O vindeiro xoves 29 de marzo hai unha convocatoria de Folga Xeral e baixo o
título "Flexiland. Goza do paraíso da flexibilidade. Cambiemos o
xogo!" un grupo de xentes e colectivos baixo nome de iniciativa
popular pola folga xeral van participar nela cun bloque autónomo.
Este é o texto elaborado e que van repartir na folga:
"Isto é a guerra de clases e a miña, a dos ricos, estaa a
gañar".
Warren Buffet, home máis rico do mundo no 2010, e terceira fortuna mundial no
2012.
Eles téñeno claro. Porén, nós continuamos negándonos a ver a realidade.
Aceptamos “auto”rebaixas de salarios; poñer todo o noso tempo a disposición
da empresa; ata traballar gratis, ou aceptar situacións de escravitude para
cobrar un subsidio de desemprego ao que temos todo o dereito… Sen contar as
subas de impostos, os recortes en sanidade, educación, cobertura social, etc.
Todo isto porque estamos en crise, e a crise “aféctanos a todas”.
A todas?
A brecha social está medrando a pasos axigantados en toda a Unión Europea,
destacando en cabeza o estado español. Neste territorio, 11,5 millóns de
persoas atopábanse no 2011 en risco inminente de pobreza e exclusión social.
Ese mesmo ano, o sector de luxo creceu un 25% , cunhas vendas de cinco mil
millóns de euros.
E é que a crise non é máis que un momento de oportunidade.
Oportunidade para reorganizar o mercado, pero sobre todo para rebaixar as
condicións de vida da maioría da poboación, ampliando a marxe de beneficios.
Cambiar as regras, para que os mesmos sigan a gañar, e gañen máis.
Por iso, a nosa resposta non pode pasar por suplicar que nos deixen seguir
participando do seu xogo. Por facernos un oco na súa Flexilandia da explotación
ás costas de botar a quen temos ao lado, veña de onde veña; de ter que marchar
nós mesmas a onde sexa necesario; ou de retroceder continuamente un paso tras
cara outro atrás, máis aló do recadro de partida.
Non queremos volver ao crecemento económico, ao “estado de benestar”, nin á
creación de postos de traballo ás costas de recortar liberdades, destruir o
territorio, esquilmar recursos naturais, expoliar países pobres, ou incrementar
o investimento en exércitos, cadeas e demais estruturas e forzas represivas.
Non queremos o seu xogo, nin sequera cambiando as regras.
Queremos un xogo onde xoguemos todas e onde todas gañemos. Recuperar a iniciativa
da loita diaria na construción do mundo que queremos, e no control das nosas
vidas, máis aló da simple defensa perante as súas agresións.
Aproveitemos nós a
KRISE, aproveitemos a oportunidade.