11.6.15

16 e 17 xuño - Xornadas: Libros para transformar a realidade

Diversos colectivos da cidade organizamos o16 e 17 de xuño as Xornadas: “Libros para transformar a realidade”. Coas presentacións dos dous libros convidamos a todas aquelas que pulan por desbordar o sistema capitalista a reflexionar en común, a dialogar, a crear formas de vida viables para toda a humanidade, para todo o planeta.
- Presentación do libro: “En la Espiral de la energía”. Coa presenza de Luis González Reyes (Ecoloxistas en Acción). Martes 16 de xuño ás 19:30 no local de Árbore (r/López Mora 30, Vigo).
Un libro sobre a historia do planeta e da humanidade, dende a perspectiva do consumo enerxético e material. Unha obra comezada a dúas mans por el mesmo xunto a Ramón Fernández Durán, que trata nos seus dous volumes sobre as formas de habitar o territorio, economías, sistemas políticos, tipos de traballo, demografía, loitas sociais, formas de relacionarse co entorno, etc. E analiza todo isto dende unha perspectiva histórica e metabólica, centrada nas interaccións de todos estes vectores e as súas consecuencias no plano enerxético, que está na base de todo sistema vivo.
Estamos nun momento de mudanzas radicais, no marco dun progresivo colapso do capitalismo industrial global e da súa civilización. Un tempo clave para construír sociedades máis xustas, democráticas e sostíbeis, e para iso coidamos que é esencial comprendermos mellor os elementos da historia da humanidade e os escenarios de futuro máis probábeis. Este libro é unha invitación ao diálogo colectivo para elaborar as estratexias e iniciativas emancipadoras necesarias. Por iso non todo van ser críticas: falaremos tamén de propostas de (re)construción social e política para un mundo sen petróleo -e sen outras moitas cousas.
- Presentación do libro: “Renda Básica das iguais e feminismos”. Con Mari Fidalgo (Baladre) e Beatriz Lorenzo (ODS-Coia). Mércores 17 de xuño ás 19:30 no local de Árbore (r/López Mora 30, Vigo).
A xente de Baladre di que “Renda Básica das Iguais e Feminismos. Da centralidade do emprego á centralidade da vida”nace da “necesidade de identificar os nosos desexos, de buscar as bases nas que queremos soster unhas vidas dignas e plenas, dende o ano 2012 dedicámonos a reflexionar e discutir sobre as contribucións que esta proposta de reparto da riqueza podía ofrecer á loita feminista e viceversa”.
Un libro que é froito da práctica cotiá e da reflexión conxunta, colectiva e horizontal. Feito con amor, coidado, apoio mutuo e moita rebeldía. Demandado cada vez por máis colectivos, non só feministas, onde a pretensión é compartir as experiencias acumuladas durante anos de vida, traballo, loita, enredos e desenredos, nos que a Renda Básica das Iguais vemos que é unha ferramenta igualmente válida para as loitas contra o heteropatriarcado capitalista.
As xornadas están organizadas por: C.C.Árbore, Lapsus, G.A.S., ODS-Coia e Verdegaia.