14.7.14

Crónica das Xornadas "25 anos de insubmisión. 25 anos desobedecendo"

No mes de xuño, con motivo do 25º aniversario do Movemento de Obxección de Conciencia” celebráronse as Xornadas "25 anos de insubmisión. 25 anos desobedecendo" organizadas polo Espazo Aberto Antimilitar.
Ao longo de todo o mes tivemos a oportunidade de achegarnos a diversos aspectos da loita antimilitarista ‒abordada desde diferentes perspectivas‒ e á interacción do antimilitarismo con outras loitas e estratexias de desobediencia.
A programación das xornadas incluíu unha proxección documental e diferentes mesas redondas e charlas. Agás a proxección, as restantes actividades tiveron lugar cada sábado do mes. Ademais, as xornadas contaron cunha exposición sobre o movemento de insubmisión en Vigo feita con material orixinal do MOC. Dita exposición permaneceu, do 3 ao 21 de xuño no CSA A Cova dos Ratos e, posteriormente, do 23 ao 28 de xuño, no CS A Revolta.
O xoves 5 de xuño dáse comezo ás xornadas coa proxección do documental "20 años desobedeciendo". Trátase dun vídeo realizado polo colectivo KEM-MOC de Bilbao en 2009 para conmemorar, naquel ano, o 20º aniversario do Movemento de Obxección de Conciencia. O documental revisa a historia do movemento obxector e relata os pasos da loita antimilitarista no estado español a través das diferentes accións de desobediencia.
O sábado 7 de xuño tivo lugar unha mesa redonda "25 anos de insubmisión en Galiza" que contou coa participación de tres insubmisos galegos: Antón Arranz, Manolo Pipas e Joseph Ghanime.
As persoas asistentes puidemos coñecer a experiencia persoal destes insubmisos a través do relato das súas vivencias, de como se achegaron á obxección de conciencia e das consecuencias que tivo. Unha visión retrospectiva e particular do que supuxo o movemento de obxección e do que quedou del na loita antimilitarista.
O sábado 14 de xuño contamos coa presenza de José Ángel Brandariz, profesor de Dereito Penal da Universidade da Coruña (UDC) e antigo membro do MOC, para falar sobre "A desobediencia civil contra o Estado e a criminalización da protesta".
Nesta charla o convidado aborda a desobediencia desde as súas orixes, citando o coñecido ensaio do estadounidense Henry David Thoreau A desobediencia civil (1849). Unha revisión da desobediencia na que se cuestiona a súa natureza reformista, a súa esencia neoliberal; unha revisión que abrangue diferentes tipos de desobediencia. O acto desobediente motivado por principios éticos, políticos ou sociais e usado como unha ferramenta para manifestar desconformidade, para incidir socialmente é tentar suprimir algún aspecto concreto de algo. Nesta reflexión apareceron ademais outros movementos de desobediencia, non só a obxección de conciencia que nos ocupa nestas xornadas, senón tamén o movemento Occupy Wall Street ou o 15-M, entre outros.
O sábado 21 de xuño celebrouse a mesa redonda "Estratexias de desobediencia actuais: okupación, desobediencia ao patriarcado, obxección fiscal". Estaba prevista a participación de compañeiras de tres colectivos: o CSO Palavea para falar da okupación, a Rede Feminista Galega para tratar a loita antipatriarcal e o Espazo Aberto Antimilitar para abordar a obxección fiscal; porén, imprevistos de última hora impediron a asistencia da compañeira da Rede Feminista Galega.
En representación do CSO Palavea contamos coa presenza de Raquel, quen expuxo polo miúdo en que consistiu este proxecto de okupación, desde a súa orixe até o desaloxo. Centrouse especialmente na dinámica do centro social: as actividades desenvolvidas, os conflitos e a negociación de problemas relacionados coa convivencia e a xestión do espazo etc. A idea era ofrecer unha visión realista, desde dentro, desde a implicación no proxecto e baseada na experiencia práctica. En menor medida desenvolveuse o tema principal, a okupación como estratexia de desobediencia.
Posteriormente, interveu o compañeiro Carlos do Espazo Aberto Antimilitar, quen abordou a obxección fiscal como estratexia desobediente para expresar a negativa a contribuír co gasto militar e, nun sentido amplo, expresar o rexeitamento do militarismo.
Tras estas intervencións, participaron moitas das asistentes á mesa redonda.
O sábado 28 de xuño desenvolveuse a derradeira charla das xornadas “Presente e perspectivas de futuro do antimilitarismo” a cargo de Pablo San José, membro do Grupo Antimilitarista Tortuga.
O convidado introduciu o tema facendo un pequeno repaso histórico que abranguía os primeiros insubmisos antimilitaristas, a creación do Movemento de Obxección de Conciencia, a desigual punición da insubmisión segundo a área do Estado etc. A abolición do servizo militar obrigatorio foi un feito determinante para o antimilitarismo, pois se ben pode observarse como unha vitoria, froito da presión do movemento obxector, para moitas persoas acabar co servizo militar obrigatorio era un fin en si mesmo. En consecuencia, unha vez conseguido, significou o abandono do movemento antimilitarista e durante estas décadas o antimilitarismo foi perdendo presenza social e adhesións.
En canto ao futuro da loita antimilitar, o convidado ten unha visión realmente pesimista: o antimilitarismo como movemento parece abocado á súa lenta desaparición. Recoñécese que o discurso ten pouco calado na sociedade e que reactivar a loita precisa dunha nova linguaxe e da interacción con outros movementos, pois o antimilitarismo non pode disociarse da busca doutro modelo de sociedade.
Entre as asistentes había casualmente dúas persoas pertencentes ao MOC de Bilbao que viñeran a Galicia por outros motivos. No debate posterior á charla participaron contándonos a vitalidade do movemento en Bilbao e as diferentes accións antimilitaristas que alí se están levando a cabo.