21.1.15

Concentración 22/01/15 “NIN ESMOLA ASISTENCIAL, NIN BARCO NA ROTONDA. ESIXIMOS DEREITOS SOCIAIS”


A Asemblea Aberta de Coia convoca o XOVES 22 de xaneiro ás 18:00 unha CONCENTRACIÓN na ROTONDA de COIA baixo o lema: “NIN ESMOLA ASISTENCIAL, NIN BARCO NA ROTONDA. ESIXIMOS DEREITOS SOCIAIS”

A veciñanza volvemos á rotonda para esixir dereitos sociais! O faremos por medio dun acto de rúa no que representaremos o “Vigo real” do que nunca fala o alcalde e o seu goberno.

Na cidade que pisamos a maioría vemos...
a cada día máis persoas pedindo esmola nas rúas,
a cada días máis persoas remexendo no lixo para alimentarse,
a cada días máis persoas agardando meses por axudas sociais (RISGA, Axudas de Emerxencia Municipais...),
a cada día máis persoas facendo colas nas portas de entidades privadas...

E todo polo desastre de políticas sociais do concello, e tamén da Xunta de Galicia. Unhas políticas que pasan polos recortes, polo peche de servizos e pola privatización daqueles que queda.

En Vigo, a maiores dos problemas denunciados recentemente polas traballadoras sociais de atención primaria do propio concello (colapso, demoras na tramitación, persoal insuficiente) hai que engadir que a maior parte dos programas do Departamento de Benestar Social están xestionados por empresas privadas:

- CLECE (empresa de Florentino Pérez): recibe millóns de euros pola xestión do programa municipal de axuda no fogar (case 3 millóns de euros), polo programa de Intervención Familiar (máis de 500.000€) e por parte da xestión de CEDRO.

- Grupo 5 (empresa de xestión de servizos de Madrid): é a concesionaria (700.000€) do albergue municipal de Marques de Valterra.

A isto hai que engadir os convenios que o concello, e tamén a Xunta, teñen con entidades privadas que supoñen o desmantelamento dos poucos dereitos sociais que tiñamos para dar paso á mercantilización do sector e ao regreso do asistencialismo e a caridade.

Ante isto esiximos que os cartos de todas estean ao servizo das necesidades da xente.


NON PODE SER OS CARTOS NA ROTONDA E A XENTE SEN COMER!!




21 de xaneiro de 2015