
Se detemos as nosas olladas no terreo das prestacións sociais básicas decatámonos da debilidade da súa cobertura. Segundo os datos da Xunta o número de RISGAs é de 5.115, que de media cobrarían algo menos de 400€/mes. O orzamento destinado para este ano é tan só de 22 millóns de euros, para que comparedes o quilómetro das faraónicas obras do AVE a Galiza custa 60 millóns.
En Vigo os datos revelan que ata o mes de agosto había 1.111 perceptoras da RISGA, ás que a Xunta vai dedicar 5 millóns de euros, isto son migallas se o comparamos cos 85 millóns que custou o novo auditorio da cidade no que non cremos que entren as 29.320 persoas paradas da cidade.
Nesta realidade sobradamente vivida e contada temos que engadir:
- Para conceder unha nova RISGA hai que dar unha baixa. Os cartos que dedica a Xunta a prestacións sociais básicas lonxe de medrar -un mísero 3% na partida para este ano- quedan estancados. Pese a que non parar de aumentar os problemas económicos en Galiza, con 22.000 fogares nos que non entra ningún ingreso.
- Deixan de concederse AES para troco de vivenda, co argumento de que en Galiza temos a (im)posibilidade de acollernos a tan efectiva política de vivenda protexida.
- O endurecemento dos requisitos de acceso. A RISGA renóvase anualmente, nestes momentos todas as renovacións míranse con lupa co obxecto de limpala de impostores. Chama a atención o rápido que avanza o discurso de que moitas das perceptoras enganan ou defraudan á administración.
Cando escoitamos verbas coma fraude ou engano gustaríanos que antes se detiveran a mirar datos como o de que as grandes fortunas e empresas evadiron no Estado Español 42.711 millóns de euros no ano 2010. Se a isto engadimos que en Galiza hai 54.000 fortunas e que elas soas teñen nos seus petos 37.500 millóns de euros. As contas saen moi ben, a mágoa é que non a nós, xa que os cartos para que vivamos con dignidade seguen nas mans dunhas poucas.
Mentres rescatan á banca dos seus descalabros por especulacións de alto risco, ou miran cara outro lado ante as grandes empresas defraudadoras, quérennos facer crer que a RISGA só a cobran persoas vagas, e mentirosas que se dedican a defraudar polo que cómpre facer limpeza. Como se os nosos problemas viñeran de que a catro avispadas lles funcionen as súas pequenas trampas e estratexias de supervivencia, pola contra gustaríanos saber como hai que facer para pasar o mes con só 400€.
Aqueles gobernantes que falan de perseguir o fraude nos perceptores de RISGA (e que tremen ante a perspectiva de declarar o seu patrimonio real) gustaríanos miralos facendo cabriolas para estirar 400€ pagando luz, auga, alimentos, vivenda...; posto que a RISGA é incompatible con outros ingresos.
E no caso de Vigo aínda temos que seguir vendo as nosas miserias encarnadas con maior crueza, na situación das persoas sen fogar que continúan sen ter o albergue na escola de hosteleria, mentres o Concello, iso si, pechou o 31 de agosto o piso de inserción para mulleres, demostrando que si hai recortes nos gastos sociais en todas as administracións públicas.
E isto fai que á oficina achéguense cada vez máis persoas/familias agobiadas pola acumulación de facturas sen pagar de auga-luz-gas, con débedas de vivenda que moitas veces rematan en desahucio, etc. Todo mentres agardan meses e meses polas escasas axudas sociais ou na mellor das situacións tiran dos lazos familiares e sociais que aínda persisten, malia a debilidade das relacións comunitarias.
Cunha situación na que cada mes aumenta o número das persoas desempregadas e empobrecidas, é urxente corrixir os beneficios das multinacionais, da Banca e das grandes fortunas. A riqueza que xeramos socialmente e que unhas poucas usurpan para si, debe recuperarse para facer fronte ás crecentes necesidades sociais.
En resumo, estamos sobrevivindo coa que está a caer pero ata cando...
Vigo, setembro 2011
Grupo Axitación Social (GAS) e Oficina Dereitos Sociais - Coia (ODS-Coia)
Fontes: Instituto Galego de Estatística (IGE) - Consellería de Traballo e Benestar - Instituto Nacional de Estadística (INE) - Sindicato de Técnicos del ministerio de Hacienda - Axencia Tributaria