16.12.13

Centos de persoas forman unha cadea humana esixindo uns orzamentos xustos


Hoxe 15 de decembro ás 13:15 horas centos de persoas, convocadas pola ODS-Coia, a Parroquia Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social (GAS), formaron unha cadea humana que saíu da Parroquia Cristo da Victoria e avanzou ao longo da Avenida Castelao baixo o lema “Os cartos de todas para todas!”, co obxectivo de esixir uns orzamentos xustos para Vigo e Galiza. A cadea humana culminou o seu percorrido coa lectura do seguinte manifesto:
Os cartos de todas para todas! O dicimos na rúa, o dicimos con razóns, o dicimos colectivamente e non pararemos ata que os poderes sintan que roubarnos as nosas vivendas, a nosa saúde, a nosa educación, as nosas pensións, os nosos dereitos, as nosas VIDAS… non lles vai ser doado. Só en Galiza hai máis de 650.000 persoas por baixo do limiar da pobreza, mentres unhas poucas familias acumulan a riqueza de todas de modo insultante. Pero a crúa realidade que vivimos pode ter outra cara se somos quen de aglutinar forzas que traballen arreo pola transformación radical deste sistema asasino.
Para dita transformación hai múltiples ferramentas que poden ser útiles, sen dúbida os orzamentos de Vigo e Galiza son mecanismos moi importantes para corrixir as desigualdades e redistribuír a riqueza. Se os cartos os levan compañías aéreas ou grandes construtoras, non os haberá para garantir o dereito á vivenda nesta cidade. Se os cartos se tiran en portos exteriores ou na cidade da Cultura, non os haberá para prestacións sociais ou para a saúde de todas.

Os orzamentos non son nin de Núñez Feijóo, nin de Abel Caballero. Son nosos, son das persoas. Por iso defendemos que se dediquen a cubrir as necesidades básicas de todas. Procuramos unha vida austera e digna para todas, e non podemos agardar máis.
Pouco din do que van facer cos nosos cartos, cando algo din amosan o afastados que están da crúa realidade. Dous exemplos:
- O 29 de maio deste ano a conselleira de Traballo e Benestar no parlamento galego dixo que os cartos que a Xunta destina á RISGA fan que «ningún galego nin ningunha galega estean a pasar fame na nosa comunidade»(1). Nada dixo nesa sesión de que os tempos de agarda pola RISGA superan a legalidade chegando aos 8 ou 9 meses de agarda ou que a contía media de dita prestación por unidade familiar é inferior aos 400€/mes.
- Esta semana o alcalde de Vigo declaraba que presentarán os orzamentos municipais de 2014 «cuando sea más conveniente para la ciudad»(2). Á cidadanía de Vigo úrxelle saber cantos cartos vai poñer o concello para por exemplo garantir o dereito á vivenda na cidade ou para eliminar a “pobreza enerxética” posto que as compañías eléctricas e os propietarios das vivendas non agardan para cortar a luz ou tramitar a orde de desafiuzamento.
Por todo isto volvemos a chamar á nosa xente para unirse nesta cadea humana coa que esixir uns orzamentos xustos para Vigo e Galiza. Temos moi claro que xuntas somos máis fortes e que precisamos con urxencia que os cartos de todas estean a disposición das persoas e das necesidades básicas para a vida.
Como hai un ano rematamos:
Porque é urxente, resposta inmediata ás situacións de emerxencia social das familias!.
Porque é a súa obriga, incremento significativo do investimento social nos orzamentos!.
Porque é de xustiza, respecto aos dereitos sociais de todas as persoas!.
 Coia, 15 de decembro de 2013
ODS-Coia, G.A.S. e Parroquia “Cristo da Victoria” – Coia
Na prensa: