border="0"

13.7.12

19 MAIO - Charla: "Xestión da crise, represión e criminalización da protesta"




Interesante acto para os tempos que corren. O sábado 19 de maio ás 20h00 no centro social "A cova dos Ratos" (Romil 3 - Vigo) haberá unha charla co título: "Xestión da crise, represión e criminalización da protesta" a cargo de José Ángel Brandariz - activista e profesor de Dereito Penal na Universidade de A Coruña.

Reforma do Código Penal. Cadea perpetua. Criminalización da mobilización. Xustificación da violencia policial e a Represión...

Nun momento no que os gobernos buscan frear o descontento e as protestas sociais nas rúas, a base de recortar as liberdades civís, resulta máis necesario ca nunca coñecer e reflexionar sobre a blindaxe do estado policial no que xa vivimos.

Organiza: Iniciativa Popular pola Folga Xeral

"Campaña: Cansas de ser invisibles ímonos mostrar!"




As xentes de GAS e da ODS-Coia levamos tempo fartas e cansas de ser invisibles por iso ímonos mostrar!:
Son tempos de expansión do capital que necesita máis espazo para facer medrar as súas ganancias, e nese movemento estase a levar por diante dereitos, espazos públicos, empregos, natureza, vidas...

En Coia, coma noutros tantos barrios e lugares, estamos a vivir os problemas da perda/retroceso de dereitos sociais os cales traen multitude de atrancos e miserias cotiáns: a imposibilidade de chegar a fin de mes, de pagar os recibos da luz, de pagar a vivenda, de atopar traballo, de acceder a coidados básicos, de descansar... en definitiva de vivir cun mínimo de DIGNIDADE.

Levamos tempo cansas de ser sempre as mesmas as que pagamos as consecuencias do capitalismo, e máis aínda cando nos preguntamos:

- En que petos están os nosos cartos se as estatísticas falan de que a renda per cápita para Galiza no 2011 foi de 20.343 €?

- Por que non temos vivenda ou malvivimos nunha que non podemos pagar cando en Vigo hai preto de 20.000 delas desocupadas?

- Quen ten a culpa de que o Estado Español dedique 666 € por persoa a gasto militar cando máis de 400.000 galegas viven baixo o limiar da pobreza?

- Por que o concello de Vigo denega axudas económicas a persoas que non poden facer fronte aos pagos do mes cando se gastaron 85 millóns de euros en facer o Auditorio de Beiramar?
Por iso, como dixeron as compañeiras de Alambique: Cansas de ser invisibles ímonos mostrar!

Mostraremos que os dereitos que se nos recoñecen son insuficientes, que as axudas de carácter social lonxe de favorecer a autonomía son instrumentos de control social. Que estamos estigmatizadas e que se nos criminaliza por estar nas marxes do sistema e por non participar na tolemia consumista.

Mostremos que é este sistema capitalista o culpable de que medre a pobreza, porque só procura facer ás persoas ricas máis ricas, e necesita a ameaza do paro e a exclusión para manter ao resto da poboación coaccionada e obediente. Isto á vez que converte a pobreza/exclusión nunha fonte máis de negocios para macro ONGs, fundacións e “empresas sociais”.

Mostremos que son os gobernos e as institucións as que perpetúan a situación, impoñendo a austeridade económica para as máis desfavorecidas e necesitadas, abandonando e ocultando as persoas migrantes, as dependentes, as enfermas, as maiores, etc. mentres coida, rescata e obedece as grandes multinacionais e a banca.

É o momento de mostrar que nin necesitamos, nin queremos, a unhas elites que nos gobernen, nos exploten e nos empobrezan para perpetuar a  inxustiza xeneralizada, como sistema político e económico.

É o momento de mostrar que a sociedade temos que facela funcionar para o beneficio da maioría, que a riqueza a creamos entre todas, que ten que repartirse de forma que poidamos vivir dignamente con traballo ou sen el e que ten que servir para cubrir as necesidades básicas de todas as persoas.

Vigo, maio 2012
ODS-Coia e GAS

29M Folga Xeral: "Flexiland. Goza do paraíso da flexibilidade"


O vindeiro xoves 29 de marzo hai unha convocatoria de Folga Xeral e baixo o título "Flexiland. Goza do paraíso da flexibilidade. Cambiemos o xogo!" un grupo de xentes e colectivos baixo nome de iniciativa popular pola folga xeral van participar nela cun bloque autónomo.

Este é o texto elaborado e que van repartir na folga:

"Isto é a guerra de clases e a miña, a dos ricos, estaa a gañar".
Warren Buffet, home máis rico do mundo no 2010, e terceira fortuna mundial no 2012.


Eles téñeno claro. Porén, nós continuamos negándonos a ver a realidade.
Aceptamos “auto”rebaixas de salarios; poñer todo o noso tempo a disposición da empresa; ata traballar gratis, ou aceptar situacións de escravitude para cobrar un subsidio de desemprego ao que temos todo o dereito… Sen contar as subas de impostos, os recortes en sanidade, educación, cobertura social, etc. Todo isto porque estamos en crise, e a crise “aféctanos a todas”.

A todas?
A brecha social está medrando a pasos axigantados en toda a Unión Europea, destacando en cabeza o estado español. Neste territorio, 11,5 millóns de persoas atopábanse no 2011 en risco inminente de pobreza e exclusión social. Ese mesmo ano, o sector de luxo creceu un 25% , cunhas vendas de cinco mil millóns de euros.

E é que a crise non é máis que un momento de oportunidade.
Oportunidade para reorganizar o mercado, pero sobre todo para rebaixar as condicións de vida da maioría da poboación, ampliando a marxe de beneficios. Cambiar as regras, para que os mesmos sigan a gañar, e gañen máis.

Por iso, a nosa resposta non pode pasar por suplicar que nos deixen seguir participando do seu xogo. Por facernos un oco na súa Flexilandia da explotación ás costas de botar a quen temos ao lado, veña de onde veña; de ter que marchar nós mesmas a onde sexa necesario; ou de retroceder continuamente un paso tras cara outro atrás, máis aló do recadro de partida.

Non queremos volver ao crecemento económico, ao “estado de benestar”, nin á creación de postos de traballo ás costas de recortar liberdades, destruir o territorio, esquilmar recursos naturais, expoliar países pobres, ou incrementar o investimento en exércitos, cadeas e demais estruturas e forzas represivas.
Non queremos o seu xogo, nin sequera cambiando as regras.

Queremos un xogo onde xoguemos todas e onde todas gañemos. Recuperar a iniciativa da loita diaria na construción do mundo que queremos, e no control das nosas vidas, máis aló da simple defensa perante as súas agresións. 

Aproveitemos nós a KRISE, aproveitemos a oportunidade.

17 MARZO - Mesa aberta: Os "axustes anticrise" a debate


Cun primeiro horizonte de mobilización na folga xeral do 29 de marzo, varios colectivos e persoas organizan unha mesa aberta co seguinte título: Os "axustes anticrise" a debate. 

Nela intervirán:

- Nova reforma laboral. Recorte de dereitos no ámbito do traballo. Isidro Román (militante sindical).

- Recorte de prestacións sociais. Diego Lores (ODS-Coia).

Será o sábado 17 de marzo ás 20h30 na Cova dos Ratos (rúa Romil 3 -Vigo-)

Fractura nº1 Transporte Público

O ano 2012 comezou no concello de Vigo cunha suba do 4.27% no prezo do Vitrasa (ademais do 3,8% en taxas e impostos), que nos sitúa como un dos municipios co transporte urbano máis caro. 
As/os usuarias/os de Vitrasa temos que pagar 1,22 euros cada vez que empregamos o servizo; 0,84 coa tarxeta verde. Pero a viaxe sáenos en realidade aínda máis cara, posto que o prezo real é de 1,25 euros. 

A diferenza entre este valor e o prezo bonificado, dámoslla a Vitrasa a través do Concello de Vigo. Máis de nove millóns de euros ao ano. Xusto a cantidade na que parece ser que se reducirán as partidas sociais no orzamento de 2012.

O prezo do transporte urbano en Vigo medra case a mesma taxa que o desemprego na cidade.


Campaña: “Sen dereitos, sen traballo, sen cartos... pero con DIGNIDADE”




Seguen os problemas económicos para a maioría e mecanismos coma a RISGA en Galiza non están a funcionar deixando a persoas e familias na miseria por iso lanzamos esta campaña que leva por título "Sen dereitos, sen traballo, sen cartos... pero con DIGNIDADE":

Chegou o medo e con el unha marea de recortes que están a facer as nosas vidas, se cabe, moito máis difíciles. Unhas vidas que non chegaron a coñecer o estado do benestar e para as que paro, pobreza, precariedade, exclusión... levan sendo compañeiras dende sempre. Malia o costume, estes momentos están marcados pola rapidez na perda de dereitos, unha velocidade que responde ás présas do capital por eliminar toda carga para os seus movementos.

E con isto, os  datos socioeconómicos reflicten as terribles consecuencias que padecen directamente familias ou persoas dos nosos barrios, das nosas familias... Datos que falan da existencia de 24.000 fogares sen ingresos en Galiza e de 55.000 persoas baixo o limiar da pobreza en Vigo ou que hai 274.000 persoas paradas en Galiza, das cales máis de 33.000 en Vigo.

A isto hai que engadir que os mecanismos, chamados de protección social, non funcionan e que non ofrecen solucións efectivas para cubrir as nosas necesidades básicas.

Detendo a nosa ollada na RISGA (Renda de Integración Social de Galiza), que sobre o papel ten a función de garantir o dobre dereito a uns ingresos mínimos en situacións de falta de recursos económicos e o dereito á incorporación social, vemos que cos datos de pobreza referidos só temos 5416 persoas que perciben de media menos de 400€ para pasar o mes.

Pero os problemas son máis que a insuficiencia das contías e a pouca poboación á que chega, por citar algúns deles:
- No que levamos de 2012, é dicir, nos meses de xaneiro e febreiro non se deron novas altas. As mesas da Xunta acumulan expedientes que agardan pola chegada de cartos malia estar resoltos favorablemente.
- Non se respectan os prazos de tramitación. Segundo a lei hai tres meses para resolver dende a solicitude de RISGA. No concello de Vigo as RISGAs agardan máis de 8 meses e dende a Xunta recoñecen que no 2010 o tempo de tramitación e resolución das solicitudes foi de 132 días.

- Endurecemento dos requisitos de acceso e maior celo na revisión dos expedientes. Moitas non chegan a presentar a solicitude desanimadas pola excesiva burocratización e control do proceso, cando o único que buscan é resposta aos seus problemas económicos. E outras ven como nas últimas revisións perden a RISGA, alegando por exemplo incumprimento de proxectos de inserción que apenas cambian para mellor as vidas dos beneficiarios.

- Orzamentos insuficientes. Para o 2012, o orzamento é de 25,2 millóns de euros moito menos que os 38 millóns que van destinar en Asturias ou os 280 millóns euros de Euskadi.

Para rematar, queremos que os atrancos descritos, e vividos por moitas de nós, lonxe de desanimarnos, sirvan para reclamar colectivamente que queremos VIDA e que esta vai máis alá de ter un emprego. Sabemos que mentres esteamos atrapadas neste sistema capitalista, precisamos cartos para vivir.

Pero tamén precisamos a nosa dignidade, para facerlle fronte a esa minoría que nos rouba a riqueza natural que debe ser de todas, que nos priva da riqueza material e intelectual que creamos colectivamente. Por iso animamos a todas as persoas desempregadas, sen subsidios, necesitadas... a pedir a RISGA, porque temos dereito a cubrir minimamente as nosas necesidades básicas, porque debemos visibilizar o empobrecemento que nos provocan as súas políticas antisociais e o seu sistema de producción inhumano, que só se preocupa de explotar ao planeta e as persoas ata o límite, mentres abandona  e exclúe ás que xa non lle son útiles na procura de beneficios.

Pero sempre tendo e conta que as nosas reclamacións van máis alá, tendo como primeira parada a Renda Básica das Iguais, unha ferramenta para o reparto da riqueza, ao servizo da construcción dun mundo máis xusto para todas.

Vigo, marzo 2012
Oficina Dereitos Sociais - Coia (ODS-Coia) e Grupo Axitación Social (G.A.S.)

11.7.12

SE VENDE(N)

A ODS-Coia e o G.A.S. sacamos unha tirada de cartaces que levan por título "SE VENDE(N)" e co seguinte texto:

- Alcalde de Vigo que cobra ao 65.000€/ano máis extras.

- Presidente da Xunta que cobra 72.000€ anuais e declarou ter un patrimonio de medio millón de euros.

(Falamos do que recoñecen claro, do que se levan en negro nunca saberemos nada...)

A OFERTA está dirixida para beneficio: das especuladoras urbanísticas, das empresas turísticas, das grandes multinacionais, de calquera empresa que se beneficie das privatizacións dos servizos públicos, das construtoras (“amigas”dos AVEs, das Humanizacións, dos Auditorios, das Cidades de Xustiza e dos pelotazos en xeral) e especialmente para a Banca sempre e en todo momento!

Pola contra as cargas sociais as sufrimos todas:
- Recortes en centos de millóns en sanidade, educación e servizos sociais.
- 258.000 persoas paradas en Galiza, das cales 31.800 en Vigo.
- 24.000 fogares sen ingresos en Galiza e 55.000 persoas baixo o limiar da pobreza en Vigo.
- 5416 perceptoras de RISGA en Galiza que malviven cunha media de 400€/mes.

Vigo, xaneiro 2012
ODS-Coia e GAS