias, e nese movemento estase a levar por diante dereitos,
espazos públicos, empregos, natureza, vidas...
En Coia, coma noutros tantos barrios e lugares, estamos a vivir os problemas
da perda/retroceso de dereitos sociais os cales traen multitude de atrancos e
miserias cotiáns: a imposibilidade de chegar a fin de mes, de pagar os recibos
da luz, de pagar a vivenda, de atopar traballo, de acceder a coidados básicos,
de descansar... en definitiva de vivir cun mínimo de DIGNIDADE.
Levamos tempo cansas de ser sempre as mesmas as que pagamos as consecuencias
do capitalismo, e máis aínda cando nos preguntamos:
- En que petos están os nosos cartos se as estatísticas falan de que a renda
per cápita para Galiza no 2011 foi de 20.343 €?
- Por que non temos vivenda ou malvivimos nunha que non podemos pagar cando
en Vigo hai preto de 20.000 delas desocupadas?
- Quen ten a culpa de que o Estado Español dedique 666 € por persoa a gasto
militar cando máis de 400.000 galegas viven baixo o limiar da pobreza?
- Por que o concello de Vigo denega axudas económicas a persoas que non
poden facer fronte aos pagos do mes cando se gastaron 85 millóns de euros en
facer o Auditorio de Beiramar?
Por iso, como dixeron as compañeiras de Alambique:
Cansas de ser invisibles ímonos mostrar!
Mostraremos que os dereitos que se nos recoñecen son
insuficientes, que as axudas de carácter social lonxe de favorecer a autonomía
son instrumentos de control social. Que estamos estigmatizadas e que se nos
criminaliza por estar nas marxes do sistema e por non participar na tolemia
consumista.
Mostremos que é este sistema capitalista o culpable de que
medre a pobreza, porque só procura facer ás persoas ricas máis ricas, e
necesita a ameaza do paro e a exclusión para manter ao resto da poboación
coaccionada e obediente. Isto á vez que converte a pobreza/exclusión nunha
fonte máis de negocios para macro ONGs, fundacións e “empresas sociais”.
Mostremos que son os gobernos e as institucións as que
perpetúan a situación, impoñendo a austeridade económica para as máis desfavorecidas
e necesitadas, abandonando e ocultando as persoas migrantes, as dependentes, as
enfermas, as maiores, etc. mentres coida, rescata e obedece as grandes
multinacionais e a banca.
É o momento de mostrar que nin necesitamos, nin queremos, a
unhas elites que nos gobernen, nos exploten e nos empobrezan para perpetuar
a inxustiza xeneralizada, como sistema político e económico.
É o momento de mostrar que a sociedade temos que facela
funcionar para o beneficio da maioría, que a riqueza a creamos entre todas, que
ten que repartirse de forma que poidamos vivir dignamente con traballo ou sen
el e que ten que servir para cubrir as necesidades básicas de todas as persoas.
Vigo, maio 2012
ODS-Coia e GAS