12.6.13

Manifestación "Pobos unidos contra a Troika" do 1/06/2013

Vídeo de Galiza Contrainfo da mani contra a Troika Europea do 1 de xuño en Vigo. 

Nota de prensa das convocantes:
COMUNICADO DE PRENSA
1X: RESUMO DA XORNADA
POBOS UNIDOS CONTRA A TROIKA!!!

Distintas cidades galegas uníronse hoxe ás mobilizacións convocadas en Europa contra a inxustiza social e o recorte de dereitos propiciados polo actual sistema.

Hoxe, sábado 1 de xuño, tivo lugar en máis de dez países europeos (Alemaña, Galicia, Portugal, Escocia, Eslovenia, Italia, Grecia, Bretaña, Francia, Inglaterra, Chipre, España, Catalunya e País Vasco) unha mobilización cidadá desobediente e non violenta que xorde como protesta masiva ante a restrición de dereitos e liberdades públicasás que o actual sistema, coa troika (FMI, BCE e CE) en cabeza, está sometendo á cidadanía. Un sistema que o pobo europeo considera inxusto, abusivo, degradante, desigual e indigno A cidade de Vigo uniuse tamén a esta marcha que comezaba ás 12:00h. na Praza de España, para rematar ao redor das 13:30h. na céntrica Porta do Sol, onde foi lido un manifesto que chamaba á mobilización para facer fronte a un sistema que persegue a limitación dos dereitos da cidadanía e a restrición das liberdades,  e á procura de alternativas éticas, responsables e dignas

O actual sistema obriga á cidadanía a pagar os excesos e malas prácticas dunha elite económica e política que sae impune (e mesmo se beneficia) desta situación, mentres a maioría padece as consecuencias, que chegan en forma de recorte de dereitos, desmantelamento dos distintos mecanismos de solidariedade, altísimas taxas de desemprego, aumento dos impostos, retroceso nas condicións laborais dxs traballadorxs ou ataque e limitación  das liberdades, entre outras.

Neste contexto non hai máis opción que a toma de conciencia crítica que veña acompañada da adopción dun papel activo na protesta, na loita contra este sistema capitalista, inxusto e restritivo que promove a desigualdade e pretende despoxar á cidadanía da súa dignidade. Hoxe a cidadanía europea adoptou unha postura coherente coa ética individual e o compromiso social. Hoxe, a cidadanía europea declarouse antisistema