Seguen os problemas económicos para a maioría e mecanismos coma a RISGA en
Galiza non están a funcionar deixando a persoas e familias na miseria por iso
lanzamos esta campaña que leva por título "Sen dereitos, sen
traballo, sen cartos... pero con DIGNIDADE":
Chegou o medo e con el unha marea de recortes que están a facer as nosas
vidas, se cabe, moito máis difíciles. Unhas vidas que non chegaron a coñecer o
estado do benestar e para as que paro, pobreza, precariedade, exclusión...
levan sendo compañeiras dende sempre. Malia o costume, estes momentos están
marcados pola rapidez na perda de dereitos, unha velocidade que responde ás
présas do capital por eliminar toda carga para os seus movementos.
E con isto, os datos socioeconómicos reflicten as terribles
consecuencias que padecen directamente familias ou persoas dos nosos barrios,
das nosas familias... Datos que falan da existencia de 24.000 fogares
sen ingresos en Galiza e de 55.000 persoas baixo o limiar da
pobreza en Vigo ou que hai 274.000 persoas paradas en Galiza,
das cales máis de 33.000 en Vigo.
A isto hai que engadir que os mecanismos, chamados de protección social, non
funcionan e que non ofrecen solucións efectivas para cubrir as nosas
necesidades básicas.
Detendo a nosa ollada na RISGA (Renda de Integración Social de Galiza), que
sobre o papel ten a función de garantir o dobre dereito a uns ingresos mínimos
en situacións de falta de recursos económicos e o dereito á incorporación
social, vemos que cos datos de pobreza referidos só temos 5416 persoas
que perciben de media menos de 400€ para pasar o mes.
Pero os problemas son máis que a insuficiencia das contías e a pouca
poboación á que chega, por citar algúns deles:
- No que levamos de 2012, é dicir, nos meses de xaneiro e
febreiro non se deron novas altas. As mesas da Xunta acumulan
expedientes que agardan pola chegada de cartos malia estar resoltos
favorablemente.
- Non se respectan os prazos de tramitación. Segundo a lei
hai tres meses para resolver dende a solicitude de RISGA. No concello de Vigo
as RISGAs agardan máis de 8 meses e dende a Xunta recoñecen que no 2010 o tempo
de tramitación e resolución das solicitudes foi de 132 días.
- Endurecemento dos requisitos de acceso e maior celo na revisión
dos expedientes. Moitas non chegan a presentar a solicitude
desanimadas pola excesiva burocratización e control do proceso, cando o único
que buscan é resposta aos seus problemas económicos. E outras ven como nas
últimas revisións perden a RISGA, alegando por exemplo incumprimento de
proxectos de inserción que apenas cambian para mellor as vidas dos
beneficiarios.
- Orzamentos insuficientes. Para o 2012, o orzamento é de
25,2 millóns de euros moito menos que os 38 millóns que van destinar en
Asturias ou os 280 millóns euros de Euskadi.
Para rematar, queremos que os atrancos descritos, e vividos por moitas de
nós, lonxe de desanimarnos, sirvan para reclamar colectivamente que queremos VIDA
e que esta vai máis alá de ter un emprego. Sabemos que mentres esteamos
atrapadas neste sistema capitalista, precisamos cartos para vivir.
Pero tamén precisamos a nosa dignidade, para facerlle fronte a esa minoría
que nos rouba a riqueza natural que debe ser de todas, que nos priva da riqueza
material e intelectual que creamos colectivamente. Por iso animamos a todas as
persoas desempregadas, sen subsidios, necesitadas... a pedir a RISGA, porque
temos dereito a cubrir minimamente as nosas necesidades básicas, porque debemos
visibilizar o empobrecemento que nos provocan as súas políticas antisociais e o
seu sistema de producción inhumano, que só se preocupa de explotar ao planeta e
as persoas ata o límite, mentres abandona e exclúe ás que xa non lle son
útiles na procura de beneficios.
Pero sempre tendo e conta que as nosas reclamacións van máis alá, tendo como
primeira parada a Renda Básica das Iguais, unha ferramenta para o reparto da
riqueza, ao servizo da construcción dun mundo máis xusto para todas.
Vigo, marzo 2012
Oficina Dereitos Sociais - Coia (ODS-Coia) e Grupo Axitación Social (G.A.S.)