17.1.15

Manifesto, Fotos e Vídeo da manifestación do 16/01/15 "Xustiza Social, nin barco na rotonda nin estado policial"

Achegamos o COMUNICADO que limos na rotonda:

Estamos a construír soños colectivos! Nunha asemblea, convocada de urxencia o 3 de decembro, decidimos parar as obras da rotonda; e conseguímolo. Foi a primeira vitoria, pero non a máis importante. Sen decatármonos, no rexeitamento da veciñanza á instalación do Bernardo Alfageme na rotonda, estabamos a expresar cos nosos corpos en desobediencia que SI, SI SE PODE! 

Non sabemos se ao final chantarán o barco na rotonda, pero si temos claro que no seu intento están dispostos a empregar todos os medios que teñen á man: represión, criminalización, multas, mentiras... Nestas semanas golpeáronnos con forza, pero non acalaron, nin acalarán, a nosa resistencia; porque nós temos razóns, forza colectiva, constancia, poesía, mandarinas ecolóxicas... para continuar cunha loita que hai tempo superou a cuestión do barco. 

Esta loita destapou o seu “malgoberno” e tamén o desastre dunhas políticas sociais que deixan a moitas persoas sen luz, sen vivenda, sen alimentos básicos, sen o local de Sereos...; en definitiva, sen dereitos sociais. 

O alcalde e os seus concelleiros falan de agresións, vandalismo e minoría marxinal para non ter que falar e afrontar o colapso do departamento de Benestar Social, dos meses de espera nas UTS, das protestas das propias traballadoras sociais, da falla de orzamentos, das denegacións inxustificadas das axudas de emerxencia, da miseria e precariedade da cidadanía...; en resumo, da arbitrariedade, inxustiza e ineficacia da política social deste Concello. 

As relacións humanas, as reflexións, as experiencias, os coidados... son algúns dos fíos que estamos a empregar para tecer redes fortes que desde abaixo, desde a xente, vaian construíndo o barrio, a cidade, a terra que precisamos. Espazos onde a VIDA e as necesidades das persoas sexan o centro das políticas. 

Os únicos barcos que queremos na rotonda son de papel. Barcos cheos de poesía, de beleza en que coller o impulso que precisamos para poñer os nosos corpos e as nosas mentes ao servizo doutra cidade máis humana. 

Que o noso berro se escoite ben forte: 

XUSTIZA SOCIAL!! 
NIN CARTOS NA ROTONDA, NIN ESTADO POLICIAL!! 

Asemblea Aberta de Coia 
Vigo, 16 de xaneiro de 2015




Vídeo da TVG







Fotos do Faro de Vigo:
http://multimedia.farodevigo.es/fotos/gran-vigo/protestas-contra-instalacion-del-alfageme-vigo-30802_1.shtml

Na prensa:
http://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/centos-persoas-manifestanse-vigo-fontana-trevi-abel-caballero/20150116205951034111.html
http://www.vigoalminuto.com/2015/01/16/a-oposicion-ao-barco-de-coia-esixe-mais-cartos-para-as-familias-que-o-pasan-mal-en-vigo/
http://www.vigoultimahora.es/vigo/local/item/2629-vecinos-de-coia-marchan-contra-la-instalacion-del-alfageme