11.10.12

Quen nos dera ser automóbiles...


Estamos cansas do medo; do medo que nos quere inocular o poder a través dos gobernos, dos medios de comunicación, da policía...; xa que como di unha pintada diante da entrada á Unidade de Traballo Social (UTS) de Coia: “Tus miedos, su dinero”.

A lugares como as UTS chega moita xente mal acostumada a vivir diariamente con demasiados medos: a que lle corten a luz, a que os boten da vivenda, a abrir a neveira e non atopar nada, a non poder pagar a medicinas... Na procura de respostas a situacións como as descritas acoden aos servizos sociais, que agora máis que nunca din que “non hai cartos”. E como dixo Aitana un día na ODS-Coia “por desgracia en este mundo, lo único que te hace falta para vivir es dinero”.

Pero algunhas non temos tan claro iso de que “non hai cartos” e esas respostas comezan a cansar, cando por exemplo comparamos as nosas vidas coas dos coches. Con dúas novas, queda explicado o título deste artigo:

- “A Xunta gastará 11 millóns para patrocinar dous furgóns de Citroën”: o goberno autonómico atopa para a multinacional francesa os cartos que non ten para pagar RISGAS e Axudas de Emerxencia dos máis de 25000 fogares sen ingresos en Galiza.

- “Plan PIVE: nova axuda de 2000 euros pola compra de coche”: a industria da automoción rabuña 75 millóns do goberno central para axudas directas á compra de automóbiles mentres deixa a máis de 70.000 persoas en Galiza comendo grazas aos bancos de alimentos.

E todo nun mundo no que se dedican grandes extensións de terreo para dar de comer aos automóbiles, mentres millóns de persoas non poden pagar alimentos básicos que non paran de incrementar os seus prezos por mor da demanda de biodiésel.

O réxime no que vivimos maltrátanos co paro, coa precariedade, cos recortes, coa criminalización da protesta, co silencio... por iso é necesario artellar respostas colectivas e dende abaixo que abran fendas ao capitalismo para seguir na loita, para facer unha sociedade entre todas, na que de verdade non esteamos encadeadas aos cartos, sufrindo para conseguilos e morrendo cando non os temos.

Dende hai tempo a ODS-Coia e o GAS con outras xentes e colectivos defendemos a Renda Básica das Iguais, unha ferramenta máis ao servizo da superación desta crúa realidade, como unha forma de repartir a riqueza que creamos socialmente, e unhas poucas usurpan a todas apropiándose dos medios naturais, de produción, do noso traballo... Propoñémosvos que exercitedes a vosa imaxinación pensando como serían as vosas vidas se cobrarades 879€ ao mes?.

Seguiriamos traballando no que nos gusta e nos enche? (non falamos da explotación salarial), deixariamos de estudar o que nos interesa?, dedicariamos máis tempo a estar coas persoas que nos necesitan?, recuperariamos o noso tempo e as nosas forzas para loitar, para construír, ese mundo que queremos sen eses medos que nos atenazan?.


Vigo, outubro 2012.
ODS-Coia e GAS.