10.12.12

Presentación do Estudo de Viabilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza


Venres 14 de decembro ás 19h no CS "Arredista" r/ Das Rodas, 25 COMPOSTELA

Presentación do libro "Repartindo a Nosa Riqueza" Estudo de viabilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza"

A cargo de: Manolo S. Bayona, José Iglesias e Mari Fidalgo

"Toda loita se labra no decorrer dun proceso histórico. Aquilo que hoxe reivindicamos é froito das reclamacións, sentires, soños e rebeldías que outrora viviron outras moitas xentes.

Recoñecer o valor e as contribucións daquelas que antes puxeron corpo e esperanzas en diferentes experiencias de organización e mobilización, supón asumir que mentres perduren a opresión, a inxustiza e a violencia, asentadas
na mesma raíz bifurcada que representan o capitalismo e o heteropatriarcado, as súas loitas son e serán as nosas.

Esa práctica de recoñecemento, de rescate da historia desde a perspectiva dos micro relatos, das resistencias cotiás, das narrativas e realidades que se atopan nas marxes e nos intersticios, e que permite situarnos politicamente no presente, semella un factor propio da cultura baladrina. Fraguado seguramente de xeito espontáneo e nada deliberado nin consciente, mais igualmente distintivo, identificador, valioso.

Unha singularidade organizativa que nos alerta da importancia de evocar, agradecer e valorar as achegas de saberes, traballo e compromiso que fixeron outras persoas, abrindo camiños, xerando posibilidades e permitíndonos formular propostas como a Renda Básica das Iguais (a partires de aquí, RBis).

Un paso máis na loita por arrincarlle ao poder o dereito a vivir dignamente, para construír xustiza social desde abaixo, desde a heteroxeneidade, diversidade e autoorganización..."

Organiza: Baladre
http://www.coordinacionbaladre.org/index.php