11.4.13

Fractura nº3 abril 2013


Dende o chamado “inicio da crise” estamos sometidas a un ataque continuo en forma de recorte de prestacións e dereitos que nos están retrotraendo a unha situación de precariedade e explotación que foran superadas xa, en certa medida, por anteriores xeracións. O “estado de shock” reinante, provocado no noso entorno pola “crise”, permite que este proceso de ataque e derrubamento se estea a levar a cabo a gran velocidade e sen maior oposición. 

A batería de “medidas de axuste” que se están a implantar non son medidas improvisadas de urxencia para afrontar unha situación inesperada.Todas elas están na axenda do poder dende hai moito tempo. A privatización daqueles servizos rendibles e desmantelamento dos que non o son é un dos principios constituíntes da Unión Europea, así como o abaratamento da man de obra mediante a desregularización e precarización do mercado de traballo, plasmadas nunha reforma laboral agardada hai tempo pola patronal. 

E non son medidas illadas, senón que están planificadas en conxunto e por iso así queremos amosalas. O obxectivo é desposuirnos de todo, e que resulte imprescindible recorrer ao mercado para cubrir as nosas necesidades. Obrígasenos deste xeito, a ter que pasar previamente polo mercado de traballo, tendo que aceptar as súas condicións por inaceptables que sexan. 

Podes descargalo neste enlace
GAS abril, 2013