28.7.13

Crónica do acto do 23 de xullo de entrega colectiva: "Esixindo dereitos, non caridade"


Preto de cincuenta persoas acudiron hoxe, chamados pola ODS-Coia e pola parroquia do Cristo da Victoria, ao concello para facer entrega no rexistro de dous escritos: un para Isaura Abelairas, concelleira de Benestar social e outro para Abel Caballero, alcalde de Vigo.
Coa entrega colectiva e publica destas follas querán denunciar que as Axudas de Emerxencia Social xestionadas pola concellería de Benestar son: insuficientes, opacas na súa tramitación e deficitarias no procedemento. E todo isto cando estamos nunha situación de emerxencia social marcada pola falta de recursos, o desemprego, a perda de poder adquisitivo... Por estas razóns,  participamos neste acto no que esixiamos dereitos e non caridade.
Comezaron coa lectura dun manifesto na praza do Rei para logo entrar xuntas na lonxa do concello. Alí dúas compañeiras entregaron no rexistro o escrito dirixido á concelleira e ao alcalde.
Feita a entrega tentaron subir en grupo ás dependencias de Benestar Social, malia a petición a policía só deixou subir a tres representantes que lle deron o escrito á concelleira e ao xefe de servizo da área de benestar. Este último sinalou que ata setembro non poderían solucionar os déficits no procedemento das axudas, por non teren diñeiro para facer as modificacións necesarias no sistema informático no que as xestionan.
Tentaron facerlle entrega persoal do escrito ao alcalde pero indicáronlles que non era posible, ante isto deixaron a copia á súa secretaria.
"Con esta mobilización e ante a falta de respostas esiximos dereitos, non pedimos axudas! E unha Renda Básica que nos permita vivir con dignidade.



Achegamos os textos que entregaron no rexistro do concello de Vigo, un á concelleira e outro ao alcalde:
Á CONCELLEIRA DE BENESTAR, IGUALDADE E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA - Isaura Abelairas Rodríguez
A OFICINA DE DEREITOS SOCIAIS DE COIA e a PARROQUIA CRISTO DA VICTORIA, dirixímoslle este escrito con fin de manifestar a nosa decepción e indignación coa actitude que está a amosar o Departamento de Benestar Social no tema das axudas de emerxencia social do Concello de Vigo.
Como vostede pode recordar, o pasado día 5 de Xuño representantes da Parroquia Cristo da Victoria e da ODS-Coia mantivemos unha reunión con vostede e co Xefe de Servizo, Jesús Torrón, na que trasladamos, entre outras, as seguintes preocupacións e reivindicacións:
1º. Opacidade na tramitación das Subvencións Directas Individuais de Emerxencia Social, concretada na desinformación ás persoas interesadas dos prazos, tramitación, e motivos de denegación das axudas.
2º. Inobservancia do procedemento legalmente esixible na tramitación destas axudas: imposibilidade de solicitude por escrito, falla de constancia documental da presentación de documentos, inexistencia de resolución escrita e motivada.
3º. Insuficiencia dos recursos económicos destinados polo Concello a paliar a grave situación de carencia da veciñanza, e a ausencia de políticas efectivas de loita contra o crecente empobrecemento das viguesas e vigueses.
Nese encontro, e despois de expoñer e intercambiar os distintos pareceres sobre este tema, vostede persoalmente, xunto con Jesús Torrón, comprometéronse ambos, expresa e particularmente, a que, se non había obxección por parte dos servizos xurídicos, nun prazo non superior a 15 días, dende as UTS darían entrada por escrito, mediante copia selada, ás solicitudes de axudas que se presentaran, así como que se resolverían os expedientes de forma escrita e motivada, por medio da notificación da resolución denegatoria das axudas solicitadas.
O caso é que, transcorrido máis dun mes dende a asunción dese compromiso, a situación segue a ser a mesma, sen que por parte da Concellería que vostede dirixe se fixese a máis mínima xestión para cumprir cos mínimos requisitos legais e procedimentais expostos.
O incumprimento dos compromisos adquiridos e a falla de resposta pola súa parte evidencian un comportamento inadmisible para unha representante da cidadanía que ten baixo o seu cargo precisamente o “benestar” das veciñas e veciños.
Por todo isto, por medio do presente escrito imos insistir nas nosas demandas e a SOLICITAR:
1º. Que se respecte o procedemento administrativo legal e regulamentariamente establecido na tramitación e concesión das Subvencións Directas Individuais de Emerxencia social do Concello de Vigo. (Lei 9/2007 de 134 de Xuño, de Subvencións de Galicia, Lei 30/1992, de 26 de Novembro das Administracións Públicas e do Procedemento administrativo Común, Lei 7/1985 de 2 de Abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e Real Decreto Lexilativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o TR da Lei das Facendas Locais).
2º. Que, en consecuencia, tendo en conta a especialidade deste tipo de axudas económicas, e co fin de garantir a celeridade na súa concesión:
-. Se garanta ós solicitantes a posibilidade de presentar por escrito as solicitudes, mediante formulario normalizado, e conservando os interesados unha copia selada.
-. Se posibilite a constancia por escrito para os interesados da presentación de documentación no correspondente expediente, sexa cal sexa a fase da tramitación do mesmo.
-. Se notifique a resolución motivada pola que se concedan ou deneguen as axudas, con constanza da data de resolución e notificación.
3º. Se amplíen as partidas orzamentarias destinadas ás axudas económicas, e se desenvolvan políticas sociais de asistencia e apoio integrais.
E todo isto, da forma máis inmediata posible.
En caso de que esta Concelleira insista no seu irregular proceder, non dubidaremos en acudir á vía xudicial en demanda do cumprimento da legalidade vixente, co fin de acadar o necesario amparo e xustiza para a veciñanza máis empobrecida da nosa cidade.
Vigo, 23 de xullo de 2013
Emilio Suárez Corujo e Diego Lores Correa
En representación da Parroquia Cristo da Victoria e a ODS-Coia
---
ALCALDE DO CONCELLO DE VIGO - Abel Caballero Losada
A OFICINA DE DEREITOS SOCIAIS DE COIA e a PARROQUIA CRISTO DA VICTORIA, dirixímoslle este escrito a vostede, na súa condición de máximo responsable desta Institución Municipal, e como superior xerárquico directo da Concelleira de Benestar Social, con fin de manifestar a nosa decepción e indignación coa actitude que está a amosar este Concello, e máis concretamente o Departamento de Benestar Social, no tema das axudas de emerxencia social do Concello de Vigo.
O Concello de Vigo, como administración local, ten competencia directa e obrigada en materia de asistencia e servicios sociais, e sobre vostede, como Alcalde, recae a responsabilidade última sobre as políticas e plans que nesa materia se desenvolvan. É por isto polo que desexamos expoñerlle, persoal e directamente, o malestar que a cidadanía sinte ante as políticas sociais deste Concello e a actuación dos responsables dos servicios sociais.
O feito é que o pasado día 5 de Xuño representantes da Parroquia Cristo da Victoria e da ODS-Coia mantivemos unha reunión coa Concelleira de Benestar Social, Isaura Abelerias, e co Xefe de Servizo, Jesús Torrón, na que trasladamos, entre outras, as seguintes preocupacións e reivindicacións:
1º. Opacidade na tramitación das Subvencións Directas Individuais de Emerxencia Social, concretada na desinformación ás persoas interesadas dos prazos, tramitación, e motivos de denegación das axudas.
2º. Inobservancia do procedemento legalmente esixible na tramitación destas axudas: imposibilidade de solicitude por escrito, falla de constancia documental da presentación de documentos, inexistencia de resolución escrita e motivada.
3º. Insuficiencia dos recursos económicos destinados polo Concello a paliar a grave situación de carencia da veciñanza, e a ausencia de políticas efectivas de loita contra o crecente empobrecemento das viguesas e vigueses.
A pesares de que vostede mantén publicamente que a cidade de Vigo é a que máis recursos destina para estes fins, o certo é que as axudas seguen a ser insuficientes, parciais e demasiado restrictivas.
Nese encontro, e despois de expoñer e intercambiar os distintos pareceres sobre este tema, a Concelleira persoalmente, xunto con Jesús Torrón, comprometéronse ambos, expresa e particularmente, a que, se non había obxección por parte dos servizos xurídicos, nun prazo non superior a 15 días, dende as UTS darían entrada por escrito, mediante copia selada, ás solicitudes de axudas que se presentaran, así como que se resolverían os expedientes de forma escrita e motivada, por medio da notificación da resolución denegatoria das axudas solicitadas.
O caso é que, transcorrido máis dun mes dende a asunción dese compromiso, a situación segue a ser a mesma, sen que por parte da Concellería da que vostede é último responsable se fixese a máis mínima xestión para cumprir cos mínimos requisitos legais e procedimentais expostos.
O incumprimento dos compromisos adquiridos e a falla de resposta evidencian un comportamento inadmisible para unha representante da cidadanía que ten baixo o seu cargo precisamente o “benestar” das veciñas e veciños. E, sobre todo e unha vez máis, o silencio do Concello neste asunto ven a poñer de manifesto que, a pesares da publicidade demagóxica e das vanaglorias persoais, segue sen abordarse con efectividade, firmeza e responsabilidade o grave problema de empobrecemento das veciñas e veciños da nosa cidade.
Por todo isto, por medio do presente escrito imos insistir nas nosas demandas e a SOLICITAR:
1º. Que se respecte o procedemento administrativo legal e regulamentariamente establecido na tramitación e concesión das Subvencións Directas Individuais de Emerxencia social do Concello de Vigo.
(Lei 9/2007 de 134 de Xuño, de Subvencións de Galicia, Lei 30/1992, de 26 de Novembro das Administracións Públicas e do Procedemento administrativo Común, Lei 7/1985 de 2 de Abril, Reguladora das Bases de Réxime Local e Real Decreto Lexilativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o TR da Lei das Facendas Locais).

2º. Que, en consecuencia, tendo en conta a especialidade deste tipo de axudas económicas, e co fin de garantir a celeridade na súa concesión:
-. Se garanta ós solicitantes a posibilidade de presentar por escrito as solicitudes, mediante formulario normalizado, e conservando os interesados unha copia selada.
-. Se posibilite a constancia por escrito para os interesados da presentación de documentación no correspondente expediente, sexa cal sexa a fase da tramitación do mesmo.
-. Se notifique a resolución motivada pola que se concedan ou deneguen as axudas, con constanza da data de resolución e notificación.
3º. Se amplíen as partidas orzamentarias destinadas ás axudas económicas, e se desenvolvan políticas sociais de asistencia e apoio integrais.
E todo isto, da forma máis inmediata posible.
En caso de que este Concello insista no seu irregular proceder, non dubidaremos en acudir á vía xudicial en demanda do cumprimento da legalidade vixente, co fin de acadar o necesario amparo e xustiza para a veciñanza máis empobrecida da nosa cidade.
Vigo, 23 de xullo de 2013
Emilio Suárez Corujo e Diego Lores Correa
En representación da Parroquia Cristo da Victoria e a ODS-Coia